Oroso - escola de iniciación o fútbol en colaboración co Celta de Vigo

O CONCELLO DE OROSO E A FUNDACIÓN CELTA DE VIGO ORGANIZAN UNHA ESCOLA DE INICIACIÓN AO 
FÚTBOL DIRIXIDA A NENOS E NENAS DE 4 A 7 ANOS

A iniciativa pretende que os pequenos asimilen os valores que implica o fútbol e fagan traballo de coordinación física mediante o xogo

O Concello de Oroso e a Fundación de Vigo convocan a segunda edición da escola de iniciación ao fútbol, que comezará a impartirse o vindeiro mes de outubro e no que poderán participar rapaces e rapazas de entre 4 e 7 anos de idade. Un acordo que foi rubricado na noite de onte luns polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa, diante de medio cento de veciños que asistiron á presentación da escola.

Manuel Mirás destacou o traballo que se realiza nesta escola xa que “hai unha metodoloxía de traballo e detrás está un club histórico como o Celta de Vigo, polo que temos que sentirnos orgullos do camiño andado e dos froitos que quedan por conseguir”. Neste sentido, José María Goicoa explicou que o obxectivo da Fundación Celta de Vigo é “acercar el deporte a los niños y que los niños se formen en los valores que implica el fútbol como la autoconfianza, el trabajo en equipo, la generosidad...”.

Metodoloxía de traballo
O coordinador da Escola de Fútbol de Oroso, Hugo Rama, insistiu en que “esta escola é algo lúdico. Moita coordinación, moito traballar con cores, diferenciar pe dereito e pe esquerdo, camiñar, correr... Chámase escola de fútbol, pero este programa valería para todos os deportes porque é un traballo de coordinación mediante o xogo”. Neste sentido, Rama explicou que “non competimos, queremos que aprendan uns valores antes de que empecen a competir para que así se respecten entre eles”.

As clases darán comezo na primeira semana de outubro. Serán dúas sesións semanais, en horario de tarde. A xornada do venres terá lugar no centro deportivo “Juanito Amigo”, mentres que a outra xornada celebrarase no campo de fútbol de herba artificial de Sigüeiro. Os rapaces recibirán unha equipación do RC Celta de Vigo (camiseta reversible, pantalón e medias), así como un chuvasqueiro. 

O prezo da matrícula é de 50 euros, que poderá formalizarse no centro deportivo “Juanito Amigo” ou directamente a través da web da Fundación Celta de Vigo (http://www.fundacioncelta.com/escuelas.html). As cotas mensuais serán de 35 euros.

Ningún comentario: