Santiago - Abe Rabade no ciclo íntimo e acústico


Abe Rábade Trío presenta o seu novo disco, ‘A modo’ dentro do ciclo Íntimo&Acústico

  • As entradas, a 12€, poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h.

  • Abe Rábade presenta o seu oitavo traballo como líder, acompañado pola súa sección rítmica habitual: Pablo Martín-Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).


Santiago de Compostela, 22/05/2012.- Continúa o ciclo íntimo&Acústico da concellería de Cultura e mañá temos unha nova cita no Teatro Principal ás 21.00h. Será con Abe Rábade Trío que nos presentan o seu novo disco, ‘A modo’. As entradas para o concerto, a 12€, poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. Despois deste concerto, dentro do ciclo teremos a Sumrrá o 29 de maio; Ariel Rot o 7 de xuño; e aCadaCanto o 13 de xuño, todos eles no Teatro Principal

Abe Rábade presenta o seu oitavo traballo como líder, acompañado pola súa sección rítmica habitual: Pablo Martín-Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Tras ter conseguido alzarse co premio ao MELLOR DISCO DE JAZZ cos seus anteriores traballos a trío (“Playing on light” e “Zigurat”), comeza a andadura deste novo disco, ‘A MODO’, con este concerto na cidade natal de Abe Rábade.”
Abe Rábade Trío foi fundado en 1996 en Boston (EEUU) e en 2000 a banda aséntase en Galicia. Recibe este ano o 2º Premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi). O directo desa noite conforma o debut discográfico do trío: Babel de Sons (2001) con Paco Charlín no contrabaixo e Ramón Ángel Rey na batería, nova sección rítmica que se manterá ata finais de 2004.
En 2002, o grupo lanza o seu segundo traballo discográfico, Simetrías, que foi presentado no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba). Entre as numerosísimas actuacións do Abe Rábade Trío neste período cómpre destacar a súa participación nos seguintes Festivais de Jazz: Plaza de La Habana -edición 2002 (Cuba), Tánxer (Marrocos), San Sebastián e Getxo (Euskadi); Ibiza e Mallorca (Illes Balears), San Isidro, Xornadas UNED e Boadilla del Monte (Madrid), Gijón e Mieres (Asturias), Málaga (Andalucía), Granollers (Catalunya) e Lugo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Baiona (Galiza).
No 2006 ve a luz o disco Playing on Light, con Paco Charlín no contrabaixo e o novo baterista da formación: o portugués Bruno Pedroso. A revista Cuadernos de Jazz elixiu este traballo discográfico como Mellor Disco de Jazz en España 2006. A finais do 2006 incorpórase ao Abe Rábade Trío o contrabaixista portugués Nelson Cascais.
O Abe Rábade Trío foi o encargado de compoñer e interpretar música orixinal para a proxección de cine mudo galego Pioneiros do Cinema promovida polo Centro Galego de Artes da Imaxe no Teatro Principal de Santiago en Xaneiro de 2007.
O grupo tamén participou na gravación en directo para a TVG de dous eventos: a Conmemoración do XXV Aniversario do Parlamento de Galicia no Auditorio Caixanova de Pontevedra en 2006 e a Gala de Entrega de Premios da Comunicación no Gran Hotel de A Toxa en 2008. A banda gravou tamén nas producións discográficas de 2008 Rosalía 21 (encargo para a Feira do Libro de La Habana -Cuba) e Aloumiños de Seda (encargo para a campaña Xeración e logo da Dirección Xeral de Política Lingüística).
Desde o ano 2008 a sección rítmica do grupo está formada por Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). En 2010 publícase o álbum Zigurat (Karonte Records). O grupo prepara na actualidade a banda sonora orixinal para o filme de Margarita Ledo Andión "A Cicatriz Branca". Asemade, Abe Rábade Trío xa ten prevista a gravación do seu próximo álbum en Decembro de 2011. Levará por título "A Modo".
Abe Rábade naceu en Compostela o 8 de Setembro de 1977. Comezou a estudar música con 4 anos no Conservatorio Histórico de Santiago e seguiu formándose no centro de jazz “Estudio escola de música”, tamén en Compostela. No ano 1995 proseguiu os seus estudos en EEUU, onde obtivo unha licenciatura Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EUA) en 1999. En 2000 voltou á cidade onde di sempre querer voltar: Santiago de Compostela.

Ningún comentario: