O CONCELLO DE OROSO ABRE A PREINSCRICIÓN NO PROGRAMA “BO
PROVEITO” 2012-3, UN SERVIZO DE COMEDOR ESCOLAR PARA NENOS E NENAS DO MUNICIPIO
23 de maio de 2012.- Oroso
abre o prazo de preinscrición no programa “Bo Proveito”, un servizo de comedor
escolar posto en marcha polo Concello de Oroso o pasado mes de outubro para
resolver as carencias existentes no CEIP de Oroso, que só dispón de 184 prazas
de comedor fronte aos 587 nenos escolarizados (dos que 214 proceden de fóra de
Sigüeiro). O prazo de preinscrición para o curso 2012-2013 estará aberto ata o
vindeiro 15 de xuño no centro cultural de Sigüeiro.

Deste xeito, o Concello de Oroso cumpre o seu compromiso coas familias orosáns de manter este servizo mentres non estivese construído o novo colexio, que foi licitado o pasado mes de febreiro pero cuxas obras aínda non deron comezo. O programa “Bo Proveito” ofrecerá un servizo tanto mensual como semanal ou por días soltos, con descontos por irmáns e familias numerosas. O comedor escolar desenvolverase no salón de usos múltiples do centro deportivo municipal Juanito Amigo de Sigüeiro, ao cal os rapaces acceden directamente dende o propio centro escolar e onde son recollidos polos seus familiares sen que teñan que atravesar ningunha vía pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario