A capital galega acolle durante os próximos días 21 ao 25 de setembro o V festival internacional Peregrinos Musicais. Nesta ocasión, serán dezaste os mozos e mozas que intervirán en cinco novos concertos, que se ofrecerán en diferentes escenarios da cidade compostelá. Actualmente, son xa auténticos clásicos virtuosos, pero a Asociación Peregrinos Musicais con esta iniciativa ofrécelles a posibilidade de darse a coñecer internacionalmente coidando ademais a súa posta en escena. Para algúns destes mozos é o seu bautismo de fogo en grandes escenarios. Todos eles ademais pechan a súa peregrinaxe por Compostela cun gran concerto no Auditorio de Galicia, xa que os mozos músicos formarán parte, por un día, do elenco da prestixiosa Real Filharmonía de Galicia. Cinco dos intérpretes son rusos, hai un mozo bielorruso, unha moza holandesa e dez músicos de diferentes puntos de Galicia, catro deles unidos nun cuarteto. Todos foron seleccionados tras unha rigorosa proba de selección. Os músicos rusos que foron convidados a participar nesta edición de Peregrinos musicais son bolseiros das fundacións Rostrópovic e Vladímir Spivákov. Únese a partir deste ano, a Fundación holandesa Peter de Grote, que achega ao festival a unha prometedora violinista.
Entre as novidades desta tempada hai que destacar que Peregrinos Musicais segue ampliando o seu foco de colaboracións ao tender unha ponte entre Holanda e Galicia. Tal e como xa fixera coas fundacións Rostrópovich e a fundación Vladímir Spivákov agora alcanzou un acordo para dar bolsa a outros mozos músicos a través de Peter de Grote. Por exemplo, este mesmo ano, a través dun acordo entre ambas as asociacións, xeraron unhas bolsas especiais que permitiron a participación na pasada edición a algúns ex-participantes do Festival Peregrinos Musicais. A moza violinista afincada na Coruña, Diana Poghosyan, representou a España no certame holandés, no que, ademais, gañou o premio ‘Labberté-Hoedemaker’. Agora, procedente dese país, chega convidada a Santiago a artista laureada no último Peter de Grote Festival 2014, a violinista Hawijch Elders.
Doutra banda, ábrese nesta edición unha nova rúbrica de concertos, ofrecendo ao público un evento que sobe ao escenario a ‘mestres’ e ‘laureados’. Esta idea xurdiu tras os primeiros froitos obtidos grazas aos acordos de colaboración con outras asociacións que comparten o mesmo obxectivo: internacionalizar e impulsar a carreira musical dos novos intérpretes clásicos.
É o caso dalgúns dos ex-participantes galegos ou que residen en Galicia, xa que tras a súa posta de longo como Peregrinos Musicais xa fan carreira musical noutros festivais internacionais conseguindo novos méritos (gañar un concurso, obter unha bolsa prestixiosa, participar nunha importante cita musical ou nunha sala importante). En recoñecemento a eles, vólveselles a convidar ao Festival nun concerto no que compartirán escenario con mestres consagrados ou músicos profesionais. É o caso de Amelia Ónega (clarinete) e Diana Poghosyan (violín) que compartirán escenario coa pianista de renome internacional, Ilona Timchenko.
Os escenarios elixidos para o V Festival son o Teatro Principal de Santiago (haberá dous concertos), a Catedral de Santiago, o Paraninfo da USC na Facultade de Xeografía e Historia e o Auditorio de Galicia. Os concertos na USC e na Catedral de Santiago son gratuítos. Os menores de 18 anos non terán que pagar entrada nas outras tres programacións do V Festival, e poderán acceder ás salas de forma totalmente gratuíta. As entradas do concerto inaugural, no Teatro Principal, e o de clausura, no que participará a Real Filharmonía de Galicia, venderanse ao prezo de 5 euros. No concerto ‘Mestres e laureados’ as entradas serán a 8€.
O proxecto Peregrinos Musicais é pioneiro en Galicia e está enfocado, principalmente, a mozos de entre 12 e 21 anos e que xa teñen un alto nivel musical. Durante estes 5 anos, por Santiago pasaron máis de 60 mozos que estreitaron lazos a través da música clásica. Estes músicos viñeron desde Suecia, Armenia, Holanda, Bielorrusia ou Xeorxia, aínda que a gran maioría veñen de Rusia, berce de grandes mestres mundiais da música clásica.
Coa organización deste festival conséguese ademais dar proxección internacional e coidar a novas promesas que moi pronto serán profesionais da música. E é unha forma de pór ao seu alcance grandes escenarios e a ocasión única de formar parte dunha prestixiosa orquestra como a Real Filharmonía de Galicia.
A maior parte dos mozos que participan nesta edición son músicos que estudaron ou se formaron nos mellores conservatorios de Europa para os que é imprescindible obter unha nota moi alta para poder ser seleccionado como estudante. Coa organización destes concertos conséguese dar a estes novos talentos musicais un primeiro impulso internacional e unha importante proxección, acorde ao seu esforzo e preparación. Hoxe son novas promesas, pero mañá a música será a súa profesión. Por tanto, superar as probas de selección para participar no Festival Peregrinos Musicais é xa, con seguridade, unha proba de gran talento musical.
Sen dúbida, un dos valores máis sobresalientes é o labor de intercambio que se produce nestas xornadas ao xuntar a mozos formados en escolas diferentes, xerar empatía, sinerxías e comprobar que o seu nivel de compenetración con outros mozos formados noutras culturas está xa nun nivel maduro.
É importante lembrar que o Festival Peregrinos Musicais non é un concurso musical, senón que se trata dunha oportunidade de gozar da profesionalidade destes músicos talentosos. Nalgúns casos, como veremos nesta edición. algúns son nenos prodixio, pola súa curta idade.
A Asociación Peregrinos Musicais xurdiu no ano 2011 en Santiago de Compostela da man da pianista rusa afincada na capital de Galicia Ilona Timchenko. A asociación ten como obxectivo a promoción dos novos artistas galegos. Do nacemento da asociación naceu unha das súas actividades centrais e que compite por ser nos próximos anos un referente da música clásica en Galicia. O fin de Peregrinos Musicais é realizar actividades conxuntas e de intercambio con outros mozos músicos importantes e de prestixio internacional. Ademais, realiza actividades de promoción dos intérpretes galegos e doutros músicos afincados en Galicia.