O DOCUMENTO
REFUNDIDO DO PXOM DE TEO SUPERA CUN DITAME FAVORABLE O SEU PASO POR COMISIÓN
INFORMATIVA
·
O pleno será o martes 20
para evitar calquera tipo de inseguridade xuridica xa que a modificacion da lei
do solo entra en vigor o 21 de abril
17 de abril de 2010. O documento do PXOM de Teo superou onte
pola noite outro dos seus trámites cun ditame favorable na comisión
informativa, cos votos favorables de BNG, PP e In Teo e o voto en contra do PSdeG-PSOE.
De todas formas esta votación non é vinculante para o pleno.
A sesión na que se debaterá a aprobación provisional do documento de
cumprimentación da orde do 27 de xaneiro de 2010 da CMATI celebrarase este
martes 20 as 20.00 horas. O edil de urbanismo Rafael Sisto aclara que “neste
tema os prazos esgótanse xa que a modificación da lei do solo entra en vigor o
21 de abril e o plan de Teo debe superar o debate plenario antes para evitar
calquera dúbida de inseguridade xurídica que puidera obrigar á súa previa
adaptación”.
A proposta que se leva ó pleno do martes é o resultado da reunión mantida
polos voceiros municipais das forzas políticas de Teo co Conselleiro de Medio
Ambiente a iniciativa deste. Nesa xuntanza a Xunta aceptou valorar aqueles
temas de interese municipal prioritario dos cuestionados na orde do 27 de
xaneiro de 2010. Despois dese encontro institucional os voceiros dos grupos
municipais consensuaron estes puntos, dándolle traslado a Secretaría Xeral de
Urbanismo, que perfila e aclara os límites aceptables para cumprimentar a orde
de 27/01/2010.
Na reunión de marzo con Agustín Hernández este trasladou que a Xunta
entende que Teo debe ter canto antes Plan Xeral de Ordenación Municipal. Se o
documento queda aprobado no pleno do martes terá que ser enviado de novo a
Xunta que disporá dun novo prazo de tres
meses para ditaminar a aprobación definitiva ou non do planeamento urbanístico
teense.



