O BNG propón rematar xa a tramitación do PXOM e adaptalo posteriormente á nova Lei do Solo
O PP está utilizar manobras
espúreas e dilatorias para impedir a aprobación do PXOM
A Estrada, 19 de maio de 2010: O
Grupo Municipal do BNG da Estrada explicou esta mañá cal vai ser o
seu posicionamento a respecto da adaptación ou non do PXOM á nova
Lei do Solo. Para o BNG urxe aprobar canto antes o PXOM, non só para
rematar coa indefensión xurídica que hai no noso Concello, senón
para reactivar a economía local, moi mermada no actual contexto de
crise económica, o que fai do PXOM unha ferramenta imprescindíbel
para alcanzar este obxectivo.
Para o BNG da Estrada, ademais, as
modificacións contempladas na nova Lei do Solo non melloran en
absoluto a edificabilidade no rural, todo o contrario, eliminan por
completo as áreas de expansión dos núcleos rurais, ao tempo que se
redifinen estes.
Neste sentido o BNG da Estrada
defenderá na Comisión Informativa do mañá xoves, a continuidade
da tramitación do PXOM, adaptándoo, unha vez aprobado, á nova Lei
do Solo.
Malia que o esgrimido anteriormente xa
é razón abondo para desbotar agora a adaptación á Lei do Solo, o
BNG ampárase na toma desta decisión na propia Lei do Solo, que na
Disposición Adicional Primeira di textualmente que “Os plans
aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei
poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación
definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de
ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.”.
Temos que recordar que a aprobación inicial do PXOM da Estrada
fíxose o 30 de xaneiro de 2006, tal e como o recoñece a propia
Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Urbanismo. E non só
iso, para o BNG a adaptación agora do PXOM entraría en contradición
coa orde de 5 de maio, da daquela COTOP, que indicaba os aspectos que
compriría modificar no PXOM para que este fora aprobado pola
Consellaría.
Neste sentido entendemos que o PP, que
dirixe a actual Consellaría que aprobaría definitivamente o PXOM da
Estrada, está a utilizar manobras espúreas e dilatorias para que o
noso Concello non teña Plan Xeral, e introducir este debate en plena
campaña electoral.
Para o BNG da Estrada estas manobras do
PP son única e exclusivamente por cuestións electorais. Ao PP non
lle interesa A Estrada nin o seu futuro, e utilizará todas as súas
armas políticas para derrubar calquera intento que haxa de dotar o
noso Concello dun Plan Xeral. A historia recente demostra ademais que
PP e PXOM son absolutamente incompatíbeis, só temos que recordar os
16 anos de goberno Popular para decatármonos de que a este partido
non lle interesa aprobar ningún PXOM.
Desde o BNG da Estrada apelamos á
sensatez política das restantes forzas políticas con representación
municipal para aprobar xa o PXOM, facendo as adaptacións oportunas
posteriormente, xa que é vital para que o Concello se dote dos
equipamentos (centro de día, centro de saúde, ...) que tanta falta
nos fan, de solo industrial que xere emprego, e dunha seguridade
xurídica da que carece actualmente.
