Silleda - o concello promoverá a creación dunha asociación de maiores


A Concellería de Benestar promoverá a creación dunha asociación para dinamizar o Centro Social dos Maiores

-A creación deste colectivo suporía unha maior implicación dos usuarios na organización das actividades e no propio funcionamento do centro

-Máis de 20 usuarios estarían dispostos a formar parte da directiva, segundo unha enquisa 


A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe a concelleira Dolores García Troitiño, ten previsto promover a creación dunha asociación para dinamizar o Centro Social dos Maiores.
Coa creación deste colectivo acadaríase unha maior implicación dos usuarios que acoden habitualmente a estas depedencias municipais, e que participarían directamente na súa dinamización e na organización de actividades. Así mesmo, coa súa conformación podería optarse á convocatoria de subvencións ou axudas públicas que contribuirían ao financiamento de actividades.
A idea de crear unha asociación tivo moi boa resposta entre os usuarios das dúas instalacións do centro (en Silleda e A Bandeira). Das 107 persoas enquisadas, case a práctica totalidade (103 en concreto), amosaron a súa conformidade con esta iniciativa, e un total de 82 afirma que estaría disposto a integrar a sociedade.  “Tivo moi boa acollida, tanto é así que un total de 24 persoas estarían xa despostas a formar parte da xunta directiva”, destaca a concelleira Dolores García.
Na enquisa realizada polo departamento municipal de Benestar Social e Igualdade, tamén se consultou aos usuarios do Centro Social dos Maiores sobre as súas preferencias na organización de actividades. A celebración de excursións e sesións de baile encabezan o ránquin de preferencias dos usuarios, seguidas de obradoiros para exercitar a memoria, de pintura ou de novas tecnoloxías.
Algúns dos enquisados tamén aportaron as súas suxerencias relativas a outras actividades ou sobre cómo mellorar o funcionamento do centro. Algúns dos enquisados apuntaron que se debería de ampliar o horario dos centros para abrilos todos os días (pechan na xornada dos luns). Sobre outras actividades os usuarios suxeriron a celebración de cursos de mecánica, a creación dun coro, ou un taller de risoterapia.

Ningún comentario: