IRREGULARIDADES NA CONTRATACIÓN E NO CONTROL DO GASTO NO CONCELLO DE TEO
Os Socialistas de Teo amosamos o noso rexeitamento a determinadas prácticas levadas a cabo polo equipo de goberno de Martiño Noriega, e que se poñen de manifesto nos informes da Intervención municipal incluídos na Conta Xeral do ano 2011, obxecto de aprobación no vindeiro Pleno ordinario do 27 de setembro.
Nestes informes recóllense continuas irregularidades, reiteradas nos informes de todo o ano 2011, sen que o goberno de Martiño Noriega realizase máis acto de subsanación dos mesmos que a súa aprobación e orde de pago. Pódense destacar feitos de enorme gravidade como que ata polo menos o mes de decembro de 2011, data do último informe de Intervención coñecido polo PSdeG de Teo, a empresa que se encargaba do programa de conciliación Teo Madruga desde setembro do ano 2009, NUNCA asinara un contrato co Concello de Teo (feito recollido en ata 4 informes de intervención).
Recollemos aquí as palabras exactas contidas nos informes da Intervención municipal a este respecto: “Desde setembro do ano 2009, a entidade …. ven prestando o servizo Programa “TEO MADRUGA”, sen que conste asinado ningún contrato administrativo nin se teña constancia de que se realizase procedemento de contratación algún”. Situación similar, é dicir que, durante o ano 2011 como mínimo, se prestasen servizos sen contrato previo, é a dos servizos de hixiene do Concello, ou o de desratización dos locais municipais.
Outras irregularidades, igualmente preocupantes, son relativas, por exemplo, aos vencementos de contratos sen unha nova licitación, servizos que seguiron a ser ofrecidos polas antigas empresas durante o ano 2011, como por exemplo, o contrato menor para o mantemento do equipo informático, que só se firmou para o ano 2008 (irregularidade reiterada en 5 informes de Intervención), ou o servizo de asesoría xurídica, sen contrato desde o 31/03/2011 (feito reiterado en 4 informes municipais).
Os informes dos servizos de Intervención do Concello de Teo ademais amosan a
reiteración nos múltiples gastos realizados sen consignación orzamentaria ou sen proposta de gasto previa.
Estas irregularidades, para os Socialistas de Teo, son moi preocupantes, e amosan, como mínimo, unha “laxitude” polo equipo de goberno do Concello de Teo na contratación pública e no control do gasto público, ás veces de excepcional gravidade, sobre todo nos casos de servizos públicos prestados sen ningún tipo de contrato asinado, como no caso do importante programa de conciliación Teo Madruga.
Por outro lado, os Socialistas de Teo tamén queren facer constar o seu
rexeitamento ante o feito de que solicitada en dúas ocasións documentación sobre o contido dun reparo, a día de hoxe aínda non se recibiu ningunha resposta sobre o tema, incumpríndose a obriga legal de resolver motivadamente a solicitude de información nos 5 días seguintes á mesma. Uxía Lemus solicitou, en data 25/08/12 e 04/09/12, copias da solicitude de indemnización por gastos suplidos asinada por un membro do equipo de goberno, así como das facturas emitidas a nome do Concello, obxecto dun reparo da
Intervención municipal que, ante a falta de documentación, non se pode clarexar
debidamente.
Ante a gravidade dos feitos sinalados nos propios informes municipais, o PSdeG de
Teo espera que no Pleno do mes de setembro, ademais de discutir unha vez
mais sobre os nefastos datos económicos do Concello, agravados nos últimos
dous anos de forma alarmante, Martiño Noriega teña a ben explicar de forma
pública estas irregularidades, e que aclare se procedeu ou procederá a cumprir
o establecido na normativa contractual e orzamentaria, e que se lle
recorda nos informes da Intervención municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario