A Festa da Empanada volta á vila da Bandeira o vindeiro sábado 23 celebrando o seu 40 aniversario
-A cita gastronómica estará precedida polo Bandeirock e o Esmorga Folk
-O actor Luis Zahera repite como pregoeiro nesta edición
-A Ruta da Empanadilla, na que participan todos os bares da localidade, aperitivo na xornada do venres por cuarto ano consecutivo.
As Festas de Verán da Bandeira, coa empanada, como protagonista, voltan á vila silledense do 21 ao 24 de agosto próximos. A presentación da festa gastronómica, declarada de Interese Turístico e que dende hai xa 4 décadas xunta a preto de 10.000 persoas en torno a un dos pratos máis afamados da cociña galega, na carballeira da localidade, tivo lugar hoxe no Centro Cultural Vista Alegre.
No acto, no que os organizadores dos distintos eventos estiveron arroupados polo alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, entre outros membros da Corporación, deuse a coñecer o cartel dos festexos de verán, que comezarán o xoves día 22 co XVI Bandeirock.
O festival, que terá lugar a partir das 22.00 horas na rúa Camilo José Cela, con protagonismo de formacións silledenses. Así, Pepe Luis Gil, membro da organización explicou que ademais do grupo anfitrión, Kona ke te fixo, estarán presentes Barrio Rojo e Pujolandia, integrados por xente de Silleda e a banda compostelana de blues eléctrico Fifty fifty Blues Band.
XVI Esmorga Folk
Na xornada do venres día 22, na que se procederá xa ao corte da estrada nacional 525 (o tráfico estará desviado ata a madrugada do luns), o programa arranca con diversas actividades pola tarde. Así, logo do corte da estrada nacional, previsto para as 16.00 horas haberá xogos infantís. Ás 18.30 horas chega ao circuito de A Moa a III Exhibición de coches de Radio Control e ás 19.00 horas comezará a IV Ruta da Empanadilla. Un ano máis todos os establecementos hostaleiros da Bandeira servirán como apertivo á gran cita do sábado tapas a base de empanadillas. Participan: Bar Arume, Bar Atly, Bar Zaux, Conde, Vitorino, Café Bar Totola, Mesón Bandeira, A Plazoleta, A de Tachy, Vinoteca Cadeira, Trécola, A Taberna do Músico, e O Refuxio).
Ás 20.00 horas o grupo Fortín da Pomba ofrecerá unha actuación na propia estrada xeral e unha hora despois, ás 21.00 horas terá lugar a cuarta edición do Campionato Interparroquial de Tiro á Corda, nas categorías masculina e feminina, con trofeos donados polo Concello de Silleda.
O broche de ouro á xornada do venres chega co Esmorga Folk, un dos festivais máis senlleiros do panorama galego da música tradicional, que este ano cumpre o seu 26 aniversario. Na cita, segundo explicou Ana Codesido, da organización do certame actuarán catro formacións: Tanxedoras, Folieiros, Os d’abaixo e Xistra.
Xornada estrela: concurso e pregón
O sábado chega a cita estrela do programa, coa celebración da XL Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico Galego no ano 1999. A xornada abrirase co pasarrúas a cargo da Banda de Veteranos da Bandeira (11.00 horas), que darán un concerto ás 14.00 horas, e a misa solemne na honra de Nosa Señora das Ermidas.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas arranca a cita coa gran protagonista da gastronomía silledense. O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Diego Cuíña, explicou durante a presentación que as empanadas que se presenten a concurso recolleranse de 16.00 a 18.00 horas. Tamén aclarou que ao igual que o ano pasado a organización decidiu non realizar a poxa das pezas premiadas.
Cuiña vanzou que o pregoeiro desta edición será Luis Zahera, que xa ensalzou hai varios anos na Bandeira as excenlencias do versátil prato galego. O actor, que ten participado en numerosas series e longametraxes (recibiu premios pola súa interpretación en películas como Celda 211 ou Todo es silencio, entre outras) fíxose moi popular logo de dar vida a Petróleo, na serie galega Mareas Vivas. Ten ademais participado noutras series televisivas de éxito, como Sin tetas no hay paraíso. O cartel desta edición é obra de Andrea Dunia Díaz Casal, veciña da localidade e membro da directiva da asociación.
Na cita non faltará a actuación do grupo local Xirandola nin o tradicional concurso de empanadas. En canto ao concurso, un xurado profesional xulgará o sabor, presentación e orixinalidade das empanadas que se presenten ao concurso, concedendo como sempre tres premios en dúas categorías: amas de casa e restaurantes e panaderías. Tamén haberá un premio á peza máis orixinal.
O xurado estará formado por Rafael, de Casa Lodeiro de Ponte Ledesma; Natalia Guzmán, do restaurante O Refuxio de Merza; Diego López, de La Molinera de Lalín; e Adriana Abelleiro, de Sala Gradín, en A Estrada. Tamén formará parte do xurado Diego Taboada, veciño da Bandeira, e que o pasado ano gañou o premio na categoría de sabor tradicional.
Unha vez rematado o pregón, e logo da entrega dos premios, ás 21.00 horas haberá un espectáculo pirotécnico e sobre as 22.000 horas comezará a cea das peñas, na que se agarda superar as 10.000 persoas “tendo en conta que este ano a festa celebra o seu 40 aniversario”, apuntou o presidente
A verbena da multitudinaria xornada do sábado na estrada N-525 estará amenizada polas orquestras Ismael e Aramio.
Reservas ata o día 18
Cuíña tamén lembrou que o prazo de reserva de espazo para a cea das peñas do sábado está aberto e que rematará o vindeiro luns día 18. Os socios e as persoas que estén interesadas en reservar sitio deben achegarse polas tardes á Casa da Cultura da Bandeira para formalizar as reservas. “É moi importante para nós, por cuestións de operatividade, que se cumpra o prazo e que a xente non espere ata o último día”, dixo lembrando o traballo que supón a montaxe das mesas.
Petanca e verbena o domingo
O domingo, último día das festas, comezará con todo un clásico: o Open Internacional de Petanca. O pasarrúas e concerto de mediodía correrá a cargo da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira e Banda Artística de Merza. Tamén se celebrará ás 13.00 horas a misa en honor a San Antonio. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar un concerto coas citadas bandas, que ás 22.00 ofrecerán unha sesión de bailables. Ás 23.30 haberá verbena coa Orquesta Troco.
Diego Cuiña agradeceu en nome da organización o apoio dos veciños e veciñas da Bandeira, e das empresas e comercios que están a colaborar coa festa. Tamén apuntou que os veciños poden facer as aportacións económicas na conta que a comisión ten na entidade Abanca.
Na presentación interviron tamén a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos, que reiterou o apoio do Concello “á festa de Silleda con máis proxección”, e o alcalde Manuel Cuíña, que pechou o acto destacando a importancia da empanada, e agradecendo o esforzo dos organizadores e colaboradores.
Actos conmemorativos nos vindeiros meses
Dende a Asociación Amigos da Empanada tamén prevén realizar nos vindeiros meses distintos actos para conmemorar o 40 aniversario da Festa da Empanada. “Durante o que resta de ano temos previsto organizar distintos eventos para celebrar as 4 décadas desta festa que xa é un símbolo de identidade para esta vila”, engadiu Diego Cuiña.