BNG Ordes - resumo do pleno de setembro

O PLENO APROBA A PROPOSTA DO BNG PARA ESIXIR Á XUNTA QUE CESEN OS RECORTES NOS CENTROS EDUCATIVOS DE ORDES
O BNG esixiu explicacións ao alcalde pola contratación da muller dun concelleiro para a cociña da gardería municipal e Gonzalo Castro afirmou que “resulta escándaloso e lamentábel que o alcalde defenda estas actuacións que van contra a ética política, e que as vexa normais e lóxicas”.
Gonzalo Castro lamentou que “a falta de sensibilidade de UxO e PP cos traballadores, ao negarse a apoiar a moción para compensar aos traballadores municipais pola perda da paga extra”.
O portavoz do BNG criticou ao goberno municipal por rexeitar a iniciativa dos nacionalistas para garantir a continuidade das actividades da piscina climatizada.

Recortes nos centros educativos
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, amosou a súa satisfación porque o Pleno apoiase por unanimidade a moción dos nacionalistas para instar á Xunta de Galiza a que a que dote de medios materiais e humanos aos centros educativos de Ordes, rematando cunha política de recortes inxusta e antisocial e instar ao alcalde a que defenda aos seus veciños diante destas políticas inxustas e inaceptábeis dos gobernos do PP na Xunta e no Estado.

Castro afirmou que esta iniciativa “trata de evitar que se repitan situacións como a vivida nunha aula de infantil do CEIP Castelao, onde os pais e nais tiveron que facer xestións para reclamar unha solución inmediata á ausencia dun titor para esa aula, sen contar coa defensa dun alcalde que fai gala dunha absoluta incapacidade e deixación de funcións na defensa dos seus veciños, cunha clara complicidade cos recortes do goberno do PP na Xunta”.

Ademáis desta situación, o portavoz nacionalista denunciou que “a aula de infantil foi enviada inicialmente a unha habitación que non cumpría cos requisitos necesarios para aloxar a 15 nenos”. 
Gonzalo Castro afirmou que “hai que parar esta situación, na que os veciños e veciñas de Ordes están a sufrir as consecuencias das políticas de recortes antisociais da dereita, cunha evidente complicidade entre o PP e o alcalde”.

Escándalo na Garderia MunicipalGonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes, pediu explicacións ao alcalde sobre o escándalo da contratación derivado da contratación da muller dun concelleiro do goberno por parte da adxudicataria da Escola Infantil Municipal.
Castro lamentou que “o alcalde fixese gala unha vez máis da súa cobardía política, negándose a dar explicacións como máximo responsábel do goberno e escondéndose detrás da tenente-alcaldesa”.

O portavoz do BNG reafirmouse en que “todo o mundo en Ordes sabe que a empresa adxudicataria deste servizo municipal botou á persoa que estaba a facer o traballo de cociña na escola, contratando no seu lugar inmediatamente á muller dun concelleiro do goberno de UxO”.  

Castro afirmou que “desde o BNG rexeitamos este tipo de comportamentos, que por desgraza se teñen convertido en norma de actuación no noso Concello, sendo numerosos os casos nos que nos atopamos famliares directos de concelleiros do goberno municipal traballando en empresas que contratan servizos e obras co Concello, ou mesmo membros da candidatura de UxO traballando na prestación de diferentes servizos para o Concello de Ordes. 

Gonzalo Castro afirmou que “resulta escándaloso e lamentábel que o alcalde defenda estas actuacións que van contra a ética política, e que as vexa normais e lóxicas”.

Compensación aos traballadores pola perda da paga extra
O BNG e o PSOE transacionaron o contido dunha moción para instar ao alcalde a adoptar as medidas necesarias dentro da legalidade vixente para compensar aos traballadores municipais pola perda e poder adquisitivo derivada da supresión da paga extra.

Esta proposta non saiu adiante, ao non contar co apoio de UxO e PP, o que moitvou as críticas de Gonzalo Castro, que lamentou “a falta de sensibilidade de UxO e PP cos traballadores, ao negarse a apoiar a moción para compensar aos traballadores municipais pola perda da paga extra”.

Gonzalo Castro afirmou que “hai instrumentos dentro da legalidade para compensar aos traballadores por esta perda de poder adquisitivo e así se ten feito en Concellos como o de Pontevedra ou Vigo”.

O portavoz do BNG afirmou que “con esta actitude, UxO e PP avalan unha medida inxusta, a eliminación da paga extra, que afectará negativamente ao consumo e a sectores estratéxicos do noso Concello, como o comercial ou o hosteleiro”. 

Futuro da piscina climatizada
O BNG criticou ao goberno por rexeitar a iniciativa do BNG para que se garantise a continuidade das actividades da piscina climatizada e do ximnasio e a estabilidade laboral dos traballadores e traballadoras da piscina climatizada e do ximnasio. 

Gonzalo Castro afirmou que “as actividades da piscina climatizada atoparanse nunha situación de incertidume a partir do 1 de outubro debido á decisión do alcalde de rescindir o contrato á empresa encargada destas actividades e á redución dos horarios aprobada polo goberno”.

Outras mocións
O BNG apoiou a moción para a creación dun centro de emprendedores no piso superior da praza de abastos, pero lamentou que “non se aceptase polo goberno e o psoe a nosa emenda para incluir a proposta de instar á Xunta a apoiar a creación dun centro de promoción económica e un viveiro de empresas no edifico do centro comarcal, actualmente totalmente inutilizado”, segundo afirmou Gonzalo Castro.

Castro afirmou que “a ubicación proposta ademáis de ofrecer dúbidas sobre a súa idoneidade requerirá dun forte investimento que non sería necesario no caso de instalar esta infraestrutura no centro comarcal, que xa goza das instalacións e equipamentos axeitados para esta actividade”.

O BNG apoiu a moción sobre o Plan Prepara, manifestando a súa total oposición ás políticas de recortes antisociais do PP, que “están prexudicando de forma desproporcionada aos grupos desfavorecidos, destruindo o estado de benestar e provocando o aumento do número de persoas en risco de pobreza, tal e como afirma literalmente o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU”, segundo salientou o portavoz municipal do BNG.

O BNG presentou unha emenda á moción para instar á concesionaria da autoestrada a eliminar os pivotes que impiden o aparcamento no entorno da peaxe, na que se engadía instar ao Ministerio de Fomento, como titular da AP-9, a que requira á concesionaria a que rebaixe as peaxes da autoestrada e a que manteña a autoestrada en condicións óptimas de utilización, emenda que foi aceptada polo Pleno da Corporación Municipal.

O BNG apoiou a moción para introducir unha bonificacióon do 75% na taxa aplicable ás obras en explotacións gandeiras e criticou “o total abandono e ausencia de defensa deste sector estratéxico por parte do goberno do PP na Xunta”, tal e como afirmou Gonzalo Castro.

Rogos do BNG
O BNG instou ao alcalde que explicase a súa declaración nun procedemento xudicial aberto polo impago de facturas do Festival Brincadeira, confirmando o alcalde a existencia dese procedemento e o impago por parte do Concello de 24.000 euros en facturas.

O BNG esixiu explicacións ao alcalde pola situación na que se atopa un edificio situado na rúa nova, despois da resolución da alcaldía na que se requeriu aos veciños para o pago de 221.005,31 euros en concepto de execución da demolición dese edificio, acordada polo alcalde, e que suporía un desembolso de 17.000 euros a cada un dos propietarios, que ademáis se verían privados da súa vivenda.

Para Gonzalo Castro, “non resulta aceptábel que o alcalde eluda as súas responsabilidades neste asunto, xa que na tramitación da licenza urbanística para a construcción deste edificio e na posterior execución do mesmo, o alcalde tivo unha participación directa, sendo por tanto un dos principais responsábeis desta situación. Non se debe facer pagar a 12 familias de Ordes as consecuencias da deixación de funcións do alcalde coas ilegalidades urbanísticas, facendo que ademáis de pagar 17.000 euros se vexan privados da súa vivenda”.Por estas razóns, Gonzalo Castro instou ao alcalde a que “asuma as responsabilidades políticas neste asunto, e a que realice todas as xestións que permitan que os veciños deste edificio manteñan as súas vivendas, porque eles non son os responsábeis desta lamentábel situación”.

Ningún comentario: