PSOE Ames - solicitude para que o alcalde recorte o seu soldo e o persoal de confianza

O GRUPO SOCIALISTA DEMÁNDALLE A SANTIAGO AMOR QUE DEA EXEMPLO RECORTANDO O SEU SALARIO E PERSOAL DE CONFIANZA 
Os socialistas presentaron dúas alegacións aos Orzamentos nas que tamén piden que se destine o saldo positivo ás partidas de servizos sociais e emprego 
O grupo municipal socialista de Ames presentou por rexistro sendas alegacións ao Orzamento Xeral do Concello de Ames nas que solicitan a reducción dun 10% da dedicación exclusiva recoñecida a Alcaldía, a eliminación dun posto de confianza da Alcaldía así como que se destine o saldo positivo dos orzamentos a paliar o recorte dos servizos sociais e a promoción do emprego. 

O voceiro socialista, Xosé Miñones, lembra que o goberno de Santiago Amor “non deixa de pedirlles esforzos á cidadanía cunha suba dos prezos dos servizos municipais unida aos recortes en áreas de tanto peso como os servizos sociais ou a promoción do emprego, que consideramos básicas”. Por iso, desde o grupo socialista preséntanse estas alegacións co obxectivo de propor que o Goberno de Ames dea exemplo de esforzo coa reducción dun 10% da dedicación exclusiva recoñecida para a Alcaldía, o que suporía un aforro de 17.947,71€, cantidade á que habería que engadir a parte proporcional pertencente á Seguridade Social. 

De igual xeito, os socialistas solicitan tamén a eliminación dun dos tres postos de persoal de confianza que ten asignados, cando na anterior lexislatura o pleno aprobou que o goberno non tería ningún posto de confianza. “Pedirlles que eliminen un non é tan grave, aínda así seguirán tendo o dobre que tiñamos os socialistas”, sinala o voceiro municipal do PSOE. Esta medida traduciríase nun aforro de 26.018,86€, máis a seguridade social correspondente. “Co aforro xerado, o goberno podería incrementar as partidas orzamentarias de Servizos Sociais e Promoción de Emprego, que tan duramente teñen cercenado e que son básicas, máis tendo en conta a situación e circunstancias de crise que estamos a atravesar nestes momentos”, explica Miñores. 

Uso do saldo positivo
Ademais, solicitan que o saldo positivo dos orzamentos, establecido en máis de medio millón de euros, se destine a estas dúas áreas. “Nestes momentos en que temos o paro máis elevado da nosa historia e parte da poboación está en risco de exclusión social, ningún veciño de Ames podería entender que se lle recorten servizos e se lle suban taxas e impostos mentres o Concello ten un superávit de 513.144,18 euros”, asegura o voceiro socialista. 
Nas súas alegacións, o grupo socialista lembra que os Orzamentos de 2012 inclúen importantes subas de impostos e taxas así como un descenso de 228.000 euros na partida destinada a benestar social; un recorte de case 200.000 euros en servizos sociais; un importante ataque á formación e emprego dos amienses, partidas que contemplan unha reducción de 422.000 euros e un dramático recorte no capítulo de cultura de 724.000 euros. Así mesmo, a partida en materia de medio ambiente redúcese á metada e a de deportes en 219.000 euros mentres que no capítulo de infraestructuras o recorte é de 424.000 euros. Ademais, os socialistas lembran que estes orzamentos non reflexan ningún servizo novo nin mellora algunha.

Ningún comentario: