O GOBERNO DE TEO LAMENTA QUE A CONCELLEIRA SOCIALISTA SE
DEDIQUE A SEMENTAR DÚBIDAS SOBRE A TRANSPARENCIA DO CONCELLO EN VEZ DE
INFORMARSE ANTES
·
A primeira parte da operación de crédito para o pago a
provedores foi aprobada o 11 de maio por resolución de alcaldía, de acordo coa
normativa xurídica vixente.
·
A operación será ampliada na medida en que novas empresas
se adhiran na seguinte fase, entre os meses de xuño e de xullo.
21 de maio de 2012.- O goberno municipal de Teo lamenta o intento da
portavoz do PsdeG-PSOE de sementar dúbidas e xerar desconfianza sobre o
funcionamento e a transparencia do Concello no relativo á tramitación da
operación de préstamo aprobada no mecanismo de pago a provedores impulsado polo
ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
O alcalde, Martiño Noriega, acaba de remitirlle á concelleira socialista
toda a información sobre a operación de préstamo. Non obstante, Noriega intúe
que “a información era o que menos lle importaba e prefería sementar dúbidas no
funcionamento e na transparencia do Concello cunha nota de prensa”, tendo en
conta que difundiu esta última en vez de agardar a obter a información que lle
solicitaba á administración. Este comportamento unicamente “xera desconfianza e
non deixa de ser unha praxe de dubidosa ética”, tal como advirte o rexedor
teense.
A tramitación, paso a paso
O executivo local explicoulle por escrito á portavoz do PSOE que na
tramitación da operación estase seguindo escrupulosamente o establecido na
normativa xurídica aplicable. Así, o plan de axuste aprobado polo pleno
municipal recibiu informe favorable do ministerio o 30 de abril, incluindo nel
unha operación de préstamo de 1.320,457,22 euros.
Dese total, nunha primeira fase do procedemento de pago a provedores
aprobouse formalizar 826.412,43 euros. Este importe corresponde ás facturas da
relación certificada das empresas que manifestaron a súa vontade de acudir ao
procedemento antes do 22 de abril. A aprobación desta primeira fase realizouse
por unha resolución da alcaldía o 11 de maio, ao tratarse do órgano competente
para a aprobación de tal operación, por non superar o 10% dos recursos
ordinarios do orzamento municipal (1.042.362,86 euros). Así o establece o Real
Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo.
O goberno municipal tamén lle explica á portavoz do PSOE teense que a
operación de endebedamento se ampliará na medida en que novas empresas se
adhiran ao procedemento nunha seguinte fase. Os provedores que así o estimen
poderán cobrar nesta fase, que se vai completar entre os meses de xuño e de
xullo. Unicamente se o importe total do endebedamento supera o 10% dos recursos
ordinarios a competencia pasará a ser do Pleno da Corporación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario