A primavera
chega a Ames cunha variada programación cultural
A veciñanza
amiense ten a súa disposición unha ampla e variada oferta cultural para os
meses de primavera. Entre abril e xuño poderán visitar exposicións sobre
múltiples temas, asistir a diversas obras de teatro ou tomar parte en
competicións deportivas. Tamén haberá tempo para o deporte de aventura ou para
coñecer outros lugares de Galicia como as Illas Cíes ou a Ribeira Sacra. A
través desta ampla programación o Concello oferta máis de 50 actividades para
persoas de todas as idades. Queda claro que Ames é un lugar eminentemente activo
en materia cultural.
O Concello de
Ames ofertará ao longo da primavera unha rica oferta cultural con actividades
orientadas a todos os públicos e moi variadas. A veciñanza amiense poderá
asistir a obras de teatro, obradoiros variados, actividades co gallo do Día das
Letras Galegas ou do Día do Libro, competicións deportivas ou saídas a outras
localidades de Galicia de grande riqueza paisaxística ou patrimonial.
A programación
arrinca con dúas exposicións nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Entre o día 25 de marzo e o 13 de abril poderá visitarse no Milladoiro a
exposición do IV Premio de Banda Deseñada Castelao. Entre o 1 e o 10 de abril
os amienses poderán admirar unha exposición de campañas normalizadoras
realizada polos alumnos de 6º de primaria dos colexios de Ames en Bertamiráns.
Do 2 ao 10 de maio o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá unha exposición
da obra pictórica de Helena Segura Torrella. Entre o 2 e o 20 a figura de Lois
Pereiro, conmemorada no Día das Letras Galegas deste ano, poderá coñecerse máis
a fondo coa mostra que acollerán as casas de Cultura de Bertamiráns e o
Milladoiro. O poeta será lembrado tamén o mércores 11 na actividade de
contacontos musicada “Lois Pereiro na voz da xente”, ás 20:30 horas, na Casa da
Cultura de Bertamiráns.
Entre o 12 e o 27
o Pazo da Peregrina acollerá a exposición do IX Premio de creación fotográfica
Luís Ksado. Do 30 de maio ao 5 de xuño estará aberta ao público a exposición de
clausura do obradoiro de manualidades tamén no Pazo da Peregrina. Entre o 16 e
o 29 de xuño poderase visitar a exposición do IX Premio de Artes Plásticas
Isaac Díaz Pardo no mesmo lugar.
Aula da
Natureza
A Aula da
Natureza programa unha serie de actividades divulgativas para rapaces e rapazas
entre 6 e 12 anos os sábados ás 11:30 horas. Baixo o título xenérico de “Mañás
ao Natural”, comezarán o sábado 2 de abril coa actividade “Vén coñecer a túa
Aula da Natureza”. A seguinte actividade será “Coñecendo o bosque” o sábado 16
de abril, á que lle seguirá o 7 de maio “Coñecendo as cunchas”. O sábado 28 de
maio o tema será “Traballando coas plantas”. Ao longo do mes de xuño a Aula da
Natureza programará varias sesións de Butaca Verde. O venres 3 proxectarase o
documental “La mar del silencio” ás 20:00 horas. Á mesma hora do venres 10
proxectará o documental “2050, how soon is now?”. Finalmente, o día 17
proxectarase “Líneas discontinuas” á mesma hora.
O teatro terá
tamén un espazo na programación de primavera. O venres 8 de abril a compañía
Abrapalabra Creacións Escénicas estrea “Memorias dun neno labrego”, ás 21:00
horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O domingo 10 Títeres Trompicallo
representa “O día que chegou unha nube e choveu”, ás 17:00 horas, na Casa da
Cultura de Bertamiráns. No mesmo lugar, o venres 15 de abril, Teatro de
Ningures representa a obra “0'7% Molotov”, ás 21:00 horas, e o día 29 de abril
a compañía Teatro Malasombra interpreta a obra “Go on!”, ás 21:00 horas. O
venres 6 de maio o grupo de teatro da USC representará “Historia de Pura e Angelita”,
ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O xoves 12 será a quenda de
Talía Teatro con “Pelos na lingua”, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de
Bertamiráns. A mesma obra representarase o xoves 19 de maio na Casa da Cultura
do Milladoiro á mesma hora. O venres 27 a compañía Fulano, Mengano e Citano
representa “Viva a crise”, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21:00 horas. A
programación teatral durante o mes de maio péchase o día 28 co estreo por parte
do Grupo Municipal de Teatro do Milladoiro da obra “O porvir está nos ovos”.
Esta representación será ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Xa en xuño, o
sábado 4 clausúrase a tempada do Grupo Municipal de Teatro de Bertamiráns coa
representación de “Atraso”, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. O
luns 6 a compañía Babaluva representa “Lume”, ás 18:00 horas, no mesmo lugar. O
domingo 12 clausúrase o Obradoiro de Teatro de Bertamiráns coa obra “Zapping”,
ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o sábado 18 farase o propio
co grupo do Milladoiro, que interpretará a peza teatral “Famos@s”, ás 20:00
horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Programación
deportiva
Tamén haberá
sitio para o deporte nos meses de abril a xuño. O sábado 9 de abril terá lugar
o II Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais, ás 12:00 horas, no
pavillón polideportivo do Milladoiro. O mesmo día celebrarase o III Torneo de
Karate Concello de Ames, nas modalidades de Kata e Kumite, no pavillón de
Bertamiráns ás 16:00 horas. O sábado 30 terá lugar o I Torneo de Baloncesto das
Escolas Deportivas Municipais, ás 11:00 horas no pavillón do Milladoiro.
O sábado 7 de
maio xuntaranse o deporte e a aventura coa actividade de rafting polo río Deza,
para maiores de 14 anos e cun custe de 14 euros. A inscrición estará aberta
entre o 18 de abril e o 3 de maio, contando con prazas limitadas. O sábado 28
clausuraranse as Escolas Deportivas Municipais, ás 16:30 horas, no pavillón
polideportivo do Milladoiro. O domingo 29 de maio terá lugar o IV Torneo de
fútbol 7 benxamín, alevín e infantil no campo de fútbol municipal de
Bertamiráns, ás 10:00 horas.
O sábado 4 de
xuño terá lugar unha proba de supercross que puntúa para o campionato galego.
Esta proba terá lugar, ás 17:00 horas, no circuíto de Brins. O día 11 a praia
fluvial de Tapia acollerá unha actividade de achegamento ao piragüismo, ás
11:00 horas. Ao día seguinte, o domingo 12 de xuño, correrase a XI Milla Urbana
no Milladoiro. Esta proba comezará ás 11:00 horas e discorrerá pola área deportiva
desta localidade.
Día do Libro
O sábado 30 de
abril, o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro con exposición e venda de
libros, obradoiros, lecturas e actuacións musicais, que se enmarcan dentro do
programa de “Literatura na praza”. Esta actividade terá lugar ás 17:00 horas na
praza do do Concello, en Bertamiráns.
Por outra banda,
o 17 de maio celebrarase o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao poeta
Lois Pereiro. Co gallo desta data haberá unha actuación da Escola Municipal de
Música e a entrega dos premios do VIII Certame Literario Concello de Ames, do
III Certame Artístico-Literario Intercentros e do Concurso radiofónico de
teatro lido de Ames na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para o
certame literario os textos poden ser presentados antes do 14 de abril. As
pezas do concurso de teatro radiofónico, “Desata a lingua!” escoitaranse en
Ames Radio (FM 107.2) entre o 11 de abril e o 6 de maio, entre as 13:30 h. e as
14:30 horas e entre as 22:00 h. e as 23:00 horas. Poderase votar polo grupo
favorito entre esas mesmas datas.
O venres 3 de
xuño clausurarase o obradoiro de canto ás 20:00 horas na Casa da Cultura de
Bertamiráns, e o 10 farase o mesmo co obradoiro do Milladoiro na Casa da
Cultura desta localidade. O día 11 de xuño a Casa da Cultura de Bertamiráns
acollerá a clausura do obradoiro de baile e música tradicional, ás 18:00 horas.
O mércores 22 terá lugar o concerto de clausura da Escola Municipal de Música,
ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Excusións
polos espazos naturais de Galicia
A veciñanza máis
viaxeira tamén ten actividades no mes de xuño. Dentro do programa Coñecendo o
país, o sábado 18 de4 xuño realizarase unha visita á Ribeira Sacra para a que
deberán anotarse entre o 6 e o 10 dese mesmo mes. O domingo 26 haberá, dentro
do programa de visitas a espazos naturais de Galicia, unha excursión ás Illas
Cíes.
Ás actividades de
contacontos para os máis novos continúan. A Casa da Cultura de Bertamiráns
acollerá sesións o 7 de abril e o 5 e 18 de maio. A do Milladoiro fará o propio
o 6 de abril e o 4 e 19 de maio. O Local Social de Augapesada acollerá unha
sesión o 16 de maio. Todas estas actividades serán ás 18:00 horas.
A Biblioteca de
Ames acollerá obradoiros de narrativa para nenos e nenas maiores de 8 anos
baixo o lema “Convértete en escritor”. Será as 18:30 horas do mércores 13 de
abril en Bertamiráns e á mesma hora do día seguinte no Milladoiro. As
inscricións faranse entre o 28 de marzo e o 8 de abril. Tamén organiza o
obradoiro das palabras, o 11 de maio na biblioteca de Bertamiráns e o 12 na do
Milladoiro, ambas ás 18:30 horas. As inscricións serán nas bibliotecas entre o
25 de abril e o 6 de maio.
A Primavera
Lúdica 2011 desenvolverase os 18, 19, 20 e 25 de abril. A inscrición será do 14
ao 26 de marzo. O Xuño Lúdico celebrarase o 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, con
prazo de inscrición do 15 ao 30 de maio.
Xa fóra da
primavera, a Escola de Verán desenvolverase en xullo e agosto con nenas e nenos
de 2º ciclo de educación infantil e primaria que deberán anotarse entre o 15 e
o 30 de maio. Ademais haberá campamentos de verán para rapaces e rapazas desde
educación infantil aos 18 anos.
Ames terá así ao
longo da primavera e tamén no verán unha oferta cultural moi completa para
todos os públicos. A veciñanza do Concello poderá participar en múltiples
actividades ao longo destes meses.