PSOE Ordes – o xefe territorial de educación minte sobre o CEIP Castelao

O PSOE DE ORDES CRITICA QUE O XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN MINTA PARA XUSTIFICAR A COLOCACIÓN ÁS AGACHADAS DO SALVAESCALEIRAS DO CEIP CASTELAO

Xesús Pedreira confirma que “a Xunta está mentindo porque foi unha actuación unilateral e non houbo reunión nin comunicación algunha co Concello nin coa ANPA”

2 de marzo de 2012.- A Agrupación Socialista de Ordes critica que o xefe territorial de Educación utilice a mentira nos medios de comunicación para tentar xustificar a colocación ás agachadas do salvaescaleiras do CEIP Castelao, realizado durante as pasadas vacacións escolares do Entroido. O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, asegura que “a Xunta está mentindo á cidadanía cando declara que a instalación foi consensuada nunha reunión con representantes dos pais e do Concello, porque non houbo reunión nin comunicación algunha con Concello nin coa ANPA. Foi unha decisión e unha actuación unilateral da Xunta para colocar un aparello ás agachadas e sen ter en conta o sentir da comunidade educativa de Ordes”.

Xesús Pedreira explica que “durante a xornada de onte contactei persoalmente coa Asociación de Pais do CEIP Castelao e negaron que estiveran informados da instalación do salvaescaleiras. E no caso do Concello de Ordes, tanto o alcalde como a concelleira de Ensino confirmaron que non asistiron a reunión algunha nin recibiron aviso da Xefatura Territorial de Educación”. Por iso, os socialistas ordenses consideran que as declaracións do xefe territorial de Educación son unha burda mentira para tentar enganar á comunidade educativa de Ordes.

Neste sentido, Xesús Pedreira confirma que o PSOE de Ordes seguirá defendendo “a verdadeira opinión da comunidade educativa de Ordes, expresada no Consello Escolar de novembro de 2011 e refrendada co apoio do pleno do Concello de Ordes, para que a Xunta coloque un ascensor no colexio Castelao”. O voceiro socialista insiste en que “coas súas mentiras e coa súa forma de actuar ás agachadas, a Xunta demostra que os compromisos que tomou diante da dirección do Centro a finais de xaneiro non foron máis que unha estratexia para evitar a mobilización da comunidade educativa”.

Santiago – axenda ata o luns cinco, corte de tráfico e actuacións da policía local

Sábado 3

11.30 h

Na Escola Municipal de Música (rúa da Almáciga, 55), o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, participa no encontro e no concerto didáctico destinado aos nenos e familias das escolas infantís.

12.00 h

Na Catedral, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste aos actos de celebración do Santo Anxo de Garda, patrón da Policía Local. A continuación (13:00 h), na Casa do Concello, entrega de placas e medallas de recoñecemento.

19.30 h

No Teatro Principal, concerto familiar 'A Berenguela', opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María. Recomendada para nenos e nenas de 4 a 10 anos.

21.00 h

No Auditorio de Galicia, 'Nya, díptico para nove bailaríns' [Bolero de Ravel e Cantos de Houria Aïchi]. Ballet Contemporáeo de Arxel (Arxelia) / Compañía La Baraka (Francia). Abou Lagraa, coreografía e dirección artística.

Domingo 4

12.00 h

No Teatro Principal, concerto da Banda Municipal de Música Especial Día da Muller Traballadora. Dirixido por Xosé Carlos Seráns. Amelia Ónega Otero, clarinete.

12.30 h

No Multiúsos Fontes do Sar, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste ao partido do Obradoiro.

20.00 h

No Teatro Principal, Yllana presenta 'Zoo'. Con César Maroto, Elena Lombao, Susana Cortés e Rubén Hernández.

Luns 5

10.30 h

No CEIP Cardeal Quiroga Palacios, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e os concelleiros de Medio Ambiente, María Castelao, e Cultura, Ángel Currás, asisten á presentacion das actividades da Ecopatrulla (sensibilizacion no coidado da auga).

12.30 h

Na Casa do Concello, a voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, exporá en ROLDA DE PRENSA o resumo dos acordos adoptados na última sesión.

16.00 h

No edificio Cersia (rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n – San Lázaro), a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, participa na presentacion da Xornada Técnica Xestión enerxética como nicho de emprego, que se desenvolverá ao longo da tarde.

19.30 h

Na Casa do Concello, recepción aos presidentes dos parlamentos das 17 comunidades autónomas.

Corte de tráfico na rúa Santa Uxía de Ribeira

Por mor da realización de obras na rede de saneamento é preciso cortar ao tráfico á rúa Santa Uxía de Ribeira, o martes día 6 de marzo desde as 8.00 h ata as 19.00 h.

Permitirase o acceso os residentes pola praza Álvaro Cunqueiro.

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.


-----------------------------------------------------------

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Dende as 08:00 h. do día 1 de mazo ata as 08:00 h. do día 2 de marzo)

- Nas últimas 24 horas, o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou CATRO accidentes de tráfico.

* Na rúa Ponte de San Lázaro, co resultado de danos materiais e nunha marquesiña de parada do bus urbano.

* Na rúa Doutor Teixeiro, co resultado de danos materiais.

* Saída de vía na rúa Clara Campoamor, con danos materiais.

* Na rúa Laverde Ruíz, onde un turismo chocou contra varios bolardos que foron arrancados.

- Os axentes acoden a dúas queimas de rastroxos sen autorizar, unha na zona de Ponte San Lázaro e outra ao carón da estrada SC-20, sendo ambas denunciadas ante a súa perigosidade.

- Préstase auxilio na rotonda de Volta do Castro ao pasaxeiro dun autobús que sufriu unha indisposición, sendo atendido por persoal médico.

PSOE Ames – o concello recoñece que non se pode falar de “facturas no caixón”

O Goberno de Ames novamente minte sobre a situación
económica do concello.
No pasado pleno de febreiro o Alcalde de Ames, Santiago Amor,
nega que existisen “as facturas de caixón” por valor de 2 millóns
de € que anunciaron desde a súa entrada no goberno.
Novamente unha mentira máis en materia económica co afán de
alarmar e enganar á cidadanía.
O grupo socialista de Ames destapa unha nova calumnia que o Alcalde de Ames viña
anunciando dende a súa entrada no goberno. Ao pouco de tomar posesión,
concretamente o día 20 de xullo de 2011 xa na páxina web institucional do Concello o
goberno local publicaba unha nova que contiña o seguinte titular : “O goberno de
Ames atopa nos caixóns facturas pendentes por valor de 2 millóns de euros”.
Isto motivou que en plenos posteriores se preguntase dende o grupo socialista a qué se
referían con tales afirmacións. Así, recentemente, no pleno do pasado día 12 de xaneiro
no apartado de control do goberno, o concelleiro Ramón García Argibay facía as
seguintes afirmacións, en relación á situación económica do concello “… Unha vez que
temos conciencia de cómo evolucionou e de cal é a situación mais ou menos real do
concello, porque cada vez aparecían cousas novas, como facturas gardadas por
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Municipal PSOE Ames
algún caixón…”
Así mesmo, na mesma sesión, dende a Alcaldía, se afirmaba que o goberno popular
encontrouse con facturas no caixón que non estaban rexistradas polo
concello por valor de dous millóns de euros.
Isto motivou que a concelleira do grupo socialista Patricia Conde pedira ao goberno
nesa mesma sesión plenaria que se facilitase esta información á maior brevidade posible
referida ás supostas “facturas no caixón” debido a que se descoñecía a existencia das
mesmas. O Alcalde anunciou que se ía facilitar a información, pero o certo é que
obtivemos a calada por resposta.
Ante o silencio do goberno, o pasado dia 9 de febreiro o grupo socialista presentou
escrito no rexistro xeral con nº 1709 solicitando acceso e copia ás facturas
correspondentes a gastos efectuados sen seguir o trámite correspondente polo concello
por valor de dous millóns de euros (que segundo o alcalde existían) e que se facilitase a
información de en qué caixóns das dependencias municipais se atopaban as mesmas. O
17 de febreiro recíbese contestación ao escrito obténdose a seguinte esta resposta:
“ó respecto, esta Alcaldía debe aclarar que o termo “factura de caixón” é unha
expresión coloquial, e que como tal non pode entenderse en sentido literal.
“todas estas facturas están rexistradas” “en relación á petición de acceso ás
facturas, infórmaselle de que todos os trimestres os grupos municipais teñen
acceso a toda a información de facturación no pleno, facilitadas por
Intervención deste Concello en formato DVD”.
Deste escrito se dou conta e lectura no pasado pleno de febreiro pola concelleira
Patricia Conde e se regou á Alcaldía que se deixase de unha vez por todas de utilizar
expresións coloquiais sobre a situación económica que o único que xeran é alarma e
engano á cidadanía.
Partido dos Socialistas de Galicia
Grupo Municipal PSOE Ames
Polo tanto, cando o Alcalde de Ames falaba de “facturas no caixón” atopadas por dous
millóns de euros mentía, posto que:
1. Se refería a facturas por valor de 2 millóns de euros que se atopaban pendentes
de tramitación, tal e como se nos dou conta da información da facturación no
pleno cada trimestre.
2. Facturas que efectivamente estaban rexistradas na contabilidade municipal, lonxe
do que viñan anunciando o goberno popular, e que polo tanto, eran públicas.
3. Que non se atoparon facturas por ningún caixón, dado que todas as facturas xa
estaban rexistradas no rexistro xeral e no rexistro da contabilidade.
Lamentamos e denunciamos que o Alcalde de Ames manipule a información
que se da á cidadanía en materia económica, como ben de facer tamén sobre o
suposto aforro xerado de 109.000 € co nomeamento do novo persoal de confianza do
goberno posto que o pleno ( como órgano competente) non acordou ningunha variación
económica ao respecto manténdose na actualidade as cantidades económicas que o
goberno popular aprobou cos seus votos en solitario no pleno do mes de Xullo de 2011
e que supoñen un custe de 76.000 euros brutos anuais.
É por isto que o grupo socialista denuncia as mentiras do goberno popular e
pídelle que:
1. De unha vez por todas non se minta á cidadanía en materia económica e se
goberne, posto que o Partido Popular agora tócalle gobernar e non facer oposición.
2. Que non se utilicen “expresións coloquiais”, como a utilizada, que teñen como
único obxetivo enganar e alarmar á cidadanía, posto que o alcalde ocupa un posto
institucional e como tal debe actuar en consecuencia.

image

BNG Teo – Manuel Anxo Fernández novo portavoz municipal do BNG en Teo

Manuel Anxo Fernández é o novo portavoz do BNG de Teo que renuncia a formar parte do goberno municipal

Teo, 2 de marzo do 2012.- O BNG de Teo convocou esta mañá unha rolda de prensa para informar da conformación actual do grupo municipal no Concello, logo das baixas dos últimos días na formación, así como da súa renuncia a formar parte do goberno municipal que pasa a estar formado unicamente por concelleiros non adscritos. Así, o actual grupo municipal do BNG de Teo está integrado polos concelleiros Manuel Anxo Fernández, como portavoz do grupo, e Carmen Diéguez. Ambos os dous, acompañados do responsábel local de Teo, Andrés Fernández, compareceron esta mañá ante os medios.

O responsable local do BNG de Teo, Andrés Fernández, explicou como se chegou a esta situación facendo fincapé na ausencia de conflitos ou enfrontamentos na asemblea local durante todos estes anos e lembrando que a asemblea depositou toda a súa confianza en Martiño Noriega para a confección da candidatura, e el foi quen tivo o maior poder de decisión na conformación final da mesma. Fernández quixo subliñar tamén que o actual alcalde durante o período electoral adquiriu o compromiso de lealdade ao BNG e devolución das actas. O responsábel local destacou que foi a decisión do Encontro Irmandiño e de Martiño Noriega de abandonar o BNG e a súa posterior baixa da organización a que rompeu as boas relacións na asemblea así como todos os compromisos que afectan non só ao BNG senón tamén aos veciños e veciñas de Teo.

Por este motivo, a dirección do BNG e a Asemblea Local de Teo víronse obrigadas a levar a cabo unha serie de accións nos últimos días. Así, desde a dirección nacional pedíuselle aos concelleiros que abandonaron o BNG que renunciaran ás súas actas no prazo dunha semana e comunicóuselle ao Concello como quedaría conformado o novo grupo municipal. Pola súa banda, a Asemblea Local de Teo igualmente pídelle aos concelleiros que devolvan as actas e decide deixar de formar parte do grupo de goberno xa que os concelleiros que abandonan a organización foron elixidos pola cidadanía para representar ao BNG e agora abandónano para formar unha nova organización política, descualificándoo e promovendo que máis militantes tamén o abandonen. Por todo isto, a asemblea local considera que o coherente e non formar parte do goberno xa que nin a militancia nin cidadanía en xeral entendería que se seguira gobernando con quen levou a cabo estas accións.

O responsábel local de Teo explicou tamén como quedaría a situación do grupo municipal que quedaría constituído por Manuel Anxo Fernández e Carmen Diéguez. Deixou claro que a intención do grupo municipal non é promover nin apoiar un cambio de goberno en Teo senón corresponder á cidadanía que apoiou o programa e a candidatura do BNG nas últimas eleccións, esixindo ao goberno o cumprimento de dito programa e polo tanto apoiando ao goberno no desenvolvemento dese programa e de calquera outra medida favorábel para a veciñanza. Antes de rematar a súa intervención, Fernández quixo deixar claro que con isto o BNG pasa páxina e dedicarase plenamente a tratar de dar solución aos problemas que se presentan na sociedade antes esta crise que estamos a vivir.

A continuación tomou a palabra o novo portavoz do grupo municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández para incidir en que a crise do goberno municipal non a causou o BNG senón os que decidiron abandonar a formación ao tempo que procedían a descualificala e anunciaban un novo proxecto político. Todo isto trouxo como consecuencia lóxica unha creba de confianza mutua polo que a “mellor achega que podemos facer á normalidade institucional do concello é deixar de integrar o goberno municipal para evitar que o conflito promovido polo encontro irmandiño e Martiño Noriega salpique á veciñanza”. Manuel Anxo engadiu ademais que o BNG non se mantería nunca nun goberno meramente por conservar postos e insistiu en que vai manter unha actitude coherente politicamente e non vai promover un novo goberno. “O BNG vai actuar con responsabilidade e seguiremos traballando por e para a veciñanza de Teo”, rematou o novo portavoz municipal.

BNG A Estrada – moción contra a reforma laboral

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Goberno central vén de aprobar unha ampla reforma do réxime laboral, que
suporá unha mudanza substancial no réxime de relacións laborais en Galiza.
O Real Decreto-Lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a
reforma do mercado laboral, socava as bases sobre as que se asentaban as relacións
laborais, contendo medidas concretas que, xa desde a súa entrada en vigor, limitan os
dereitos dos traballadores e traballadoras, tanto no que atinxe aos seus dereitos
económicos como á súa capacidade de negociación laboral.
Porén, como o propio Goberno vén afirmando, esas medidas non contribuirán de
xeito directo a xerar emprego nin a mellorar a estabilidade laboral das persoas que na
actualidade ocupan postos de traballo en precarias condicións. Confírmase así, que o
verdadeiro programa de Goberno do PP é aplicar unha política económica ao servizo de
quenes máis teñen, en prexuízo das maiorías sociais cuxo sustento depende do seu
traballo. Constátase que o verdadeiro propósito do Goberno actual consiste en empregar
a crise económica como pretexto para atacar os dereitos dos traballadores e
traballadoras, rebaixando as súas condicións laborais.
A reforma laboral aprobada debilita a posición das persoas traballadoras ao
tempo que reforza os poderes de dirección da empresa, outorgándolle capacidade para
interpretar e desenvolver de xeito unilateral as condicións de traballo pactadas tanto a
nivel individual en contrato de traballo como as derivadas de acordos globais
sustentados na negociación colectiva. Dese xeito, a nova regulación laboral:
2
· Reduce as indemnizacións por despedimento improcedente case
nun terzo, afectando tamén a dereitos consolidados de traballadores e
traballadoras contratados hai anos.
· Estende as posibilidades de abaratar os despedimentos, ao ampliar
os supostos para poder extinguir contratos laborais por mor de causas
obxectivas, en base mesmo a situacións conxunturais dunha empresa e non
estruturais.
· Permite a aplicación de medidas de flexibilización interna de
xeito unilateral por parte das empresas que favorecerán desde a extensión de
regulacións de emprego, pasando pola mobilidade xeográfica forzosa, até
mesmo a imposición obrigatoria de redución de xornadas e salarios.
· Desampara ás persoas traballadoras no caso dos despedimentos
colectivos, ao eliminar o control da administración laboral na aprobación dos
expedientes de regulación de emprego, obrigando a acudir a un control xudicial,
tamén máis limitado.
· Crea un contrato indefinido específico, denominado “de apoio aos
emprendedores”, mais aplicábel ao 99 por 100 da empresas en Galiza, que
permite o despedimento libre e gratis total durante o primeiro ano.
· Racha co sistema de negociación colectiva sectorial e territorial,
que beneficiaba ao colectivo de traballadores e traballadoras que desenvolven a
súa profesión en actividades análogas ao homologar as condicións e traballo con
independencia da empresa concreta onde traballan, deixando en mans da
dirección empresarial a devaluación das condicións de traballo reguladas nos
convenios de ámbito supraempresarial.
A reforma laboral imposta de xeito unilateral polo Goberno central terá un
impacto negativo nas condicións de traballo e económicas das persoas traballadoras
neste concello, que son a maior parte da nosa poboación e merecen dun respaldo
institucional perante o ataque emprendido contra os seus dereitos, que forman parte das
conquistas sociais atinxidas en beneficio das maiorías sociais.
O noso Concello debe expresar o seu rexeitamento a esta reforma laboral que,
lonxe de ser equilibrada como se afana en difundir -con afán de confundir- o Goberno
central, en realidade mingua dereitos regulados en normas públicas que favorecían ás
persoas traballadoras, para que fiquen a vontade das decisións empresariais e
3
desposuídos de calquera capacidade de negociación e presión para mellorar as súas
condicións socioeconómicas.
Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do
seguinte
ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal á reforma laboral
aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro, instando ao Goberno central a:
1. Proceder á derrogación de dita norma.
2. Acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao
consenso e negociación cos representantes sindicais , que protexa ás persoas
traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa estímulos reais para a
xeración de emprego de xeito inmediato.
2. Comunicar o presente acordo aos grupos parlamentares do Congreso de
Deputados e Parlamento de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e Presidente da
Xunta de Galiza.

Oroso – o concello aproba uns orzamentos que superan os 14 millóns de euros

O CONCELLO DE OROSO APROBA OS ORZAMENTOS DE 2012, QUE INCLÚEN UN PLAN DE INVESTIMENTOS DE 615.000 EUROS FINANCIADO CON FONDOS PROPIOS

Manuel Mirás comprometeuse a implantar un Plan de Emprego Xuvenil e outro para Maiores de 55 anos nun vindeiro exercicio

2 de marzo de 2012.- O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou esta mañá os orzamentos municipais para 2012, que ascenden a un total de 14.818.436 euros e supoñen un incremento do 1,45% con respecto a 2011. Uns orzamentos que foron aprobados cos 8 votos a favor do PSOE e do BNG e cos 5 votos en contra de PP e Partido Galeguista.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que “son uns orzamentos moi equilibrados, quizais os segundos mellores na historia deste concello” e que foron posibles grazas ao éxito acadado co Plan de Reequilibrio Financeiro aprobado en 2008, que permitiu acadar ese equilibro xa no ano 2011. De feito, Mirás Franqueira fixo tamén unha defensa destas contas sen incluir os 9,1 millóns de euros correspondentes á ordenación e urbanización da área de reparto 10, onde se ubicará o polígono empresarial San Martiño II.

Orzamentos “sen polígono”

“Se lle quitamos a partida destinada ao polígono San Martiño II segue sendo un orzamento de case seis millóns de euros e cunha partida de investimentos superior aos 1,4 millóns de euros. Isto é un gran éxito nestes tempos de crise económica que estamos a vivir”, explicou Manuel Mirás, quen destacou tamén que “moitas desas inversións as imos acometer grazas a un Plan de Investimentos de 615.000 euros financiado con fondos propios do Concello de Oroso”.

Unha partida orzamentaria onde destacan os 410.000 euros destinados á construción da nova escola infantil municipal e os máis de 432.000 euros que se investirán en obras de mellora do abastecemento de auga no municipio (como os 323.000 euros para o abastecemento de auga nos núcleos rurais de Vilacide de Abaixo e Berdomás; os 56.000 euros para o abastecemento de auga na estrada AC-460 e os 53.000 euros para a instalación dunha rede de bombeo e saneamento no lugar do Empalme, parroquia de Trasmonte).

Ademais, estes orzamentos tamén contemplan 61.000 euros para rematar o centro social de Cardama; 59.000 euros para a xestión e reducción do gasto enerxético na iluminación pública; 35.000 euros para a mellora da rede viaria de Marzoa ou os case 100.000 euros para a execución da rede eléctrica, preinstalación de alumeado público e zonas peonís no vial que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro coa N-550 (segunda fase).

Disfrute dos cidadáns

Diante das críticas do Partido Galeguista ao feito de que os orzamentos inclúan un recoñecemento extraxudicial de crédito de 86.001,72 euros, Manuel Mirás asegurou que “hai moi poucos orzamentos sen recoñecemento extraxudicial de crédito porque, precisamente, os orzamentos son un presuposto e durante o ano prodúcense moitas cousas e o bo é que esas obras se fagan e a xente disfrute delas”. Mirás Franqueira asegurou que “poñer pegas a que se fagan cousas para que as disfruten os veciños é un grave erro. Podería criticalo se o gastasemos en festas e xantares, pero foi en investimentos para disfrute dos cidadáns”. De feito, os orzamentos de 2012 contan co informe favorable de Intervención.

Plan de emprego xuvenil

Durante a súa intervención, o alcalde orosán anunciou que tomará en consideración unha proposta do grupo municipal do BNG para a creación dun Plan de Emprego Xuvenil. “Gustaríanos dispoñer dun Plan de Emprego Xuvenil e outro para maiores de 55 anos. Non é posible este ano pero adquirimos o compromiso de que, se a situación económica municipal mellora, tomaremos en consideración esta proposta do BNG”, explicou Mirás Franqueira. Un apoio que foi celebrado polo edil nacionalista.

Manuel Mirás exemplificou a sustentabilidade económica do Concello de Oroso no feito de que os ingresos correntes son superiores aos gastos correntes en 577.710 euros, é dicir, nun 16,675%. O gasto corrente do Concello de Oroso para 2012 ascende a 3,46 milllóns de euros, fronte aos 4,04 millóns de euros correspondentes aos ingresos correntes. Ademais, Mirás Franqueira tamén explicou que “fixemos tamén unha aproximación coa liquidación da conta de 2011 e temos unha diferencia favorable de 437.380 euros”.

Felicitacións dos sindicatos

No capítulo de gastos, as retribucións ao persoal ascenden a 1,27 millóns de euros, o que supón o 9% do total dos orzamentos. “Noutros sitios despiden persoal, nós temos a felicitación dos sindicatos, aos que o martes pasado lles presentamos estes orzamentos”, explicou Mirás Franqueira. O capítulo de gasto corrente mantense nunhas cifras similares a 2010: 1,7 millóns de euros; mentras que os gastos financeiros redúcense ata os 59.048 euros. Deste xeito, o gasto corrente ascende a 3,4 millóns de euros, apenas 100.000 euros máis ca no ano pasado.

No capítulo de ingresos, os orzamentos de 2012 contemplan 10,2 millóns de euros procedentes de taxas e outros ingresos, así como 1,5 millóns de transferencias correntes. As contas contemplan tamén amortizar ao longo de 2012 un total de 248.356 euros da débeda pendente con entidades de crédito, cifrada en 1,6 millóns de euros a 31 de decembro de 2011.

Unanimidade no resto da sesión

Os outros seis puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Así, aprobouse a Ordenanza Municipal de Administración Electrónica, que suporá a creación da sede electrónica do Concello de Oroso e a delegación da súa xestión e administración na Deputación Provincial da Coruña. Unha ordenanza que supón que o Concello de Oroso dá un paso máis aló na súa relación coa cidadanía a través de medios telemáticos. Así, crearase a sede electrónica municipal (https//sede.concellooroso.es) que estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuita e permanente. Esta sede disporá dos seguintes servizos a disposición dos cidadáns:

- presentación telemática de solicitudes

- enlace para a formulación de suxerencias e queixas ante o órgano competente

- acceso, no seu caso, á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático

- no seu caso, publicación electrónica de acto e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, indicando o carácter substitutivo ou complementario da publicación electrónica

- verificación dos selos electrónicos que se usen na sé

- comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos e que foran autenticados mediante código seguro de verificación.

O pleno tamén delegou a xestión e administración desta sede electrónica na Deputación da Coruña, para o cal o Concello de Oroso se adherirá ao convenio marco de colaboración da entidade provincial. Finalmente, o pleno aprobou o regulamento de uso da escola infantil municipal, para adaptar os prazos de solicitude de praza; e o Regulamento de uso da carpa municipal, que poderá ser utilizada non só nas actividades que organice o Concello de Oroso, senón tamén para que todas as parroquias do concello disfruten da mesma.

Ames – o concello asinará contratos especiais cos clubs que desenvolven as escolas deportivas

O Concello de Ames colaborará de forma máis eficiente cos clubes deportivos do municipio para o desenvolvemento das Escolas Deportivas, que manterán a calidade do servizo cun aforro do 34 por cento

A través da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado asinaranse contratos administrativos especiais cos clubes Bertamiráns F.C., Milladoiro S.D. e Club Voleibol Bruxas para que as tres entidades desenvolvan o seu labor na tempada 2011-2012 por un importe de 58.988 euros.

Esta cantidade rebaixa nun 33,92 por cento o custo que o Concello de Ames tivo que sufragar na tempada 2010-2011 para afrontar pagamentos por un total de 89.263 euros para desenvolver unicamente o servizo das Escolas de Fútbol Sala.

Ames, 3 de marzo de 2012. O Concello de Ames levará a cabo unha reorganización da súa colaboración cos clubes deportivos do municipio para desenvolver o funcionamento das Escolas Deportivas cunha xestión máis eficiente, mantendo a calidade do servizo e o número de usuarios cun aforro para as arcas municipais dun 34 por cento. Deste xeito, a través da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado asinaranse tres contratos administrativos especiais que permitrán que os clubes Bertamiráns F.C, Milladoiro S.D. e Club Voleibol Bruxas desenvolvan o seu labor na tempada 2011-2012 por un importe total de 58.988 euros.

En detalle, na nova organización planificada pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado prevese destinar 32.492 euros ao Bertamiráns F.C., 21.340 euros ao Milladoiro S.D. e 5.156 euros ao Club Voleibol Bruxas. A cantidade resultante (58.988 euros) supón unha rebaixa do 33,92 por cento respecto á tempada 2010-2011, na que o Concello de Ames tivo que sufragar pagamentos por valor de 89.263 euros polo servizo prestado polo Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D para desenvolver o servizo das Escolas de Fútbol Sala. Hai que salientar que a previsión de gasto para a tempada 2011-2012 permirirá incluír como novidade os servizos do Club Voleibol Bruxas, que no pasado exercicio non se beneficiou de ningunha subvención pública.

Con esta reorganización, enmarcada na racionalidade e no control do gasto público, o Concello de Ames dá continuidade ao seu compromiso de colaboración cos dous clubes de maior base e infraestrutura existentes no Concello, Bertamiráns F.C. e Milladoiro S.D., situados nos grandes núcleos de poboación municipal co fin de coordinar as actividades do fútbol de base. Do mesmo xeito, preténdese que a escola deportiva municipal de voleibol se leve a cabo a través do Club Voleibol Bruxas, entidade que hoxe en día conta cun total de cinco equipos en competición e que, xunto coa sección de voleibol do Bertamiráns F.C. pretenden ser un referente deste deporte a nivel comarcal.

Esquerda Unida Santiago – moción para a supresión da exención do IBI a igrexa

SUPRESIÓN EXENCIÓN IBI DA IGREXA CATÓLICA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario mudar o sistema recadatorio do Estado, que carece de progresividade e incumpre a necesaria equidade de que pague máis quen máis teña.
O 31 de decembro publicouse o Decreto Lei 20/2011, do 30 de decembro de 2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público. Unha das principais “medidas temporais e progresivas”, do goberno de Rajoy en materia tributaria foi o aumento do IBI
Dende o Consello Comarcal de EU Compostela tamén queremos facer mención do artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, onde se fala das exencións do IBI. No punto c di que estarán exentos “Los de la iglesia católica, en los términos previstos en el Acuerdo Español y la Santa Sede sobre Asuntos Económicos de 3 de enero de 1979, y los de las asociaciones confesionales no católicas legalmente reconocidos, en los términos establecidos en los respectivos acuerdos de cooperación suscritos en virtud de lo dispuesto en el artículo 16 de la Constitución.”
Esta exención total e permanente da contribución territorial urbana afecta a templos e capelas, residencias de bispos e sacerdotes, oficinas, seminarios e conventos. Como a Igrexa Católica probablemente sexa o más importante propietario inmobiliario do Estado, este privilexio provoca que as arcas públicas deixen de recadar uns 3.000 millóns de euros, mentras que o aumento deste imposto si vai afectar ao peto da maioría da cidadanía, demostrando unha vez máis que o peso tributario non se reparte de forma equitativa nin xusta.
Esquerda Unida Compostela reivindica a efectiva separación entre a Igrexa e o Estado.
Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Que se inste a modificar o artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 e se suprima a exención do IBI nos bens inmobles propiedade da igrexa católica.
Marzo 2012

Fundación Araguaney – Amal proxectará algunhas das súas películas en Palestina

O Festival de Cine Amal proxectará algunhas das súas películas en Palestina

Os días 4, 6, 8, 11 e 13 de Marzo, a Universidade An-Najah de Nablus, Palestina, exhibirá aos seus estudantes películas da pasada edición do Festival Amal

3 curtos e 2 longos documentais forman o cartel desta mostra de cine euroárabe que chega a Palestina grazas ao Festival Internacional de Cine Amal

Santiago de Compostela, Venres 2 de Marzo de 2011. Por terceiro ano consecutivo, o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas de Santiago de Compostela, levará a Palestina unha mostra de 5 películas que formaron parte da pasada edición do Festival.

O escenario de proxección de cada unha delas será o teatro do centro de información do novo campus da Universidade An-Najah de Nablus, Palestina. Todas elas proxectaranse en horario de 11 a 12 horas. Os obxectivos desta iniciativa son os de ofrecer momentos de ocio a población de alí, xa que son zonas nas que os mozos teñen poucas posibilidades de ir ao cine, así como intentar que mozos e mozas en idade de formarse coñezan o que pasa no resto de países árabes. Ademáis, as proxeccións serán posibles gracias ao traballo de Moncho Iglesias, un voluntario do Festival Amal que se trasladou a Palestina e se encargará de mostrar as películas aos mozos de alí.

A primeira cita será o domingo 4 de Marzo, data na que se exhibirá a curtametraxe “Khalid”, do director Khalid Al Mahmood. O martes día 6 tócalle a “Yemen”, un documental de Fermín Muguruza sobre a tradición musical da República do Iemen. O día 8 de Marzo será a curta “Cartas a Palestina”, de Rashid Al-Marri, o encargado de mostrar aos asistentes as testemuñas de varios árabes que envían cartas á poboación palestina que está vivindo actualmente baixo a ocupación israelí. “Un día en Smara”, de Fany de la Chica, é a curtametraxe elixida para a proxección do domingo 11 de Marzo. Finalmente, o 13 de Marzo, os asistentes poderán ver o documental “Territorio perdido”, de Pierre-Yves Vandeweerd sobre o pobo saharauí que vive en ambos os lados dun muro construído polo exército marroquí.

PROGRAMACIÓN:

Khalid, domingo 4 de marzo

Iemen, martes 6 de marzo

Cartas a Palestina, xoves 8 de marzo

Un día en Smara, domingo 11 de marzo

Territorio perdido, martes 13 de marzo

HORARIO: 11-12 H

LUGAR: Teatro do centro de información do novo campus da Universidade An-Najah de Nablus, Palestina

IRAGA – simposium sobre reproducción asistida

A SELECCIÓN DE ESPERMATOZOIDES OU A PREVENCIÓN DA XESTACIÓN MÚLTIPLE NAS TÉCNICAS DE REPRODUCIÓN ASISTIDA, HOXE A EXAME NO SIMPOSIO ORGANIZADO POR IRAGA

O VI Simposio sobre Reprodución Humana Asistida celebrarase no Hotel San Francisco de Santiago de Compostela

As últimas novidades en reprodución asistida, a incubación ou a esterilidade abordaranse nesta cita

2 de marzo de 2011.- IRAGA, Unidade de Reprodución Asistida La Rosaleda, celebrará hoxe sábado 3 de marzo o seu VI Simposio sobre Reprodución Humana Asistida, en Santiago de Compostela.

Esta cita quere mellorar a formación e a interrelación entre todos os expertos galegos da especialidade e profesionais chegados doutras partes de España.

A introdución de temáticas como o embryoscope (innovación nos sistemas de incubación) ou a prevención da xestación múltiple nas técnicas de reprodución asistida supoñen unha novidade nos contidos habituais destas reunións.
O hotel San Francisco será o marco para esta cita que está organizada polo Dr. José Codesido López, director de IRAGA, Unidade de Reprodución Asistida La Rosaleda.

Programa do Simposio

A primeira intervención do programa, ás 9.30 horas, correrá A Cargo da Dra. Nuria Fosas Sáenz (Instituto de Reprodución CEFER. Barcelona), quen se achegará ao: "Embryoscope. a revolución nos sistemas de incubación". Moderará o relatorio a Dra. Mª José López Rubira (IRAGA, Unidade de Reprodución Asistida La Rosaleda).
Ás 10:00 h. chegará a Dra Águeda Ortiz que se achegará á "Actualización da clasificación ASEBIR para Blastocistos". A doutora Ortiz traballa no Centro Estremeño de Reprodución Humana Asistida CERHA do Hospital Materno Infantil de Badaxoz.
Dende as 10:30, a Dra. Minerva Ferrer (CREA - Centro médico de Reprodución Asistida, Valencia) intervirá con "Novos métodos de selección de espermatozoides en reprodución asistida".

A intervención da Dra. Victoria Verdú Merino (GINEFIV - Madrid) tratará sobre "Prevención da xestación múltiple nas técnicas de reprodución asistida", a partires das 11:30 horas e coa moderación do Dr. Eloy Moral Santamaría, xefe do servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra,

Ás 12:00 tomará a palabra o Dr. Florentino Garrido González (Centro Xinecolóxico de León) e falará sobre: "Estimulación amigable. Unha revisión crítica".
A última sesión da xornada será "Indicacións cirúrxicas en esterilidade", un relatorio do Dr. Manuel Macía Cortiñas, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Esta sesión será ás 12:30 horas.

Santiago – “A xente das palabras” presenta no Principal “A Berenguela”

Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María

A compañía ‘A Xente das Palabras’ presenta o concerto familiar ‘A Berenguela’

  • Será hoxe, sábado, no Teatro Principal a partir das 19.30h e as entradas poden mercarse na billeteira do teatro a 6€ adulto e 3€ para os pequenos

  • Está recomendada para cativos e cativas de entre 4 e 10 anos

Santiago de Compostela, 02/03/2012.- A compañía ‘A Xente das Palabras’ presenta este sábado o concerto familiar ‘A Berenguela’, unha opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María. Será no Teatro Principal a partir das 19.30h cunha duración de 50 minutos e está recomendada para cativos e cativas de entre 4 e 10 anos. As entradas, a un prezo de 6 euros adulto e 3 euros nenos, pódense mercar na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18 a 21h.

A pequena espiña de toxo atópase coa folla de carballo, e quere ser a súa amiga. Mais a presumida folla non ten ningún interese nela, discuten e ao final pelexan. Dende ese momento sucédense unha serie de malos entendidos que fan que a nosa pequena amiga remate no cárcere. Como chegou ata alí?. Poderá finalmente volver a ser libre?

A proposta que fai a Compañía "A Xente das Palabras" para este clásico da literatura infantil galega é a dunha posta en escena lida interpretada pola actriz María Inés Cuadrado, cunha introdución ao estilo de narración oral onde dun xeito lúdico, participativo e con exemplos prácticos se destaca a capacidade expresiva de música como código de linguaxe que comunica emocións. A palabra do poeta da Terra Chá está enmarcada pola composición musical de Nani García para o cuarteto de clarinetes "Xerión" potenciando a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de gozar da música vencellada á palabra falada.

Nani García conta con numerosos recoñecementos, entre outros pola súa participación nas películas Engurras, que vén de gañar dous Goyas, e De Profundis (Dir. Miguelanxo Prado) e cun extenso currículo con máis de 60 publicacións entre CDs, obras de teatro, danza, video exposicións e BSOs para cine e televisión.

María Inés Cuadrado é licenciada en Artes Escénicas. Participou como actriz en varias producións audiovisuais Vén de estrear a seu primeiro texto teatral infantil dirixido por ela mesma "Malos Entendidos".

Xerión é un cuarteto de clarinetes integrado por Juan Pérez, Rafa Espido, Suso Sánchez e Xaquin Meijide, profesores de conservatorio e integrantes da Banda Municipal de Música de A Coruña. Esta agrupación xa constitúe un referente na escena clarinetística galega.

Teo – concurso de tortillas feitas por homes este sábado na Ramallosa

O CONCELLO DE TEO CELEBRA HOXE O I CONCURSO DE TORTILLAS-OS TIXOLAS NO QUE SÓ PARTICIPAN HOMES

· Esta actividade forma parte da programación organizada con motivo do 8 de marzo, Día das mulleres

02 de marzo de 2012. Mañá é o día no que dezaseis homes de Teo competirán para saber cal deles é o que mellor fai unha tortilla. Participarán no primeiro Concurso de Tortillas- Os Tixolas organizado dende o departamento de Benestar e Igualdade, con motivo da programación do 8 de marzo, Día das mulleres.

En Teo este sábado 3 de marzo serán os homes os que cociñen e freguen os cacharros. A continuación as tortillas serán degustadas por un xurado feminino que emitirá o seu veredicto. Os participantes realizarán as tortillas nas súas casas, mentres que a degustación e o acto público de nomeamento do gañador será a partir das 19:30 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa e estará presentado por Paula Carballeira. Calquera persoa pode achegarse á Ramallosa dende as 19:30 horas para probar as tortillas e ver imaxes do proceso de elaboración en cada casa, para o que se conta coa colaboración do alumnado do IES de Cacheiras que exercerán de fotógrafos e de “notarios” implacables de que no proceso de elaboración o participante non recibe axuda.

Os participantes no concurso son: o actor Carlos Blanco, os políticos Rafael Sisto e José Antonio Patiño, o ciclista Ezequiel Mosquera, o director do IES de Cacheiras Xosé Manuel Maceira, o presidente da AAVV A Carballeira Fernando López, o presidente do CF do Praíña Marcos Pernas, o veciño de Calo Christian Barros, o médico do Centro de Saúde de Calo José Manuel Pérez, o presidente da AC A Mámoa Ramón Parajó, o presidente da ANPA dos Tilos Jorge Carballido, o presidente da comisión de festas de Teo Enrique Ferro, o notario de Cacheiras Carlos Lapido, o membro da asociación A Regionalista David Pedreira, o veciño dos Tilos Dosil, e o veciño de Bamonde Carlos Conde.

O xurado deste concurso está formado por: Rosa Gómez, Malena Suárez, Carmen Morán, Puri Cabido, Paloma Puime e Rosa Moreiras.

Con esta iniciativa dende o Concello de Teo quérese facer visible a implicación real dos homes no traballo doméstico, e levar esta cuestión ó terreno público.

Convocatoria de prensa:

DÍA: 03 de marzo.

HORA: 19,30 horas.

LUGAR: Salón de actos do Centro Sociocultural da Ramallosa.

Santiago – a comedia “Zoo” este domingo no principal

Con César Maroto, Elena Lombao, Susana Cortés e Rubén Hernández cartel_zoo

‘Zoo’, unha comedia de Yllana este domingo no Teatro Principal

  • A partir das 20.00h e en sesión única

  • As entradas, a 12€ (8€ no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco ou nas billeteiras do Teatro Principal de 18.00 a 21.00h.

Santiago de Compostela, 02/03/2012.- Este domingo Yllana montará o seu ‘Zoo’ no Teatro Principal e os composteláns poderán velo a partir das 20.00h en sesión única. César Maroto, Elena Lombao, Susana Cortés e Rubén Hernández garanten risas e unha boa tarde. As entradas a 12€ (8€ no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco ou nas billeteiras do Teatro Principal de 18.00 a 21.00h.

No máis profundo da xungla, uns intrépidos e chiflados exploradores afrontan a máis insensata das aventuras. A súa misión é capturar un exótico animal en vías de extinción para o ZOO dunha gran cidade. Os continuos despropósitos dos protagonistas desencadearán unha esperpéntica epopeia visual na que a contorna, aparentemente paradisíaca, se converte nunha trampa infestada de estraños animais. Aves, mamíferos,

réptiles e insectos arranxaranse para facerlle a vida imposible aos heroes da expedición.

Yllana volve pór en pé un espectáculo para todos os públicos, aplicando esta vez a súa persoal visión cómica do mundo ao eterno conflito entre o home e a natureza. No seu afán por seguir investigando no teatro do xesto, a compañía profunda con Zoo no tema da animalización e a recreación da natureza salvaxe, ideas que xa estiveron presentes noutros espectáculos de Yllana, aínda que sempre como elementos illados.

A COMPAÑÍA: YLLANA

Yllana nace en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, aínda que na actualidade e despois de 17 anos como compañía diversificou a súa actividades. Ademais dos seus propios espectáculos, produce, distribúe e promove montaxes doutras compañías.

Os membros fundadores de Yllana son Juan Francisco Ramos, Marcos Ottone, David Ottone, Joseph O´Curneen e Fidel Fernández. Desde os seus inicios a compañía produciu dezaseis espectáculos que se representaron en 30 países e foron vistos por máis de un millón de espectadores.

Ordes – día da eficiencia enerxética

O Concello repartirá gratuitamente unha guía de eficiencia para conmemorar o Día Mundial da Eficiencia Enerxética

Os máis pequenos recibirán un xogo de ordenador onde os personaxes de Os Sostibles ensinaranlles cómo aforrar de xeito divertido

Ordes 02 marzo 2012. Con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética que terá lugar o vindeiro luns 5 de marzo o Concello de Ordes repartirá de xeito gratuito entre os seus veciños unha guía de aforro de enerxía. Trátase dun manual con consellos prácticos para reducir o consumo eléctrico e o de auga coa fin de ser máis eficientes. Tamén se aportan consellos referentes o ámbito laboral, ó transporte, ás enerxías renovables ou ás comunidades de propietarios entre outros.

Pola súa banda os rapaces e rapazas contarán cun xogo para ordenador no que os personaxes de Os Sostibles lles ensinarán a aforrar enerxía de xeito divertido. Para facerse cun destes agasallos bastará con solicitalo no departamento de Medio Ambiente, situado no primeiro andar da Casa Consistorial.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ordes en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia. O Día Mundial da Eficiencia Enerxética conmemora a primeira conferencia internacional da Eficiencia Enerxética celebrada en Austria en 1998, na que se reuniron máis de 350 expertos e líderes de 50 países.

Asociación Val da Mahía – festival de música este sábado

A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía organiza para este sábado, ás 20:00 horas, un festival de música en Ames

Neste festival actuarán diversos grupos de música galega das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames.

O obxectivo principal é o de dar a coñecer á veciñanza amiense a música popular galega.

Ames, 2 de marzo de 2012. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado día 3 de marzo, ás 20:00 horas, o festival de música galega que organiza a Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía. O obxectivo principal é o de dar a coñecer á veciñanza amiense a música popular galega. O acto estará presentado por Xabier Díaz, integrante do grupo Berrogüetto. Neste festival actuarán diversos grupos de música galega das provincias de Pontevedra e A Coruña. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames, así como os Chapeus de A Estrada, o Ghusto do Boi de Vedra, as Alegres de Pontevedra, os Trazantes de Tenorio de Pontevedra e os Saljariteiros de Marín. Un total de seis grupos que amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.

A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, de Ames, organiza este sábado día 3 de marzo un festival de música galega. Este festival contará coa participación de distintos grupos de música galega da provincia de A Coruña e Pontevedra. Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do concello amiense durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas de Ames para poder desenvolver o seu propio traballo.
Durante os últimos anos teñen realizado actuacións en diversos lugares como Valga, Arteixo, Ames, Lugo e Pontevedra. Un dos obxectivos da organización deste festival é o de dar a coñecer a todos os veciños e veciñas de Ames ao grupo de cantareiras que naceu ao abeiro da Asociación e que se chaman pandereteiras As Maianas de Ames. O lugar escollido para o acto é a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas.
Neste evento participarán distintas agrupacións musicais, que serán presentadas por Xabier Díaz, integrante do grupo Berrogüetto. Así actuarán no acto de xeito desinteresado os Chapeus de A Estrada, o Ghusto do Boi de Vedra, as Alegres de Pontevedra, os Trazantes de Tenorio de Pontevedra e os Saljariteiros de Marín. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. Un total de seis grupos que amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.

Santiago – a banda de música celebra o día da muller traballadora

A Banda Municipal de Música celebra este domingo o Día da Muller Traballadora cun concerto especial

  • Terá como solista convidada á clarinetista Amelia Ónega Otero

  • Será a partir das 12.00h no Teatro Principal con entrada de balde

Santiago de Compostela, 02/03/2012.- Un ano máis, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela súmase á celebración do día da Muller Traballadora. Faino cun concerto especial no que a solista convidada será a clarinetista Amelia Ónega Otero. Será este domingo, 4 de marzo, a partir das 12.00h no Teatro Principal con entrada de balde. Este concerto, ademais de estar adicado ao día da Muller Traballadora, está incluído dentro do exitoso ciclo de Xóvenes Intérpretes Galegos.

Con esta iniciativa preténdese destacar o importante papel que tamén teñen as mulleres dentro do mundo musical, tanto como intérpretes, coma como compositoras ou directoras. A inclusión da muller, coma profesional, no mundo da música foi moi complicada ao longo da historia, pero afortunadamente estas barreiras están bastante superadas e a presencia feminina está normalizada.

Amelia Ónega Otero, nada en Santiago de Compostela en 1996, comezou os seus estudos musicais aos 5 anos e na actualidade con 15 anos cursa 6º de grao profesional no Conservatorio Profesional de Santiago tutorada por Saúl Canosa. Recibiu clases de Vicente Alberola , Radovan Cavallin, Saúl Canosa, Marina Abuin, Asterio Leiva, Beatriz López, José Manuel Puyana, Esteban Valverde e asistiu a cursos impartidos por Justo Sanz, Dominique Vidal, Enrique Pérez Piquer, Yehuda Gilad, Josep Fuster, Luis Gomes, Carlos Gil, Victor Lucerón y Hedwin Swimberghe, entre outros. Participou en numerosos encontros e certames musicais nos que foi distinguida con numerosos galardóns.

Programa do concerto

I Parte

Amparito Riveira (pd) de S. Cruceiro

A Bela Galatheta (abertura) de F. von Suppé

Concerto para clarinete núm. 1 en Fa m de C. M. von Weber/X. Carlos Seráns

Clarinete solista: Amelia Ónega Otero

II Parte

Poem du Feu de I. Gotkovsky

A Viuda Alegre de F. Lehar

Ordes – IV cross ambiental e I andaina do concello

Ordes celebrará hoxe sábado o IV Cross Ambiental Concello de Ordes memorial José Estevo

Simultáneamente desenvolverase a cuarta edición das probas de canicross puntuables para a liga galega. Como novidade este ano terá lugar unha andaina popular cun percorrido de 8,5 quilómetros

 O Concello de Ordes celebrará hoxe sábado a partir das 16 horas o IV Cross Ambiental Concello de Ordes, memorial Estevo José, no que participarán arredor de 300 persoas de todas as idades. Haberá trofeos e medallas, ademáis dun premio en metálico para os primeiros en traspasar a liña de meta na categoría absoluto xeral.

Ó longo da xornada tamén se desenvolverá o IV Canicross Concello de Ordes, cuxas probas son puntuables para o campionato de liga galega e para o que xa están inscritos 20 participantes. Neste caso os primeiros clasificados tamén recibirán unha cuantía en metálico ademáis dos respectivos trofeos. As probas arrancarán do Campo da feira, pasando polo paseo fluvial e por un itinerario que atravesa parte dos montes situados nas inmediacións da vila.

Os participantes recibirán diversos agasallos como gorros, bragas e guantes polares, entradas para o Museo do traxe Juanjo Linares, ademáis de poder participar no sorteo doutros agasallos. Tamén se repartirán froitas, bebidas, chocolate, churros e rosca.

I Andaina Concello de Ordes.

Este ano como novidade a organización ten prevista a I Andaina Concello de Ordes. Un percorrido no que poden participar todos os que queiran sen límite de idade. O fin último desta iniciativa é exercitarse dun xeito relaxado e divertido aproveitando os fermosos paraxes e as rutas que discorren polo Concello. Neste caso son 8, 5 quilómetros os previstos, nun itinerario perfectamente sinalizado e que tamén transcurre polo paso fluvial e polo monte.

Silleda – concerto da banda municipal

O Centro Social dos Maiores de Silleda acolle hoxe un concerto da Banda Municipal de Música de Silleda

Silleda, 2 de marzo de 2012

A Banda Municipal de Música de Silleda ofrecerá hoxe un concerto no Centro Social dos Maiores integrado no proxecto Achegándonos que ten o obxectivo principas de dar a cpécer a música e a súa banda a todos os trasdezaos.

Con esta actuación, na que colabora a Concellaría de Benestar Social e Igualdade que dirixe Dolores García Troitiño, comeza o ciclo deste ano, sendo o segundo consecutivo no que levan a cabo este proxecto, xa que coma na anterior ocasión a formación ten previsto tocar noutros locais do municipio.

Para esta ocasión, a banda preparou repertorio divertido e bailable para que todos os asistentens poidan desfrutar da actuación, e a diferencia do ano pasado, contarán coa colaboración das bailarinas Thalía Rey e Estefanía.

A esta celebración poderá acudir calquera persoa, sen necesidade e inscripción previa, e de xeito totalmente gratuito.

REPERTORIO:

CARRASCOSA (pasodoble) / Jaume Teixidor.

CON MARACAS (guaracha - rumba) / Arr. Rafa Agulló Albors.

EL PERICO RIPIAO (Popurrí de merengues) / Arr. Rafa Agulló Albors.

SAN LORENZO DE MUIMENTA (Jota) / Xosé Luís Represas Carreras.

CALENTAO (Popurrí de cumbias) / Arr. Rafa Agulló Albors.

PERRO QUE LADRA (Corrido mejicano) / Pimpinela – Arr. Juan Lois Diéguez.

NAMORIQUEIRA (muñeira) / José Carracedo.

MUJERES Y VINO (pasodoble) /Manolo Escobar – Arr. Xosé Luís Represas Carreras.

SUPER MAMBO (mambos) / Dámaso Pérez Prado – Arr. Azael Tormo.

EUROVISIÓN (popurrí de temas) / Arr. Juan Lois Diéguez.

AL COMPÁS DE UNA MUÑEIRA (muñeira) / Pimpinela - Arr. Rafa Agulló Albors

Redacción – Ames Novo abandona o BNG e seguirá como formación local, incluimos declaracións de Pilar Candocia

AOs concelleiros do BNG de Ames decidiron a noite de este xoves abandonar a formación a seguir como agrupación local dirixida por unha xestora. A decisión tomouse nunha asemblea a que asistiron 29 persoas das que so unha abstívose e os demais votaron a favor de marchar da formación nacionalista tal e como nos explica a portavoz no concello Pilar Candocia

Os catro concelleiros en activo non deixarán as súas actas o considerar que foron elixidos pola cidadanía e a ela se deben, por iso mesmo, din, seguirán traballando por medio dunha xestora da que será coordinar o recente novo membro da Real Academia Galega Enrique Monteagudo


Ames Novo non descarta integrarse noutra forza política que puidera aparecer no futuro pero dependerá das características de dita forza.

Santiago – axenda 2 de marzo e actuacións da policía local

Venres 2

9.30 h

No Colexio San Jorge (Rúa Coimbra, nº 24 -Baixo-), continúa o 2º Ciclo de concertos didácticos nos centros de educación infantil e primaria de Santiago organizados pola Concellería de Educación a través da Escola Municipal de Música. Nesta ocasión será no Colexio San Jorge, cunha sesión ás 9.30 h e outra ás 10.30 h.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre asuntos de carácter local.

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

12.15 h

En Belvís, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste aos actos da festividade de San Rosendo, patrón do Seminario Menor.

12.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Benestar Social e Muller, Paula Prado, para presentar os actos con motivo do Día Internacional da Muller.

12.45 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Urbanismo, María Pardo, sobre asuntos da súa área.

16.30 h

No Hostal dos Reis Católicos, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á inauguración do XI Seminario TIC para grandes empresas e organismos.

20.30 h

Na Zona "C", 'O texto como pre-texto', mostra do obradoiro de creación escénica de Cámara Negra.

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

(Dende as 08:00 h. do día 29 de febreiro ata as 08:00 h. do día 1 de marzo)

- Nas últimas 24 horas o Equipo de Atestados da Policía Local rexistrou TRES accidentes de tráfico, todos eles con resultado de danos materiais.

* Saída de vía na Ponte de Lermo ás 11.15 h.

* Na rúa Torrente Ballester ás 15.30 h.

* Praza Roxa ás 05.00 de hoxe.

- Ás 9.30 horas, os axentes acoden a un domicilio na rúa Entrecercas, a requirimento da súa moradora, que manifesta que existía un forte olor a gas. Dáse aviso aos bombeiros que acoden ó lugar dos feitos. Non se rexistraron incidentes.

AAAG – anuncianse os nomeados dos María Casares desde Bertamiráns

OS XVI PREMIOS DE TEATRO MARÍA CASARES, ORGANIZADOS POLA ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA, XA TEÑEN FINALISTAS Premios_Maria_Casares_Nomeados_Foto_Corsino

11 espectáculos contan con nomeados para os galardóns da Asociación de Actores e Actrices de Galicia


Máis de 150 profesionais do sector reuníronse na V Festa dos Nomeados, onde desveláronse os nomes dos finalistas

1 de marzo de 2012.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os nomes dos finalistas aos XVI Premios de Teatro María Casares.

A cerimonia e festa de proclamación tivo lugar na V Festa dos Nomeados, que reuniu a máis de 150 profesionais do sector no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames).

Citizen Total, de Chévere, e A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego, obtiveron 8 nomeamentos. Son as obras que contan cun maior número de finalistas.

Oeste Solitario, de Producións Teatráis Excéntricas acadou 6 nomeamentos; e “E.R.” Algún día traballaremos xuntas, do Teatro do Atlántico, 4.

O Florido Pénsil, de Eme2 emoción e arte; Tango, de Sarabela Teatro; e máis Piratas, de Teatro do Noroeste, conseguiron 3 cada unha.

Pelos na Lingua, de Talía Teatro, logra 2 postos de finalistas.

Por último, American Café, de Teatro do Morcego; Soños, de Bichakadela; e 0,7% Molotov, de Teatro de Ningures, contarán con 1 nomeamento de finalista na Gala dos Premios María Casares.


A actriz Mónica García conduciu o evento cunha intervención humorística na que se transformou en Cándida del Moral, funcionaria da Consellería de Educación que aproveitou a ocasión para ofrecer aos profesionais do teatro unha serie de consellos de orientación laboral.

Trala benvida de Antonio Durán “Morris”, presidente da Asociación de Actores e Actrices, proclamáronse os nomeados. Ana Lago, de Gadisa; Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE; Alfonso Rey López, concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio do Concello de Ames; e Santiago Amor, alcalde de Ames, foron os encargados de entregar unha xerra e máis un diploma acreditativo aos finalistas. Unha intervención do alcalde Santiago Amor serviu de peche do acto.

Deste xeito, 11 espectáculos, dos 30 que se presentaban, conseguiron algún nomeamento para estes galardóns. En total, 261 candidaturas profesionais das artes escénicas e audiovisuais eran aspirantes nalgunha das 13 categorías: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o próximo 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e será retransmitida pola TVG.

Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Concello de Ames e TVG.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios de Teatro María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa hoxe en día a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia, cuxa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro ata o momento existente neste eido.

Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do telón, ademais do Premio de Honra “Marisa Soto” que recoñece a  traxectoria profesional outorgado pola a Xunta Directiva da AAAG.

Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas en lingua galega que foran estreadas en Galicia entre o 01 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.

O portal da asociación é www.aaag.es


NOMEADOS XVI PREMIOS MARÍA CASARES

MELLOR MAQUILLAXE

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Fani Mosqueira

American Café

Teatro do Morcego

Raquel Fidalgo

Tango

Sarabela Teatro

Trini Fernández Silva

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

MELLOR VESTIARIO

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Carlos Alonso

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Paco Conesa

Piratas

Teatro do Noroeste

Ruth D. Pereira

Tango

Sarabela Teatro

MELLOR ILUMINACIÓN

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Baltasar Patiño

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Fidel Vázquez

Citizen Total

Grupo Chévere

Octavio Mas

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

MELLOR MÚSICA ORIXINAL

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Nacho Sanz

Soños

Bichakadela

Piti Sanz

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

Xacobe Martínez Antelo

Citizen Total

Grupo Chévere

MELLOR ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Avelino González

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

Pepe Sendón

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Xosé Manuel Pazos Varela

“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas)

Teatro do Atlántico

MELLOR TEXTO ORIXINAL

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Avelino González, Artur Trillo, María Ordoñez e Sechu Sende

Pelos na lingua

Talía Teatro

Manuel Cortés

Citizen Total

Grupo Chévere

Santiago Cortegoso

0,7% Molotov

Teatro de Ningures

MELLOR ESCENOGRAFÍA

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Baltasar Patiño

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Chévere

Citizen Total

Grupo Chévere

Paco Conesa

Piratas

Teatro do Noroeste

MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA

Nomeado

Espectáculo

Compañía

María Lado

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

Marta Pazos

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Mónica García

Citizen Total

Grupo Chévere

Victoria Pérez

Piratas

Teatro do Noroeste

MELLOR ACTOR SECUNDARIO

Nomeado

Espectáculo

Compañía

César Goldi

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

Vicente de Souza

Tango

Sarabela Teatro

Víctor Mosqueira

A ópera do tres reás

Centro Dramático Galego

MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Luísa Merelas

“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas)

Teatro do Atlántico

Patricia de Lorenzo

Citizen Total

Grupo Chévere

Susana Dans

“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas)

Teatro do Atlántico

MELLOR ACTOR PROTAGONISTA

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Antonio Durán “Morris”

O florido pénsil

Eme2 emoción&arte

Evaristo Calvo

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

Josito Porto

O florido pénsil

Eme2 emoción&arte

MELLOR DIRECCIÓN

Nomeado

Espectáculo

Compañía

Avelino González

Pelos na lingua

Talía Teatro

Xesús Ron

Citizen Total

Grupo Chévere

Xúlio Lago

“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas)

Teatro do Atlántico

MELLOR ESPECTÁCULO

Nomeado

Espectáculo

Citizen Total

Grupo Chévere

O florido pénsil

Eme2 emoción&arte

Oeste solitario

Producións Teatráis Excéntricas

BREVE SINOPSE DOS ESPECTÁCULOS QUE LOGRARON NOMINACIÓNS

(Entre parénteses, o número de nomeados)

CITIZEN TOTAL (8): Un espectáculo global. Chévere consegue 8 nomeados co proxecto completo de Citizen. Estruturado en tres partes, espectáculos autónomos que se estrearon coma se fose unha obra de arte por episodios. A suma dos tres supón un novo espectáculo de maior formato. Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles, malia non falar de Charles Foster Kane, senón de A.O., un empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX.

A ÓPERA DOS TRES REÁS (8): O Centro Dramático Galego levou a cabo esta ambiciosa adaptación da obra de Weill e Bertolt Brecht con vontade, en palabras do seu director escénico Quico Cadaval, de "máis que lealdade e fidelidade ás ideas da obra orixinal, ir máis alá e chegar ao extremo da adulación meliflua".

A acción da obra atravesa 45 horas nerviosas dunha cidade onde fumega a ambición, os sonos, a traizón, a mesquindade, o desexo, a tortura e a beleza. Pero as peripecias comezaron moito antes...

OESTE SOLITARIO (6): Tras Un Cranio Furado, Producións Teatráis Excéntricas montou no 2011 a obra coa que Martin McDonagh pechou a súa Triloxía de Lennane.

Unha casa afastada nas terras esquecidas do oeste de Irlanda. Ao pe da casa, unha lagoa de augas escuras. Aló abaixo, a aldea, a carón da ría de Lennane. Nesa casa viven os protagonistas do Oeste Solitario; os irmáns Connor: Valene e Coleman. Despois de enterrar o pai, voltan ao tobo onde fermenta lentamente o rancor, a intolerancia e o odio. A historia semella que só pode acabar de dúas maneiras: cun coitelo entre os omóplatos ou cun cranio rebentado polo tiro dun cartucho do 12.

“E.R.” ALGÚN DÍA TRABALLAREMOS XUNTAS (4): Teatro do Atlántico atrévese con esta obra de teatro de Josep M. Benet i Jornet que mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática 1994. Unha actriz nova na procura da verdade acerca da grandísima Eva Roca (E.R.) para compoñer unha personaxe. Para elo visitará a tres veteranas intérpretes.

O FLORIDO PÉNSIL (3): O espectáculo de Eme2 emoción e arte conta as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. A través dos seus protagonistas descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo aleccionaba á poboación

TANGO (3) Tres finalistas para esta obra de Sarabela Teatro. O tango do título é un baile-reto no que se amosan as relacións internas dunha familia, concibida coma metáfora da sociedade e que serven para amosar de forma traxicómica e grotesca o mundo contemporáneo e o tema da rebelión xeracional.

PIRATAS (3): Teatro infantil de calidade de Teatro do Noroeste. Una treboada tragouse ao bergantín “Princesa dos Mares”, un dos máis temidos barcos piratas de todos os océanos. Algúns membros da súa perigosa tripulación conseguiron sobrevivir nunha balsa, agora a balsa pirata “Raíña da escuma”.

PELOS NA LINGUA (2): Talía Teatro acada dous nomeamentos con este espectáculo, estruturado en sketchs, que fala dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Unha comedia que, dalgún xeito, podería considerarse segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se traballa co mesmo tema e coa mesma estrutura aínda que intentado darlle un enfoque distinto.

AMERICAN CAFÉ (1): Na América profunda, un bar preto da fronteira mexicana. Os que o frecuentan refán a historia cada día, sufocados pola calor, por aburrimento e por delirios xenófobos. O seu universo, é o da televisión e o alcohol. Alí viven só algúns marxinais: un vello negro, un vendedor de polo fritido, unha fermosa camareira que espera o amor. Un día, Larry Stocker, o célebre animador de Talk-Show atravesa a porta...

SOÑOS (1): Bichakadela logra un posto de finalista con esta obra: “E digo eu…, os soños…, pode ser o que lle está pasando a un, non? Eu soño, ti soñas, el soña… Circulares, Concéntricos, entramos e saímos no soño de cada un, no soño de todos… Teatros e teatrinos…Sonrisas e Bágoas, ou era Mary Poppins? Os soños de durmir, os soños que temos cando despertamos…Sempre o teatro… como soño maior e a música…nun espazo pequeno cabe un mundo… Ó xeito das bonecas rusas, hai un soño dentro doutro, parece que espertamos, só o parece? Ah… moi ben…. Facede pasar ao infinito…e aclaramos ISTO NON É UN XOGUETE. Reverencia, señores…”

0,7% MOLOTOV (1): Teatro de Ningures opta ao mellor texto orixinal con esta aposta. ELA -neohippy solidaria- acaba de chegar de África. EL -nihilista solitario- contrátaa para facer a vendima. ELA namórase do vento que sobe do río. Descobre un lugar no que  atopar unha identidade libre de conflitos, no que ser auténtica. EL está de volta dunha vida urbana hipócrita, na que vendeu a conciencia e a coherencia política en cómodos prazos.

Silleda – entra en vigor a ordenanza para axilizar aperturas

Entra en vigor a ordenanza para axilizar a a obtención de permisos para a apertura de establecementos que non precisen avaliación ambiental

Os desempregados terán unha bonificación do 50% nas licenzas

A partir de agora estará regularizada a entrada e visita ao Mosteiro de Carboeiro, así como as taxas polo uso de inmobles municipais para o desenvolvemento de actividades artísticas, socio-culturais e lucrativas

Trala súa publicación no Boletín oficial de Pontevedra, e nun prazo de 15 días entrarán en vigor a ordenanza que regula a realización de actividades administrativas de inspección, control e verificación de acividades en réxime de declaraición responsable e a de apertura de establecementos para o exercicio de actividades non sometidas a avaliación da incidencia medioambiental.

Esta normativa ten por obxecto regular os pasos a seguir por todos aqueles que queiran abrir establecementos ou locais comerciais que non están sometidos á avaliación da incidencia ambiental, garantindo que cumpren coas condicións técnicas de seguridade, hixiene, sanitarias, ou de accesibilidade, entre outras. Asemade, ao amparo da Directiva europea 2006/123/CE e da Lei do comercio interior de Galicia, búscase tamén reducir as cargas administrativas dos promotores axilizando ao máximo os trámites requeridos para a apertura de negocios.

O permiso, que pode ser concedido directamente polo Concello, unha vez rematadas as obras, e en tan só poucos días, leva implícita unha declaración ou certificado responsable, suscrito polo interesado, no que se dá conta do cumprimento dos requisitos esixidos.

Os promotores disporán dun modelo de formulario sobre a citada declaración responsable, que deberá acompañarse dunha serie de documentos. O Concello queda obrigado a exercer de forma permanente e continuada as funcións de comprobación, vixiancia e control sobres as actividades en réxime de declaración responsable, acompañadas á súa vez das correspondentes taxas.

A nova normativa tamén leva aparellada un réxime sancionador polas distintas infraccións. Entre as tipificadas como “moi graves” figura o exercicio da actividade sen a presentación da correspondente declaración responsable. Así mesmo, tamén se detalla o tipo de actividades suxeitas a ese novo procedemento, do que quedan excluídas as propias de espectáculos públicos e outras que por razóns de interese xeral, orde pública, seguridade ou saúde esixan que se aplique o procecemento de concesión de licenza municipal de apertura, dependendo da actividade da que se trate.

Esta nova ordenanza municipal suporá ante todo unha simplificación da burocracia para os emprendedores e pequenos empresarios que verán cómo se axiliza a concesión do permiso de apertura que ata o de agora moitos tiñan que agardar, ás veces durante meses, polos permisos necesarios.

A normativa establece unha tarifa básica de 150 euros para negocios cunha superficie de ata 100 metros cadrados, que se vai incrementando segundo as dimensións do local. Sen embargo, a todos aqueles emprendedores que decidan dar o paso e deixar a situación de desemprego dándose de alta no Réxime de Traballadores Autónomos aplicaráselle un desconto do 50% sobre a cuota tributaria da ordenanza.

Con esta entrada en vigor, búscase a dinamización do comercio en Silleda, así como aportar facilidades a todas aqueles veciños de Trasdeza en situación de desemprego que desexen voltar ao mercado laboral, como unha nova medida da política de emprego que está a levar a cabo a Concellaría de Formación e emprego que dirixe Margarita Campos.

Tarificación para as visitas ao Mosteiro de Carboeiro

O BOP de hoxe tamén recolle a ordenanza reguladora da taxa por entrada e visita o Mosteiro de Carboeiro así como do uso privativo das instalacións municipais.

Estabécese un pagamento simbólico de tarifas polo que o acceso ao cenobio custará 1 euro por persoa; se inclúe visita guiada de 45 minutos, o prezo será de 3 euros; e se se opta por unha visita didáctica de 1 hora e cuarto de duración, de 4 euros (incluíndo xa a entrada nestes dous últimos casos). Haberá unha tarifa reducida con descontos do 30% (entrada 0,70 euros; visita 2,10 euros e percorrido didáctico 2,80 euros) para os maiores de 65 anos; mozos de entre 6 e 16 anos, persoas con carné de estudante ou carné xoven, familias numerosas, grupos de escolares e universitarios dun mínimo de 10 persoas o persoas en situación de desemprego que acrediten esta situación.

Non se cobrará aos cativos menores de 6 anos, aos membros do Instituto de Conservación Museística e o acceso será igualmente gratuito o Día Internacional dos Museos (18 de maio); o 25 de xullo e durante a celebración do San Lourenzo, patrón de Carboeiro.

Con estas medidas, preténdese poñer en marcha o plan de musealización da construcción románica e manter o mosteiro aberto ao público as xornadas festivas e fins de semana e en temporada alta, dende xuño a setembro, todos os días agás os luns (día en que acostuman a pechar todos os museos).

Asemade, tamén se regulan os prezos polo uso privado das instalacións Casa da Cultura de Silleda, as da Casa da Xuventude e polas do auditorio Manuel Dopazo de A Bandeira, diñeiro co que se pretende cubrir os gastos derivados por facer uso das instalacións e contribuir ao seu mantemento.

Establécense, xa que logo, tarificacións por tramos horarios para aquelas actividades artísticas, socio-culturais e lucrativas que se leven a cabo e na Casa da Cultura serán, por uso das aulas de 2 euros /hora (ata a 6ª hora); 2,5 euros entre a 6ª e ata a oitava hora e 20 € por día completo. O salón de actos terá un custe de 10 €/hora ata a 6º hora; 15 por hora (entre 6ª e 8ª) e 100 euros por día. Para a Casa da Xuventude as tarifas seguindo os esquemas horarios será tamén de 2€/hora ; 2,5€ e 20 € por día no caso das aulas e de 4, 5 € e 40 euros por día polo uso do salón de actos. Por último, o uso do auditorio Manuel Dopazo tamén leva as mesmas tarifas, no caso do aulario que os anteriores, e polo auditorio os prezos será de 15 euros/hora ata 6 horas; 20 de 6 a 8 horas e 150 euros por día completo.

A nova normativa, que se aplica en outros concellos da zona, inclue tamén as posibles peticións de uso ou actividades no mosteiro de Carboeiro, cun custe de 30 euros por hora (ata a 6ª hora); 40 euros/hora ata a oitava hora e 300 euros por unha xornada completa.

Quedarán exentos do abono destas taxas os grupos políticos, agrupacións de electores e sindicatos, asociacións e entidades de carácter benéfico, educativo ou asistencial sen ánimo de lucro que estén no rexistro municipal de asociacións, e colectivos veciñais que celebren reunións periódicas.

Estas tarifas, faranse efectivas previsiblemente ao longo deste mes, cando todos os edificios municipais realicen os pequenos trámites necesarios para poder efectuar os cobros. No caso do mosteiro, aínda serán necesarias algunhas adecuacións máis, polo que a devandita recaudación levará algún tempo a maiores poñela en marcha.

Silleda – pechado o prazo de alegacións o plan33

Pechado o prazo para alegacións ao Plan Parcial do polígono industrial Área 33

Silleda, 1 de marzo de 2012. A día de hoxe pechou o prazo para presentar alegacións parao o acordo da Xunta de Goberno Local de aprobación inicial da modificación puntual do Plan Parcial do polígono industrial Área 33.

Ao non haberse presentado ningunha reclamación durante o periodo de exposición pública, a partir de agora só queda agardar o informe de Aviación Civil e o da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; se estes escritos non presentan ningunha corrección, podería facerse a aprobación definitiva do plan na seguinte Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda. En caso de haber algunha corrección, levaríase á XGL municipal unha vez feitas.

Con este plan, preténdese ampliar os usos admisibles da superficie do polígono industrial Área 33 á hostalería, a administrivos e deportivos.

Oroso – exposición colectiva de arte

OROSO INAUGURA ESTE VENRES UNHA EXPOSICIÓN DE ARTE CUN CONCERTO DO CANTAUTOR MIGUEL ALONSO E O ESPECTÁCULO DE DANZA “NUSHU”

O centro cultural de Sigüeiro acollerá unha exposición colectiva de 16 membros da Asociación Galega de Arte e Cultura

O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, inaugurará este venres 2 de marzo, ás 19:30 horas, “Mestizarte”, unha exposición colectiva de dezaséis membros da Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC). Un acto aberto a toda a veciñanza de Oroso e que incluirá un pequeno concerto do cantautor Miguel Alonso e un espectáculo de danza no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

“Mestizarte” reúne un total de dezaséis cadros dos artistas A. ElBelay, Carmen Sevillano, Carmen Torres, Constantino Cuesta, Chuca Garrote, David A. Plana Padilla, Esther Molinero, Fran Lareo, Isabel Andrés, Javier Muntaner, Jesús Pereira "Suly", Larbí, Mª Carmen Calviño, Marina "Cocós", Pepa Mariño e Pilar Feás. Dezaséis artistas pertencentes á AGAEC, unha entidade sen ánimo de lucro constituida en 2004 en Santiago de Compostela e que agrupa a artistas plásticos, poetas, músicos e outros colaboradores.

Música e danza

Tras a inauguración da mostra, o cantautor ferrolán Miguel Alonso ofrecerá un pequeno concerto no que tocará algúns temas do seu último disco “A noite dos cans”, o primeiro que compón integramente en galego. Trátase do traballo máis persoal deste cantautor e nel aborda todo tipo de temas, dende a precariedade laboral, a rebelión da muller contra a violencia de xénero ou o capitalismo, ata temas máis intimistas e cotiáns. Así mesmo, tamén terá lugar

Acto seguido, tomará o relevo os bailaríns de BStudiodanza, que representarán un fragmento do seu espectáculo “Nushu”. “Nushu”, en chinés, significa “escritura de mulleres”, e este espectáculo invita ao espectador a realizar unha viaxe á forza interior das mulleres dunha provincia da China onde hai anos crearo este sistema de comunicación, coñecido e usado só por mulleres. Así, lograban comunicarse libremente entre elas nunha sociedade que as marxinaba da aprendizaxe, a lectura e a escritura.

Ames – obradoiro sobre coñecemento dos sentidos para cativos

Alumnos de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño realizarán na Aula da Natureza un obradoiro sobre o coñecemento dos cinco sentidos

Os rapaces, de 4 anos de idade, explorarán os sentidos como xeito de recibir información do exterior. O obradoiro enmárcase no Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames, que pretende promover o coñecemento e a valorización do medio ambiente, ademais de colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.

Ames, 1 de marzo de 2012. Un grupo de alumnos do segundo curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de 4 anos de idade, realizará este venres día 2 na Aula da Natureza do Concello de Ames un obradoiro para coñecer o funcionamento dos cinco sentidos e explorar como nos relacionan co que nos rodea. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contará cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Así, os nenos expermimentarán primeiro como sería vivir nun mundo aislado, sen sentidos (pechando ollos, oídos, nariz,...) para despois ir analizando, un por un, os mecanismos de relación co exterior.

Deste xeito, xogando co sentido do olfacto, os estudantes diferenciarán olores (anís, loureiro ou lavanda) e farán votacións sobre cales son os seus preferidos. Respecto ao oído, descubrirán distintos sons de animais e algúns propios da natureza (auga, lume, volcáns, vento ou chuvia). A actividade relacionada co gusto permitiralles degustar diferentes sabores, observando que parte da lingua os detecta mellor. Xogando co sentido do tacto, os rapaces deberán recoñecer cos ollos tapados que material están tocando, desde prendas de vestir ata madeira ou pedras. O obradoiro rematará cunha actividade relativa á vista, no que os alumnos poderán realizar un peixe de cores empregando unha pinza da ropa.

As concellarías de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade e de Cultura, Educación e Patrimonio están a promover unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo o de fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.