Elvira Cienfuegos demandará no Pleno a apertura do Centro de recuperación integral das mulleres vítimas da violencia
“Beatriz Mato e Paula Prado realizaron unha visita en precampaña electoral para anunciar a inminente entrada en funcionamento deste espazo”
O concelleira do BNG Elvira Cienfuegos presentou en rolda de prensa unha moción para demandar da Xunta a apertura do Centro de recuperación integral das mulleres vítimas da violencia.
O 8 de marzo celébrase o Día Internacional das Mulleres, unha xornada que ten que servir, entre outras cousas, para visibilizar o papel da muller na sociedade e tamén a súa situación que, pese aos avances legais, precisa avances cara a igualdade real no ámbito laboral, no social ou no doméstico, explicou a concelleira. “Estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos están empobrecendo de xeito especial as mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista, unha lacra social que sigue viva e que ten a súa raíz nas desigualdades”, engadiu.
Nestes momentos difíciles, os concellos, como administracións máis próximas, teñen que implicarse se cabe máis en manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e para a protección das vítimas e deben tamén reclamar doutras instancias competentes, o cumprimento coa obriga de garantir ás mulleres o dereito a vivir sen violencia, indicou.
A erradicación da violencia contra as mulleres require medidas en moitos ámbitos, tamén no educativo, que terán o seus efectos a medio e longo prazo, pero tamén medidas de axuda ás mulleres que a sofren, que lles permitan subtraerse a ela e recuperar a normalidade da súa vida e dos seus fillos ou fillas. Esta funcionalidade é a que se espera do Centro de Recuperación Integral das Mulleres, un equipamento desenvolvido no barrio de san Lourenzo, onde antes estivo a Casa de Acollida para mulleres vítimas de violencia.
Tal como explicou a concelleira, o Concello de Santiago cedeu o espazo, algo máis de 500 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, para que a Xunta procedese á realización da intervención necesaria para o seu funcionamento como Centro de recuperación integral para mulleres vítimas de violencia, un centro desde o que desenvolver actividades, individuais e de grupo, de formación, de asesoría xurídica, de intervención social ou psicolóxica para as mulleres que sufriron maltrato.
As obras de acondicionamento deste centro remataron en agosto de 2012 e en setembro saíu a concurso o mobiliario, cun mes de prazo, cunha dotación duns 100.000 euros e financiado con fondos europeos.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a daquela responsábel de Servizos Sociais, Paula Prado, realizaron unha visita en precampaña electoral para anunciar a inminente apertura deste centro. “A próxima conmemoración do Día Internacional das Mulleres parécenos unha boa ocasión para a apertura das instalacións, posto que a violencia de xénero non parece remitir e faise necesario e urxente activar todos os recursos posibles para garantir ás mulleres o dereito a vivir sen ela”, sinalou a concelleira.