COMUNICADO DE ALCALDÍA
O meu obxectivo era restablecer o servizo e sacar o lixo das rúas e iso
conseguino plenamente
·
Estou disposto a
defender a miña actuación alí onde sexa necesario e se o comité de empresa de
Servia non inicia accións xudiciais fareino eu mesmo.
·
O meu enfrontamento
non foi cos sindicatos, aos que lles teño un profundo respecto institucional,
senón cun axitador político-sindical pasado de revolucións que actúa baixo as
siglas da CIG.
·
Eu débome á defensa
dos intereses dos veciños e veciñas de Ames que me pediron unha actuación firme
e contundente.
Ante o anuncio que fixo onte en rolda de prensa o comité
de empresa da planta de Servia para explicar que nos próximos días van
presentar unha denuncia por vía penal contra o alcalde de Ames, Carlos
Fernández, ao que acusan “de vulnerar o dereito á folga dos traballadores por
empregar unha empresa pública para recoller o lixo das principais rúas de
Bertamiráns e do Milladoiro”, o rexedor municipal quere deixar claro que se vai
defender “con uñas e dentes para explicar a postura que adoptei”.
O rexedor municipal comeza dicindo que “se chegaran a
formular algún tipo demanda por poñer en marcha un operativo especial de
recollida de lixo eu comparecerei, sen dúbida algunha, na defensa da miña
postura. No caso de que o comité de empresa non emprenda accións xudiciais e
todo quede nun anuncio froito da tensión do momento, eu mesmo iniciarei accións
xudiciais polo abandono dun servizo básico para a cidadanía”. Fernández aínda
recalca máis a súa postura e incide en que “estou tan convencido de que a miña
actuación foi totalmente correcta que se eles non emprenden accións xudiciais
estou disposto a facelo eu”.
Os argumentos que expón o rexedor municipal na súa
defensa son claros e contundentes xa que se basea en informes xurídicos, en
varios comunicados da Mancomunidade Serra do Barbanza, FCC SA e do valedor do
pobo e tendo en conta o claro abandono dun servizo básico para a cidadanía como
é a recollida do lixo. Carlos Fernández explica que “porei a disposición dos
xuíces se fose preciso todos os argumentos que me levaron a ordenar a retirada
do lixo ante o abandono deste servizo durante case unha semana”.
O rexedor municipal engade que
“eu sabía que o comité de empresa de Servia tiña que recuar si ou si porque
eran conscientes da ilegalidade desta folga. O xoves, ás 19:57 horas, e antes
de que comezase o pleno extraordinario recibín unha mensaxe que me anunciaba
que se ía desconvocar a folga. De feito o Pleno rematou á media noite e dúas
horas antes os camións xa estaban recollendo o lixo en Ames”.
- Carlos Fernández detalla a continuación cales foron os
seus argumentos para organizar un operativo especial de recollida do lixo:
Primeiro: Os informes xurídicos avalan a
miña actuación e inciden en que a “folga” que viña desenvolvendo o comité de
empresa de Servia era claramente “ilegal”. O primeiro informe fala de que o
comité de empresa non se acolleu ao ámbito concreto e determinado da
Mancomunidade Serra do Barbanza coa subseguinte decisión de delimitar a folga a
só dous concellos integrados na propia Mancomunidade. Polo tanto “esta folga
non ten respaldo algún e deixa desamparada de causa lexítima o cesamento das
obrigas derivadas do centro de traballo, de forma que a falta de asistencia ao
traballo convértense en infraccións que deberían de ser corrixidas pola
aplicación do réxime disciplinario e sancionador”.
No segundo informe xurídico recóllese que “o que en
realidade se está producindo é un manifesto fraude da lei consistente en
formular unha folga co único fin de presionar aos Concellos de Ames e Carnota,
que non se pregarán ante unhas pretensións de natureza política formuladas
polos traballadores con invasión do ámbito natural das decisións empresariais”.
Segundo: A propia Mancomunidade Serra do Barbanza declarou nun
escrito dirixido á empresa concesionaria do servizo. FCC SA, o día 16 de
novembro de 2010, que “a folga é ilegal e inxustificada cando se inicie ou
sosteña por motivos políticos ou calquera outra finalidade allea aos intereses
dos traballadores afectados”. Este comunicado está asinado polo presidente da
Mancomunidade, Domingos Dosil Cubelo. Este mesmo escrito remata requirindo á
empresa FCC SA, na súa calidade de concesionaria do servizo público, para que
volva a retomar a súa actividade nos Concellos de Ames e Carnota, sen prexuízo
de adoptar medidas sancionadoras ou doutra orde se fosen procedentes.
Terceiro: A propia empresa FCC SA dirixiu
un escrito ao comité de empresa o pasado 12 de novembro de 2010 afirmando que “a
situación de folga latente que o comité de empresa plantexa é ilegal xa que o
paro na prestación do servizo afecta a unha empresa encargada dun servizo
público. Ao mesmo tempo advírtelle ao propio comité de empresa que de levarse a
cabo a devandita folga poderanse aplicar medidas sancionadoras como falta moi
grave coas consecuencias inherentes que iso ocasiona”.
Cuarto: A situación de abandono dun servizo básico para a
cidadanía que ten consecuencias no tocante ás condicións hixiénico-sanitarias
das nosas rúas e para centenares de veciños/as do noso concello, que reclamaban
unha actuación co fin de acabar cos efectos negativos e nocivos que estaba
tendo a falta de recollida do lixo para a súa calidade de vida, hixiene e
salubridade pública e para os intereses dos comerciantes, hostaleiros, e do
persoal que traballa no sector servizos, que esixían unha resposta contundente
da Administración municipal.
Quinto: Resultou definitivo para avalar e incentivar a decisión
municipal de poñer en marcha un operativo de recollida de lixo un escrito
emitido polo valedor do pobo con data de 18 de novembro de 2010 no que se
afirmaba “a situación conflitiva actualmente non garante a prestación dun
servizo municipal básico para a cidadanía amiense que afecta a salubridade e ao
ornato publico”. Este comunicado remataba pedíndolle ao alcalde que lle
facilitase “información sobre as actuacións programadas para paliar os efectos
nocivos derivados de sete xornadas de folga no sector”.



