O CONCELLO DE TEO COMEZA A TRABALLAR NO DESENVOLVEMENTO DO POLÍGONO INDUSTRIAL DA RAMALLOSA
· O concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, explica que está aberto un prazo que remata o 7 de outubro para que os empresarios locais interesados poidan presentar no Concello unha declaración de necesidade
· Esta semana representantes do Concello mantiveron unha xuntanza con empresarios teenses para falar do estudo de custes do proxecto e da necesidade real do polígono
24 de setembro de 2011. O concelleiro de Urbanismo do Concello de Teo, Rafael Sisto, mantivo unha xuntanza esta semana con empresarios teenses na que o principal punto de debate foi o futuro desenvolvemento do polígono comercial e industrial da Ramallosa.
Esta superficie está destinada no PXOM teense a solo industrial, e para o Concello “é unha das prioridades en materia urbanística xa que permitirá fomentar a creación do emprego e solucionar outros problemas endémicos en Teo como a deslocalización das empresas en espazos que non eran os axeitados dende un punto de vista urbanístico” destaca o edil de Urbanismo.
Neste momento estanse dando os pasos necesarios para a posta en marcha do que sería o primeiro polígono industrial en Teo. Na reunión desta semana con empresarios tratáronse dous temas de xeito pormenorizado. Os representantes municipais presentaron un estudo de costes para o desenvolvemento do polígono. Este era un dos compromisos nos que quedara o Concello cos empresarios despois dunha xuntanza previa antes das eleccións locais. Na última reunión tamén se falou do calendario e dos prazos do propio procedemento administrativo de posta en marcha do polígono.
A principal conclusión desta xuntanza, que dende a departamento de Urbanismo “se valora moi positivamente” foi a apertura dun prazo que rematará o 7 de outubro para que as persoas con actividade comercial ou empresarial en Teo poidan presentar no Concello unha declaración de necesidade en referencia ó polígono. Calquera persoa interesada no tema pode achegarse ás oficinas municipais de Urbanismo para solicitar a información sobre este proceso.
Con esto preténdese “determinar o interese real do tecido empresarial, o que lle permitirá ó Concello seguir traballando no desenvolvemento do solo industrial” explica Rafael Sisto, que se amosa confiado en que a “a resposta do empresariado sexa suficiente para poder seguir adiante”.
En paralelo a esto o Concello tamén remitirá unha carta a todo os propietarios do solo destinado a solo industrial preguntándolles polo seu interese por desenvolver algunha actividade comercial ou industrial.
O polígono industrial da Ramallosa localízase no SUND-12, no extremo da parroquia de San Xoán de Recesende sobre a AC-841. A área destinada a uso industrial é unha superficie bruta de 120.000 metros cadrados.