Uri Davis: “Israel está cometendo un crime
contra a humanidade”
“Son un cidadán do Reino Unido e de Israel, un estado,
este último, que perpetra crimes no meu nome. Por iso, quero dicir abertamente
que o goberno de Israel non me representa e por iso estou aquí, para que todos
coñezan a realidade e saiban que Israel está cometendo un crime contra a
humanidade”
Santiago de Compostela Luns 21 de Maio de 2012. Uri Davis deu esta mesma mañá
unha rolda de prensa previa á conferencia das 20,00 h da tarde no Hotel
Araguaney. Ghaleb Jaber Ibrahim, Presidente da Fundación Araguaney foi o
encargado de introducir as palabras de Uri Davis, que quixo vir a Santiago de
Compostela para explicar o que é o Día da Nakba, que é como se coñece ao 15 de
maio desde 1948, data en que David Ben Gurión leu en Tel Aviv a declaración de
independencia do Estado de Israel, e data en que a sociedade palestina foi
destruída a causa do nacente Estado sionista.
Ghaleb Jaber presentou a Uri
dicindo que é “un israelí con conciencia humanitaria, en contra da ocupación de
Palestina, que naceu en Xerusalén e que ten todos os dereitos de ser palestino.
Está en Santiago como unha persoa de paz, que vén para explicar o que está
pasando en Palestina e que do mesmo xeito que eu, non condena o xudaísmo senón
a práctica que exerce o pobo xudeu cara a nós, os palestinos”.
Uri Davis foi moi claro nas
súas explicacións sobre o tema en cuestión. Expuxo que a situación dos
palestinos é similar á situación que se vivía en Sudáfrica durante as décadas
nas que rexía o Apartheid. Sendo unha persoa de orixe xudía, considérase
cidadán dun país que sofre o Apartheid. É dicir, considérase palestino e, aínda
que nin el nin a súa familia foron vítimas da Nakba, ou o que é o mesmo, aínda
que nin el nin a súa familia sufran a expropiación das súas terras, nin a
limpeza étnica que se levou a cabo, nin vivan en campos de refuxiados, deixou
claro que “teño a responsabilidade de porme en pé e gritar que o goberno de
Israel non me representa, posto que está cometendo un crime contra a
humanidade”.
Uri Davis constatou na súa
intervención que a organización sionista é unha organización que existe, que
ten a súa sede e a súa páxina web, cun programa político e uns partidos
politicos definidos. Por iso, non comparte a ideoloxía dos individuos
sionistas, quen xustifican a necesidade de que o territorio palestino deba
estar poboado por maioría de xudeus, feito que define a Israel como un estado
particante do Apartheid.
“A Nakba é o único xeito que
ten o Estado de Israel de manter unha maioría xudía nos territorios palestinos”
e, por mor diso, centos de localidades sufriron unha limpeza étnica ao longo de
moitos anos, que provocou que gran parte da poboación palestina teña que vivir
refuxiada e en pésimas condicións.
“Son un cidadán do Reino Unido
e de Israel, un estado que perpetra crimes no meu nome, por iso quero dicir
abertamente que o goberno de Israel non me representa e por iso estou aquí,
para que todos coñezan a realidade e saiban que Israel está cometendo un crime
contra a humanidade”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario