Santiago - axenda sábado 5 e actuacións policía local


Sábado 5

20.30 h
No Auditorio de Galicia (Sala Mozart), concerto de Airas Ensemble dentro do ciclo 'Música de Cámara'. 

22.00 h
Na Zona "C", concerto de La Débil (Madrid, post-punk) presentando en Galicia o seu novo disco 'Sángrala' e Unicornibot (Pontevedra, mambo-noise) que presentan 'Dálle!' dentro do ciclo Compostela Rock e enmarcado en Curtocircuíto.

Brión - protección civil deixa de prestar servizo fora do concello polos recortes da Xunta


O SERVIZO MUNICIPAL DE PROTECCIÓN CIVIL DO CONCELLO DE BRIÓN SÓ PRESTARÁ SERVIZO NO TERMO MUNICIPAL BRIONÉS A PARTIR DE HOXE

O alcalde de Brión lamenta ter que tomar “esta difícil decisión” pero lembra que “se non hai servizo de grumir é porque a Xunta deixou de colaborar na súa financiación”

 Emerxencias de Brión realizou un total de 356 intervencións en 2011, das que 231 tiveron lugar en Brión, 85 en Ames e 40 nos municipios de Teo, Santiago, Rois, Negreira e Padrón

4 de maio de 2012.- O Servizo Municipal de Protección Civil do Concello de Brión só prestará servizo dentro dos límites do termo municipal brionés a partir de hoxe. O alcalde brionés, Xosé Luís García, explica que “o Concello de Brión leva xa varios meses financiando e aguantando en solitario este servizo nas condicións actuais, pero a Xunta desentendeuse totalmente e non fixo caso ningún aos distintos requerementos que lle fixemos polo que, con moita dor de corazón, a partir de hoxe deixaremos de prestar servizo fóra do termo municipal de Brión e só imos atender aos veciños e veciñas de Brión”.

Ames NOvo Ames - comunicado sobre as novas taxas do lixo


Ames Novo esíxella ao goberno que non penalice aos veciños do rural por un problema do que non son responsables

(Ames 4-5-2012) O Concello de Ames está enviando notificación ás casas do rural para reclamar supostos atrasos pola recollida do lixo. Estes veciños non pagaran con anterioridade por esta recollida, e o Concello pretende cobrar 3 anos de taxas nun só pago. O goberno Popular castiga deste xeito aos veciños da zona rural, obrigándoos a pagar unha taxa acumulada de varios anos, e da que non tiveran coñecemento ata o momento. Ames Novo considera un abuso o cobro de golpe das taxas de varios anos, o Concello non pode facer cargo á cidadanía dos seus propios erros.

PSOE Ames - abuso no cobro do lixo


O alcalde de Ames atraca aos veciños cobrando o lixo no rural de forma abusiva


O goberno de Santiago Amor antepón o seu afán recadatorio ós intereses veciñais
Cobrar os recibos de xeito retroactivo parécenos un abuso económico contra as familias de Ames
Trátase dunha pura decisión política deste Goberno e no que se volve a mentir á cidadanía con acusacións ao anterior goberno

Preto de tres mil familias do rural de Ames atópanse estes días cunha inquietude económica importante por mor dun dos servizos básicos no noso Concello como é o da recollida de lixo. Estes veciños recibiron nas súas casas facturas desorbitadas, certificadas do Concello, que ascenden por riba dos douscentos euros por este servizo e non comprenden os motivos de tales contías. Indignados coinciden en que se trata dun roubo e eles mesmos pregúntanse se tolearon.

Federación libreiros - programación na fin de semana da feira do libro de Santiago


A FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO SEGUIRÁ CHEA DE VIDA NA FIN DE SEMANA


A  cita cos libros seguirá ata o domingo no Paseo Central da Alameda compostelá con nomes como Xurxo Ayán, Manuel Gago, Xabier Cordal, Anxo Angueira, Xosé Luís Méndez Ferrín,  Xavier Frías, Paula Carballeira, Cristina Prieto, Irene Castelos ou José Luís Iglesias

Mañá sábado, a editorial Ouvirmos monta talleres de cociña para nenos


4 de maio de 2012.- A XXXI edición da Feira do Libro de Santiago aínda gozará de varias xornadas para perderse entre letras. A cita chega ata o domingo 6 de maio.

o sábado e mailo domingo de 12:00 a 14:30 e de 17:30 a 21:30 horas.

Os volumes á venda nas casetas contan cun 10% de desconto. Os visitantes poden achegarse a ela sen temor á choiva pois o recinto está tapado e perfectamente acondicionado para acoller as distintas actividades que forman parte do programa, coma os sorteos diarios de exemplares.

Sábado 5 de maio

Mañá, sábado 5, as actividades comezan pola mañá. Ás 12:30, a editorial Ouvirmos, presentará a colección Cociña infantil e familiar, e montará obradoiros de cociña para nenos.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, preséntase Transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tomarán parte no acto Arturo Casas, Oriana Méndez, Manuel Bragado e máis o autor.

Plataforma en defensa do Sar - urxencia na construcción da nova EDAR


No día de hoxe, 4 de maio de 2012, representantes da Plataforma pola Recuperación do Sar reuníronse co Presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, ao que transmitiron a súa preocupación pola premura que hai en canto a plazos para que se leve a cabo a construción da nova EDAR de Santiago, xa que as obras da nova instalación deben estar finalizadas o 31 de decembro de 2015. Novamente plantexouse a importancia de axilizar ao máximo todo tipo de trámites a fin de que non se perda a subvención da Unión Europea para este fin. 

Ames - o concello pide colaboración para combater os roubos de cobre


O Concello de Ames solicita a colaboración veciñal para evitar novos roubos de cable de cobre
A Policía Local detectou tres casos de furto de tendido eléctrico nas parroquias amienses na última semana. O Concello fai un chamamento aos veciños para que alerten aos axentes de calquera situación que lles poida parecer relevante.
Ames, 5 de maio de 2012. Ante o importante incremento do número de furtos de cable de cobre rexistrado nas últimas semanas, o Concello de Ames quere facer un chamamento aos veciños do municipio para que alerten á Policía Local de calquera situación que lles poida parecer relevante. O obxectivo é evitar, na medida do posible, que se produzan novos roubos. Na maioría das ocasións, estes sucesos xeran o corte da subministración eléctrica.

BNG Ordes - proposta de prohibición do tráfico pesado pola vila


O BNG PROPÓN INSTAR AO MINISTERIO DE FOMENTO A PROHIBIR O TRÁNSITO DE VEHÍCULOS PESADOS NO TRAMO DA N-550 QUE PASA POLA VILA DE ORDES

Os nacionalistas presentan unha moción para que o Pleno pida ao Ministerio esta limitación ao tráfico pesado que circule en dirección a Santiago ou A Coruña, ao existir a alternativa da recén inaugurada Ronda Este.
Na moción se propoñen excepcións nos casos xustificados, como o de vehículos que deban efectuar descargas en empresas ou comercios, ou o transporte público con paradas na vila.

Psoe Negreira - comunicado sobre as farmacias de guardia do concello


Grupo Municipal Socialista de Negreira.

O Grupo Municipal Socialista de Negreira quere denunciar ao tempo que rexeitar a situación na que se atopa o Concello de Negreira en referencia ao servicio de farmacias de garda, tanto os fins de semana coma os días festivos.
Dende fai un mes, o servizo de garda das farmacias vense a compartir entre as existentes no noso pobo e as existentes no Concello de A Baña.
É dicir que hai fins de semana ou festivos, nos que no Concello de Negreira non existen farmacias que presten o servicio de garda, téndose que desprazar o usuario ata o veciño Concello de A Baña.
Dende o noso Grupo Municipal rexeitamos de cheo tal medida adoptada pola Xunta de Galicia e esiximos que se volva a repoñer o servicio de farmacias de garda, noso pobo.

KALANDRAKA - exposición sobre a campaña de animación a lectura de Santiago


A EXPOSICIÓN DE ILUSTRACIÓNS DA XII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN
Á LECTURA DE SANTIAGO PODERASE VISITAR ATA O 31 DE MAIO EN SARGADELOS
A mostra “Unha viaxe de ida e volta” contén traballos de artistas internacionais
Paloma Valdivia Arianna Papini Martín León Barreto
Elisa Arguilé Catherine Louis Marina Marcolin Baldo Ramos
A Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16) acolle ata o vindeiro 31 de maio unha exposición de ilustracións, libros e obxectos no marco da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, co lema “Unha viaxe de ida e volta”. A mostra, aberta ao público en horario comercial, ofrece a obra de diversos artistas internacionais: o galego Baldo Ramos, a zaragozana Elisa Arguilé, a chilena Paloma Valdivia, o uruguaio Martín León Barreto, as italianas Arianna Papini e Marina Marcolin, e a francesa Catherine Louis.
Esta exposición é o espazo no que transcorren as sesións de contos e música nas que participan escolares dos centros educativos de Compostela, e as actividades abertas ás familias, como a sesión especial para bebés de 0 a 3 anos que se celebrará o vindeiro 12 de maio ás 11:30 e ás 12:30 horas.

Silleda - terceira proba de tiro con arco mañá domingo puntuable para a liga nacional


Carboeiro acolle mañá a terceira proba de percorrido de bosque en 3D da Liga Nacional de REFTA

              Participarán 81 arqueiros, cinco deles de Silleda


Silleda, 5 de maio de 2012. Mañá, día 6 de maio, os bosques de Carboeiro acollerán a terceira proba da Liga Nacional de REFTA de percorrido de bosque en 3D.

A mecánica desta modalidade contempla dous percorridos de 20 dianas que representan animais a tamaño natural, situadas de modo que simulen a posición real do animal no monte, e cada figura está marcada a zona vital (corazón e pulmón).

Cada arqueiro dispara dúas frechas dende a posición sinalada que se encontra a unha distancia da figura, que en función do tamaño da mesma varía entre os 5 e os 35 metros. A puntuación acadada dependerá da parte do animal en que faga impacto a frecha.

Oroso - éxito dos xuvenís e infantís de futbol do concello


OS XUVENÍS E OS INFANTÍS DA E.D. XUVENTUDE OROSO, CAMPIÓNS DE LIGA A TRES XORNADAS DO FINAL

A SD Deixebre logra matematicamente o ascenso a 2ª Rexional por segunda vez na súa historia

3 de maio de 2012.- Corren bos tempos para o fútbol en Oroso, tanto base como federados. As Escolas Deportivas Xuventude Oroso veñen de conseguir os campionatos de Liga nas categorías xuvenil e infantil; mentres que a SD Deixebre vén de lograr matematicamente o campionato de Liga e o ascendo á Segunda Rexional, fito que consegue por segunda vez na súa historia. Uns logros que serán premiados na V Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro.

Caney - éxito de participación no concurso de receitas de cocina


Gran éxito de participación en el 2º Concurso de Recetas Caseras de Arroz que organiza el Restaurante Caney

El ganador se dará a conocer vía Facebook el viernes 11 de Mayo a partir de las 10 de la mañana. El premio consiste en una cena para dos durante la Semana Gastronómica del Arroz en el Restaurante Caney

Las bases del concurso pueden consultarse en el Facebook del Caney (Facebook.com/RestauranteCaney)

Santiago de Compostela, Viernes 4 de Mayo de 2012. Por segundo año consecutivo, el Restaurante Caney de Santiago ha convocado el Concurso de Recetas Caseras de Arroz. Desde la apertura del plazo para enviar las recetas el pasado 25 de Abril, el equipo del Caney ya ha recibido más de medio centenar de recetas.

Silleda - cea solidaria de Escuadro


Compoñentes da  Banda de Muimenta e das charangas Ardores e Viño Blanco  tocarán hoxe de balde durante a cea solidaria de Escuadro

            Actualmente hai máis de 120 persoas anotadas

 A partir das 22.00 horas no Centro Social de Escuadro terá lugar a cea solidaria para recadar fondos destinados ao programa Vacacións en Paz, grazas ao que varios nenos saharauís poden pasar os meses de verán no noso municipio.

Varios compoñentes da Banda de Muimenta e das charangas Ardores e Viño Blanco tocarán mañá de balde durante a devandita cea; asemade, numerosos comerciantes de Silleda doarán vales de compra que se sortearán durante a noite, de acordo co número da entrada.

Ordes - hoxe celebrase a feira Adina en Mesón do Vento


Mesón do vento celebrará este sábado unha renovada Feira da Adina con xornadas adicadas aos productos galegos

Os cabalos serán os protagonistas neste primeiro día, onde os comerciantes poderán instalar os seus postos gratuitamente. Mercado gandeiro, exhibicións, gastronomía e baile danse cita nesta nova convocatoria

Ordes 03 maio 2012.  O vindeiro sábado 5 de maio Mesón do vento acollerá a Feira da Adina. Unha cita festiva pero tamén empresarial xa que se presenta como un dos puntos de compra e venda de gando máis destacado de toda a provincia para esa fin de semana. O mercado de gando abrirá as súas portas dende primeira hora con exemplares de raza vacuna, equina e porcina, ademáis de contar con outro tipo de postos como os textís ou os de alimentación, etc. Deste xeito, e en colaboración co Concello de Ordes, un grupo de empresarios da zona pretende dinamizar e dar pulo a esta cita que conta xa con máis de 100 anos de antigüedade e que se ven celebrando todos os sábados víspera do primeiro e terceiro domingo de cada mes.

Santiago - esta noite concerto de Airas Ensamble no Auditorio


Concerto de Airas Ensemble dentro do ciclo ‘Música de Cámara’ no Auditorio de Galicia

  • As entradas, 6€ (30€ para todo o ciclo), poden mercarse na billeteira do Principal de martes a sábado de 18 a 21h e na do Auditorio o día do concerto a partir das 18h

  • Poderemos escoitar tamén neste ciclo, logo do cocnerto inaugural de Filhartompía Quartet, a Sonatas á Italiana, Omega Brass Ensemble, Trío Pifa e Pamina Trío

Santiago de Compostela, 04/05/2012.- O novo ciclo da concellería de Cultura, ‘Música de Cámara’ ofrécenos mañá un segundo concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Será, nesta ocasión con Airas Ensemble. Poderemos escoitalos a partir das 20.30h e as entradas, 6€ (30€ para todo o ciclo), poden mercarse na billeteira do Principal de martes a sábado de 18 a 21h e na do Auditorio o día do concerto a partir das 18h. Despois deste concerto, e logo da inauguración con Philhartrompía Quartet, poderemos escoitar neste ciclo a Sonatas á Italiana, Omega Brass Ensemble, Trío Pifa e Pamina Trío.

Santiago - programación da fin de semana de Curtocircuito


Proxeccións e concertos esta fin de semana en Curtocircuíto

  • Sábado e domingo teremos proxeccións no Principal, na Zona “C” e no Abastos EGC ademais de concerto con La Débil e Unicornibot na Zona “C”o sábado ás 22.00h

  • Luns haberá proxeccións na Zona “C” e concerto na Sala Capitol con Toy Dolls+Novedades Carminha a partir das 20.00h

Santiago de Compostela, 04/05/2012.- Esta fin de semana vén cargada de programación da IX edición de Curtocircuíto. Haberá proxección de curtametraxes de Compostelae, Internacional, Romanía, Tentación, Cuba e Explora en distintos sitios da cidade. E en canto á música temos concertos don La Débil+Unicornibot e Toy Dolls+Novedades Carminha. Ademais, no Abastos EGC haberá Happy Hours nas que os profesionais do sector poderán intercambiar as súas inquietudes.

Santiago - axenda venres 4


Venres 4

10.00 h
En San Caetano, o alcalde compostelán, Ángel Currás, reúnese en audiencia co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. A continuación, asina un convenio coa Consellería para o fomento do transporte urbano. Haberá declaracións ao remate na Sala de Xuntas da Consellería.

10.00 h e 11.30 h
Na Inmaculada cunha sesión ás 10:00 h e no CEIP López Ferreiro ás 11:30 h, 2º Ciclo de concertos didácticos nos centros de educación infantil e primaria de Santiago, organizados pola Concellería de Educación, a través da Escola Municipal de Música.

11.30 h
Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre asuntos de caracter local.

12.00 h
Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

Brión - licitación da cafetería do centro social


O CONCELLO DE BRIÓN SACA A LICITACIÓN O SERVIZO DE CAFÉ BAR NO CENTRO SOCIAL POLIVALENTE

3 de maio de 2012.- O Concello de Brión saca a licitación o servizo de café-bar no Centro Social Polivalente de Pedrouzos polos vindeiros catro anos e que hoxe foi publicado no Boletín Oficial da Provincia. De acordo coas condicións xerais da prestación, o adxudicatario deberá aboar un canon anual mínimo de 2.400 euros, cantidade que poderá ser mellorada á alza polos licitadores nas súas propostas. Estes 2.400 euros anuais do canon inclúen os gastos de subministro de auga e enerxía eléctrica.

Silleda - o ministerio de facenda emite informa favorable ao plan de axuste


O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas emitiu un informe favorable ao plan de axustes do Concello de Silleda

            Silleda, 3 de maio de 2012. O Concello de Silleda vén de recibir un informe favorable do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ao plan de Axustes, polo que o concello poderá concertar a operación de préstamo a largo prazo precisas para o importe das obrigas pendentes de pago que actualmente ascenden a 1.100.000 euros.
           
            Cabe destacar que 795.000 euros fora a cantidade que se levara ao pleno do mes de marzo, pero a partir de entón, fóronse incorporando peticións individuais de empresas, polo que agora a cifra ascende a máis dun millón. Ademais, a diario chegan novas facturas, polo que non todas as que se presentaron están incluídas nesta cantidade, que se pechará nos próximos días.