Izal, Peter Broderick, Cápsula, Pablo und Destruktion, La M.O.D.A., Heavy Tiger, Arizona Baby, Elefantes e Supersubmarina no Compostela Rock 2014
· Pódense mercar entradas para todos os concertos no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00h de martes a sábado
O ciclo Compostela Rock, un xa dos máis consolidados da programación cultural da cidade, retoma as súas propostas tras o verán o vindeiro xoves, 25 de setembro. Será con Izal e tras el poderemos escoitar a Peter Broderick, Cápsula, Pablo und Destruktion, La M.O.D.A., Heavy Tiger, Arizona Baby, Elefantes e Supersubmarina. Todos na Sala Capitol. As entradas para todos os concertos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal que está aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. Ademais, despois cada concerto ten outros puntos de venta a maiores.
 |
| IZAL |
Imprescindibles no pop español de 2014 a banda Izal presentará “Agujeros de Gusano”, o seu segundo álbum, que colleitou numerosos éxitos de crítica e público. Será o xoves que vén, 25 de setembro a partir das 21.30h na Sala Capitol. As entradas para este concerto teñen un prezo de 17 euros anticipada e 20 o día do evento e ademais de no Principal poden mercarse en Ticketea, A Reixa Tenda e salacapitol.com.
Xa en outubro, o día 7 poderemos escoitar o pop-folk de Peter Broderick. Peter Broderick empezou na música a tenra idade. Cando aínda estaba na escola aprendeu a tocar varios instrumentos. Máis tarde converteuse en músico de sesión para artistas como M. Ward, Zooey Deschanel e Delorean, entre outros, para os que tocaba o violín, o banjo ou a mandolina e agora converteuse nun dos expoñentes das escenas neoclásicas e folk. Ademais de no Principal, pódense mercar entradas, a 8 euros anticipada e 10 o propio día do concerto, en A Reixa Tenda e en salacapitol.com
A banda de garaxe hispano-arxentina Capsula e o crooner asturiano Pablo Und Destruktion traen o rock máis visceral ao ciclo o venres 10 de outubro. O concerto forma parte tamén das actividades paralelas contidas dentro do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto 2014 e as entradas poden mercarse no Principal, na web e teléfono de ABanca, en A Reixa Tenda, en Ticketea e en salacapitol.com, a 9 euros anticipada e 12 ese día.
Pechamos outubro o venres 17 con La Maravillosa Orquesta del Alcohol, que é un orixinal sexteto que mestura música acústica e instrumentos como acordeón, banjo, mandolina e saxofón. Cun son que bebe do folk, o blues, o country e o rock & roll, esta banda burgalesa (tamén coñecidos como La M.O.D.A) leva case 3 anos sen parar de facer cancións e actuar por todo o país: en festivais, como teloneiros de artistas internacionais (Dropkick Murphys, Frank Turner), en salas, bares e na rúa. Abre o concerto HEAVY TIGER un power trio de mozas de rock and roll de Estocolmo. As entradas son a 8 euros anticipada e 10 ese día e poden adquirirse no Principal, entradas.abanca.com, 902434443, A Reixa tenda, Ticketea, Miranda e salacapitol.com
Novembro trae a presentación do novo disco de Arizona Baby, ‘It is called work’, nun concerto que custará 14 euros anticipada e 17 ese día para o que se poden mercar as entradas, ademais de na billeteira do Teatro Principal e en salacapitol.com, en Ticketea e A Reixa Tenda. De castigo divino a forza de liberación social, o TRABALLO marcou sempre a actividade humana. Agora, nestes tempos onde máis que castigo o traballo é un milagre, Arizona Baby quere lembrar o legado das vellas cancións de traballo americanas de mediados do século XX. Dous monumentos:"16 Tons" e "Working In The Coal Mine" máis un tema ad hoc do propio Vielba, "It is Called Work", forman este auténtico agasallo en edición limitada.
E pechamos novembro tamén coa presentación dun novo disco, neste caso de Elefantes. Será o sábado 22. Tras coñecer a boa noticia do seu regreso aos escenarios despois de oito anos, Elefantes presentará o seu álbum, ‘El rinoceronte’. O disco ten unha rica densidade que desliga a Elefantes do Pop máis lixeiro de outrora. O regreso da banda de pop formada en Barcelona, é sen dúbida un dos regresos máis soados no último ano. Esta volta ten as expectativas ben altas cunha xira onde colgaron o cartel de entradas esgotadas en varias das súas actuacións. As entradas poden mercarse no Principal, Ticketea e A Reixa Tenda a un prezo de 14 euros anticipada e 18 o día do concerto.
E en decembro chega a Compostela a xira de Supersubmarina, que volve á estrada para presentar o seu novo álbum, ‘Viento de cara’, editado a finais de setembro. O novo disco gravouse en marzo e abril nos estudos Laviña de Baeza, e foi producido polo escocés Tony Doogan, quen xa traballou con Supersubmarina en ‘Santacruz’, o seu anterior disco. As entradas teñen un prezo de 17 euros anticipada e 22 euros o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, na web entradas.abanca.com e no 902 434 443.