O PROGRAMA FALAREDES! TRAE ESTE DOMINGO A TEO A SÚA
ACTIVIDADE XUVENIL TITEREHOP
·
Consisten un obradoiro de hip hop conducido por García
Mc. e un obradoiro de expresión plástica con Monicreques Viravolta
·
Estes obradoiros terán lugar a partir das 18 horas no
Centro Sociocultural da Ramallosa e poden participar xóvenes de 13 a 17 anos
23 de maio de 2012.- O programa de dinamización lingüística
FalaRedes!, promovido pola secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta,
trae o vindeiro domingo 27 unha nova actividade ao Concello de Teo. Trátase do
TitereHop, unha combinación de títeres e de hip-hop destinada a mozos e mozas
de 13 a 17 anos que se desenvolverá a partir das 18 horas no Centro
Sociocultural da Ramallosa, cunha duración aproximada de tres horas.
A actividade, de acceso libre e de balde, comeza cun obradoiro de hip-hip
conducido por García Mc. O integrante do grupo Dios Ke Te Crew guiará e
aconsellará aos asistentes na creación de rimas e de letras para cancións que
comporán eles mesmos. De seguido, comezará o obradoiro de expresión plástica,
no que Monicreques Viravolta aprenderalles aos mozos e mozas a construír un
monicreque cantor con materiais reciclados.
Despois destas dúas accións, TitereHop porá en valor as dotes artísticas
dos participantes cunha demostración dos títeres cantantes de hip-hop. Todas as
interpretacións, que se acompañarán dunha base musical, poderán verse despois
na web desta actividade: www.titerehop.wordpress.com.
Esta actividade persegue un dos obxectivos principais do programa
FalaRedes!, que non é outro que crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego
ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación. Promóvese
así unha imaxe da lingua galega vinculada a valores positivos, de maneira que
se reforza o seu uso entre galegofalantes e proporcionanselles modelos
lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona.
Esta é xa a segunda actividade que FalaRedes! Desenvolve en Teo, como
Concello integrante da Rede de Dinamización Lingüística. O pasado 26 de abril
xa ofrecera nos Tilos unha sesión de Galego de Cine, a actividade enfocada aos
máis cativos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario