Paula Fernández lamenta as difamacións da CIG, que
aínda non nomeou aos seus representantes na comisión paritaria, preceptiva para
iniciar calquera negociación sobre Persoal
-A alcaldesa
advirte que foi outro sindicato, e non o maioritario, quen solicitou a
convocatoria deste organismo para iniciar as negociacións
-O goberno
silledense segue agardando a resposta da CIG dende o día 16 de maio, para que
nomeen entre outros aos seus representantes nesta comisión. “Será que o
presidente do comité de empresa non tivo tempo de miralo, pese a que pediu
libre o día 18 de maio solicitando horas sindicais”, engade a Fernández Pena
Silleda, 23 de maio de 2012. A alcaldesa de
Silleda, Paula Fernández Pena, ve “bochornoso” que o sindicato CIG lance
alegremente acusacións sen ningún tipo de fundamento. A rexedora di non
entender cómo o sindicato maioritario “ten a desfachatez de acusarme de
oscurantismo, cando levamos dende o pasado día 16 agardando a que nomeen os
seus representantes na comisión paritaria mixta”.
A conformación deste
organismo (co mesmo número de representantes políticos que sindicais) é necesaria para iniciar calquera tipo de
negociación relacionada co Persoal, tal e como se recolle no convenio colectivo
do Concello de Silleda. A alcaldesa e responsable do departamento de Persoal
explica que “curiosamente, foi outro sindicato, en concreto Comisións Obreiras”,
quen solicitou o pasado día 10 de maio,
a constitución da comisión paritaria mixta.
Logo da solicitude formulada
por CCOO, dende a Alcaldía de Silleda remitiuse o pasado día 16 a todos os sindicatos un escrito solicitando
que nomearan aos seus representantes na citada comisión. “Dende esa data, en
que membros da CIG recolleron o escrito, non temos novas do sindicato
maioritario”, engade a alcaldesa. “Será que o presidente do comité de empresa
non tivo tempo de miralo, pese a que pediu libre a xornada do venres 18 de maio
solicitando horas sindicais”, engade a Fernández Pena. A alcaldesa, que formará
parte da citada comisión paritaria, xunto co primeiro tenente de alcaldesa,
Manuel Cuíña Fernández e o concelleiro Matías Rodríguez da Torre, lamenta que
“saian alegremente só co ánimo de buscar un titular, cando a realidade sobre o seu traballo é ben
distinta”
Á espera do informe de Intervención
Por outra banda, Paula
Fernández aclara que “nin a CIG nin ningún outro sindicato que represente aos
traballadores municipais” sabe do plan de axuste “porque nin se negocia con
ninguén, nin o podemos facer ata que teñamos o preceptivo informe de Intervención,
unha condición da que foron informados todos os sindicatos, pero que a CIG
parece esquecer”, aclara a alcaldesa.
Á vista dos feitos, Paula
Fernández Pena, pídelle á CIG mesura nas súas declaracións e lanza unha mensaxe
de tranquilidade aos traballadores municipais. “O propio presidente do comité
recoñecía hoxe nun medio de comunicación que a plantilla está
sobredimensionada. Imos a estudar e agotar todas as vías posibles, e sempre
usando o diálogo cos representantes dos traballadores”, sinala Paula Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario