O CONCELLO DE OROSO APROBA UNHA BONIFICACIÓN DO 95% DA COTA DO ICIO PARA EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS, AGROPECUARIAS E FORESTAIS
O pleno acorda adicarlle unha rúa á pintora local Hortensia Ramos, que anunciou a cesión de parte da súa obra ao Concello
O Concello investirá os 217.000 euros do Plan DTC 94 en rematar a urbanización da rúa do Portiño e na reurbanización da rúa Xuncal
O pleno municipal de Oroso aprobou por unanimidade unha bonificación do 95% da cota do imposto das construccións, instalacións e obras (ICIO) para as edificacións, instalacións ou obras adicadas á gandeiría, agropecuarias e do sector forestal produtivo (non transformación) que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que se trata “dunha importante medida para un sector moi castigado pola crise e que pode axudar ao mantemento do emprego nas explotacións orosáns”.
Esta bonificación do 95% do ICIO tamén se aplicará ás obras de construción, rehabilitación ou reparación das vivendas habituais de persoas ou familias en situación de emerxencia social; así como os traballos dedicados a instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que así o xustifiquen. Unha medida dirixida especialmente a favorecer o funcionamento de entidades ou asociacións sen ánimo de lucro.
217.000 euros en obras
A unanimidade tamén se mantivo á hora de aprobar os proxectos que o Concello de Oroso presenta ao abeiro do Plan DTC 94, unha Deputación para todos. A Alcaldía acordou investir os 217.477,39 euros que aportará o organismo provincial en rematar a urbanización da rúa do Portiño (concretamente entre os números 9 e 23) e na reurbanización da rúa Xuncal, que recibirán 76.783,27 e 140.694,02 euros respectivamente.
O pleno tamén aprobou por unanimidade darlle o nome dunha rúa de Sigüeiro á pintora Hortensia Ramos, nacida na parroquia de Deixebre. Mirás Franqueira explicou no pleno que “Hortensia Ramos é unha pintora que é a invitada de honra nesta edición de Goisorosoarte 2012 e que ofreceu a donar parte da súa obra ao Concello. Nós valoramos este xesto, pensamos que o seu traballo é interesante e por iso propoñemos darlle o seu nome a unha das rúas de Sigüeiro”. Concretamente, a rúa Hortensia Ramos está situada entre a rúa Pablo Iglesias e o vial de acceso ao polígono de Sigüeiro.
Gardería e PXOM
Tal e como estaba previsto, a unanimidade mantívose á hora de poñer a disposición do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar unha parcela para a construción dunha escola infantil municipal, tal e como está acordado no marco do Plan Educa3 do ano 2011. Unha gardería que superá un investimento de 410.000 euros, dos cales 164.000 euros serán aportados polo Concello de Oroso (que xa os ten consignados nos seus Orzamentos de 2012) mentres que os restantes 246.000 euros serán financiados pola Xunta e o Estado.
A escola infantil, que construirá o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, terá 41 prazas e estará ubicada nunha parcela situada a carón do actual CEIP de Sigüeiro, ao pé da avenida da Grabanxa e que dispón dos servizos de auga, saneamento e luz, xa que cando se ampliou o CEIP o Concello instalou aló un transformador con capacidade para dar servizo á nova gardería. A gardería disporá dunha amplia entrada dende a avenida da Grabanxa a través dun vial que o Concello de Oroso procederá a urbanizar en breve, unha vez aceptados os terreos. Deste xeito, os pais e nais que acodan a deixar/recoller aos seus cativos disporán dunha entrada doada e tamén de zona de aparcamento.
Por outra parte, o pleno aprobou a enmenda ao documento de aprobación provisional da modificación puntual número 1 do PXOM do Concello de Oroso na Barciela, para incluir os requerimentos da Xunta de Galicia. O punto foi aprobado por 11 votos a favor de PSOE, PP e BNG e dous votos en contra de Partido Galeguista e PP (voto que ambos xustificaron no feito de que teñen presentado alegacións á modificación do PXOM).
Festivos locais
Para pechar a parte dispositiva, o pleno aprobou por unanimidade que os festivos locais durante 2013 serán Santa Eufemia (16 de setembro) e San Roque (16 de agosto), que substitúe ao tradicional Martes de Entroido. A unanimidade mantívose na aprobación do complemento das prestacións económicas nas situacións de incapacidade temporal do persoal funcionario e laboral do Concello de Oroso.
A unanimidade que presidiu a primeira parte do pleno rachouse na parte de control. O Partido Popular presentou de novo a súa moción para que o Concello de Oroso asuma a construcción dunha senda peonil en Marzoa, a carón da estrada provincial CP-3801, que une Ordes e Pontecarreira (Frades).A moción foi desestimada cos 7 votos en contra do grupo de Goberno xa que “esta moción xa foi debatida no pleno de xullo e enviada á Deputación, na que o Concello de Oroso lle pide que faga esa senda peonil”, sinalou Manuel Mirás, quen lembra que “a estrada CP-3801 é da excelentísima Deputación da Coruña, polo que nós non podemos ir facer obras aló pois incluso sería ilegal”.
O pleno tamén aprobou sendas mocións do PSOE nas que se instaba ás autoridades competentes a fomentar a custodia compartida e outra na que se instaba ao Goberno do Estado a volver aos inicios do Plan Prepara. Ambas mocións foron aprobadas cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista, fronte ás abstencións e votos en contra dos 4 concelleiros do PP.
Paga funcionarios
Por último, o alcalde Manuel Mirás aceptou unha moción do BNG na que se lle insta a que “se hai algunha maneira legal e as arcas o permitan, abonen parte ou a totalidade da paga extra aos funcionarios municipais”, explicou Xosé Manuel Pérez. Mirás Franqueira sinalou que “imos facer o posible por buscar unha solución”, aínda que deu lectura a unha carta recibida o pasado 24 de setembro por parte da FEMP na que se indica que eses cartos deben destinarse a aportacións a planes de pensións. A moción foi aprobada cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Partido Galeguista, fronte aos 4 votos en contra do PP.
Ningún comentario:
Publicar un comentario