Ames – aprobase en pleno o POS 2012

O Pleno aproba por unanimidade o Plan de Servizos e Obras 2012

A corporación municipal aprobou por unanimidade as obras que se incluirán no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial correspondente ao 2012. A contía asignada ao Concello de Ames, dentro do POS 2012, ascende a 481.571,62 euros. Deste importe o goberno municipal destinará 254.759,48 euros, que representa o 52,90%, ao financiamento de gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos mínimos obrigatorios. Por outra banda adícanse 239.001,20 euros para a realización de obras (47,10%) coa inclusión de dous proxectos que se consideran de especial importancia en Barouta e na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns. No POS complementario recóllese o proxecto de saneamento en Portanxil. Nesta contía inclúense 12.189,06 euros que achega a Administración local. Co obxectivo de chegar a un consenso antes das comisións informativas e do Pleno, o goberno municipal fixo unha xuntanza previa cos grupos da oposición para presentarlles os proxectos que se incluirán o próximo ano no POS.

A convocatoria do POS 2011 permitiulle aos concellos adicar o 50% da asignación ao financiamento dos gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos públicos mínimos obrigatorios. Debido ás dificultades económicas que están sufrindo na actualidade a maioría dos concellos para facer fronte ao pago dos gastos correntes, a Deputación da Coruña decidiu incrementar a contía que se pode adicar a gasto corrente dentro do POS 2012 que ascende ata o 60% dos gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos públicos mínimos obrigatorios en cada concello, por razón da súa poboación.

Tendo en conta a importante contía de gasto corrente que o Concello de Ames destina ao funcionamento de servizos públicos obrigatorios (subministración de auga potable, rede de sumidoiros, limpeza viaria, recollida de lixo, alumeado público, etc), e que por outra banda o Concello ten menos fontes de ingresos, sen que isto supoña unha diminución dos gastos para o financiamento dos mesmos, é oportuno para a economía municipal acollerse á opción dada pola Deputación da Coruña e destinar a contía de 254.759,48 euros, que representa o 52,90%, (por debaixo do límite máximo previsto do 60%) ao financiamento de gastos correntes directamente asociados ao funcionamento dos servizos mínimos obrigatorios.

Proxectos incluídos no POS 2012

Por outra banda, este ano o Concello de Ames adica un total de 239.001,20 euros a realización de obras (47,10%) coa inclusión de dous proxectos que se consideran de especial importancia. Nesta contía inclúense 12.189,06 euros que achega a Administración local. Os proxectos que se inclúen dentro deste plan son o abastecemento de auga en Barouta, na parroquia de Ames, que conta cun orzamento de 82.556,25 euros e co que se dota ao colexio de Barouta de auga potable, algo “moi importante e necesario” segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente.

Tamén se inclúe a substitución dun colector de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, que está dotado cun orzamento de 156.444,95 euros e que supón tamén unha importante actuación debido ao mal estado deste colector, que incluso comezaba a provocar danos no firme da rúa. Ademais, no POS complementario inclúese o proxecto de saneamento no núcleo de Portanxil, que conta cun orzamento de 136.462,55 euros.

A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvendo Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, foi a encargada de expoñerlle á corporación municipal a distribución dos fondos procedentes do Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. Eugenia Martín destacou que “a obra que hai que realizar na rúa Alcalde Lorenzo é prioritaria”. Ademais explicou que “a través do proxecto de abastecemento de auga en Barouta, na parroquia de Ames, vaise dotar deste servizo ao CEIP de Barouta e a un gran número de veciños/as da parroquia de Ames. Este proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo preparar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal para que estean preparadas no momento no que a ETAP, que prestará servizo aos concellos de Ames e Brión, comece a funcionar”. Por último a concelleira incidiu en que o proxecto de saneamento en Portanxil “tamén é unha obra que estaba pendente de executar e está dentro da planificación municipal”.

Por parte do grupo municipal nacionalista interveu Anxo Doval que manifestou o seu desexo de que “en vindeiras edicións non se empreguen os cartos adicados a obras en gasto corrente e que se planifique doutro xeito”. Por outra banda dende o grupo municipal socialista, Carlos Fernández, asegurou que “estamos de acordo coa proposta presentada polo grupo de goberno. Mesmo o porcentaxe que se adica a gasto corrente parécenos correcto porque somos conscientes de que o Concello de Ames ten unhas características moi específicas e ten un forte gasto corrente. Non é unha situación grave que se adique unha parte dos fondos proporcionados ao POS no financiamento de diversos servizos municipais”. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a corporación municipal.

Despois de tratar o punto referido ao Plan de Obras e Servizos 2012, o grupo de goberno presentou unha moción por vía de urxencia que recollía o manifesto, que se lerá o 25 de novembro no acto que o organiza o Concello de Ames, para conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Este manifesto foi consensuado entre os tres grupos políticos que teñen representación na corporación municipal e aprobado por unanimidade.

Psoe Teo – valoración pleno novembro

VALORACIÓN DOS SOCIALISTAS DE TEO DO PLENO DO 24/11/11

O Pleno ordinario do Concello de Teo do 24 de novembro de 2011 estivo marcado por dous tipos de cuestións.

As primeiras de tipo económico, entre as que se debateu a Conta Xeral do ano 2010.

Uxía Lemus, concelleira do PSdeG-PSOE, explicou os resultados da xestión económica da equipa de goberno do BNG, con datos extraídos dos oficiais proporcionados polo propio Concello, que en ningún caso se poden cualificar de positivos, gastándose 651.000 euros máis do que se ingresaron.

Dos datos da Conta Xeral despréndese que o Concello de Teo ingresou só un 62% do previsto, cunha forte dependencia das transferencias doutras administracións.

Os presupostos do ano 2010, como xa lle sinalara a oposición no seu momento, eran claramente irreais. Había partidas presupostarias difíciles de xustificar, mais que nun intento de cadrar unhas contas que estaban necesitadas de axustes.

Por exemplo, prevíanse un millón de euros en impostos indirectos, en licencias urbanísticas, e só recadaron 170.000 euros, o que supón que se recadou o 17% do previsto.

A explicación dada pola equipa de Goberno ao problema de ingresos previstos irreais, é que unha parte son ingresos que se poderán facer no futuro. Os socialistas de Teo rexeitaron esta argumentación, explicando que non podemos endebedar ao Concello, ano tras ano, en previsión de tempos mellores e que os presupostos do ano 2012 deben ser axustarse mais á realidade, para non provocar desfases como o recollido no ano 2010.

No ano 2010, Uxía Lemus recoñeceu a baixada da débeda viva do Concello, un 28% respecto ao ano 2009, pero así mesmo, indicou que como sinalan os servizos técnicos do Concello, o aforro neto é negativo. É dicir, que no Concello de Teo o que se ingresa sen transferencias doutras administracións, non chega para os gastos correntes e a amortización da débeda.

Outro dato da saúde das contas do Concello, como é o remanente líquido de tesourería para gastos xerais, a diferenza entre as cantidades dos acredores e debedores do Concello, é deficitario.

Incluíndo os datos tanto do exercicio do ano 2010 como de anos anteriores, o Concello de Teo debe máis de 5.000.000 de euros e débenlle 2 millóns de euros, o que dá un resultado negativo de máis de 3.000.000 de euros.

A solución conforme expuxo Uxía Lemus pasa pola austeridade no gasto, unha mellora na previsión dos ingresos, é dicir, pola aprobación dun plan estrito de saneamento, porque como sinalan os servizos técnicos coa actual situación económica do Concello non se pode verificar o cumprimento dos compromisos de gasto futuro.

A concelleira do PSdeG-PSOE tamén aportou datos comparativos coa situación dos concellos da comarca e outros con similar poboación da provincia, datos extraídos dos existentes no Ministerio de Economía e Facenda.

Teo, aínda que con un menor endebedamento a 31 de decembro do 2010, aparece como un dos concellos con maior déficit no remanente líquido de tesourería para gastos xerais e no resultado presupostario.

A Conta Xeral finalmente foi aprobada cos votos do BNG, rexeitando a mesma os partidos da oposición.

Por outro lado, no Pleno, discutiuse unha moción de urxencia do Grupo municipal do Partido Popular solicitando un recorte das dedicacións exclusivas da que gozan os/as concelleiros/as da equipa de Goberno do BNG, así como das retribucións do persoal de confianza, que en total supoñen un montante de 250.000 euros ao ano para as arcas do Concello.

Uxía Lemus apoiou esta proposta, sinalando que deixaba en mans da equipa de Goberno a decisión sobre as dedicacións a recortar, así como a súa contía.

A moción foi rexeitada polo BNG, e apoiada polos/as concelleiros/as da oposición.

Desde os socialistas de Teo, queremos reiterar a necesidade de que a equipa de Goberno do BNG realice, nun exercicio de responsabilidade, unha reflexión sobre o elevado custe destas dedicacións exclusivas para un Concello cunha actual situación económica difícil.

Noutra orde de temas, Uxía Lemus apoiou a proposta de Alcaldía do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para o ano 2012, felicitando a todos os grupos con representación política no Concello de Teo por implicarse nas propostas, obras beneficiosas para toda a cidadanía.

Por outro lado, o PSdeG-PSOE tamén apoiou a proposta da equipa de goberno do BNG do regulamento do cemiterio municipal, considerando que as críticas do PP sobre o tema eran esaxeradas e faltas de fundamento.

Por último, os Socialistas de Teo felicítanse de que neste Pleno se adoptasen acordos en temas ten relevantes para a sociedade teense, como os recortes no Plan Concertado e nas políticas de prevención e tratamento da violencia de xénero, con mocións conxuntas do PSdeG-PSOE e do BNG.

Ante os recortes do Plan Concertado, Uxía Lemus destacou que nun tema tan sensible e que afecta ao benestar dos e das teenses, deberíase deixar de lado os intereses partidistas e apoiar unha protesta de sentido común, o que final e desgraciadamente, non puido acadarse.

Co motivo da celebración do día internacional contra a violencia de xénero, os Socialistas de Teo queremos aproveitar para facer novamente un chamamento á rebelión colectiva da cidadanía contra a violencia de xénero: todos e todas debemos comprometernos contra esta inmensa crueldade que só xera dor, medo e morte nas mulleres vítimas, nos menores que a padecen e nos seus familiares e amigos que a sufrirán de por vida.

Ames – recepción a participantes no intercambio con Worcester

O alcalde recibiu a nove rapazas do colexio inglés de Worcester que estiveron de intercambio no IES de Ames

Ames, 25 de novembro de 2011. As rapazas da escola pública de Worcester, que participan nun programa de intercambio co IES de Ames, foron recibidas polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey e o concelleiro de Turismo, Bernardo Moar. Trátase de 9 rapazas dunha escola pública do Condado de Worcester, situado preto de Birminghan, que foron acollidas nas casas de varios alumnos e alumnas do instituto amiense. As rapazas inglesas chegaron a Ames o pasado 18 de novembro e volven para as súas respectivas casas o 25 de novembro. O programa de intercambio ten como obxectivo facilitarlles aos participantes un contacto directo coa realidade lingüística española e inglesa, así como coñecer un lugar e unha cultura distintos.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, xunto coa concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey e o concelleiro de Turismo, Bernardo Moar recibiron no Salón de Plenos do Concello ás rapazas que participaron no programa de intercambio entre o College Worcester e o IES de Ames. Trátase do primeiro ano no que se leva a cabo esta actividade de intercambio lingüístico e cultural con este colexio en concreto.

No programa de intercambio participaron nove rapazas inglesas, así como un profesor e unha profesora que viñeron acompañándoas. Chegaron o pasado venres, 18 de novembro, e marcharon de volta o 25 de novembro. Ademais de ir á clase e estar coas familias de acollida fixeron varias visitas pola xeografía galega. Primeiro estiveron na cidade da Coruña, onde visitaron a Torre de Hércules, o casco antigo, o Aquarium Finisterrae e ao centro comercial Marineda City. Tamén foron ás Rias Baixas para visitar as vilas de Combarro, A Lanzada, a illa da Toxa e Cambados. Outra das visitas fixérona a Santiago de Compostela, onde ademais de visitar a zona vella, a catedral e a praza do Obradoiro, tamén fixeron unha visita guiada ao museo do pobo galego.

Antes de regresar as súas respectivas casas as nove rapazas pasaron pola Casa do Concello onde foron recibidas por parte do goberno municipal. Nesta recepción tamén participaron os rapaces e rapazas de Ames que acolleron nas súas casas ás rapazas inglesas, así como a directora do IES de Ames, Marisol Louro, e dous profesores/as deste centro de ensino. Os profesores ingleses tiveron unha mención especial á comida galega, da cal manifestaron que lles gustou moito.

Benvida do alcalde

O alcalde de Ames, Santiago Amor, deulles a benvida ás mozas e felicitou ao IES de Ames por este programa de intercambio e outros que desenvolven ao longo do curso. O rexedor municipal incidiu en que “este tipo de programas permiten coñecer outras sociedades, culturas e idiomas. O coñecemento de linguas é un dos aspectos que hai que fomentar porque nos pode axudar na nosa vida profesional e persoal”. Santiago Amor preguntoulles ás mozas se xa sabían situar no mapa de Galicia o concello de Ames e rematou desexándolles que leven un grato recordo de Ames.

Finalizado o acto, o alcalde e os concelleiros/as entregáronlles a todos os mozos e mozas uns agasallos. Nos próximos meses esta previsto que os alumnos/as de Ames vaian de intercambio ao College de Worcester.

Teo – resposta a críticas do PP

O ALCALDE DE TEO ATRIBÚE A PETICIÓN DO PP DE RECORTES NAS ADICACIÓNS A NON TER PAGADO O “IMPOSTO REVOLUCIONARIO” DE DARLLE UN SOLDO A ELES NA OPOSICIÓN

· Martiño Noriega lamenta que se empreguen datos falsos sobre a situación económica municipal coa única intención de crear alarma social

25 de novembro de 2011. O alcalde de Teo, Martiño Noriega, atribúe a petición do Partido Popular de recortes nas adicacións exclusivas do grupo de goberno a non ter pagado o “imposto revolucionario do PP”. Neste punto o alcalde destacou, durante o pleno ordinario de onte, que hai cinco meses durante o debate sobre o organigrama do grupo de goberno “vostede, Vázquez Pallas, solicitoume persoalmente unha adicación para Eloy Gesto, porque non tiña traballo, en palabras textuais súas”. Este extremo foi recoñecido polo propia Vázquez Pallas na sesión. Noriega vincula directamente as críticas actuais ó tema dos soldos do goberno con “non ter pagado o imposto revolucionario de darlle un soldo ó Partido Popular na oposición”.

O alcalde matiza que “pensamos que as adicacións deben ser para áreas de xestión con responsabilidades de goberno”. Esta foi parte da resposta do rexedor a unha moción presentada por uxencia polo PP na sesión ordinaria do mes de novembro na que propoñían drásticos recortes nas adicacións exclusivas. O rexedor de Teo tamén explica que o custe das adicacións no 2011 supón un 15% menos que no 2007 e un 6,5% menos respecto do 2010. O goberno municipal agora, con soldos só para o goberno municipal e ningunha adicación para a oposición, suporá un aforro próximo ós 160.000 euros durante esta lexislatura respecto dos últimos catro anos.

Noriega aproveitou a súa intervención para realizar varias matizacións sobre o xeito de proceder do grupo municipal do Partido Popular en Teo nos últimos meses. Comezou por unha cuestión formal xa que criticou que os representantes do PP non se axusten ás regras de funcionamento das sesións presentando unha moción media hora antes do pleno, sen entrada no Rexistro Xeral do Concello. Esto “impide estudar con interese os temas, e a actitude do Partido Popular denota mala fe, incompetencia ou nulo interese no debate co resto das forzas políticas” explicou Noriega.

O alcalde teense fixo especial fincapé na dinámica dos concelleiros populares, destacadamente Vázquez Pallas e Eloy Gesto, de “empregar datos falsos na súa análise económica sobre a situacion municipal”. “Esto amosa a única intención de crear alarma social entre os proveedores municipais” explicou Noriega. Tamén destacou que no mesmo debate plenario de onte, no apartado da aprobación da conta xeral, a pesar das críticas á xestión económica se recoñeceu que “xunto con Oroso, Teo é un dos Concellos da comarca con menos débeda bancaria por habitante”.

O alcalde lamentou que se estean dando publicamente datos económicos erróneos, dicindo por exemplo que o Concello se endebedou en catro meses en 1,5 millóns de euros. Nos últimos catro anos só concertou un crédito ICO, no pleno do pasado mes de outubro, de algo máis de 500.000 euros. Os concelleiros populares parecen confundir “un concepto como o do recoñecemento extraxudicial de crédito, que supón o recoñecemento de facturas que non tiñan partida orzamentaria, con concertar créditos bancarios”. Esto unha vez máis “amosa mala fe ou nula capacidade de análise dos datos económicos municipais” explica Noriega. O alcalde, responsable da área económica, destacou que durante o anterior mandato non se concertou ningunha operación de crédito bancario, e si se pagaron todas as cuotas dos préstamos herdados, permitindo a amortización dunha parte importante da débeda.

Respecto do tema das adicacións exclusivas do grupo de goberno o rexedor explicoulle ó Partido Popular que de novo utilizaba a mentira cando realizaban a comparativa coa lexislatura anterior xa que no seu cómputo eliminan os soldos cobrados durante catro anos por un concelleiro popular e unha concelleira socialista, membros da oposición. “A cantidade das adicacións cobradas pola oposición nos últimos catro anos por persoas sen área de xestión e que moitos días nin pasaban polo Concello foi de 152.000 euros cada un, 304.000 euros entre os dous grupos”. “Cando vostedes realizan a comparativa coa situación actual e se esquecen de computar ese gasto eso pode indicar dúas cousas, de novo descoñecemento, ou que estean pensando en devolver eses 304.000 euros” manifesta Martiño Noriega.

Durante a sesión o rexedor dirixiuse persoalmente ós concelleiros Vázquez Pallas e Eloy Gesto, “que son os que aparecen con nome e apelido na información aparecida en prensa sobre este tema”. E acusou a Pallas de “falta de memoria xa que vostede si foi responsable da área económica con Armando Blanco durante sete anos e de deixar un remanente de tesourería negativo de tres millóns de euros daquela época”.

O alcalde defendeu o mandato cidadán das urnas en maio pasado e explicou que o organigrama actual “é o que consideramos axustado ás necesidades dun Concello de 18.000 habitantes e 12 millóns de orzamento, sobre todo no actual contexto de dificultade”.

En relación cos resultados electorais das eleccións municipais o rexedor teense salienta que parece que hai “un problema por parte do PP en asumir os resultados electorais”. “Debe ser duro que en Ames haxa unha maioría absoluta do PP, en Santiago tamén e que o pasado domingo o Partido Popular tivera maioría absoluta e que aquí teñan unha maioría absoluta do BNG” manifesta Noriega. E recomendoulle ó Partido Popular de Teo “que fagan autocrítica e analicen porqué nesta situación xeral a vostedes aquí lles pasa esto”.

O alcalde rematou explicando que “o emprego de mentiras por parte do PP de xeito sistemático coa única intención de facer dano, para nós é un punto de inflexión e significa a ruptura de relacións institucionais”.

Axenda na comarca sábado 26

Oroso

O CENTRO CULTURAL DE SIGÜEIRO ACOLLE MAÑÁ SÁBADO UN BAILE DE MAIORES COA ACTUACIÓN DO GRUPO “SATÉLITE”

25 de novembro de 2011.- O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá hoxe sábado, 26 de novembro, unha nova edición dos bailes para maiores que cada mes organiza o Concello de Oroso. Unha cita que terá lugar a partir das 19.30 horas e que estará amenizada polo grupo “Satélite”. A entrada é totalmente libre e de balde.

Estes bailes para maiores son unha iniciativa organizada pola Concellería de Asuntos Sociais, en colaboración coa Asociación da Terceira Idade de Oroso. Celébranse os últimos sábados de cada mes e rexistran unha media de case medio centenar de participantes.

O Concello de Oroso tamén adianta que en xaneiro celebraranse dous bailes: un primeiro baile de Rei o sábado 7 de xaneiro, a cargo do grupo “Aimar”, e outro o sábado 28 de xaneiro coa actuación do grupo “Diamante”. En ambos casos a cita é ás 19:30 horas no centro cultural de Sigüeiro e a entrada é libre e gratuíta.

Brión

A BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE BRIÓN DARÁ UN CONCERTO ESPECIAL NA HONRA A SANTA CECÍA NO CENTRO SOCIAL POLIVALENTE

25 de novembro de 2011.- A Banda Municipal de Música do Concello de Brión ofrecerá mañá sábado 26 de novembro, ás 19:00 horas, un concerto especial na honra á patroa dos músicos: Santa Cecía. Unha actuación que terá lugar no centro social polivalente de Pedrouzos e que está aberta a todos os veciños e veciñas de Brión. Esta actuación está organizada pola propia Banda Municipal de Música de Brión en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.

Santiago

Cineuropa propón unha experiencia divertida dirixida aos espectadores do futuro

· O festival organiza actividades lúdicas relacionadas co cinema para nenos e nenas de ata 14 anos

· A Caixiña dos mistos estará sábado pola tarde na praza Roxa, a partir das 16.30 horas

Santiago de Compostela, 25/11/2011.- Dentro das actividades paralelas ao Festival, Cineuropa ten moi en conta aos que no futuro serán os seus espectadores. Así, ademais da tradicional programación de Cine Miúdo e os obradoiros de iniciación ao cine ou de técnicas cinematográficas, os máis novos poderán achegarse mañá ata a praza Roxa, a partir das 16.30 horas, e gozar dunha divertida experiencia con A Caixiña dos Mistos. Esta actividade está dirixida, fundamentalmente, aos nenos e nenas de ata 14 anos e a entrada é gratuíta.

A Caixiña dos Mistos é unha sala de cinema itinerante dentro dunha caravana que proxecta películas de curta duración especialmente dirixidas ao público infantil e adolescente. Os contidos audiovisuais son diversos e de todo o mundo e as pezas teñen unha duración aproximada de entre 10 e 20 minutos. Curtas á carta onde os nenos e nenas elixen as pezas que queren ver da carteleira, segundo os seus gustos e a súa idade.

É unha experiencia diferente co mundo audiovisual, xa que non só se ven películas. Antes de entrar, na súa alfombra de cores, pódese gozar de diferentes actividades. Á saída, todos os espectadores valoran as pezas visionadas, establecendo un ranking entre todas as que conforman o catálogo. En definitiva, Cineuropa propón con A Caixiña dos Mistos entretemento e aprendizaxe lúdica conxugados nun soporte interactivo especialmente deseñado para espertar a curiosidade dos que serán os espectadores do futuro e introducilos no coñecemento do mundo do cinema.

Brión – expediente de modificación de crédito

O PLENO MUNICIPAL DE BRIÓN APROBA POR UNANIMIDADE UN EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS POR ALGO MÁIS DE 180.000 EUROS

A partida utilizarase para financiar traballos de reparación e mantemento nas parroquias e para o saneamento de débedas pendentes de pago con empresas e autónomos

25 de novembro de 2011.- O pleno municipal de Brión celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria e urxente para aprobar un expediente de modificación de créditos por algo máis de 180.000 euros, así como o correspondente informe de estabilidade orzamentaria. Un único punto que foi ratificado por unanimidade dos tres grupos municipais.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, xustificou a urxencia da convocatoria nos prazos legais establecidos para a aprobación deste expediene, que será exposto ao público durante os vindeiros 15 días hábiles e se publicará no Boletín Oficial da Provincia. “O obxectivo é poder telo aprobado antes de que finalice o ano”, explicou Xosé Luís García.

Obras a financiar

Este expediente de modificación de créditos financiarase con cargo ao remanente de tesourería (uns 141.000 euros) e os outros 47.000 euros irán con cargo ás baixadas na partida correspondente aos soldos do persoal municipal e dos cargos políticos de Brión. Eses 180.000 euros utilizaranse para financiar distintas actuacións como a adquisición de novas desbrozadoras para a Brigada de Parques e Xardíns, a conexión do alcantarillado de Gosende, a obra da escollera do río Sar ou distintos traballos de reparación, mantemento e conservación de vías públicas e instalacións de saneamento e abastecemento de auga correspondentes ao terceiro cuatrimestre de 2011.

Así mesmo, estes cartos permitirán aboar facturas pendentes de pago con empresas e autónomos, así como as obrigas recoñecidas co Estado de acordo co Real Decreto Lei 8/2010 de 20 de maio polo que se adoptan medidas extraordinarias para a reducción do déficit público. Finalmente, este expediente de modificación de créditos permitirá financiar outra ducia de pequenas actuacións como a memoria medioambiental da modificación puntual do PXOM, por exemplo.

A proposta da Alcaldía contou co apoio de todos os grupos municipais, xa que o PP asegurou que “aínda que estamos en desacordo cos expedientes de modificación de crédito, neste caso vemos que é beneficioso para os veciños e para o Concello”, asegurou a voceira económica do PP brionés, Mercedes Gloria Vázquez.

Auditorio de Galicia – ultima semana de Cineuropa

Cineuropa reserva para a súa última semana o cine máis esperado

· Chega o cine transgresor de Shion Sono, Bruno Dumont, Bela Tarr, Bertrand Bonello ou Sokurov,  e o último de veteranos ilustres como os Dardenne, Monte Hellman ou Jerzy Skolimowsky

· "The artist", "O neno da bicicleta" e "A guerra está declarada", tres das favoritas para o Premio do Público

Santiago de Compostela, 25/11/2011.- A XXV edición de Cineuropa reserva para a súa última semana o groso dos títulos que máis expectación teñen espertado este ano. O cine máis transgresor ou extremo nas súas formas ou contidos, como é o caso do Oso de Prata en Berlín, "O cabalo de Torino", ou a fin do mundo segundo Bela Tarr; a capacidade para sorprender dos franceses Bruno Dumont ou Bertrand Bonello, que removeron Cannes con "Hors Satan" e "L'Apollonide". E o atrevemento do xaponés Shion Sono, cos maxistrais e provocadores "Cold Fish" e "Guilty of romance", ademais do recente León de Ouro en Venecia ganado polo mestre ruso Aleksandr Sokuroy e o seu controvertido "Fausto".

Esta semana de cine que lle queda ao festival é tamén, por contraste, a de algúns dos autores que mellor souberon interpretar a tenrura: Michael Hazanavicius con "The Artist", unha película cun humor excelente que  arrasa por onde va e que ten un destino final seguro nos Óscar. E Valerie Donzelli, cuxo cine daremos a coñecer na comedia inclasificable "A raíña das mazás" e co seu máis recente traballo, o mellor filme en Cannes da Semana da Crítica, "A guerra está declarada". Os irmáns Dardenne, presentes as súas películas en tantas edicións de Cineuropa, alcanzan con "O neno da bicicleta" unha das mellores decantacións das súas historias onde un xove agonista se enfronta a un mundo hostil.

Queda ademais por ver unha das películas de contido político máis lúcidas do ano, "El estudiante", triunfadora en Locarno e Bos Aires. E espérannos, nesta última semana, o poderoso rexurdir de dous veteranos, Monte Hellman e Jerzy Skolimowsky, quen coa historia de cine dentro do cine "Road to nowhere" e o asoballante thriller "Essential killing" parecen renacer como enfants terribles.

Queda aínda, en definitiva, o mellor da festa do XXV aniversario de Cineuropa.

Dia internacional contra a violencia de xénero

Silleda

Centos de persoas participaron nos últimos días na campaña “E ti que dís?” posta en marcha polo CIM de Silleda contra a violencia de xénero

-Concelleiros/as e veciños/as deixaron hoxe a súa reflexión no mural do centro social

Silleda, 25 de novembro de 2011. O Concello de Silleda sumouse hoxe ás celebracións do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, coa campaña do Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda baixo o lema E ti que dís? , á que se sumaron centos de persoas deixando as súas mensaxes, reflexións ou debuxos nun gran mural do centro social. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, a concelleira de Servizos Sociais, Dolores García, o concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre e a concelleira do PP Marta López Arines tamén se sumaron hoxe á iniciativa coas súas respectivas aportacións na campaña de concienciación contra unha das lacras sociais do século XXI.

Esta novedosa iniciativa do CIM silledense, que dirixe Carmen Miranda Posse, tamén se seguiu a través das redes sociais, con mensaxes no Facebook e no blogue da entidade (cimsilleda.blogspot.com)

Oroso

MANUEL MIRÁS FAI UN CHAMAMENTO ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA A QUE “NON TEÑAN REPARO NINGÚN EN DENUNCIAR, XA QUE A MAIOR PARTE DA VIOLENCIA ESTÁ OCULTA E TEMOS QUE FACER QUE AFLORE”

Medio cento de veciños e veciñas de Oroso asistiu á presentación dos servizos do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes

25 de novembro de 2011.- Máis de medio cento de veciños e veciñas de Oroso participou esta noite nunha charla informativa sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense ofrecida polo persoal do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha xornada celebrada no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro e que foi presentada polo alcalde orosán, Manuel Mirás.

Mirás Franqueira fixo un chamamento ás mulleres vítimas de violencia para que denuncien. “A violencia de xénero está aí. Moitos sabemos de casos e escoitamos cousas. Incluso teño escoitado a autoridades presumir de que nos seus concellos non hai violencia de xénero, pero o certo é que a violencia está oculta. E hai que facer actos como este e traballar día a día dende os Servizos Sociais e cos bos especialistas do CIM para que isto aflore e poidamos acabar coa violencia”, apuntou o alcalde orosán, quen pedíu ás mulleres “que nunca teñan vergoña á hora de denunciar”.

Pola súa banda, a concelleira da Muller, Mari Carmen Liste, fixo especial fincapé na importancia de realizar accións educativas e preventivas. “A concienciación contra a violencia de xénero está nos nenos, primeiro na casa e despois no colexio”, sinalou Mari Carmen Liste. Neste sentido, o Concello de Oroso leva xa varios anos traballando conxuntamente cos centros educativos en programas e iniciativas de educación en valores e loita contra a violencia e os estereotipos de xénero.

Presentación do CIM

Pola súa banda, dende o CIM estase a facer unha presentación dos seus servizos moito máis detallada que no caso de Frades, pois o auditorio así o esixe (no de Frades eran principalmente xente da terceira idade). Así, Nazaret González, Nazaret González, directora do CIM da Mancomunidade de Ordes; Dolores García, psicóloga do CIM; e María José Liste, asesora xurídica; e Lorena Iglesias, axente de igualdade; están a detallar un por un os servizos que ofrece o CIM: información xurídica, atención psicolóxica e información sobre os recursos existentes na zona en materia de conciliación familiar, axudas para vítimas de xénero, formación, actividades de tempo libre, etc. OROSO - CHARLA VIOLENCIA XENERO

Nazaret González explicou que neste ano xa se rexistraron 54 mortes por causa da violencia de xénero e, no caso da comarca de Ordes, durante o ano 2010 se realizaron 18 denuncias, identificáronse un total de 16 vítimas de violencia de xénero e se solicitaron 19 ordes de protección, segundo os datos manexados pola Delegación do Goberno. De feito, o incremento rexistrado no número de denuncias fai pensar máis nun incremento da concienciación da xente, máis que nun aumento dos casos de violencia de xénero.

Neste sentido, Lorena Iglesias explicou que “en contra do que moitos pensan, o maior número de vítimas son mulleres españolas, non estranxeiras. Hai que loitar contra os estereotipos, pois as cifras amosan que o maltratador é maioritariamente un home español, non un estranxeiro”. Pola súa banda, Dolores García falou dos aspectos psicolóxico da violencia de xénero “que fan que a muller estea asustada, se sinta máis dependente, que chegue incluso a pensar que merece o que lle pasa, o que fai que perda toda a súa autoestima e reforza o poder do maltratador”. Ademais, explicou que esta situación mantense en moitas ocasións, “por un círculo que o maltratador pon en marcha para conservar o seu poder, de xeito que cando advirte demasiada tensión pasa a unha fase de lúa de mel para encauzar as cousas e seguir tendo o control da situación”:

Frades

UNHA VINTENA DE VECIÑOS E VECIÑAS DE FRADES PARTICIPA EN DÚAS CHARLAS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E SEGURIDADE PARA A TERCEIRA IDADE

As técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) amosaron exemplos de mulleres que superaron casos de violencia e persoal da Garda Civil de Santiago alertou dos timos máis frecuentes na comarca

25 de novembro de 2011.- Unha vintena de veciño se veciñas de Frades asistiron esta tarde a dúas charlas informativas organizadas polo Concello de Frades, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes e a Garda Civil de Santiago. Dúas sesións nas que puideron coñecer de primeira man informacións sobre dous temas de marcado interese social: a violencia de xénero e a seguridade dos maiores,con persoal especializado que respostou a todas as súas dúbidas.

Así, ás 17:00 horas tomaron a palabra Nazaret González, directora do CIM da Mancomunidade de Ordes, e Dolores García, psicóloga do CIM, quen explicaron os servizos que ofrece o CIM: información xurídica, atención psicolóxica e información sobre os recursos existentes na zona en materia de conciliación familiar, axudas para vítimas de xénero, formación, actividades de tempo libre, etc. Así mesmo, proxectaron un vídeo de 7 minutos que é un resumo dun traballo realizado polos alumnos do IES Castelao contra a violencia de xénero, titulado “Orballo”.FRADES CHARLA CIM

Despois da proxección do vídeo, os veciños e veciñas de Frades amosaron a súa sorpresa polo seu contido, xa que eran mulleres vítimas de violencia de xénero quen contaban o seu caso e como conseguiron superar esta situación. “Elas fixérono para demostar a outras mulleres que con apoio se pode saír desta situación, ter unha vida nova e nun entorno seguro de parella”, explicou Nazaret González.

Unha vez rematada esta charla, tomaron a palabra dous membros da Garda Civil de Santiago, quen destacaron o traballo realizado dende o CIM e lembraron que, no caso de violencia de xénero, cando hai unha denuncia o primeiro que se fai é asegurar a seguridade da persoa que pide axuda, polo que lles aseguraron aos presentes que sempre contarán co apoio das forzas e dos corpos de seguridade.

Despois, un dos axentes, Miguel Garea, explicou os distintos timos nos que “caen” máis frecuentemente os maiores. Como regla xeral, Garea dixo que “aínda que non hai que desconfiar de todos, é importante estar alerta ante descoñecidos”. Neste sentido, explicou que “pola idade, os maiores son vítimas máis doadas pero hai que ter en conta que os timadores non teñen pinta de delincuentes, son xente con boa presenza e que falan ben. Por sorte non adoitan usar a forza, porque iso suponlles automaticamente prisión”.

Durante algo máis dunha hora, axentes e veciños debatiron sobre distintas modalidades de timo que se seguen a utilizar nestes momentos: o da mancha (na que o timador simula limpar unha mancha para roubar á pesoa), o de guindar un obxecto (para distraer ao maior e poder roubarlle), o falso antenista ou instalador do gas (polo que aconsellaron sempre pedir identificación e nunca permitir o acceso á vivenda de descoñecidos) e outros máis clásicos como o tocomocho ou o da estampita, que seguen a utilizarse na comarca. Ademais, alertaron contra os novos timos que se producen nas redes sociais e aconsellaron ter coidado coa información que se dá no perfil, non ofrecer datos persoais na rede e non deixar á vista os passwords.

Para exemplificar, puxeron un vídeo con casos esaxerados por actores para “que se chegase a pasar algo semellante se nos acenda unha luceciña de aviso”, dixo Garea. Finalmente, insistiron especialmente no feito de “ter moito coidado con quen deixamos entrar na casa e, sobre todo, hai que pechar as portas da casa, aínda que esteamos na horta xusto ao lado”.

Santiago

Un lazo violeta contra a violencia de xénero

Lazos tamén para os comerciantes.

24/11/2011 O Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, realizou un reparto de lazos violetas no habitual mercado dos xoves, en Salgueiriños. Con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), este acto pretendía concienciar á poboación de Santiago sobre a problemática da violencia de xénero e sobre a necesidade dunha loita activa contra a mesma.

A concelleira de Benestar Social e Muller, Paula Prado, achegouse ao mercado de Salgueiriños para participar nesta iniciativa, que leva o título "Un lazo, un compromiso: Implíca-T". Entregarase a todas as persoas un lazo de cor violeta, cor que simboliza a loita contra a violencia de xénero.
Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Ames

Ames conmemorou o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero coa lectura dun manifesto, proxeccións audiovisuais e unha obra de teatro

Ames, 26 de noviembre de 2011. O Concello de Ames conmemorou o venres 25 de novembro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, o Dia Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres cun acto institucional no que se leu un manifesto conxunto das tres forzas políticas con representación na corporación amiense e se proxectaron vídeos para concienciar á poboación desta temática. A continuación representouse a obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. Dende o Concello maniféstase cada ano por estas datas un rotundo rexeitamento a esta lacra social que supón a violencia machista.

O Concello de Ames celebrou serie de actos na Casa da Cultura do Milladoiro cos que se conmemorou e apoiou o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebrou o día 25 de novembro. A partir das 20:30 horas, o centro sociocultural do Milladoiro acollereu un acto institucional no que a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, leu un manifesto en representación dos tres grupos municipais con representación na corporación municipal. María González estivo acompañada por Isabel González do grupo municipal socialista e Pilar Candocia do grupo municipal nacionalista.AMES - MANIFESTO DIA CONTRA A VIOLENCIA DE XENERO 2011

Neste manifesto conxunto os tres grupos políticos manifestaron que “é importante que a concienciación da sociedade comece polos mozos e mozas, porque é na nenez e na adolescencia cando se forma unha parte moi significativa do carácter, cando se adquiren valores e en definitiva cando se aprende a respetar ás persoas. É imprescindible que dende a familia, dende os círculos de amizade, no lugares de estudo e de traballo, se denuncie a violencia de xénero, porque rematar coa violencia conta as mulleres é unha tarefa de todos e de todas. Por iso os poderes públicos non podemos estar á marxe desta problemática, non podemos pechar os ollos e limitarnos a lembrar hoxe ás vítimas. Temos que ir máis alá e tomar conciencia de que en pleno século XXI, a violencia de xénero segue a ser, por desgraza, un dos retos máis difíciles e importantes aos que se enfronta a nosa sociedade. E todos nós estamos implicados. Todos nós temos a obriga de amosar a nosa repulsa, denunciala e mobilizarnos”.

Trala quenda de intervencións o acto pechouse coa representación da obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. A sinopse desta obra di "en realidade era un día como outro calquera, rostros amargos, outros alegres, uns indiferentes, outros educados... O de sempre, a rutina de todos os días naquela praza da vila. Pero hoxe todo se parou, todo se transformou, a mirada daquela muller xa nunca lle esquecería a ninguén dos presentes. Desde aquel día xa non somos tan ceg@s". Esta obra está recomendada para persoas maiores de 13 anos e ten unha duración de 70 minutos.

Este ano o Concello de Ames puxo en marcha a campaña "Ser xove non te inmuniza contra a violencia machista" que se está desenvolvendo esta semana. Dentro deste programa de actividades este mércores realizouse unha charla no IES de Ames co fin de que os mozos e mozas reflexionasen sobre as causas primarias da violencia de xénero. A concelleira desta área, María González, explica que "este ano a campaña se centra nos máis novos xa que é preciso conciencialos deste problema social". "A sociedade ten que estar atenta a calquera sinal e denunciar, e máis aínda se as vítimas son menores" engade a concelleira.

Información para a muller maltratada

O Concello pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

Así mesmo, as mulleres maltratadas deben acudir ao centro hospitalario máis próximo para que se lle realice o parte de lesións despois do debido recoñecemento médico. Tamén poden acudir á Garda Civil para denunciar a situación, así como solicitar unha orde de protección, na que se establecen as medidas de prohibición de aproximación do maltratador, así como a custodia dos fillos.

A muller maltratada tamén pode achegarse ao departamento municipal da Muller, onde existe un equipo multidisciplinario á súa disposición, formado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha asesora xurídica e unha auxiliar administrativa, que a informarán sobre todo o necesario para liberarse do maltrato e paliar as súas consecuencias.

 

Santiago – axenda ata o luns e notas de tráfico

Sábado 26

10.00 h

A concelleira de Benestar Social, Familia e Muller, Paula Prado, participa na andaina solidaria con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

10.00 h, hora de saída da praza de Lavacolla.

11.30 h, incorporación de participantes na praza da Fonte (Monte do Gozo).

12.30 h (aprox), chegada á praza do Obradoiro, onde se realizará unha concentración.

10.00 h

No Palacio de Congresos, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á VIII Asemblea xeral da Fegamp.

17.30 h

Na rúa Belvís (nº2), o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á inauguración das actividades do centro Don Bosco para o curso 2011-2012.

18.00 h

No Auditorio de Galicia, segunda xornada do V Certame Galego de Bandas de Música. Nesta xornada, concurso das Bandas da Sección Segunda.

Domingo 27

16.30 h

No Auditorio de Galicia, terceira e última xornada do V Certame Galego de Bandas de Música. Nesta xornada, concurso das Bandas da Sección Primeira.

21.15 h

No Auditorio de Galicia, clausura do V Certame Galego de Bandas de Música.

Luns 28

12.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA da concelleira de Benestar Social e Familia, Paula Prado, para presentar o Plan de Prevención de Drogas.

12.30 h.

Na Casa do Concello, a voceira adxunta da Xunta de Goberno Local, Reyes Leis, exporá en ROLDA DE PRENSA o resumo dos acordos adoptados na última sesión.

20.30 h

Na rúa Eduardo Pondal (nº4, baixo), o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, visita o Colexio de Avogados.

Servizos especiais para asistir ao partido de baloncesto Blusens Monbus – Barcelona Regal (27/11/2011)

Con motivo do partido de baloncesto que disputarán o Blu:sens Monbus e o Barcelona Regal o vindeiro domingo, 27 de novembro, no multiusos Fontes do Sar, disporanse servizos especiais para asistir ao mesmo:

- Haberá un servizo lanzadeira dende a rúa de Ramón Piñeiro (lateral do Parlamento de Galicia) ata o multiusos Fontes do Sar a partir das 11.30 h.

- A liña C11 (circular de Fontiñas) accede ao multiusos Fontes do Sar cunha frecuencia de 30 minutos os domingos e festivos pola mañá. As paradas máis céntricas para acceder a esta liña sitúanse na rúa Xeneral Pardiñas, praza de Galicia, rúa da Ensinanza, rúa Virxe da Cerca e rúa de San Pedro.

Ao remate do partido, manteranse os dous servizos para a volta: servizo lanzadeira con destino a Ramón Piñeiro e mais a liña C11.

ASUNTO: corte de tráfico na rúa do Pexigo de Arriba

Por mor de obras de reparación do pavimento, a rúa do Pexigo de Arriba permanecerá cortada a partir do vindeiro luns, 28 de novembro, e durante un período de tres semanas, no tramo comprendido entre a rúa da Ensinanza e a rúa de Entrepexigos.

Os vehículos deberán acceder durante este tempo pola rúa do Olvido e saír pola ruela do Pisón cara a rúa do Patio de Madres.

O Concello de Santiago de Compostela prega a todos os cidadáns desculpen as molestias que esta alteración no tráfico lles poida ocasionar.

Ames . prazo de inscripción concurso de escaparatismo 2011

Ábrese o prazo de inscrición para participar no VI “Concurso de Escaparatismo do Concello de Ames Nadal 2011”

Ames, 24 de novembro de 2011. O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para participar no VI “Concurso de Escaparatismo do Concello de Ames Nadal 2011”. A Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha este concurso no que os comercios amienses competirán co engalanado dos seus escaparates que deberán estar montados e expostos dende o 5 de decembro de 2011 ata o 5 de xaneiro de 2012. Os premios este ano presentan novidades, pois están máis repartidos e en lugar de tres, serán cinco os locais premiados. O primeiro clasificado terá 600 euros de premio, 400 euros o segundo, 200 euros o terceiro, o cuarto premiado poderá gozar dunha fin de semana para dúas persoas en sesión termal valorado en 200 euros e o quinto gañará unha fin de semana rural para dúas persoas valorado en 100 euros.

Dende o Concello de Ames, e en particular dende a Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, que dirixe Bernardo Moar, convídase a todos aqueles que o desexen a participar nesta iniciativa “que axudará a facer dos establecementos focos de atracción, e aumentar o interese polos produtos por parte de potenciais clientes e agradécese o compromiso e a colaboración dos comerciantes de Ames con iniciativas coma esta xa que sen a súa colaboración estas actividades, e os medios destinados a elas, non terían razón de ser” explica Moar.

A campaña de Nadal é unha das máis importantes do ano para os establecementos comerciais. Debido a iso, un ano máis o Concello de Ames pon en marcha o VI Concurso de Escaparatismo Nadal 2010 como unha axuda máis á dinamización do comercio amiense.

A solicitudes para participar poderanse presentar dende o día 17 novembro ata o 2 de decembro no rexistro municipal, tanto nas oficinas de Bertamiráns, coma nas de Milladoiro, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres, vía fax ao número 981 884 656, ou na dirección de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.org.

O xurado do concurso estará composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor, ou o concelleiro no que delegue; polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, un representante da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e un representante da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI). O xurado valorará os escaparates participantes en base aos criterios de composición e deseño, así como a orixinalidade e innovación.

Silleda – notas venres 25 novembro

O Concello de Silleda acóllese á liña de axudas da Deputación para a edición de material turístico

-O obxectivo é realizar 20.000 exemplares dun folleto con información xenérica sobre o municipio tradezao

Silleda, 24 de novembro de 2011. A Concellería de Turismo de Silleda, que dirixe Matías Rodríguez da Torre, solicitará a Deputación de Pontevedra, a través dunha das liñas de axudas para o sector, unha subvención por importe de 5.000 euros para a edición de folletos turísticos. Trátase de realizar unha pequena guía de 16 páxinas, en galego e castelán, con información xenérica do municipio. A previsión pasa por editar un total de 20.000 exemplares con contidos que por primeira vez abarcan distintos recursos do concello. Así, ademáis do patrimonio histórico-artístico (pazos, roteiro dos petroglifos, dos castros ou do románico), incluiranse espazos naturais,; rutas de sendeirismo; e elementos do patrimonio etnográfico (festas e romarías, feiras, eventos culturais) así como unha axenda de servizos, con establecementos de turismo rural, aloxamento e restauración.

“Con esta solicitude preténdese financiar parte da iniciativa coa edición dunha guía moi sintética e visual de cara a potenciar e divulgar os recursos turístico de Silleda”, apunta o concelleiro Matías Rodríguez da Torre.

Un total de 23 asociación culturais e 6 deportivas solicitaron as axudas municipais

-Agora ábrese un prazo de 10 días para presentar a documentación requerida, aínda que a maioría xa a entregou

Silleda, 24 de novembro de 2011. O prazo para solicitar axudas municipais a colectivos culturais e deportivos do ano 2011 rematou hoxe cun total 29 peticións cursadas no Rexistro do Concello. Foron 23 as asociacións culturais e 6 as de carácter deportivo as que pediron subvención. Trátase case do mesmo número de solicitudes aprobadas o pasado ano.

Agora, abrirase un prazo de 10 días para que os colectivos e entidades poidan presentar a documentación requerida nas bases da convocatoria, aínda que a maioría xa a entregou xunto coa solicitude. A previsión dos departamentos municipais de Cultura e de Deportes pasa por resolver as peticións a mediados do mes de decembro. Hai que ter en conta tamén que moitas das entidades solicitantes pediron as axudas para actividades puntais.

(a continuación vai o listado das asociación solicitantes)

ASOCIACIÓNS CULTURAIS

1. ASOCIACIÓN AMIGOS DO GRUPO DE GAITAS CARQUEIXAS E OS SEUS ACORDEÓNS DE LAMELA

2. ASICIACIÓN DE BAILE XUVENIL FORTÍN DA POMBA

3. ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO

4. ASOCIACIÓN MUSICAL, RECREATIVA E CULTURAL DA BANDEIRA

5. ASOCIACIÓN AMIGOS DE SILLEDA

6. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS SAN MIGUEL DE LAMELA

7. ASOCIACIÓN CULTURAL BANDA DE SILLEDA

8. ASOCIACIÓN CULTURAL VISTA ALEGRE

9. ASOCIACIÓN CULTURAL XIRANDOLA

10. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DA PARROQUIA DE PARADA

11. AA. VV. SANTIAGO APÓSTOLO DE TABOADA

12. AVANZA TRASDEZA

13. ASOCIACIÓN DE VECIÑOS OLAIA DE SILLEDA

14. ASOCIACIÓN FEIRAL SEMANA VERDE DE GALICIA

15. CORAL POLIFÓNICA TRASDEZA

16. ANPA BRINCADEIRA CEIP DA BANDEIRA

17. ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS FERVENZA DO CASTELO – ESCUADRO

18. ASOCIACIÓN DE MULLERES DO MUNICIPIO DE SILLEDA

19. ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL ADELLÍS

20. ASOCIACIÓN INTER-CULTURAL SANTA FERREÑA

21. ASOCIACIÓN VECIÑAL E CULTURAL DE ANSEMIL-MARTIXE

22. ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS SANTA ISABEL – ESCUADRO

23. ASOCIACIÓN SON DA FERVENZA – ESCUADRO

ASOCIACIÓNS DEPORTIVAS

1. CLUBE PETENCA BANDEIRA

2. CLUB DEPORTIVO DEZARCO

3. C F LARO

4. C F LAMELA

5. S D BANDEIRA

6. S D SILLEDA

Frades – charlas sobre violencia de xénero e seguridade na 3º idade

O MULTIUSOS DE FRADES ACOLLERÁ HOXE VENRES DÚAS CHARLAS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E SOBRE SEGURIDADE PARA A TERCEIRA IDADE

As xornadas serán impartidas por persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e membros da Garda Civil

24 de novembro de 2011.- O centro multiusos José Botana, de Cimadevila (Frades) acollerá mañá venres 25 de novembro dúas charlas informativas sobre dous temas de marcado interese social: a violencia de xénero e a seguridade dos maiores. Dúas xornadas abertas a todos os veciños e veciñas de Frades e que terán lugar a partir das 17:00 horas.

Así, ás 17:00 horas terá lugar unha charla informativa sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense. Unha iniciativa correrá a cargo do persoal do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e que servirá para presentar este servizo aos veciños e veciñas de Frades, que poderán coñecer de primeira man como actuar, a onde dirixirse e as distintas axudas existentes nestes casos. A charla está organizada pola Mancomunidade de Ordes e o Concello de Frades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero,

Seguridade da terceira idade

Unha vez rematada esta charla, tomará a palabra persoal da Garda Civil de Ordes para ofrecer unha conferencia sobre seguridade na terceira idade. Unha charla informativa de prevención de ameazas á seguridade dos maiores de Frades, na que os axentes os alertarán sobre os distintos roubos, timos e estafas que se están a cometer actualmente na comarca. Ao igual que a xornada sobre a violencia de xénero, esta charla é de acceso libre e de balde.

Oroso – charla sobre a violencia de xénero

O CENTRO CULTURAL DE SIGÜEIRO ACOLLERÁ HOXE VENRES UNHA CHARLA SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E RECURSOS DISPOÑIBLES NA COMARCA DE ORDES

A xornada servirá para presentar os servizos do Centro de Información á Muller (CIM), recentemente mancomunado

24 de novembro de 2011.- O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá mañá venres 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha charla informativa sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense. Unha iniciativa que terá lugar ás 19:00 horas e que correrá a cargo do persoal do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

Esta iniciativa está organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e o Concello de Oroso. O seu obxectivo é informar aos veciños e veciñas de Oroso sobre os recursos dispoñibles na comarca para loitar contra a violencia de xénero, así como explicar como actuar e a onde dirixirse nestes casos. Ademais, o persoal do CIM informará aos presentes dos servizos, axudas e programas dispoñibles e responderá ás dúbidas que se plantexen. A entrada é libre e de balde.

Brión – Trangalleiro teatro presenta o II plan de igualdade os veciños

O GRUPO DE MAIORES “TRANGALLEIRO TEATRO” PRESENTARÁ AOS VECIÑOS O II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE HOMES E MULLERES

Escenificará catro pequenas obras relacionadas coa igualdade de oportunidades e que foron elaboradas para a ocasión

24 de novembro de 2011. O Concello de Brión presentará hoxe venres 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o seu II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Brión, que terá vixencia entre 2012 e 2015. Un acto que terá lugar entre as 18:30 e as 19:00 horas no auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos (Brión).

Unha presentación que se adiviña moi especial, xa que correrá a cargo do grupo de teatro afecionado local Trangalleiro Teatro, conformado por nove veciños maiores de 55 anos que representarán catro breves sketches elaborados por eles mesmos e relacionados coa igualdade de oportunidades. Así, un dos actores lerá un poema que escribiu sobre a igualdade entre homes e mulleres; outro veciño dará lectura a un manifesto contra a mentalidade dos homes machistas; e varios veciños simularán unha entrevista de traballo para escenificar as desigualdades entre homes e mulleres á hora de acceder a un posto de traballo. A actuación, duns 15 minutos de duración, rematará coa representación do conto “O maltrato sutil”.

Antes e despois da actuación de Trangalleiro Teatro, o Concello de Brión repartirá entre os asistentes exemplares do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Brión, documento que lles fará chegar a todos os fogares do municipio a través da revista municipal Altamira.

Brión – magosto e chocolatada en Santa Minia

O CONCELLO DE BRIÓN INVITA HOXE VENRES AOS SEUS VECIÑOS E VECIÑAS A UN MAGOSTO E A UNHA CHOCOLATADA NA CARBALLEIRA DE SANTA MINIA

A xornada estará amenizada polo grupo “Vai de Roda” (Rianxo) e incluirá unha actuación para os nenos a cargo de A Loco-motora Teatro

24 de novembro de 2011.- O Concello de Brión invita a todos os seus veciños e veciñas a un magosto e a unha gran chocolatada gratuíta, que terán lugar mañá venres 25 de novembro na carballeira de Santa Minia, a partir das 19:15 horas. Unha gran festa organizada polo Concello de Brión, coa colaboración da Asociación de Mulleres Xuntanza, na que as castañas e o chocolate serán de balde para todos os asistentes, que tamén poderán mercar churros ou xantar nunha pulpería na praza situada a carón da carballeira.

En vista do éxito acadado o ano pasado, a Concellería de Cultura volveu programar dúas actuacións culturais para amenizar a xornada. Ás 17:30 horas, A Loco-Motora Teatro presentará “O tenderete da Cachifallada”, unha actuación duns 45 minutos dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos que terá lugar no centro social polivalente. A entrada é libre e gratuita.

Despois da presentación do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mullleres e Homes e da actuación de Trangalleiro Teatro, os asistentes desprazaranse ata a carballeira de Santa Minia onde, a partir das 19:15 horas, terá lugar o tradicional magosto e chocolatada. O grupo “Vai de Roda”, da asociación de música e baile tradicional de Rianxo, será a encargada de poñer a nota musical á xornada.

Ames – día internacional contra a violencia de xénero

Ames conmemora o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude lerá un manifesto e posteriormente representarase a obra de teatro “Ceg@s”

O Concello de Ames conmemora, o venres 25 de novembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, o Dia Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Trátase dun acto institucional no que se lerá un manifesto conxunto das tres forzas políticas con representación na corporación amiense. A continuación representarase a obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. Dende o Concello maniféstase un rotundo rexeitamento a esta lacra social que supón a violencia machista e xa nos últimos anos se realizaron campañas similares co mesmo fin.

O Concello de Ames celebra mañá unha serie de actos na Casa da Cultura do Milladoiro cos que se conmemorará e apoiará o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebra o día 25 de novembro. A partir das 20:30 horas, o centro sociocultural do Milladoiro acollerá un acto institucional no que a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, lerá un manifesto en representación dos tres grupos municipais con representación na corporación municipal. María González estará acompañada por Isabel González do grupo municipal socialista e Pilar Candocia do grupo municipal nacionalista.

Trala quenda de intervencións o acto pechárase coa representación da obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. A sinopse desta obra di "en realidade era un día como outro calquera, rostros amargos, outros alegres, uns indiferentes, outros educados... O de sempre, a rutina de todos os días naquela praza da vila. Pero hoxe todo se parou, todo se transformou, a mirada daquela muller xa nunca lle esquecería a ninguén dos presentes. Desde aquel día xa non somos tan ceg@s". Esta obra está recomendada para persoas maiores de 13 anos e ten unha duración de 70 minutos.

Este ano o Concello de Ames puxo en marcha a campaña “Ser xove non te inmuniza contra a violencia machista” que se está desenvolvendo esta semana. Dentro deste programa de actividades este mércores realizouse unha charla no IES de Ames co fin de que os mozos e mozas reflexionasen sobre as causas primarias da violencia de xénero. A concelleira desta área, María González, explica que “este ano a campaña se centra nos máis novos xa que é preciso conciencialos deste problema social”. “A sociedade ten que estar atenta a calquera sinal e denunciar, e máis aínda se as vítimas son menores” engade a concelleira.

Información para a muller maltratada
O Concello pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

Así mesmo, as mulleres maltratadas deben acudir ao centro hospitalario máis próximo para que se lle realice o parte de lesións despois do debido recoñecemento médico. Tamén poden acudir á Garda Civil para denunciar a situación, así como solicitar unha orde de protección, na que se establecen as medidas de prohibición de aproximación do maltratador, así como a custodia dos fillos.

A muller maltratada tamén pode achegarse ao departamento municipal da Muller, onde existe un equipo multidisciplinario á súa disposición, formado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha asesora xurídica e unha auxiliar administrativa, que a informarán sobre todo o necesario para liberarse do maltrato e paliar as súas consecuencias.

Auditorio de Galicia – cineuropa e o novo cine galego

Cineuropa centra este venres o seu interese no chamado Novo Cinema Galego

· Mañá estréanse no Principal “A pedra do lobo”, de Alberte Pagán, e “Vikingland”, a obra de Xurxo Chirro que ven de ser escollida en Marsella, Mar del Plata e Xixón

Santiago de Compostela, 24/11/2011.- Cineuropa converte ao Teatro Principal no referente do Novo Cinema Galego ao estrear as últimas producións de Alberte Pagán, “A pedra do lobo” e de Xurxo Chirro, “Vikingland”, que vén de ser seleccionada e recoller excelentes críticas nos festivais de Marsella, Mar del Plata e Xixón. Tanto Pagán como Xurxo Chirro presentarán, mañá pola tarde, ao público as súas obras e manterán un debate posterior ás proxeccións.

“A pedra do lobo” e o filme co que se completa a Integral que este ano Cineuropa dedica a Alberte Pagán, no Teatro Principal as 17.45. horas. E a continuación, ás 19.45, terá lugar a estrea en Galicia de “Vikingland”, o último traballo do guardés Xurxo Chirro.

“Vikingland” é un documento sobre a emigración galega no norte de Europa.”Vikingland” figura na programación de Cineuropa na sección de Docs. Non en vano foi seleccionada para un dos certames máis prestixiosos do cine documental, o FID de Marsella. En “Vikingland”, Xurxo Chirro presenta a uns mariñeiros galegos que traballan nun ferry entre a cidade danesa de Romo e a illa alemá de Sylt. Un deles merca un día unha videocámara e comeza a gravar a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros durante unha morea de duras travesías entre outubro de 1993 e marzo de 1994.

Por outra banda, Cineuropa pecha a Integral adicada a Alberte Pagán cun encontro co público trala proxección da súa última cinta, “A pedra do lobo”. Un documental experimental no que o realizador reflicte a crueldade da natureza e da vida.

O compromiso de Cineuropa co Novo Cinema galego terá aínda unha cita relevante o próximo mércores 30, cando Sonia Méndez e Lois Patiño presenten as súas obras máis recentes no CGAC.

Ordes – tardes de contos e lendas

A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes acolle hoxe venres unha nova sesión das “Tardes de Contos e Lendas”

A partir das 18:30 horas e dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos

Ordes, 24 de novembro de 2011: A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes acollerá mañá venres 25 de novembro unha nova sesión das “Tardes de Contos e Lendas”. Como é habitual un contacontos achegará aos rapaces e rapazas que participen nesta actividade ao mundo dos contos, neste caso cunha narración titulada “Tres desexos”.

Desta maneira dáse continuidade a este programa promovido polo Concello de Ordes co fin de fomentar a lectura entre os máis pequenos do municipio, achegando o derradeiro venres de cada mes un contacontos ata as instalacións da biblioteca.

A sesión dará comenzo a partir das 18:30 horas e estará dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos.

Santiago – corte de tráfico é axenda venres 25 novembro

Venres 25

11.00 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, sobre asuntos de carácter local.

11.30 h

Na Casa do Concello, ROLDA DE PRENSA do voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, e da deputada Ana Pontón.

12.00 h

Na Cidade da Cultura, inauguración da avenida Manuel Fraga Iribarne coa asistencia do alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e de membros da familia de Manuel Fraga, entre eles a eurodeputada Carmen Fraga e o deputado parlamentario Pedro Puy Fraga.

Punto de encontro: primeira rotonda situada na propia avenida

NOTA: aqueles medios que vaian asistir TERÁN QUE ACHEGARSE ESTA TARDE ATA O DEPARTAMENTO DE PROTOCOLO DO CONCELLO PARA RETIRAR A CORRESPONDENTE ACREDITACIÓN.

13.00 h

Na praza do Obradoiro, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asiste á concentración e cordón solidario con motivo do Día para a Eliminación da Violencia de Xénero.

18.00 h

No Centro Sociocultural do Castiñeiriño, Ciclo de Cine Bélico.

19.45 h

No Teatro Principal, presentación e encontro co público tras a proxección de 'Vikingland' de Xurxo Chirro dentro de Cineuropa.

20.00 h

No Auditorio de Galicia, primeira xornada do V Certame Galego de Bandas de Música. Nesta xornada, concurso das Bandas da Sección Terceira.

Toda a programación de Cineuropa en http://cineuropa.compostelacultura.org

ASUNTO: corte de tráfico na rúa Xosé Castro González

Con motivo da realización de obras de acometida de gas na rúa Xosé Castro González, en San Lázaro, é preciso cortar ao tráfico a devandita rúa o sábado 26 de 9.00 h a 20.00 horas e o luns 28 dende as 16.00 h ata o remate do aglomerado. Permitirase o paso aos residentes.

O Concello de Santiago de Compostela prega a todos os cidadáns desculpen as molestias que esta alteración no tráfico lles poida ocasionar.

Teo – declaración institucional do día contra a violencia de xénero

TEENSES POLA IGUALDADE, AS MULLERES RURAIS E O EDIL DE BENESTAR LERÁN A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO

· Mañá o alumnado do IES de Cacheiras realizará unha intervención no que se conxugará a música e a poesía a continuación do acto institucional

23 de novembro de 2011. A asociación Teenses pola Igualdade, a Asociación de Mulleres Rurais de Teo e o edil de Benestar serán as persoas encargadas de darlle lectura á declaración institucional do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia de xénero. Este acto institucional, no que se gardará un minuto de silencio polas vítimas, realizarase diante da Casa do Concello, mañá xoves 24 ás 18:00 horas.

O manifesto do Concello de Teo, consensuado con todas as forzas políticas da corporación, comprométese a visibilizar a realidade da violencia de xénero, traballar coa comunidade educativa, co movemento asociativo e con outras administracións na promoción dunha cultura de resolución de conflitos sen violencia, realizar actividades de prevencións da violencia de xénero e considerar esta problemática como un feito social do que todos e todas somos responsables e nunca como unha cuestión privada na que no se debe intervir.

Os actos conmemorativos non rematarán coa lectura do manifesto. Ás 18:15 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa a agrupación Aspamite escenificará unha peza teatral e o alumnado do IES de Cacheiras realizarán unha intervención poética e musical coa peza “A moza tecelá” de Marina Colasanti.

A comunidade educativa e o movemento asociativo participan este ano de xeito moi activo nos actos do 25 de novembro. O venres 25, ás 20 horas no CSC da Ramallosa, péchase a programación cunha mesa redonda organizada por Teenses pola Igualdade na que participan Laura Rodríguez Manso, xefa da Unidade de coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno, Alejandro Gómez Aragón, funcionario da Policía e experto en programas de autoprotección para mulleres e Rosa Gómez Limia, presidenta da asociación organizadora da mesa.

Mancomunidade de Ordes – dia contra a violencia de xénero

O CIM DA MANCOMUNIDADE DE ORDES DARÁ DÚAS CHARLAS, EN FRADES E OROSO, SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E RECURSOS PARA COMBATILA NA COMARCA

O CIM está a adaptar a súa plataforma web ao territorio comarcal e prestará novos servizos de apoio ás vítimas

Os sete concellos da comarca ofrecen un amplo programa de actividades en conmemoración do 25-N

23 de novembro de 2011.- Para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero , o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vai realizar dúas charlas informativas sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense. Dúas charlas que terán lugar no multiusos de Frades (ás 17:00 horas) e no centro cultural de Oroso (ás 19:00 horas). A asistencia é totalmente libre e gratuita.

Estas charlas servirán para dar a coñecer as accións na loita contra a violencia de xénero que se están a levar a cabo na comarca e, en particular, informar dos servizos do CIM a todos os veciños dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. As dúas primeiras xornadas informativas están previstas para este venres 25 de novembro no multiudos de Frades (17:00 horas) e no centro cultural de Sigüeiro-Oroso (ás 19:00 horas). Unhas sesións que se celebrarán en próximas datas nos outros municipios da comarca.

Maior accesibilidade

Nestas xornadas, o persoal do CIM informará tamén das distintas accións que está a levar a cabo para facilitar o acceso das mulleres maltratadas a este servizo. Para iso está a adaptar a páxina web www.ordessenviolencia.org, inicialmente baixo titularidade do Concello de Ordes, ao ámbito comarcal. Deste xeito, esta plataforma servirá de instrumento de loita contra a violencia de xénero en todos os municipios, pois non só informa á vítima dos seus dereitos e axudas dispoñibles, senón que mesmo permite o contacto (anónimo ou personalizado) desa persoa co persoal do CIM, sen ter que desprazarse en persoa ás instalacións do Centro de Información á Muller.

Ademais, o CIM vai asinar un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para prestar un servizo de traducción na atención telefónica ás mulleres estranxeiras vítimas. Unha medida moi significativa tendo en conta o gran número de mulleres inmigrantes rexistrado na comarca de Ordes e que romperá a primeira barreira na comunicación con estas persoas: a lingüística.

Así mesmo, a Mancomunidade de Ordes aheríuse á campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, adaptándoa para que inclúa información sobre os servizos que se prestan na comarca en relación coa violencia de xénero. Unha campaña que se está a difundir nestes días nos medios de comunicación dos municipios a través de: cuñas radiofónicas (en Radio Ordes e Radio Cerceda), anuncios televisivos (TV de Cerceda) e na páxina web da Mancomunidade de Ordes.

Mesas de seguemento

Outra medida que xa se puxo en marcha esta mesma semana, a proposta dos sete alcaldes da Mancomunidade, é a creación en cada municipio da comarca dunha Mesa Técnica de Seguemento dos Casos de Violencia de Xénero, que estarán coordinadas polo CIM da Mancomunidade de Ordes. Estas mesas constituiranse dentro das Xuntas Locais de Seguridade (nos concellos que dispoñen de Policía Local) e nas Comisións Informativas de Seguridade dos respectivos municipios.

Con esta medida, a Mancomunidade de Ordes facilitará enormemente o intercambio de información entre o CIM e as distintas forzas e corpos de seguridade que actúan na comarca, o que redundará nun mellor servizo ás vítimas de violencia de xénero. Esta medida implicará a posta en marcha das Xuntas Locais de Seguridade nos concellos de Oroso e Tordoia (xa que Ordes e Cerceda xa as teñen operativas), así como daquelas Comisións Informativas de Seguridade que aínda non existan nos resto dos municipios.

As funcións destas mesas son: analizar a incidencia da violencia de xénero na localidade, detectar aqueles elementos que provocan disfuncións importantes na atención ás víctimas de violencia de xénero, avaliar a efectividade das intervencións, detectar aqueles casos que se detiveron no percorrido asistencial (así como as posibles causas) e elaborar estratexias para a continuidade da atención. Tamén se encargan de realizar propostas de actuación conxunta entre os servicios implicados para a consecución dos obxectivos, fixar documentalmente (a través dun mapa de utilización dos recursos) os criterios básicos de coordinación entre todas as institucións en aras dunha total eficacia na actuación conxunta e aprobar as propostas ou plans de actuación.

Accións por concellos

Ademais das accións conxuntas programadas dende o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes para conmemorar o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e das dúas charlas en Frades e Oroso, o resto dos municipios ten programadas outra serie de iniciativas.

MESÍA

- 25 de novembro. Teatro. Representación da obra “RR.HH. (o método)”, da asociación O Aturuxo de Melpémone. Casa da Cultura, ás 21:30 horas.

ORDES

- Durante as últimas semanas, Radio Ordes está emitindo unha cuña radiofónica contra a violencia de xénero, elaborada pola Secretaría Xeral de Igualdade, e que a maiores inclúe os datos de contacto do CIM da Mancomunidade de Ordes.

- Gravación dun videoclip sobre a igualdade de oportunidades e a violencia de xénero, a cargo de mozos e mozas ordenses de entre 12 e 18 anos. Unha iniciativa organizada no marco do programa “Enrolarte en igualdade”, que ten como finalidade concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias. Unha iniciativa que forma parte do programa “Educar en igualdade”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e polo Fondo Social Europeo. “Enrolarte en igualdade” incluíu actividades como un obradoiro de hip hop (celebrado o 22 e o 29 de outubro), un obradoiro de cómic (21 e 28 de outubro), vídeo relato (4 e 5 de novembro), un obradoiro de cociña creativa (12 e 18 de novembro) e unha gymkana de supervivencia no fogar (19 de novembro). Todas as actividades tiveron lugar na Casa da Culutra de Ordes e foron totalmente de balde.

TORDOIA

- O 25 de novembro terá lugar a clausura do programa “Igualdade, un traballo en equipo”, levado a cabo polo Concello de Tordoia no CPI Pecalama e subvencionado pola Deputación da Coruña. Entre o 21 e o 25 de novembro o Concello de Tordoia celebrou a I Semana da Corresponsabilidade, no marco da celebración de actividades previstas no Plan de Igualdade de Mulleres e Homes do Concello de Tordoia posto en marcha o ano pasado. Durante eses días, maiores e pequenos participaron nunha Gymkana do fogar, un cineforum e un obradoiro de cociña, concebidos para traballar na superación dos roles que tradicionalmente se lle outorgan ás mulleres. O obxectivo desta semana é continuar co traballo que durante todo o mes de novembro están levando adiante o Concello de Tordoia en colaboración co CPI Pecalama dentro do I Mes de Corresponsabilidade, dirixido a sensibilizar tanto a pais e nais como ao profesorado sobre a igualdade de sexos e corrixir estereotipos sexistas e traballar o incremento da corresponsabilidade no traballo doméstico e coidado dos nenos. Despois de actividades como o obradoiro “Cambiemos os Contos”, “O amo da casa” ou “Vaia canción”, esta semana máis de 180 rapaces de EI, ESO e EP do Pecalama participarán nas actividades previstas., que culminará cun obradoiro de cociña común que correrá a cargo da Escola Superior de Hostalería de Galicia, que dirixirá aos rapaces para elaborar todos xuntos unha receta de cociña.

TRAZO

- O Concello de Trazo elaborou unha tarxeta conmemorativa do Día Internacional contra a Vilencia de Xénero.

- Xornadas sobre “Saúde integral da Muller”, dirixidas a mulleres de entre 18 e 60 anos empadroadas en Trazo. As xornadas abordarán todos aqueles temas de interese para as mulleres: anatomía, afeccións comúns, patróns de pensamento, accións e emocións, roles sociais, formas de relacionarse... Terán lugar os días 13 e 16 de decembro, en horario de 20:00 a 22:00 horas. Para anotarse só é preciso presentar fotocopia do DNI, antes do 30 de novembro, no departamento de Servizos Sociais do Concello de Trazo.

CERCEDA

- Xoves 24 de novembro. Presentación do II Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal 2011-2013, cuxo obxectivo é acadar unha sociedade totalmente igualitaria en todos os ámbitos da vida: o familiar, o laboral, o sociual e o persoal. Este plan nace da estreita colaboración e o traballo en común de todos os ámbitos (político, técnico, sanitario, de seguridade, movemento asociativo, axentes educativos,…) que foron convidados a participar na súa elaboracióin e aprobación, así como en comprometerse a pór en marcha as accións que nel se acordaron. Despois de realizar unha enquisa municipal e de varios grupos de traballo complementados por unha análise exhaustiva dos principais datos oficiais existentes sobre o concello, definironse as prioridades, as necesidades e os obxectivos que se pretenden acadar coa posta en marcha deste Plan, tendente a impulsar e desenvolver unha política transversal que se orienta ás prácticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todas as accións municipais de maneira que repercuta no benestar e na calidade de voida da cidadanía de Cerceda. As áreas de actuación do II PIOM son 7:

1.- Información e orientación: co obxectivo de favorecer a igualdade entre mulleres e homes, a través do fomento da sensibilización e da información ofrecida á poboación do Concello de Cerceda.

2.- Formación e emprego: coa finalidade de fomentar o emprego e a mellora da formación, co fin de eliminar as desigualdades de xénero existentes.

3.- Conciliación laboral, familiar e persoal: perseguirá facilitar a satisfactoria conciliación dos tempos laborais, familiares e tamén persoais da poboación de Cerceda

4.- Reparto Igualitario de tarefas e responsabilidades domésticas: fomentar a corresponsabilidade entre a poboación do Concello de Cerceda

5.- Educación en Igualdade: Coeducación: Promover a coeducación e a formación baseada na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

6.- Benestar Social e Asociacionismo: fomentar a participación da poboación na esfera pública do Concello e mellorar o seu nivel de benestar social

7.-Prevención e eliminación da violencia de xénero: fomentar a prevención e a eliminación da violencia de xénero no Concello de Cerceda

- Venres 25 de novembro. Ás 20:30 horas, auditorio municipal de Cerceda. Representación da obra “Nunca nada de ninguén”, de Luisa Costa e representada polo Grupo Municipal de Teatro de Ames. A obra permite un achegamento do espectador a aquelas mulleres que cada nada agardan ou que o teñen todo por descubrir, as que calaron e as que deciden ter voz.

- 25 de novembro. Os nenos e nenas dos distintos centros educativos de Cerceda elaboraron un manifesto contra a violencia de xénero. O manifesto será leído polos cativos nos seus respectivos centros entre as 11 e as 12:00 horas.

- Durante as últimas semanas, Radio Cerceda está emitindo unha cuña radiofónica, de elaboración propia, contra a violencia de xénero.

BNG Ordes – proposta para instar a xunta para manter a asistencia sanitaria

O BNG PROPORÁ QUE O PLENO INSTE Á XUNTA A MANTER A ASISTENCIA SANITARIA AOS DESEMPREGADOS

Gonzalo Castro afirma que a Orde da Consellería de Sanidade deixaría a máis de 800 veciños de Ordes sen cobertura sanitaria

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro anunciou que o seu grupo proporá que o Pleno de Ordes, que terá lugar este xoves, inste ao goberno do PP na Xunta de Galiza a manter a asistencia sanitaria aos desempregados e persoas sen recursos, debido á confirmación da existencia dun protocolo polo que estas persoas só terían dereito á atención de urxencias .

Castro afirmou que “o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha interpelación parlamentaria do portavoz do BNG no Parlamento Galego, Carlos Aymerich, recoñeceu a existencia dun protocolo remitido pola Consellería de Sanidade o pasado 29 de setembro, polo que as persoas sen recursos, é dicir, os desempregados que agotaron a súa cobertura hai máis de doce meses, non terían dereito a asistencia sanitaria completa, tal e como viña denunciando o BNG.”

Segundo o portavoz municipal do BNG de Ordes, “dende a entrada en vigor desta Orde, as persoas sen recursos só teñen dereito á atención de urxencias e emerxencias”, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico de cabecera, probas diagnósticas, nin especialistas, é dicir, non teñen dereito á asistencia sanitaria completa.

Gonzalo Castro salientou que “con este recorte, máis de 800 veciños e veciñas de Ordes poderían quedarse sen asistencia sanitaria completa, polo que agardamos que a Corporación Municipal de Ordes manifeste de forma unánime a súa disconformidade con estas políticas de recortes cos máis necesitados que está a levar a cabo o PP e esixa á Xunta o mantemento dos servizos públicos e as coberturas sociais que forman parte do Estado de Benestar”.

Ames – charla contra a violencia de xénero

Máis de 130 alumnos do IES de Ames asistiron a unha clase sobre a violencia de Xénero

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude María González presentaron a charla que impartiu un policía nacional que se enmarca dentro dos actos do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Ames, 23 de novembro de 2011. Esta mañá 130 alumnos do IES de Ames asistiron a unha charla cun policía nacional, na que se lles explicou de xeito interactivo e con casos prácticos o tema da violencia de xénero. A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, presentaron este acto ao que tamén asistiron membros dos grupos políticos da oposición amiense. Susana López Abella pediu “complicidade e axuda aos máis novos porque sodes as xeracións de futuro e a nosa esperanza”, e dixo que espera que entre todos logremos a tolerancia cero para a violencia de xénero. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Muller, María González pediron implicación e sensibilización na sociedade e agradeceron tamén a presenza de membros dos grupos municipais socialista e nacionalista. Santiago Amor aludiu á importancia “da unidade das forzas políticas na loita contra a lacra social que supón a violencia de xénero”.AMES - CHARLAVIOLENCIA XENERO NOVEMBRO 2011

Esta charla enmárcase dentro dos actos programados pola concellería de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude de cara ao Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, Alejandro Gómez, foi o policía nacional que impartiu hoxe ante máis de 130 rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos unha clase moi didáctica para explicar diversos aspectos do tema da violencia contra as mulleres. A clase consistiu na presentación dun caso práctico que aconteceu este verán en Galicia, para que os rapaces, por medio dun método de preguntas e respostas fosen sacando conclusións sobre as causas primarias da violencia de xénero. Na investigación proposta polo policía o obxectivo non era buscar culpables, se non estudar o fenómeno da violencia machista.

Alejandro Gómez aportou datos na charla coma que o 60% das mulleres no mundo van sufrir violencia de xénero ou que entre os anos 2007 e 2010 en España producíronse 430.000 denuncias e morreron 308 mulleres o que fai que por cada 1.500 denuncias morre unha muller. O monitor explicou a partir dos datos anteriores a lacra que supoñen os crimes, pero tamén a terrible realidade das persoas que sofren este tipo de violencia aínda que non cheguen a ser asasinadas.

“Calquera pode ser vítima e calquera pode ser agresor”, “as doenzas poden ir máis alá do físico” ou “o problema radica en que a persoa que agrede non considera á súa parella como un igual, polo que a violencia de xénero ten unha gran carga ideolóxica” son premisas ás que os rapaces puideron chegar a partir do exercicio plantexado polo policía.

Silleda – notas mércores 23 novembro

O Centro de Información á Muller de Silleda estrea unha orixinal campaña de sensibilización contra a violencia de xénero

-E ti que dís? é o lema da iniciativa coa que se poden deixar mensaxes, debuxos e reflexións nas paredes do centro social, no blogue do CIM e tamén en Facebook

Silleda, 23 de novembro de 2011. Con motivo da celebración do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro venres día 25, o Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda vén de iniciar una novidosa campaña de concienciación, na que as mensaxes conta a lacra da vilencia de xénero son as protagonistas.

As portas do CIM, nas dependencias do Centro Social de Silleda, están abertas a todas aquelas persoas que queiran deixar a súa reflexión, citas, ou mesmo debuxos nas paredes. Baixo o lema E ti que dís? esta campaña tamén se pode seguir a través das redes sociais, deixando as mensaxes no muro do Facebook do centro silledense ou no blogue da entidade (cimsilleda.blogspot.com), onde os usuarios xa levan colgadas as súas aportacións nas últimas horas.

Ademais, todas as achegas no muro do Facebook tamén se están a imprimir para completar a mostra do CIM, que espera convertirse de xeito simbólico nun muro para frear a violencia contra as mulleres.

A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Servizos Sociais, Dolores García, acudirán o venres a deixar tamén as súas mensaxes, participando desta iniciativa orixinal que está a recibir numerosos apoios.

 

----------------------------------------------------

O Concello de Silleda solicita un bolseiro á Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) para contar cun xeógrafo

-Matías Rodríguez explica que con esta medida se dará apoio aos departamentos de Cultura e Turismo para desenvolver estudios que logo sirvan como base na xestión de recursos

Silleda, 23 de novembro de 2011. O Concello de Silleda vai acollerse ao programa de bolsas da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que promove a contratación de mozos/s recén licenciados que nunca antes tiveran traballado na súa especialidade, para contar con un xeógrafo/a. O contrato do bolseiro formalizaríase xa para o vindeiro mes de decembro (a media xornada) continuando despois durante todo o exercicio de 2012 a xornada completa. “Queremos que sexa un apoiuo para os departamentos de Cultura e Turismo de cara a desenvolver estudios que logo sirvan para a xestión dos diferentes recursos cos que conta Silleda, xa que se precisa un traballo rigoroso para a posta en valora do noso patrimonio, espazos naturais …”, explica o concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre.

Entre os cometidos para este bolseiro/a figuran a elaboración dun proxecto integral para o desenvolvemento territorial dos espazos naturais e patrimoniais do municipio e a dinamización dos mesmos; unha análise territorial de espazos rurais e urbanos para aplicar ao ordenamento territorial ; a elaboración cartográfica dos espazos analizados ou a análise e xestión ambiental da paisaxe xeográfica. Da Torre explica que xa se puxo en contacto coa Feuga para que realice os trámites oportunos no Servizo Galego de Colocación. Así, o concelleiro apunta que se hai algún licenciado/a en Xeografía interesado na bolsa, pode acudir ao Servizo Galego de Colocación, que se encargará de facer a preselección.