Teo - gañadores carreira pedestre Batalla de Cacheiras


NEMESIO LÓPEZ E INMA RODRÍGUEZ GAÑAN A CARREIRA PEDESTRE BATALLA DE CACHEIRAS


·        Xosé Luis Otero foi o primeiro teense clasificado

·        Nas categorías de adultos participaron case 150 corredores e na proba para escolares preto de 300


21 de maio de 2012.- A Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2012, disputada este domingo, tivo como gañador absoluto a Nemesio López, corredor amiense do club Atletismo Fontes do Sar. Culminou os 11.000 metros da proba nun tempo de 37 minutos e 59 segundos. O segundo posto, con nove segundos máis, foi para Manuel Vieites, deportista de Cuntis pertencente ao Ourense Atletismo Academia postal. Seis segundos despois, cun tempo de 38’14’’, chegou á meta Samuel Veiga, veciño de Ames encadrado club Atletismo Milladoiro.

Na clasificación feminina absoluta, liderou a proba Inma Rodríguez, de Poio. Fixo un tempo de 47’27’’. Segundo posto para Mónica Touriño, corredora do club Acade, que acudiu desde Catoira, cun tempo de 49’07’’. O podio feminino completouno Purificación Bermúdez, santiaguesa do Noitebra FC que chegou á meta cunha marca de 50’47’’.

En canto aos participantes de Teo, o primeiro clasificado da absoluta foi Xosé Luis Otero, integrante do club de atletismo da USC, cun tempo de 41’42’’. Nesta clasificación local, o segundo foi Juan Landeria (43’13’’) e o terceiro Manuel Fraga, do club Armadillos, cun tempo de 44’25’’. A carreira non rexistrou corredoras de Teo.

O concelleiro de Deportes de Teo, Anxo Rey, encargouse da entrega dos premios e trofeos da carreira e destacou a elevada participación que rexistrou, cuns 150 inscritos nas categorías adultas e case 300 nas categorías escolares. O edil agradeceu tamén a colaboración de diversas entidades neste evento deportivo.

Resultados das categorías escolares
Nas categorías escolares, en pitufos os gañadores foron o teense Javier Mallo e Paula Cuesta. A mellor teense deste grupo de idade foi Carmen Vázquez. En prebenxamín, as victorias foron para Asier Guldrís e para Ingrid Sande. Os mellores de Teo foron David Mella e Sofía Dodman. En benxamín, os dosus primeiros postos para dous teenses: Carlos Iglesias en nenos e Noelia Salgado en nenas. En canto aos alevíns, venceron Martín Darriba e Claudia Fernández-Couto, con Iván Calvo e Laura Cuesta como os mellores de Teo.

No que respecta á categoría infantil, resultaron gañadores Brais Insua e Lucía Suárez. Os mellor posicionados de Teo foron Alejandro Silva e Rocío García. En cadetes, gañaron Adrián Freire e Nuria Rodríguez. A nivel local, venceron Rubén Mirás e Antía Rosende. E en xuvenís, triunfos de Yousef Kouaoa e de Nerea Ruanova, con Fernando Vales e Elena García como os máis rápidos do municipio.

A carreira tamén distinguiu ao neno e á nena de menor idade que participaron: Pablo Oliveros e Uxía Taboada. E en canto aos centros escolares, o primeiro clasificado foi o CEIP A Ramallosa e o segundo o CEIP Os Tilos.

Datos da carreira
A Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2012 desenvolveuse baixo o control técnico da delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo, con participación de corredores federados e non federados. Todos os corredores da proba absoluta competiron cun chip colocado no seu calzado.

A proba de categoría pitufos tiña un percorrido de 200 metros, os benxamíns 500, e os benxamíns e alevíns mil metros de distancia. Infantís, cadetes e xuvenís competiron en 3.500 metros. E a proba absoluta, para os grupos de idade junior, promesa, senior e veteranos, disputouse ao longo de 11.000 metros. 

Ningún comentario: