O VOLUNTARIADO MEDIOAMBIENTAL DE BRIÓN
SINALIZARÁ ESTE SÁBADO UNHA NOVA RUTA DE SENDEIRISMO POLAS PARROQUIAS DOS
ÁNXELES E BRIÓN
O Concello de Brión retoma unha iniciativa que permitiu sinalizar as
distintas rutas de sendeirismo existentes no municipio
21 de maio de 2012.- O voluntariado medioambiental de Brión vai
sinalizar unha nova ruta de sendeirismo polas parroquias dos Ánxeles e Brión.
Unha actividade que terá lugar este sábado 26 de maio e que está aberta á
participación de todos os mozos e mozas de Brión que se animen a botar unha man
ao medio ambiente. Os xóvenes interesados en participar nesta iniciativa
deberán inscribirse como voluntarios na Casa da Cultura ou ben a través do
teléfono 981 509 908.
Deste xeito, o Concello de Brión retoma unha iniciativa iniciada hai agora
catro anos e que permitiu a recuperación e sinalización das distintas rutas de
sendeirismo existentes no municipio. O novo roteiro sairá da Igrexa dos
Ánxeles, baixará polo Alqueidón ata o Balneario do Tremo e a aldea do Cabo,
para subir ata Lamiño, Brans, Pedrouzos, Cabreiros e voltar aos Ánxeles. Un
percorrido dunhas dúas horas nas que se inclúen distintos atractivos para o
sendeirista como a Igrexa dos Ánxeles, o castro de Lamiño, o propio Balneario
do Tremo e o seu carballo centenario, a Carballeira de Santa Minia ou o Paseo
do Río Pego.
“A nosa intención é sinalizar un percorrido dunhas dúas horas de duración e
accesible a calquer peón de calquera idade, mentres que deixamos para unha
seguinte saída o alongala un pouco máis ata as Torres de Altamira e os montes
de Rañalonga”, explica Dora Vieiro, técnico de Voluntariado do Concello de
Brión. Así mesmo, o voluntariado medioambiental de Brión celebrará o vindeiro
10 de xuño unha pedalada-andaina familiar por Brión. A iniciativa inclúe
merende, ruta a pé ou en bici, e estará aberta non só aos rapaces voluntarios,
senón tamén aos seus familiares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario