BRION – HOMENAXE O FOTÓGRAFO LUIS OCAÑA

O CONCELLO DE BRIÓN HOMENAXEARÁ AO FALECIDO FOTÓGRAFO LUÍS OCAÑA NA SEXTA EDICIÓN DOS “ENCONTROS COA ARTE”, ADICADOS A LUIS SEOANE

As xornadas reunirán en Brión a trinta destacados artistas plásticos e poetas galegos do 3 ao 5 de xuño

Este ano organizarase un Mercado da Arte nos baixos da Casa da Cultura no que cada artista poderá expoñer e vender as súas obras

1 de xuño de 2011. O Concello de Brión acollerá esta fin de semana a sexta edición dos “Encontros coa Arte”, que este ano xirarán en torno á figura de Luís Seoane e que incluirán unha sentida homenaxe a Luís Ocaña, fotógrafo vigués afincado en Brión dende hai moitos anos e que faleceu en agosto de 2010. De feito, Ocaña era un habitual nestes “Encontros coa arte” e tivo unha intensa relación con Brión, terra á que adicou un dos seus máis célebres libros de fotografías, chamado “Brétemas Luzadas”, no que recollía diversas paisaxes do val da Maía.

A homenaxe a Luis Ocaña terá lugar o sábado 4 de xuño, ás 21:00 horas, no centro social polivalente de Brión, onde se inaugurará unha exposición con fotografías do finado artista. Entre elas figuran imaxes de Brión, así como das súas distintas exposicións presentadas en Xapón, onde centrou o seu traballo nos últimos anos analizando a relación entre dous camiños espirituais declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco: o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano, en Wakayama.BRION - LUIS OCAÑA

A homenaxe incluirá tamén un coloquio e un recital poético aberto aos veciños e veciñas de Brión. O coloquio presentado polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e que contará coa presenza do escritor Vïctor Freixanes, director da Editorial Galaxia; e Daniel Buján, subdirector xeral de Bibliotecas da Xunta e director técnico da Biblioteca de Galicia. A poetisa Eva Veiga e o grupo Ouriol serán os encargados de poñer a nota poética e musical á xornada, nunha representación audiovisual con fotografías de Luís Ocaña.

Programa das xornadas

Esta sexta edición dos Encontros coa Arte terá lugar os días 3, 4 e 5 de xuño (VER ARQUIVO ADXUNTO EN PDF). Organizadas polo Departamento de Cultura do Concello de Brión, reunirá a un total de 30 artistas plásticos (pintores, acuarelistas e fotógrafos) e escritores que convivirán durante eses tres días no municipio realizando diversas actividades. Unhas actividades entre as que destacan tres sesións de pintura do natural onde, por primeira vez, os artistas desprazaranse fóra de Brión, concretamente ata o entorno de A Ponte Maceira (Ames). A carballeira de Santa Minia e o entorno do Río Pego completarán as sesións, nas que os veciños e visitantes de Brión poderán contemplar en directo a técnica e a obra destes artistas.

Cada artista cederá ao Concello de Brión unha das obras que elabore durante esas sesións de pintura ao natural, e que pasará a formar parte do patrimonio artístico do Concello de Brión e a enriquecer a pinacoteca do concello. Ademais, outra desas obras será sorteada entre os propios participantes no xantar de despedida que terá lugar o domingo 5 de xuño e que porá punto e final ás xornadas.

Mercado da arte

Outra das novidades desta edición dos “Encontros coa arte” é a constitución dun Mercado da Arte. Se o ano pasado instalárase un posto no marco da Feira de Saldos de Brión, nesta ocasión os artistas participantes nos VI Encontros coa arte disporán dos baixos da casa da cultura de Brión para expoñer a súa obra de cara á venda. “Será un marcomercado, con obras de todos os tamaños, estilos e formatos”, explica Alberto Álvarez, técnico de Cultura de Brión e coordinador das xornadas.

Currículum de Ocaña

Luis Ocaña era un reputado fotógrafo, con máis de 25 anos de experiencia, que explorou diversos campos do mundo audiovisual, combinando fotografía, deseño gráfico, animación 3D e proxectos audiovisuais. Entre 1983 e 1986 traballou para o Instituto de la Caza Fotográfica e a Unesco, realizando varios traballos fotográficos para o Patrimonio do Mundo en Francia, Canadá e Estados Unidos.

Dende 1996 foi fotógrafo do banco internacional da imaxe AGE Fotostock, co que distribuíu imaxes en máis de 30 países. Nos seus últimos anos centrou o seu traballo en Xapón, tratando a relación entre dous camiños espirituais declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco: o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano, en Wakayama (máis información en: http://www.luis-ocana.com/).

A súa relación con Brión foi moi intensa, pois o seu libro “Brétemas luzadas” é unha invitación a redescubrir a paisaxe brionesa, polo que o Concello de Brión regálao a cada veciños que se empadroa no municipio. Ademais de participar nos Encontros coa Arte, Luis Ocaña tamén realizou unha exposición, denominada “Ambivalencias”, na que recollía as distintas formas das árbores que compoñen a carballeira de Santa Minia. Os seus últimos traballos foron as exposicións “Galicia, capital del Camino” no museo da Costa de la Luna de Onjuko, no Xapón (2010) e na embaixada de España en Tokio (2009).

OROSO – ESCOLA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA

O CONCELLO DE OROSO PON EN MARCHA UNHA ESCOLA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA EN MARZOA

Durará catro meses e conta coa participación de 16 alumnos e alumnas de Oroso, Santiago e Teo

As clases teñen lugar os sábados nuns terreos cedidos polo Concello de Oroso nos que os alumnos están a crear unha horta na que fan as prácticas

01 de xuño de 2011.- O Concello de Oroso vén de poñer en marcha a primeira edición da Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de outubro no local social da parroquia de Marzoa. Unha iniciativa cofinanciada entre o Concello de Oroso e a Fundación Eomaia que ten lugar todos os sábados, de 10:00 a 14:00 horas, e na que participan un total de 16 alumnos e alumnas, a gran maioría orosáns pero onde tamén participan dous veciños de Santiago e un de Teo.

O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Xaime Carneiro, explica que esta escola supón “apostar por outro tipo de agricultura, para producir alimentos sans e sen usar tantos pesticidas e elementos químicos. Queremos que Oroso sexa un exemplo en canto a respecto ao medio ambiente”. Por iso, o Concello de Oroso cedeu unha parcela diante do local social de Marzoa para a realización das prácticas e puxo a disposición dos alumnos as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do curso.

Desenvolvemento das clases

As clases, de catro horas de duración, teñen unha metodoloxía eminentemente práctica. Así, tras unha hora de teórica, os alumnos saen á horta a poñer en práctica os coñecementos adquiridos da man dos seus tres monitores: María José Sánchez-Biezma, Juan Gaiteiro e Valeriano Fernández García. Así, nesta primeira sesión os alumnos falaron sobre a importancia de ter un solo en boas condicións e sobre o deseño da horta.

María José Sánchez-Biezma explica que “o máis importante é optimizar o terreo e, sobre todo, a súa orientación respecto ao sol, tendo en conta as sombras que poidan proxectar os edificios cercanos sobre a nosa horta”. Unha vez escollido o lugar axeitado, os alumnos comezaron coa plantación de cebolas, puerros, leitugas e fabas. Nos próximos días procederán a plantar millo, calabaza, pementos e tomates.

Sánchez-Biezma Serrano apunta que este tipo de agricultura “dá o mesmo traballo que a que se fai agora, non é facer todo a man, senón que é volver a retomar todos os conceptos de cultivo que había antes utilizando os recursos que temos agora”. Así, explica que “antes utilizábanse abonos orgánicos e non tanta química, polo que a agricultura ecolóxica non supón máis esforzo, pois temos máis recursos técnicos e tecnolóxicos que se poden utilizar”.

Neste sentido, Juan Gaiteiro sinala que na Escola de Agricultura e Fruticultura Ecolóxica de Oroso “só imos lembrar o que facían os nosos avós e pais. Falar de agricultura ecolóxica non é falar de nada novo, xa está todo inventado”. Este técnico ambiental fai fincapé en que este tipo de agricultura rexeita o uso de funguicidas, pesticidas e insecticidas. “Hai que curar a terra, que vén a ser como o intestino das prantas que, ao estar débiles, son pasto dos gusanos. Se as prantas son fortes, aguantan. Por iso o primeiro é sanar o chan deixando de botar química e botándolle abono orgánico”.

Temario do curso

Nesta primeira sesión, os alumnos elixiron unha parcela para ubicar a horta e comezaron a instalar nela un sistema de rego. “Despois trataremos sobre plagas e enfermidades, aprendendo a elaborar preparados naturais para poder combatilas”, explica María José Sánchez-Biezma, “e ao final falaremos tamén de como facer conservas e de bioconstrución”.

As clases terán lugar durante os meses de maio, xuño, setembro e outubro, aínda que a idea é que a partir do próximo ano as clases poidan ser anuais. Unhas clases nas que aínda é posible anotarse ao longo desta semana, contactando co Concello de Oroso.

AMES – ACCESIBILIDADE

Ames é un pouco máis accesible

O Concello de Ames acaba de recepcionar as primeiras obras incluídas no Plan de Accesibilidade. Os traballos leváronse a cabo na Casa da Cultura de Bertamiráns e nas instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes proxectos están incluídos dentro do programa da Deputación provincial de A Coruña de eliminación de barreiras arquitectónicas. Ambas as dúas obras foron sufragadas pola Deputación da Coruña e ascenderon a un importe de 159.654 euros. Os traballos realizáronse mantendo unha constante comunicación cos redactores do Plan de Accesibilidade de Ames, a empresa Fundosa Accesibilidad SA, que foi a encargada de redactar o plan integral de accesibilidade.AMES - ACCESIBILIDADE 1

Ames é un pouco máis accesible para todos os veciños e veciñas. O Concello de Ames vén de recepcionar as primeiras obras incluídas no Plan de Accesibilidade. Os traballos executados consistiron en adaptar o exterior e o interior da Casa da Cultura de Bertamiráns e as instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de que as persoas que teñen algún tipo de discapacidade se encontren cada vez con menos trabas e poidan levar a cabo a súa vida sen ningún tipo de atranco.
Ese é un dos obxectivo do goberno municipal en materia de accesibilidade e para iso está traballando co fin de favorecer a igualdade de oportunidades e a non discriminación de diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos á hora de acceder aos bens e servizos do contorno amiense e no que se refire á eliminación de barreiras arquitectónicas. Este proceso xa comezou en decembro de 2008 cando a Xunta de Goberno local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ames, o IMSERSO e a ONCE para redactar un plan integral de accesibilidade integral.
Tras recibir a aceptación por parte destes organismos e asinar o correspondente convenio sacouse a concurso o servizo de redacción deste plan sendo adxudicado á empresa Fundosa Accesibilidade SA. Esta empresa foi a encargada de elaborar un plan integral de accesibilidade para o concello de Ames. Este proxecto tivo un custo de 104.000 euros, incluído o IVE. A través do convenio asinado coa Fundación ONCE e o IMSERSO, a Administración local recibiu 92.400 euros, xa que logo, só tivo que achegar 11.600 euros. A cantidade restante correu por conta das entidades colaboradoras, 16.800 da ONCE e 75.600 do IMSERSO.
As obras desenvolvéronse no interior e exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns, e nas instalacións deportivas de Bertamiráns e O Milladoiro. Estas obras foron incluídas no Programa de eliminación de barreiras arquitectónicas 2008 da Deputación de A Coruña. Para executar estes traballos estableceuse unha permanente comunicación cos redactores do Plan de Accesibilidade que foi elaborado pola empresa Fundosa Accesibilidade SA.AMES ACCESIBILIDADE 3
Casa da Cultura de Bertamiráns
Na Casa da Cultura modificouse a súa accesibilidade exterior e interior. O proxecto recollía como punto clave a realización dunha nova praza de aparcamento para minusválidos que se uniu cunha rampla de acceso. Tamén se fixeron máis accesibles as escaleiras. Acorde con iso, eliminouse o ángulo recto que forman as escaleiras principais para evitar riscos. Ademais, realizáronse os remates en altura das mesmas para que poidan subir por elas, sen problema ningún, persoas con mobilidade reducida incorporando os materiais necesarios como as varandas laterais. A reformulación das escaleiras foi completada, por exemplo, na porta que dá acceso á cafetería xa que se cambiou o sentido de apertura das devanditas portas para dispor dunha maior facilidade á hora de acceder desde fóra.
Xa no interior, modificáronse os aseos da planta baixa colocando habitáculos adaptados para estas persoas, con espazo suficiente para entrar cunha cadeira de rodas e elementos de protección (como as varandas colocadas aos lados dos mobiliario do servizo para que poidan facer uso del con seguridade sen sufrir caídas), que dotan dunha maior seguridade aos seus usuarios/as fronte a posibles accidentes. Tamén se modificou a accesibilidade, no que a atención ao público se refire, reformando os mostradores da entrada e da cafetería, que tiñan unha altura excesiva. Ademais, modificouse a sinalización do ascensor adaptándoa ás persoas cegas, incorporándolle elementos de sinalización en braille e instaláronse barras rugosas nas escaleiras para evitar tropezóns e caídas.

Instalacións deportivasAMES ACCESIBILIDADE 2
As actuacións acordadas leváronse a cabo tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. No Milladoiro, na piscina municipal instalouse unha cadeira deseñada para persoas con mobilidade reducida que lles permitirá acceder ao vaso da piscina. Ao mesmo tempo habilitouse un novo vestiario e un aseo adaptado ás necesidades deste grupo social.
En Bertamiráns, realizáronse as mesmas obras na piscina e melloráronse os accesos á mesma. Con respecto ao pavillón deportivo, construíuse un aseo adaptado. As melloras chegaron tamén ao campo de fútbol municipal, no que se creou un espazo cuberto reservado para persoas con mobilidade reducida e construíuse unha ampla rampla de acceso ao mesmo. O orzamento destas obras ascendeu a uns 61.714 euros.

AMES – TRASPASO DE PODERES

O goberno en funcións de Ames prepara unha sucesión ordenada

O alcalde en funcións de Ames, Carlos Fernández, incide en que vai a realizar un proceso de sucesión ordenada. Cada un dos concelleiros vai elaborar un dossier detallado de todos os proxectos que se executaron durante a última lexislatura e dos que quedan pendentes de executar. Ademais de dar traslado desta información ao novo goberno municipal, nos vindeiros días cada un/unha dos concelleiros/as en funcións vai comparecer en rolda de prensa, para explicar e render conta dos proxectos realizados durante os últimos anos nos que estiveron no goberno municipal.

Nos vindeiros días cada un/unha dos concelleiros/as en funcións van comparecer en rolda de prensa para explicar e render conta dos proxectos realizados durante os últimos anos nos que estiveron no goberno municipal. Fernández reuniuse cos concelleiros/as en funcións para detallar os aspectos que haberá que ter en conta para realizar o traspaso de poderes co novo goberno municipal que tomará posesión o vindeiro día 11 de xuño.

O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, explica que “pretendo que sexa un traspaso de poderes exemplar, por suposto, como eu non o tiven cando accedín á alcaldía. Os concelleiros que forman parte do equipo de goberno teñen instrucións moi claras de preparar dossieres dos temas máis importantes que temos entre mans e entregarllos a quen veña a continuación, por suposto ao novo alcalde a ao seu equipo, dicíndolle o que está posto en marcha e o que queda por completar”.

O rexedor municipal en funcións continua dicindo que “as últimas xuntanzas do grupo de goberno estiveron dedicadas a este asunto. E as miñas instrucións son moi claras. Fagamos balance de como queda todo e entreguémoslle ao novo goberno unha boa documentación. Aparte de que os expedientes están administrativamente no Concello, entreguémoslle un resumo dicíndolle como queda todo”.

Por último, Fernández, destaca que “poñerémonos á súa disposición para nos días, semanas e meses vindeiros nos podan dar unha chamada e preguntarnos por calquera dúbida que teñan. Estaremos a súa disposición porque creo nas institucións e creo na continuidade institucional, por suposto”.

MELIDE – SEGURIDADE NOS LOCÁIS SOCIAIS

O Concello de Melide reforza a seguridade en tres locais sociais

· O equipo de goberno acaba de instalar as primeiras reixas de seguridade nas fiestras dos locais sociais de Orois, A Garea e Maceda.

O equipo de goberno de Melide anunciou hoxe o remate da instalación de sistemas de seguridade nos locais sociais das parroquias de A Garea, Maceda e Orois, os tres primeiros locais nos que o Concello instala reixas nas fiestras.

Esta medida responde á política de mellora e recuperación dos locais sociais como punto de encontro para os veciños e como instalación de novo uso nas parroquias. Nos últimos catro anos o Concello de Melide realizou obras de rehabilitación en sete locais sociais, tanto de mantemento no seu interior como no exterior. A continuidade a estas melloras vén agora coa instalación de reixas de protección que comezou nestes tres locais pero continuará nas demais parroquias.MELIDE - SEGURIDADE LOCAIS SOCIAIS

AMES – TORNEO DE TENIS

O Concello de Ames organiza o segundo Torneo de tenis das escolas deportivas municipais

Os días 4 e 11 de xuño terá lugar nos pavillóns polideportivos e pistas exteriores do Milladoiro e de Bertamiráns a segunda edición do Torneo de tenis, que se celebra dentro do programa das Escolas Deportivas Municipais. O Concello pretende a través deste programa potenciar hábitos de vida saudables por medio do deporte e difundir valores tan importantes coma o respecto, o compañeirismo e a tolerancia. O segundo torneo de tenis das escolas deportivas reunirá a 26 persoas que competirán nas categorías de sénior masculino, sénior feminino, júnior masculino e cadete masculino.

O tenis é unha das actividades con maior éxito dentro das Escolas Deportivas Municipais desde hai xa oito anos. Para consolidar esta tendencia os días 4 e 11 de xuño terá lugar o segundo torneo de tenis das escolas deportivas, tras o éxito do celebrado o curso pasado, sempre procurando dar un salto de calidade e de cantidade que faga este deporte atractivo a nenos e adultos. Durante este curso, na modalidade de tenis das escolas deportivas, participaron arredor de 200 persoas.

A competición terá lugar entre as 9:00 h. e as 14:00 horas. O segundo torneo de tenis das escolas deportivas reunirá a 26 persoas que competirán nas categorías de sénior masculino, sénior feminino, júnior masculino e cadete masculino. Este torneo está dirixido aos nenos e nenas de 12 anos en diante e sen límite de idade. Os partidos disputaranse na modalidade de individual e xogaranse tanto nos pavillóns polideportivos do Milladoiro e de Bertamiráns como nas pistas exteriores destas dúas localidades.

Con este evento o tenis consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas Deportivas Municipais. Desde a organización preténdese que este evento represente o traballo do conxunto das Escolas Deportivas do Concello e a través del se transmita e dea a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do concello e da sociedade.

TEO – PRAZO MATRICULAS ESCOLAS INFANTÍS

ÁBRESE O PRAZO PARA FORMALIZAR A MATRÍCULA NAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DE CALO, OS TILOS E A RAMALLOSA

· Veñen de publicarse as listaxes definitivas de admitidos e persoas en listaxe de agarda dos tres centros públicos de Teo

01 de xuño de 2011. O Departamento de Benestar municipal informa que dende o 1 de xuño está aberto o prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. As solicitudes admitidas para o vindeiro curso, tanto de reserva de praza como de nova admisión, deben cumprimentar o impreso de matrícula correspondente e presentalo no Rexistro Xeral do Concello entre o 1 e o 15 de xuño.

O impreso xa se pode recoller nas escolas infantís, nos Servizos Sociais Comunitarios no Centro Sociocultural da Ramallosa, nas oficinas xerais da Casa do Concello ou mesmo descargalo da web municipal www.concellodeteo.com. No impreso aparece especificada a documentación que debe acompañarse que consiste nun certificado médico, dúas fotografías tamaño carné, fotocopia da tarxeta sanitaria, unha autorización escrita das persoas que poden recoller a/o nena/o no caso de que sexan distintos das/os proxenitoras/es ou responsables legais e o impreso de domiciliación bancaria se están interesados nesta modalidade de pagamento.

Dende o Departamento de Benestar lémbrase que se non se formaliza a matrícula no prazo sinalada enténdese que se está renunciando á praza, dando opción de matrícula ás persoas que están en agarda. Tamén se destaca que as solicitudes de nenas/os non nacidos con data estimada anterior ó 1 de xuño teñen como prazo máximo para acreditar o nacemento ata o 15 de xuño.

Respecto ós datos económicos da unidade familiar as persoas admitidas que confirmen a praza a través da matrícula deben achegar antes do 1 de xullo a declaración do IRPF do ano 2010 ou no seu caso, o xustificante negativo deste exercicio. Se xa dispoñen desta documentación poden achegala xunto coa matrícula durante esta primeira quincena de xuño.

Listaxes

Neste momento xa están publicadas as listaxes definitivas de persoas admitidas nas escolas infantís municipais, tanto de novo ingreso como de reserva de praza. Así mesmo tamén é xa definitiva a listaxe de agarda. O 30 de maio reuniuse a comisión de baremación que valorou as 12 reclamacións presentadas contra as listaxes provisionais, das que 8 foron estimadas e 4 desestimadas. Ademais a comisión elevou a definitivas as listaxes de reserva, novo ingreso e agarda.

Neste momento hai un total de 198 nenas/os admitidos entre os tres centros de Calo, Os Tilos e A Ramallosa, e unha listaxe de agarda de 32 cativas/os. Cabe destacar que en calquera dos tres centros existen vacantes, pero sempre en horario de tarde, que se poden consultar co Departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello.

AMES – PRAZO DE MATRÍCULA ESCOLAS INFANTÍS

As Escolas infantís municipais abren o prazo de matrícula para o curso 2011-2012

A Escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, e a Escola infantil municipal A Madalena, do Milladoiro, comezarán o día 1 de xuño a recoller as solicitudes de matrícula para todos os pais e nais interesados en gozar dos seus servizos de cara ao vindeiro curso escolar. Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos e que figuran nas listas definitivas de admitidos. O prazo de matrícula rematará o próximo día 15 de xuño. Cómpre lembrar que é preciso pasar polas escolas infantís para recoller a documentación que hai que cubrir para realizar o proceso de matrícula. O horario para recoller e entregar a documentación será de 9:00 h. a 14:00 horas, nos propios centros de ensino. As dúas escolas infantís dispoñen de 215 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso.
As escolas infantís municipais ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. Ademais, estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.
As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2011. Poderán matricularse todos os nenos e nenas que figuran na lista definitiva de admitidos. Cómpre lembrar que entre o 1 e 15 de abril abriuse un prazo de preinscrición. Posteriormente saíron as lista provisional e definitiva de admitidos e excluídos. Agora só resta que os pais e nais dos nenos e nenas admitidos/as formalicen a correspondente matrícula.
O prazo de matrícula estará aberto dende o día 1 ata o 15 de xuño. Haberá que pasar polas escolas infantís, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, para recoller e entregar o modelo de matrícula onde o persoal prestará a axuda necesaria para cubrir debidamente o impreso. Unha vez aceptada a solicitude, os nenos/as admitidos na gardería presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico.
Na escola infantil O Bosque, de Bertamiráns, están admitidos un total de 53 nenos e nenas (14 cativos/as de 0 a 1 anos; 20 nenos/as de 1 a 2 anos; e 19 rapaces e rapaza de 2 a 3 anos). Mentres que 56 nenos e nenas renovaron a súa praza de cara ao vindeiro curso escolar (17 cativos/as de 1 a 2 anos; e 39 rapaces e rapaza de 2 a 3 anos).
Na escola infantil A Madalena, do Milladoiro, están admitidos un total de 47 nenos e nenas (7 cativos/as de 0 a 1 anos; 12 nenos/as de 1 a 2 anos; e 28 rapaces e rapaza de 2 a 3 anos). Mentres que 42 nenos e nenas renovaron a súa praza de cara ao vindeiro curso escolar (12 cativos/as de 1 a 2 anos; e 30 rapaces e rapaza de 2 a 3 anos).
Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Ou ben chamar os números de teléfono 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.

POUSADAS DE COMPOSTELA – PROGRAMACIÓN CULTURAL

PROGRAMACIÓN CULTURAL DE POUSADAS DE COMPOSTELA:

MÉRCORES, 1 DE XUÑO

11 HORAS

RESTAURANTE PORTA FAXEIRA (Rúa do Franco, 50)

INTERVEÑEN: Inma López Silva, gañadora do Premio Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, José Manuel Otero, propietario de Pousadas de Compostela e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Linguïstica da Xunta de Galicia

PRESENTACIÓN DO LIBRO “RELATOS PARA NOITES DE HOTEL”, onde se recollen os textos gañadores do I Concurso Internacional de Relatos Pousadas de Compostela, de Inma López Silva e Carmen Simón.

PRESENTACIÓN DO CICLO DE NOITES DE JAZZ RESTAURANT, programa cultural que vencella gastronomía e música de jazz de artistas galegos, e que se vai desenvolver todos os venres do mes de xuño no restaurante Porta Faxeira, onde os asistentes poderán desfrutar dun menú degustación deseñado para a ocasión e dun concerto de jazz ao remate da cea.

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, Inma López Silva, gañadora do Premio Internacional de Relato Pousadas de Compostela e José Manuel Otero, propietario de Pousadas de Compostela, teñen o pracer de convidalo á presentación do o libro RELATOS PARA NOITES DE HOTEL e o programa cultural NOITES DE JAZZ CONCERTO E MENÚ, que se vai desenvolver todos os venres do mes de xuño no Restaurante Porta Faxeira, na rua do Franco de Santiago, vencellando música e gastronomia cunha programación de ceas concerto onde os asistentes van poder desfrutar dun menú desgustación deseñado especialmente para a ocasión.

Pousadas de Compostela é unha empresa comprometida con Santiago e coa cultura galega. Boa mostra deste compromiso é o libro que presentamos, “Relatos para noites de hotel”, que recolle, en galego, castelán e inglés, os dous textos premiados no Certame Internacional de Relatos de Pousadas de Compostela. Son dous fermosos textos escritos por dúas mulleres, a gañadora, Inma López Silva, que faerá unha lectura dramatizada dun fragmento do seu relato, e a finalista, Mari Carmen Simón. Desta publicación, que contou co inestimable apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fixemos unha tirada inicial de 10.000 exemplares, cos que agasallamos a todos os clientes e amigos de Pousadas de Compostela. Este é un xeito de devolverlle á cidade á que tanto lle debemos unha pequena parte do que ela nos dá.

Gastronomía e música no mes de xuño no restaurante Porta Faxeira (rúa do Franco, 50)

O Ciclo de Noites de Jazz vaise desenvolver todos os venres do mes de xuño no restaurante Porta Faxeira de Santiago, onde os asistentes poderán desfrutar, por só 30 euros, dun menú degustación deseñado para a ocasión e dun concerto de jazz ao remate de cada cea, con pezas interpretadas por artistas galegos de jazz en formación de trío. Este programa cultural, pioneiro en Compostela, que busca a maridaxe entre a gastronomía e a música, é unha mostra máis do compromiso de Pousadas de Compostela con Santiago e coa actividade cultural da cidade.

TEO – PRAZO SOLICITUDE CACHARELAS SAN XOAN

O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AUTORIZACIÓN PARA AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN

  • O impreso, que hai que presentar no Rexistro Xeral do Concello, xa se pode descargar da web municipal
  • Teo é un concello onde tradicionalmente se fan moitas cacharelas na noite do 23 de xuño

31 de maio de 2011. O Departamento de Medio Ambiente municipal informa de que o 1 de xuño abre o prazo para solicitar autorización para realizar fogueiras polo San Xoán. O impreso de autorización pode descargarse da web municipal www.concellodeteo.com ou recollelo nas oficinas municipais. As persoas interesadas deben entregalo debidamente cuberto no Rexistro Xeral do Concello ata o día 23 de xuño e sempre antes da celebración da mesma.

Teo é un concello no que tradicionalmente se fan moitas cacharelas na noite do 23 ó 24 de xuño, tanto particulares como comunitarias. E ademais de celebralas na noite de San Xoán en moitos casos aprovéitanse as fins de semana próximas a ese día para facelas tamén.

Na solicitude de autorización débense indicar os datos de contacto así como o día no que vai facer a fogueira, así como o enderezo completo. Neste impreso aparecen unhas normas de obrigado cumprimento que os responsables das cacharelas deben cumprir. Entre elas destacan que a separación entre as fogueiras e as vivendas ou árbores debe ser de alomenos 12 metros, o volume da cacharela non debe superar os oito metros de perímetro e os oito de altura, prohíbese a queima de plásticos, aceites, pneumáticos...ou calquera sustancia que poida xerar fume tóxico.

Dende o Concello trasládanse as solicitudes ó Distrito forestal da Xunta de Galicia. Coa presentación da solicitude debidamente cuberta en prazo enténdese autorizada, agás que dende o Concello trasladen outra notificación contraria á celebración da cacharela.

AMES - PSICOMOTRICIDADE

Ábrese o prazo de preinscrición para o programa de psicomotricidade

A Concellaría de Educación e Servizos Complementarios acaba de abrir o prazo de preinscrición no programa de Psicomotricidade Educativa e Preventiva que se vai desenvolver tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Entre o 1 e o 15 de xuño todas aquelas persoas que actualmente non dispoñen deste servizo poderán realizar a preinscrición. Os nenos e nenas que sexan admitidos terán que formalizar a matrícula do 21 ao 30 de xuño. Previamente todos os pais e nais que teñen aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso tiveron dende o 18 ata o 28 de maio para renovar a praza de cara ao vindeiro curso.

No ano 2006 o Concello de Ames puxo en marcha o programa de psicomotricidade educativa e preventiva co obxectivo de favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, emocións e medos dun xeito espontáneo a través dunha dinámica de xogo e pracer. Este programa comezou a funcionar con menos de dez cativos pero nestes momentos xa están matriculados 90 rapaces e rapazas.
Este programa serve de apoio para o desenvolvemento persoal e á maduración do cativo. Ademais, tamén están orientadas a que os nenos/as se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. As actividades de psicomotricidade educativa e preventiva estanse impartindo nas instalación do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e na Escola Infantil do Milladoiro.
As aulas de psicomotricidade dos colexios están preparadas dun xeito especial e inclúen material específico, como colchóns ou módulos de gomaespuma de diferentes cores. Mediante este material os nenos e nenas poden expresar todo aquilo que desexan. Na aula hai dúas normas básicas de convivencia como son as de non danar aos compañeiros e non desfacer o que fan os demais.
O programa está dirixido aos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos empadroados no Concello de Ames. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar en sesións dunha hora á semana. O horario e o día concretarase unha vez estean establecidas as actividades extraescolares para cada curso organizadas nos centros de ensino correspondente, por ter estas prioridade sobre as actividades organizadas polo Concello.
Prazo de preinscrición
Todos os pais e nais que non teñan aos seus fillos/as matriculados nesta actividade durante este curso teñan a posibilidade de formalizar a preinscrición entre o 1 e o 15 de xuño entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9:00 h. á 14:00 horas.
As familias interesadas en participar en Psicomotricidade Educativa e Preventiva poden recoller a ficha de preinscrición ou de matrícula no departamento de Educación, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro en horario de 9:00 h. á 14:00 horas. Ademais, tamén poden descargar a documentación na sección de Avisos da web municipal para logo entregala cuberta nos mesmos lugares.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición publicarase a lista de admitidos/as e o prazo e lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e da Oficina Municipal do Milladoiro. O prazo establecido para formalizar a matrícula vai dende o día 15 ata o 30 de xuño. Para ocupar as prazas ofertadas terán sempre preferencia os nenos e nenas que participaran na actividade o curso anterior sempre que cumpran os requisitos

TEO – NOVAS SINALIZACIONS VIAIS

O CONCELLO DE TEO COLOCA UNHA NOVA SINALIZACIÓN DE LUGARES E DIRECCIÓNS EN DÚAS ESTRADAS INTERPARROQUIAIS

  • As primeiras vías nas que se colocou a sinalización son as primeiras que se aglomeraron e está previsto ir colocando as novas sinais nas outras estradas a medio prazo
  • O investimento de case 40.000 euros foi posible grazas ó co financiamento da Deputación da Coruña
  • Ademais dos lugares e as parroquias indícanse direccións de interese como Casas Comúns, campo de fútbol, cemiterios, pavillóns ou áreas recreativas

31 de maio de 2011. O Concello de Teo vén de colocar unha nova sinalización de lugares e enderezos en dúas vías principais do Concello que unen varias parroquias. Concretamente as primeiras estradas que estrean sinalización son a vía que une Milladoiro e Pontevea, que pasa polas parroquias de Calo, Luou, Rarís e Reis e a que vai de Luou a Balcaide –Calo-.

Segundo explica o concelleiro de urbanismo en funcións, Rafael Sisto, “o criterio para elixir estas vías foi precisamente que son interparroquiais, que teñen una alta densidade de tráfico xa que nun dos casos cruza o Concello e que foron as primeiras que arranxamos con aglomerado en quente na lexislatura anterior”. A intención do goberno municipal “é ir adaptando a medio prazo todas as vías a esta nova sinalización”.

A nova sinalización está case rematada nas dúas estradas e sen dúbida “sirve para eliminar o caos existente con sinalizacións diferentes de etapas anteriores” indica Sisto. A adaptación á normativa existente nesta materia déixanos unhas sinais nas que a cor predominante é a verde. Os distintivos de lugares aparecen sobre fondo branco e os de parroquia sobre fondo verde.

Ademais de indicarnos os nomes das aldeas e das parroquias na nova sinalización atopamos os indicativos de lugares de interese como cemiterios, tanatorios, áreas recreativas, igrexas, casas comúns, campo de fútbol, pavillóns deportivos, local de ensaio ou casas comúns. Tamén se recollen por exemplo as direccións das vías de alta capacidade como as novas autovías con dirección Santiago.

Nestes días a empresa instaladora colocou algo máis de 50 sinais de localización de lugares e/ou parroquias indicando a ubicación e máis de 70 direccionais sobre todo e interseccións onde se indican as diferentes direccións ou os lugares de interese da zona.

Segundo indica Rafael Sisto “trátase dunha actuación moi necesaria que unifica e simplifica todo o relacionado coa sinalización nestas vías principais”. O custe do investimento é de preto de 40.000 euros e foi posible grazas ó co financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan de promoción económica.

TEO – AULA INFORMÁTICA DE VERÁN

A AULA DE INFORMÁTICA DO CONCELLO OFERTA CURSOS PARA O VERÁN SOBRE INTERNET DENDE UN PUNTO DE VISTA PRÁCTICO

  • Os talleres van dende as 4 horas ata as 15 dependendo do tipo de formación
  • A aula de informática municipal está no Centro Sociocultural da Ramallosa e dispón de 12 equipos informáticos ademais de escáner e impresora

30 de maio de 2011. A aula de informática municipal, situada no Centro Sociocultural da Ramallosa, presenta unha oferta de cursos para este verán centrados nas utilidades de internet dende un punto de vista moi práctico. Durante os meses de xuño, agosto e setembro realizaranse un total de 12 talleres dirixidos a poboación de todas as idades e con contidos e horarios moi diversos.

De seguro as vacacións poden ser unha boa oportunidade para que pequenos/as e maiores participen nalgún dos obradoiros tecnolóxicos ofertados dende a aula de informática. O máis inmediato é un curso de alfabetización informática que será polas mañás e terá unha duración de 15 horas. Dende o máis básico ó máis actual en xuño tamén terán a oportunidade de asistir a un obradoiro de “shopping on-lin” ou un taller de prensa, radio e televisión en internet.

Ademais da rede outros aspectos como a mecanografía tamén están presentes na aula. O curso de mecanografía, para as persoas interesadas en manexar con máis soltura o teclado, realízase entre o 13 e o 30 de xuño de 18:30 a 20:00 horas e ten unha duración de 15 horas.

En agosto e setembro haberá formación específica sobre fotografía dixital e o seu retoque ou a creación dun álbum fotográfico en internet. A banca on-line, programas de comprensión de datos ou cursos de sistemas operativos de software libre son outros dos cursos que se farán nos próximos meses. En agosto realizarase un circuíto infantil pola rede, de só catro horas de duración, para que os máis pequenos/as dende os 5 anos ata os 12 poidan facer un repaso por algunhas páxinas con interesantes recursos adaptados ás súas idades.

O prazo para participar en calquera das actividades está aberto e péchase só catro días antes do inicio do curso. Poden participar as persoas empadroadas en Teo de xeito preferente e para formalizar a inscrición hai que entregar unha ficha de inscrición que pode recollerse na aula, no Concello, na Mediateca ou descargala da web municipal debidamente cuberta no Rexistro Xeral do Concello. As taxas dos cursos son de 15 euros para o primeiro membro da unidade familiar, 10 para o segundo e 5 euros para o terceiro e sucesivos.

Respecto ó horario a aula de informática funciona o luns e xoves de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Os martes e venres ten un horario continuado só pola mañá de 09:30 a 15:00 horas. E os mércores abre só polas tardes de 15:30 a 20:30 horas. Deste xeito ademais das mañás as persoas interesadas en facer uso da aula aberta, para consultar internet ou usar os equipos informáticos terán a posibilidade de facelo nas tardes dos luns, mércores e xoves. Estes horarios xenéricos poden ser modificados polos cursos ofertados dende a aula.

A aula de informática municipal tamén ten un espazo propio nas redes sociais cunha páxina en facebook chama Aula Informática Teo onde as persoas interesadas se poden manter atentas a calquera novidade sobre as actividades da aula ou sobre as novas tecnoloxías.

AMES – CAMPIONATO GALEGO DE SUPERCROSS

Ames acolle a terceira proba do Campionato Galego de Supercross 2011

O circuíto de Brins será este sábado 4 de xuño escenario dunha das probas do Campionato Galego de Supercross. A Asociación Moto club Ameixenda en colaboración co Concello de Ames, é a encargada, unha vez máis, de organizar por noveno ano consecutivo o Gran Premio Concello de Ames. Esta é a terceira proba puntuable para o campionato autonómico desta especialidade na que competirán pilotos chegados de toda Galicia. Este ano adiantase a proba que se celebra en Ames xa que normalmente se realizaba durante o mes de xullo ou de agosto. Despois de pasar por Ames aínda quedarán cinco probas para o remate da tempada. Ás 9:00 horas comezarán as verificacións administrativas e os adestramentos libres e será ás 17:00 horas cando dean comezo as mangas oficiais.

O lugar escollido para realizar esta proba, o circuíto de Brins, abarca un área de dúas hectáreas e á cal se pode acceder pola estrada que une Santiago con Santa Comba, á altura do quilómetro sete. A espectacularidade do recorrido, que permite efectuar uns grans saltos, é famosa e requirida entre os pilotos. Para garantir a seguridade de todos os participantes haberá unha ambulancia mecanizada cun equipo médico.
Ao longo da mañá deberanse facer as verificacións administrativas e técnicas que precederán os adestramentos libres nas distintas categorías. Estes darán comezo ao redor das 11:00 h. e a continuación das mangas libres, realizarase outra quenda de adestramentos pero esta vez cronometrados. Unha vez rematada esta quenda celebrarase unha manga de consolación para os pilotos non clasificados. Esta carreira de consolación levarase a cabo no caso de ter un mínimo de oito pilotos non clasificados entre as categorías júnior, sénior, veteranos e promoción que competirán xuntos.
Despois de xantar, ás 17:00 horas, comezarán as diversas carreiras por categorías. O público terá a oportunidade de gozar dos saltos dos mellores pilotos galegos que practican esta modalidade de motociclismo. Este Gran Premio estará dividido nun total de sete categorías: alevín, xuvenil, cadete, promoción, veteranos, júnior e sénior, sendo esta última a raíña das categorías ao contar cos pilotos máis rápidos da modalidade.
A loita por ser o mellor da súa categoría verase recompensada coa entrega de trofeos ás 20:00 horas. Os premiados serán os tres primeiros clasificados de cada categoría e os cinco primeiros da categoría sénior. Indubidablemente o circuíto de Brins estará cheo da emoción das competicións e de paixón polo motocross unha vez máis este sábado 4 de xuño. Unha ocasión perfecta para gozar do espectáculo que sempre rodea a este circuíto.

Detrás desta proba está o Moto club Ameixenda que foi creado no ano 1999 por unha agrupación de motociclistas amigos que compartían o amor cara este deporte. O que comezou como un desexo de fomentar esta actividade no ámbito da parroquia, rematou por traspasar as súas fronteiras. Así nace esta asociación, a través da cal se celebra un campionato anual de Supercross que conta co Concello de Ames cun dos seus patrocinadores máis importantes e que forma parte das probas puntuables celebradas ao longo do ano de cara ao Campionato Galego de Supercross.

AMES – CURSO DE CASTELAN PARA ESTRANXEIROS

Preto de 20 persoas estranxeiras asisten ao curso de castelán para estranxeiros

Preto de vinte persoas estranxeiras que residen en Ames teñen a oportunidade de aprender ou mellorar o seu dominio do castelán grazas a un curso posto en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI). Este curso, que comezou no pasado mes de xaneiro, está dirixido a dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou a traballar ao concello de Ames. Alumnos/as procedentes de países como Brasil, Marrocos ou China teñen así a oportunidade de aprender a desenvolverse de xeito cotián no idioma castelán, podendo así defenderse en accións do día a día como facer a compra ou elaborar un currículum. As sesións teñen lugar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, dous días a semana.

A Oficina de Voluntariado de Ames puxo en marcha no mes de xaneiro un curso de castelán para persoas estranxeiras, de xeito que estas puideran mellorar o seu dominio neste idioma para poder desenvolverse con total normalidade en accións do día a día como poden ser facer a compra, elaborar un currículum ou escribir unha carta. Deste xeito o obradoiro tenta dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou traballar ao Concello dende outros países e que representan o 6% da poboación amiense.

O curso impártese nos dous núcleos urbanos de Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no que comezaron catorce persoas e a día de hoxe reduciuse a asistencia a tres, xa que moitos deles atoparon traballo. As clases, impartidas por Matilde Fernández, profesora voluntaria, son os martes e xoves de 12:00 h. a 13:30 horas. "Os alumnos son moi activos, moi curiosos e sempre teñen moitas gañas de aprender. Esa curiosidade fai que todo vaia moi rápido e moi ben", comenta a profesora.
No Milladoiro, o curso ten lugar na Casa da Cultura en horario de tarde,os luns e os mércores de 16:30 h. a 18:00 horas. Entre 12 e 16 persoas acoden a estas sesións, o 90% son de orixe marroquí e levan os seus fillos con eles, para iso, dous voluntarios realizan as tarefas de apoio e de ensino.
No curso aprenden a comunicarse a un nivel básico e cotián, non orientado a un exame ou proba de nivel se non ao desenvolvemento dunha capacidade comunicativa útil e elemental en galego e castelán, orientada á vida diaria. O nivel de dificultade varia en cada edición segundo o nivel inicial que teñan os participantes, adaptándose ás necesidades destes. O curso deu comezo o 25 de xaneiro e desenvolverase ata finais do mes de xuño. Este curso é totalmente gratuíto e o material necesario para o seu desenvolvemento será proporcionado polo Concello de Ames.
Abdula, é un alumno de procedencia marroquí que destaca a importancia destas clases para a aprendizaxe da lingua. "Nas clases eu vexo as cousas de xeito diferente, non é como antes que aprendía o castelán na rúa porque non tiña outro remedio, agora a profesora ensíname como escribir os nomes, os verbos e toda a gramática". Adairly é de Brasil e tamén agradece as axudas recibidas nos cursos de normalización lingüística.
Mestura de nacionalidades

Actualmente, entre os dous grupos, asisten preto de 20 persoas de varias nacionalidades: Brasil, Turquía, Corea, China, Bélxica e Marrocos. Os alumnos/as aprenden as funcións comunicativas básicas e cuestións teóricas como a gramática. Ademais, os alumnos que proceden do mesmo país poden axudarse entre eles de xeito máis doado para explicar a algún dos asistentes cousas que non entendan. Abdellah Amjehdi, alumno marroquí do curso, destaca que grazas a esta iniciativa da OVA en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI) mellorou o seu dominio dos idiomas e aprendeu moitas novas cousas destes.
O Concello de Ames seguirá traballando para fomentar a integración das persoas estranxeiras que residen no municipio. Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico, duplicando nos últimos 20 anos a súa poboación. Entre outros factores, a inmigración e o retorno de galegos e galegas converteuse nunha das maiores causas que avalaron ese incremento. Desta forma, é preciso levar a cabo unha serie de accións e políticas de comunicación neste eido para dar resposta a unhas esixencias deste sector de veciños e veciñas do municipio.

Actualmente un total de 1.769 persoas censadas en Ames son poboación estranxeira. Deste total, 701 son persoas procedentes directamente de países estranxeiros mentres que 1.068 son poboación estranxeira procedente doutros concellos de España. Con este novo marco de diversidade étnica, cultural e lingüística faise imprescindible promover medidas de integración que fomenten o principio de igualdade de oportunidades como é o caso deste curso que organiza a OVA en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante.