JOSÉ BREA DONO, FUNDADOR DO GRUPO BREA E AUTOS BREA, CONVÉRTESE NO PRIMEIRO FILLO PREDILECTO DO CONCELLO DE OROSO
Manuel Mirás aposta pola creación dun corredor industrial Santiago-Oroso-Ordes, onde estas infraestruturas poderían complementarse
30 de abril de 2011.- Máis de 250 persoas encheron esta mañá o centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro para asisitiren ao nomeamento de José Brea Dono, fundador do Grupo Brea e de Autos Brea, como primeiro fillo predilecto do Concello de Oroso. Un acto presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado polo alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen se encargo uda laudatio ao homenaxeado.
Manuel Mirás entregoulle a José Brea unha insignia, unha medalla e un pergamiño honoríficos que demostran o recoñecemento do Concello de Oroso cara “un ilustre empresario que tivo o acerto e o bo gusto de nacer aquí” e cuxas empresas dan traballo a 212 persoas, “moitas delas veciños e veciñas de Oroso”. Así, explicou que este tipo de actos “son froito dunha aposta deste Goberno que presido por poñer en marcha unha cultura de recoñecemento ás persoas deste municipio para, entre todos, facer máis pobo, máis Oroso”.
Mirás Franqueira destacou que José Brea “pertence a unha familia de Oroso das de toda a vida”, pois é o segundo fillo dunha familia numerosa de dez irmáns nacidos do matrimonio formado por Manuel Brea Vázquez e Manuela Dono Rey. Así, aínda que este empresario desenvolveu dende moi novo a súa actividade no veciño concello de Santiago de Compostela, o alcalde orosán ofreceulle un espazo nos máis de 500.000 m2 do polígono empresarial San Martiño II por “se tes previsto facer algun investimento complementario das plantas que tes en Santiago, que saibas que aquí tes a túa casa”.
Corredor industrial Santiago-Oroso-Ordes
Manuel Mirás explicoulles aos presentes que a súa intención non era que o Grupo Brea trasladase a súa sede de Santiago a Oroso, senón que dixo que “tanto os polígonos empresariais de Santiago como os de Oroso, e incluso o de Ordes, poden ser complementarios. De feito, deberían conformar un auténtico corredor industrial, que sería dos máis importantes de Galicia”. Así, Mirás Franqueira esbozou “un corredor industrial Santiago-Oroso-Ordes, vertebrado por dúas infraestruturas tan importantes como a Nacional 550 e a Autopista AP-9, que estou seguro que sería unha oportunidade de negocio moi importante pola nosa situación xeográfica estratéxica e as boas comunicacións das que dispoñemos”.
Unhas boas comunicacións que en Oroso aínda se verán máis melloradas coa execución do enlace sur da autopista. “Este era un dos grandes compromisos cos cidadáns do Goberno que presido e podo dicir que espero que o Ministerio de Fomento saque a licitación o enlace sur da AP-9 o vindeiro mes de xuño”, anunciou o alcalde orosáns.
Sánchez Bugallo: “escoitar Brea é sentir o orgullo de ser cidadán de Compostela”
Na súa intervención, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, destacou que José Brea “é un exemplo do galego emprendedor” e remarcou que “a distinción que hoxe se lle outorga é un recoñecemento a ese brillante labor como empresario”. O rexedor da capital de Galicia fixo un repaso pola traxectoria vital e profesional de Brea Dono e do seu vínculo co progreso da cidade, para concluír que “hoxe, escoitar Brea é sentir o orgullo de ser cidadán da área de Compostela e admiración por que un paisano noso teña sido capaz de acadar metas tan altas”.
Bugallo recoñeceuse “afortunado” por “contar dentro do meu territorio cun emprendedor” como Brea Dono. Suliñou que o dinamismo do tecido empresarial redunda na fortaleza da cidade e nun maior grao de cohesión social. Neste sentido, o alcalde santiagués agradeceu o traballo de Brea para “construír cidade” na súa etapa como membro da xunta directiva da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.
O primeiro edil compostelán aproveitou tamén para destacar que o novo Fillo Predilecto de Oroso “nunca perdeu o contacto co seu pobo natal, vén case todas as fins de semana e visita aos seus veciños e a súa casa familiar que aínda conserva e onde mantén vivas as lembranzas da súa infancia”, comentou.
Agradecemento de José Brea
José Brea Dono dedicou a súa intervención a agradecer a distinción que recibiu hoxe e manifestou que a recolle “con moita honra e gran ilusión”. Dixo tamén sentirse emocionado polo “cariño co que sempre me tratades todos, hoxe e cada vez que veño”.
José Brea Dono é o primeiro fillo predilecto de Oroso, despois de que o Concello orosán se dotase o pasado ano dun regulamento de distincións polo que nomeou tamén fillo adoptivo a Joaquín González Iglesias, director xeral do grupo Vegalsa-Eroski. O seu nomeamento foi aprobado polo pleno municipal de 30 de setembro de 2010 cos votos a favor de PSOE, BNG e PP, e coa abstención da concelleira de Terra Galega (o Partido Galeguista non asistiu á sesión).
José Brea Dono, nacido en Oroso no ano 1928, é o fundador de Autos Brea e do Grupo Brea, que na actualidade dan traballo a un total de 212 persoas. Brea Dono é o segundo fillo dunha familia numerosa de 10 irmáns nacidos do matrimonio formado por Manuel Brea Vázquez e Manuela Dono Rey. Casou en 1952 con Celsa Hervés Parada, coa que tivo dous fillos e tres fillas. José Brea comezou a traballar no mundo da automoción aos 18 anos no taller mecánico Sánchez y Seoane (Santiago). Despois de traballar en Talleres Caeiro, abriu o seu primeiro negocio no 1961: un pequeno taller mecánico especialista nas marcas Seat e Renault en Santiago de Compostela.
No ano 1963, xunto ao seu irmán Luis (xa falecido), creou unha empresa de aluguer de automóbiles sen condutor: Autos Brea, un negocio pioneiro en Galicia e que despois se expansionou a Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Ferrol. En 1975 abriu un novo taller de reparación de mecánica, chapa e pintura denominado Talleres Brea.
No 1979 nace o que hoxe é coñecido como Grupo Brea, coa apertura dunha nave no polígono do Tambre (Santiago) e como axente de vendas de Seat. Posteriormente, pasaron a ser concesionario de vehículos Seat, momento no que asumiron o nome de Brea Hervés. En 1986 convertéronse en concesionarios de Seat, Volkswagen e Audi. Despois chegarían Brea Móvil (1999), Brea Automoción (2002) e unha importante expansión por Galicia. Na actualidade, dá emprego a un total de 212 persoas: 52 en Autos Brea e 160 no Grupo Brea.