O Concello de Silleda investirá máis de 37.000 euros na traída de augas de varios lugares da parroquia de Manduas
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, e o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuiña, mantiveron unha reunión coa directiva da asociación de veciños da localidade, Avema
O importe das obras corresponde á subvención outorgada pola Xunta dentro da liña de axudas competitivas do Fondo de Compensación Ambiental
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, mantiveron en días pasados un encontro coa directiva da Asociación de Veciños de Manduas (Avema) para abordar distintas cuestións, tanto peticións por parte do colectivo veciñal, como inversións a realizar dende o goberno silledense.
Así, a rexedora e o concelleiro informáronlles da concesión da axuda dentro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, para executar o proxecto Traída de augas a San Tirso, Quintela, Andamollo e Vilaverde. O Concello de Silleda, como afectado polas instalacións eólicas, concorreu a esta liña co citado proxecto, que ten un custe de execución de 37.043,30 euros. Nos días pasados, dende a Dirección Xeral de Administración Local informouse da concesión da axuda solicitada, por un importe de 29.634,30 euros, o 80% da inversión prevista.
No transcurso do encontro, a directiva de Avema, que preside José Costa, foi informada desta actuación, así como de outras que se están acometendo na localidade da Bandeira e que xurdiron nos últimos días. Trátase de actuacións coma o derrube dunha edificación que invade a beirraúa en Agro do Balo, e que logo de retomarse o acordo que a rexedora tiña cos propietarios antes da moción de censura, será executado mañá martes.
Ademais, e a petición da directiva de Avema, os representantes municipais informaron das xestións que se están a levar a cabo para esixir a retirada do peche de madeira e outros elementos no edificio da rúa Renque do Peixe.
Pola súa banda, a directiva de Avema interesouse tamén por proxectos pendentes coma a instalación do albergue de peregríns ou as obras das sendas peonís de Manduas, “actuacións que dependen directamente da Xunta e das que aínda non temos datas concretas para a súa consecución”, remarca o concelleiro Manuel Cuíña. Ademais, por parte do colectivo veciñal, tamén propuxeron aos representantes do goberno municipal, a mellora na limpeza e adecentamento das rúas, e outras cuestións como a reposición de adoquíns nas beiravías. Tamén lle transmitiron as queixas dos veciños da localidade polo funcionamento do alumeado público na rúa Ramón de Valenzuela. Cuíña adiantou que se revisará o funcionamento destas farolas, con encendidos alternos no plan de aforro enerxético.
Ningún comentario:
Publicar un comentario