Amosando publicacións coa etiqueta DEPUTACION. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DEPUTACION. Amosar todas as publicacións

A Deputación concédelle a Ames máis de 500.000 euros para executar unha senda peonil

Ames, 30/07/2016 - O pleno da Deputación da Coruña deulle luz verde, co voto favorable de todos os grupos políticos, a investimentos por importe de máis de 3,6 millóns de euros para a mellora da rede viaria provincial nos concellos coruñeses. Ao Concello de Ames correspóndenlle 533.097 euros para executar unha senda peonil entre Bertamiráns e Agro do Muíño.

El PP acusa al presidente de la Diputación de "faltar a su palabra" al no asumir el coste que aportan los concellos a los GES

Coruña. 03/07/2016 -  El portavoz del grupo provincial del Partido Popular en la Diputación de A Coruña, Agustín Hernández, ha acusado hoy al presidente del ente provincial, Valentín González Formoso, de "faltar a su palabra" al no asumir el coste que los concellos aportan para el funcionamiento de los siete Grupos de Emergencias Supramunicipales (GES) repartidos en la provincia (Ortigueira, Mugardos, Ponteceso, Muros, Curtis, Padrón y Brión).

Frades aproba un convenio con Medio Rural para a reconstrución de 3 pontes

Frades, 18/06/2016 - O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade a adhesión do municipio ao Plan Especial de Emerxencias 2016, polo que asinará un convenio coa Consellería de Medio Rural para a reposición de tres pontes caídas durante os fortes temporais do pasado mes de xaneiro.

Frades solicita a Deputación o arranxo das beirarrúas entre o colexio e Ponte Carreira

Frades, 10/6/2016 -  O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, reuníuse co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, para solicitarlle a súa colaboración no arranxo das beirarrúas que unen Ponte Carreira co colexio, na estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira.

O PP pide á Deputación cofinancie o arranxo dos danos dos temporais

3/6/2016 - O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, solicitou hoxe que a institución provincial siga o exemplo da Xunta de Galicia e cofinancie os gastos xerados polos danos que moitos concellos da provincia tiveron que sufragar tras as fortes choivas caídas durante o mes de febreiro.

Hernández reclama, na Deputación, a creación dun grupo de traballo para o reparto dos plans provinciais

31/5/2016 -  O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, remitiulle hoxe unha carta ao presidente da institución provincial na que o popular reclama o compromiso formal de Valentín González Formoso para a creación dun grupo de traballo que estableza os criterios que fixen a repartición dos futuros plans provinciais.

Ordes e a Deputación asinan o convenio de acondicionamento do pavillón Campomaior

Jose Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, asinou na Deputación da Coruña o convenio para o acondicionamento do polideportivo Campomaior. Unha actuación que ademais de modernizar e mellorar as ditas instalacións tamén suporá a adición dun novo ximnasio. O proxecto está orzamentado en 258.540 €, dos cales a institución provincial aportará 150.000 €. 

Xosé Regueira Varela, deputado responsable da Área de Cooperación cos Concellos, foi o encargado de rubricar dito compromiso. Grazas a este tanto a poboación estudiantil como o resto da cidadanía poderán beneficiarse dunhas instalacións con maior capacidade e aptas para ofrecer máis servizos de calidade. Con esta nova intervención e a ampliación do inmoble para a instalación do ximnasio será posible desconxestionar algúns dos espazos onde habitualmente se desenvolve o programa deportivo municipal. Según o previsto as obras darán comezo na época estival, coincidindo coas vacacións académicas e o descenso de actividades programadas, evitando así ocasionar maiores trastornos ao CEIP Campomaior e ás persoas que realizan algunha actividade nestas instalacións.

Nesta infraestrutura, enclavada na zona noroeste do casco urbano de Ordes, levarase a cabo un aproveitamento da fachada actual, substituíndo a chapa existente por outra de minionda. O que será o novo ximnasio contará cun volumen de menor altura, humanizándose así o conxunto formado polo pavillón e a nova construción. O exterior rematarase cun aplacado de gres porcelánico seguindo a combinación cromática para integrar todo o conxunto. 

No proxecto presentado polo Concello de Ordes e aprobado pola Deputación da Coruña constan labores de cimentación, saneamento, melloras na estrutura e nas cubertas, aillamentos e impermeabilizacións, revestimentos interiores e alicatados, pavimentos e teitos, carpintería, vidreiras, carpintería interior, instalacións eléctricas, barnices e pinturas, instalacións de fontanería, calefacción, sanitarios e griferías, xestión de residuos, controis de seguridade e saúde etc.

Senda da Brea

Por outra banda a Deputación da Coruña tamén vén de aprobar, dentro do seu Plan de sendas peonís 2016, o acondicionamento da senda da Brea, situada na zona de Mesón do Vento. O investimento previsto achégase aos 202.000 € para a construción deste trazado de máis dun quilómetro de lonxitude, o cal transcorre paralelo á estrada que comunica o Concello de Cerceda co núcleo de Mesón do Vento.

Por parte do Goberno Local de Ordes xa se lle transmitiu á Deputación da Coruña o seu máximo interese pola construción de beirarrúas, sobre todo naqueles tramos nos que se fan indispensables par poidan utilizalos veciños e veciñas que teñen reducidas nun grao elevado a súa capacidade locomitriz.

Ames - Aprobados os PAS e POS da Deputación

Este xoves, 17 de decembro, ás 16:30 horas, celebrouse un pleno extraordinario para abordar e debater a participación do Concello de Ames no novo Plan de acción social (PAS) 2015 e do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, que convocou a Deputación da Coruña. Finalmente, a corporación municipal deulle luz verde á proposta de proxectos presentados polo goberno municipal. Estas propostas saíron adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular, Pacto por Ames e Ciudadanos, mentres que os edís de Ames Novo abstivéronse á espera de que para a próxima edición destes plans se poida levar a cabo “dun proceso participativo real” para elixir estas obras. Deste xeito, Ames recibirá preto de 1.200.000 euros a través do POS e do PAS.  

Aínda que ambas propostas se votaron por separado, os concelleiros e concelleiras da corporación municipal debatéronas de forma conxunta. O encargado de abrir a quenda de intervencións e de explicar as propostas do goberno municipal foi o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, que destacou que “ao Concello de Ames correspóndenlle un total de 1.162.011 euros (503.879 euros do Plan de obras e servizos e 658.132 euros do Plan de acción social). Destes preto de 1.200.000 euros vanse investir preto de 500.000 euros en saneamento”.

Blas García tamén apuntou que “sempre é complicado elaborar as propostas destes plans porque queremos chegar a todas as parroquias do municipio, pero algunhas veces non se consegue porque as achegas económicas que nos dan non son suficientes. Antes de elaborar estas propostas invitamos ás asociacións e aos grupos da oposición a que presentarán as súas propostas. As asociacións mostraron á necesidade de realizar obras de saneamento e así o recollemos nestes plans”. O concelleiro de Obras Públicas tamén recalcou que “este ano decidimos dedicar o 100% do POS a proxectos de investimentos. Se temos en conta o importe total que suman o POS e o PAS a metade está dedicado a obras no rural, mentres que a outra metade é para realizar diferentes proxectos en Bertamiráns e no Milladoiro”. 

A través do novo Plan de acción social (PAS) vaise dedicar 455.651 euros para investimentos de carácter social como son a primeira fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos (Casa do Concello, Biblioteca municipal do Milladoiro e acceso das Oficinas Municipais do Milladoiro), que conta cun presuposto de 150.000 euros; a execución de parques biosaudables en Bertamiráns e no Milladoiro que teñen un custo de 30.475 euros; a reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que dispón dun orzamento de 99.446 euros; e a reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras, que ten un custo de 175.730 euros.

Ademais, a través do PAS vanse a sufragar investimentos financeiros sostibles por valor de 202.481 euros, como son as obras de saneamento no núcleo de Portanxil, que teñen un custo de 139.931 euros, e os traballos para dotar de saneamento ao lugar de Ventosa, que conta cun presuposto de 62.549 euros.

Por outra banda, o PAS complementario, no que se inclúen obras de carácter social, está dotado con 209.831 euros, para executar a segunda fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos na que se pretende mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como o interior das Oficinas Municipais do Milladoiro. Estas obras están dotadas dun presuposto de 128.000 euros. Outros dos proxectos incluídos no PAS complementario é a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo de Bertamiráns, que ten un custo de 81.831 euros.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “para elixir os proxectos que se van sufragar con cargo ao PAS e ao POS da Deputación da Coruña seguiuse un criterio claro. En primeiro lugar, priorizamos por executar obras de saneamento ao que dedicamos o 41% da contía concedida a través destes dous plans provincias. En segundo lugar, tendo en conta que somos un Concello cunha poboación eminentemente moza apostamos polo deporte e a cultura investindo o 33%, para obras de mellora da accesibilidade un 13% e para obras de mellora de camiños rurais outro 13%”.

Por parte da oposición o concelleiro de Ciudadanos apuntou que “atendendo ao principio de igualdade era necesario que nestes plans provinciais se recollerán proxectos de obras para todas as parroquias do concello porque todas teñen necesidades”. O voceiro de Pacto por Ames mostrouse satisfeito coas propostas presentadas polo goberno municipal “porque as nosas propostas recóllense nestes plans”.

A voceira e Ames Novo anuncio que se ían abster na votación destas propostas á espera de que para a próxima edición destes plans se poida levar a cabo “dun proceso participativo real” para elixir estas obras. Por último, o voceiro do Partido Popular anunciou o seu voto afirmativo e afirmou que “todas estas obras son necesarias”, aínda dixo non coincidir cos criterios do goberno xa que non eran os mesmos cando estaban na oposición.   

Proxectos sufragados a través do POS
A proposta do goberno municipal é que o importe integro do POS, que ascende a 503.879 euros, se dedique a execución de catro obras que serían a construción das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro (91.536,56 euros); a dotación de saneamento no lugar de Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño (287.698,90 euros); pavimentación da aldea da Mámoa e interiores, situada na parroquia de Tapia, e Barreiro (59.771,71 euros); e mellora do camiño de Cruxeiras e do entorno da igrexa de Ames e da rúa Lodeiro (64.872,11 euros).

O POS complementario estaría dotado de 271.316, 81 euros para executar os proxectos de mellora do camiño que vai dende Pousada ata a Capela de San Xoanciño e outro (52.061,36 euros); a mellora do camiño que vai de Oca ata A Igrexa (126.365,52 euros); e a dotación de saneamento no núcleo de Susavila de Carballo (92.889,93 euros).


Por último, cómpre destacar que os grupos municipais da corporación municipal de Ames mostraron a súa repulsa ante a agresión sufrida onte en Pontevedra por parte do presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, e condenaron calquera tipo de acto violento.

Ames - Participación na mesa sectorial de turismo da Deputación

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo participaron esta semana na primeira Mesa sectorial de Turismo que convocou a Deputación da Coruña co obxectivo de presentar as principais liñas de actuación que vai a poñer en marcha o ente provincial en 2016. Ademais, nesta xuntanza tamén participaron o presidente da Asociación Neria, Javier González, e os/as técnicos/as de Corcubión, Dumbría, Fisterra e Mazaricos, todos eles concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía e que están traballando en conxunto na promoción e dinamización do mesmo.

O Concello de Ames participou esta semana na primeira reunión da Mesa sectorial de Turismo da Deputación da Coruña, que se celebrou no Pazo de Mariñán (Bergondo). O motivo da mesma foi levar a cabo un primeiro contacto entre o novo deputado de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira Varela, máis a sección de turismo da Deputación da Coruña cos/as técnicos/as e concelleiros/as de Turismo de cada un dos concellos da provincia.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “nesta xuntanza presentáronse as liñas de actuación que o ente provincial está a deseñar para o 2016 e escoitáronse as necesidades e demandas que os concellos temos no ámbito do turismo. Do mesmo xeito sentáronse as bases para a creación destas reunións, que se van denominar mesas sectoriais de turismo, para poder realizar xuntanzas cada tres ou catro meses e estar en continuo contacto”.

As liñas de actuación sobre as que se vai traballar no ano 2016, e presentadas na xuntanza, son a mellora da información e atención aos visitantes; revitalizar os centros de interpretación existentes; mellorar a calidade nos servizos e empresas turísticas; potenciar o coñecemento e colaborar na difusión dos xeodestinos da provincia; promocionar e dinamizar os Camiños de Santiago que transcorren polo territorio provincial; e elaborar un plan para a protección, conservación e rehabilitación do patrimonio histórico-artístico.

A esta xuntanza acudiron a concelleira de Promoción Económica de Ames, Isabel González, o presidente da Asociación Neria, Javier González, e os/as técnicos/as de Corcubión, Dumbría, Fisterra e Mazaricos e Ames, todos eles concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía e que están traballando en conxunto na promoción e dinamización do mesmo.

PP Santiago - Demanda de arranxo da estrada provincial entre Roxos e Reborido

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular e deputado provincial, Agustín Hernández, presentou unha iniciativa que trasladará ao vindeiro pleno da Deputación da Coruña, relativa á ampliación e mellora da estrada provincial que enlaza Roxos e Reborido. 

Tal e como explicou Agustín Hernández, trátase dunha vía de 3,7 quilómetros, cunha plataforma de 5 metros de ancho sen beirarrúas, na que resulta arriscado o tránsito peonil, moi difícil o cruce simultáneo de dous turismos e practicamente imposible cando se trata de vehículos de maior porte. Neste senso, o voceiro popular recordou que a finais do mes pasado un autobús escolar saíuse da calzada no momento que se cruzaba con outro vehículo. “Un incidente que volveu poñer de manifesto a necesidade nunha actuación nesta estrada”, incidiu. Agustín Hernández explicou que se trata dunha vía de gran importancia para a mobilidade de centenares de persoas, xa que forma parte do acceso ao colexio público, ás instalacións deportivas próximas e, tamén, coincide co Camiño cara Fisterra. Ademais, nos últimos anos, o desenvolvemento urbano na zona supuxo o incremento da poboación residente o que intensificou o tránsito na estrada. 

Agustín Hernández recordou que fai dez anos o ente provincial iniciou os trámites para levar a cabo a ampliación da estrada, incluso o proxecto foi incluído no Plan de Vías Provinciais 2006-2008, pero dende o 2010, unha vez rematada a información pública do expediente e coa declaración de urxente ocupación, non houbo ningún outro avance. Por iso, Agustín Hernández insta ao Goberno provincial a que retome o proxecto, o actualice e inclúa melloras. A ampliación da vía segue a ser unha prioridade para os veciños, xa que tal e como destacou o representante popular, puxéronse en contacto co Grupo Municipal do PP, tras o incidente ocorrido a finais de outubro entre un autobús e un vehículo, para reclamar a recuperación do proxecto de ampliación.

Ames - Aprobados os proxectos para o Plan de aforro e investimento da Deputación

A Xunta de Goberno local deulle luz verde ao inicio do expediente de contratación de catro proxectos que están incluídos no Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña. Estes proxectos son a reparación de interiores en Castelo (Ames); a reparación de interiores en O Reino (Trasmonte) e outros; a mellora na EDAR do polígono do Milladoiro; e a reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro. Neste último proxecto, tamén se recolle unha actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.

Cómpre lembrar que a corporación municipal aprobou a adhesión ao Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña nun pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro. A través deste plan provincial, o Concello de Ames dispón de 390.665 euros. Desta cantidade, o 24,25% -preto de 95.000 euros- está destinado a reducir o endebedamento, que se corresponde coa contía mínima esixida nas bases. Co 75,75% restante, é dicir, 295.928 euros, executaranse varios proxectos municipais.

O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, apunta que “se trata de obras que serven para acondicionar varios núcleos rurais que estaban en mal estado como son a zona de O Reino, na parroquia de Trasmonte, ou os lugares de Castelo e Pegariños na parroquia de Ames”. O edil amesán tamén destaca que “nos próximos plans provinciais intentaremos incluír obras noutros lugares, para realizar traballos de mellora en todas as parroquias do concello”.

Descrición dos proxectos

O proxecto de reparación do camiño interior en Castelo (Ames) conta cun orzamento de 43.737,41 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma.

As obras en O Reino (Trasmonte) e outros teñen un presuposto de 72.487,22 euros. Este proxecto inclúe tres actuacións: a reparación interior da aldea, a mellora do camiño no lugar de Salgueiro e na vía que une Trasmonte e Suevos. 

Por outra banda, o proxecto de reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro, que conta cun orzamento de 81.315,99 euros, recolle os traballos para acondicionar o lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. Para a mellora deste camiño interior empregarase formigón en oito treitos e asfalto nun tramo de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Ademais, neste proxecto contémplase outra actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.



Un cuarto proxecto, dotado de 98.387,83 euros, recolle obras de mellora na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono do Milladoiro.

Ames - O concello pide a Deputación que mellore a seguridade viaria en distintos puntos

O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos acaba de enviarlle ao servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña tres escritos para solicitarlle que se mellore a seguridade viaria en tres puntos da estrada DP-0205 (na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, na rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, e no lugar de Firmistáns). Ademais, envióuselle á Deputación copia das solicitudes presentadas no Concello por varios veciños, nas que solicitan a revisión do espazo existente entre os barrotes da pasarela da ponte da Condomiña na estrada DP-0205, así como sobre o firme da mesma, xa que segundo manifestan é moi esvaradío en días de chuvia e xeada.

Unha das solicitudes que se lle fixeron ao servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña foi para poñer en coñecemento desta administración a existencia de dous puntos conflitivos e perigosos na estrada DP-0205. O primeiro deses puntos está situado na rúa Alcalde Lorenzo á súa entrada en Bertamiráns, dirección AC-543 (PK0,2 aproximadamente). O segundo punto sitúase no tramo situado á altura do paso de peóns que se atopa nas inmediacións da rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, no lugar de As Cortes, na parroquia de Ortoño.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, sinala que “en ambos puntos existen queixas dos veciños e veciñas xa que os vehículos pasan a excesiva velocidade, non respectando os pasos de peóns”. Polo tanto, Blas García, indica que “coa intención de eliminar eses dous puntos conflitivos, solicitóuselle á Deputación da Coruña, que na medida do posible leve a cabo algunha actuación para garantir que a redución de velocidade sexa efectiva e que se respecten os pasos de peóns. As posibles medidas a adoptar son a elevación dos pasos de peóns sobre o nivel da calzada ou a colocación de semáforos de radar que pechan en función da velocidade”.

Por outra banda, púxose en coñecemento da Deputación que na estrada DP-0205, titularidade desa administración, á altura do lugar de Firmistáns, existe un punto conflitivo e perigoso que é obxecto de innumerables queixas por parte dos veciños, xa que os vehículos pasan a excesiva velocidade. Coa intención de eliminar o perigo nese punto, solicítase a ese organismo que procedan ao pintado de pasos de peóns así como á instalación de sinais luminosas e semáforos de radar (que pechan en función da velocidade).

Por último, envióuselle á Deputación copia das solicitudes presentadas no Concello por varios veciños, nas que solicitan a revisión do espazo existente entre os barrotes da pasarela da ponte da Condomiña na estrada DP – 0205, así como sobre o firme da mesma, xa que segundo manifestan é moi esvaradío en días de chuvia e xeada.

Neste senso o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos explica que “esta é unha reclamación que levan facendo dende hai anos os veciños e veciñas xa que existe un gran risco de que algún neno/a se meta por medio dos barrotes da ponte da Condomiña e caia no río. Ademais, o estado do firme debe revisarse xa que é moi esvaradío en días de chuvia e xeada co conseguinte risco de que algunha persoa caía e se faga dano”.

Ordes - Visita do presidente da Deputación Valentín González

O Concello de Ordes recibiu esta onte a visita institucional do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Nesta primeira toma de contacto co municipio dende o seu nomeamento González Formoso foi recibido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, así como polos concelleiros de Educación e Deportes, Luis Caamaño e Susana García, esta última tamén deputada provincial. Tamén asistiron representantes das demais forzas políticas que conforman a corporación municipal.

Tanto o rexedor de Ordes como o presidente da Deputación compartiron abertamente as súas inquedanzas por colaborar na execución de proxectos, “que supoñan un beneficio para a veciñanza e un avance para o municipio”. Neste eido Martínez Sanjurjo destacou a importancia dos 950.000 € outorgados por parte da Deputación destinados ó Plan de Obras e Servizos e ó Plan de Acción Social. Tamén señalou que se trata dunha dotación económica que “permitirá sacar adiante proxectos moi importantes para Ordes, os cales están incluídos nos seus orzamentos”. Neste momento Valentín González mostrou a súa intención de incrementar este tipo de partidas económicas nun futuro. Tamén manifestou o coñecemento e comprensión de cara ás problemáticas e necesidades das administracións locais, grazas ao seu traballo e experiencia como alcalde o que, unha vez máis, o levou a comprometerse públicamente co Concello de Ordes e amosarlle a súa disposición. Intención que así plasmou no libro de honor, no que asinou tras o acto levado a cabo no salón de plenos.

Novos proxectos
Tras isto o alcalde de Ordes presentoulle ao presidente diversos proxectos para os que lle solicitou a súa colaboración. Entre eles destácase a construción dunha senda peonil na zona da Brea, en Mesón do Vento, cun orzamento total de 317.000 euros. Un proxecto no que se reflexan a canalización de augas pluviais, fecais, abastecemento e sistma luminoso, así como o afirmado.

Tamén tiveron ocasión de concretar máis pormenorizadamente a mellora do firme da estrada que une Ordes con Cerceda por Virís, a día de hoxe aprobada e asinada cun orzamento de 241.700 €. Concretamente solicitouse un reaxuste do proxecto para ampliar a plataforma de 7 a 9 metros, o que permitiría incluír arcenes aumentar a seguridade tanto para peóns como para os condutores das zonas poboadas, como por exemplo a Bailía.

Outro punto que se abordou foi a ampliación e mellora do pavillón do CEIP Campomaior, xusto a carón do centro escolar. Unha obra que permitiría a construción dun ximnasio anexo que se destinaría tanto á actividade do centro académico como para o resto da poboación. Unha medida que ademais permitiría desconxestionar algúns dos espazos onde o Concello desenvolve varias actividades do seu programa municipal.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Luis Caamaño, demandou a construción dun segundo campo de herba artificial na zona deportiva de Vista Alegre, co fin de poder ofrecer un mellor servizo ás escolas deportivas e demais usuarios aleccionados ao fútbol.

Oroso - O alcalde pide a Deputación colaboración para construir un auditorio e un novo campo de fútbol

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, pídelle ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a súa colaboración para afrontar a medio prazo dúas importantes necesidades para a veciñanza: a construción dun auditorio e dun novo campo de fútbol. Unhas peticións que o alcalde orosán lle trasladou persoalmente co gallo da visita institucional de Valentín González a Oroso para inaugurar a exposición do X Certame de Artesanía Antonio Fraguas, que se pode contemplar no centro cultural de Sigüeiro ata o próximo 27 de outubro.

“Oroso ten que dar un salto de calidade no eido cultural e para iso necesitamos o apoio da Deputación”, explicou Manuel Mirás, quen engadiu que “a medio prazo queremos ter un auditorio para poder facer actividades culturais de maior nivel”. Unha petición á que Valentín González respondeu que “facer un auditorio en Oroso é garantía de que se vai utilizar”, logo dunha xornada na que “me empapei da realidade socioeconómica de Oroso”. Ademais, aproveitou a súa estancia para coñecer o arquivo histórico de imaxes de Oroso, da man do seu director Manolo Pazos.

Visita aos clubs deportivos
Ademais, Manuel Mirás lembrou que “a nivel deportivo temos máis de oitocentos veciños e veciñas practicando deporte, sobre todo fútbol, polo que necesitamos outro campo de fútbol de herba artificial”. Unha necesidade que o presidente provincial puido comprobar sobre o terreo nunha visita previa ao campo de fútbol de Sigüeiro e o complexo deportivo Juanito Amigo.

González Formoso tivo ocasión de coñecer as experiencias das directivas do Xuventude de Oroso e do Sigüeiro FC, encabezadas polo seu presidente José Ferro; do Taekwondo ITF-Oroso, co seu mestre Ramón Lema; do Oroso Tenis de Mesa, da man da súa presidenta Nuria Castro; e do club de Hockey Oroso, presentadas polo seu presidente Francisco García Castro. O presidente provincial escoitou as peticións dos directivos destes clubs e mesmo se animou a xogar unha partida de tenis de mesa co adestrador do Oroso TM, Valeri Malov.

O presidente da Deputación da Coruña amosou a súa sorpresa diante do gran número de veciños que practican deporte en Oroso. “Preguntei varias veces porque me parecía que o número que me dixera o concelleiro de Deportes era demasiado elevado pero é que mo confirmaron todos: hai seiscentos rapaces xogando ao fútbol en Oroso e outros setenta ao tenis de mesa ao máis alto nivel”, apuntou o presidente provincial, quen asegurou que “con esta base, o futuro está garantido grazas a emoción que ten o Manuel Mirás ao querer aumentar aínda máis a oferta cultural e deportiva”.

Negreira - Reunión de Jorge Tuñas co presidente da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu onte no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, con quen tratou diferentes temas de interese para o municipio.

O rexedor nicraniense plantexou diversas peticións de mellora nas estradas provinciais que discorren polo termo municipal, entre elas a posibilidade de ampliación dun segundo tramo da estrada DP-5602 Negreira-Pontenafonso, concretamente entre Liñiao e Porqueira (Pk. 6,360 ao 12,00).

A Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millones de euros. Estes traballos incluiron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro. Na actualidade, a institución provincial está executando tamén obras de mellora entre os puntos 22,8 e 23,48 desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Outes, cun orzamento de 140.232 euros.

Tuñas solicitou tamén a construción de beirarrúas na DP-1302 entre Negreira e Abeanca e na DP-5602 entre Gándara e Gonte, así como a execución dunha senda peonil paralela á DP- 5603 entre Negreira e Marco do Cornado, co obxecto de mellorar a seguridade do importante número de peregrinos que circulan a diario pola zona facendo o Camiño de Santiago.

González Formoso comprometeuse a estudar as peticións de investimentos formuladas polo alcalde e aceptou a súa invitación a visitar o Concello en próximas datas.

Frades - O concello arranxa 21 pistas municipáis cos fondos DTC93 da Deputación

O Concello de Frades vén de investir os 132.114 euros do DTC 93 da Deputación da Coruña no arranxo dun total de 21 pistas municipais nas distintas parroquias do municipio. “Arranxamos aquelas pistas onde había unha maior necesidade e que son moi empregadas pola veciñanza. Somos conscientes de que quedan moitas máis, polo que agora estamos traballando nun amplo plan de desbroce das pistas de monte”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

Os arranxos beneficiaron a todas as parroquias do municipio, repartidas en tres proxectos. No primeiro proxecto, cun investimento de máis de 48.000 euros, arranxáronse a pista entre Pumariño-O Castro, a pista de acceso a O Pazo e a pista de Fontao de Abaixo (na parroquia de Abellá); a pista entre Torre e Fonsa (en Aiazo); os accesos a Outeiro e a pista entre Vistalegre e Agro do Castro (en Galegos); e os accesos a Barazón (en Moar).

Tamén se investiron outros 48.000 euros no arranxo de pistas nas parroquias de Céltigos, Vitre, Ledoira e Añá. Concretamente, os camiños arranxados son: Alempante-Pista de Boado e Aboy a Ulloa (Céltigos); pista de Vilarxoán (Vitre); pista entre a cooperativa e Vilar (Ledoira); e pista de acceso a Sanamil e arranxos en Buzamonte (Añá). Finalmente, o terceiro proxecto destinou 35.000 euros ao arranxo de pistas en Papucín, Frades e Mesos. Neste caso, arranxáronse a pista entre Outeiro e Areosa, os accesos a Vimieiro e a pista de acceso a Zochal (en Papucín); a pista de San Mauro e os accesos a Reirís (en Frades); e a pista entre Caboladrón e Panica (en Mesos).

PP Provincial - Novos Deputados provinciais

La dirección provincial del Partido Popular, tras las reuniones mantenidas con los alcaldes y los portavoces del Partido Judicial de Santiago durante las últimas semanas, ha propuesto a Agustín Hernández, Andrés García y Susana García para ocupar las tres actas de diputados que le corresponden a los populares en la Diputación de A Coruña tras los resultados de las elecciones municipales celebradas el pasado 24 de mayo.

El portavoz de los populares en Santiago, el alcalde de A Baña y la concejala de Ordes ocuparán este puesto durante los dos primeros años y, transcurrido este periodo, cederán sus lugares a Alejandro Sánchez Brunete, Ángeles Vázquez y Ovidio Rodeiro.

Asociación de Hostalería, Reunión co presidente da Deputación Diego Calvo

Unha delegación da Directiva de Hostalería Compostela, encabezada polos seus presidentes, Sara Santos (Hospedaxe) e Antonio Riveiro (Restauración), foi recibida polo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, para tratar asuntos relacionados co sector turístico e hostaleiro en Santiago e Comarca (foto no anexo). Na xuntanza abordaron diversos temas vitais para o futuro do turismo de Compostela, sempre dende a perspectiva dos empresarios de hostaleira da cidade co maior grao de especialización turística de Galicia.

Durante esta reunión, Diego Calvo comprometeuse a apoiar algunhas das accións de promoción turística propostas polos empresarios para mellorar a información que o turismo recibe de todos os establecementos asociados de Hostalería Compostela e da oferta complementaria e cultural que hai na cidade. Tamén abordaron a necesidade de mellorar a sinalización dos establecementos turísticos e a importancia da formación para manter os altos niveis de calidade e de satisfacción dos clientes que visitan o noso destino.

Con esta xuntanza, Hostalería Compostela e a Deputación da Coruña queren abrir unha nova etapa nas relacións entre o colectivo empresarial e a institución provincial, polo que se comprometeron a seguir traballando conxuntamente para mellorar as perspectivas do sector turístico, a través do desenvolvemento de acciónsconxuntas de promoción, mellora da calidade do servizo e facilitando unha información máis completa e actualizada da extraordinaria oferta gastronómica e de aloxamento, de lecer, cultura e patrimonio dispoñible na cidade para os turistas.

Andaina pro Saúde Mental - A Deputación concede unha subvención de 25.000 €

A Deputación da Coruña acaba de concederlle dúas subvencións a Andaina Pro Saúde Mental cuxo importe total ascende a 24.800 €. Concretamente hai que falar de 13.500 € para o acondicionamento do pavillón e a adquisición de material para o programa prelaboral de elaboración de sidra e derivados da mazá, e doutros 11.399 para a rehabilitación de persoas con enfermidade mental crónica no ámbito rural das comarcas de Ordes e Ulla-Sar. 

No primeiro dos casos o obxectivo principal desta axuda pasa pola recuperación e promoción da elaboración dos ditos produtos artesanais, naturais e propios dos concellos nos que a asociación presta o seu servizo de atención. Un colectivo de usuarios e usuarias cuxa plena e completa recuperación pasa pola súa inclusión nun nicho laboral que lles ofreza uns ingresos dignos que posibiliten unha planificación e independencia económica. 

Por outra banda, a carencia de recursos especializados en saúde mental fai necesaria a intervención de Andaina PSM no ámbito rural. Unha contía que se investirá para poder continuar coa súa función de dispositivo complementario para atender tanto ás persoas con enfermidades mentais crónicas e severas como ás familias afectadas. Unha atención profesional e humana que pasa pola intervención de profesionais, como os educadores ou os psicólogos, encargados de atender dúbidas, necesidades e particularidades de cada quen, potenciar a prevención de ingresos a psiquiatría, evitar recaídas, funcións psicoeducativas, estratexias no manexo do enfermo, habilidades sociais, mellora do estado cognitivo, ou potenciar a autonomía e a integración a todos os niveis, entre outros aspectos. A todo isto hai que engadir a súa responsabilidade na coordinación coas unidades de saúde mental, centros de saúde, unidades hospitalarias de rehabilitación, servizos sociais, culturais, deportivos, lúdicos e didácticos de ámbito municipal e rexional, así como o labor conxunto con entidades comunitarias específicas (Feafes), entre outros aspectos.

Como obxectivos máis inmediatos pódense citar o mantemento dos grupos de apoio como ferramenta rehabilitadora; o incremento do número de usuarios e usuarias; brindar unha atención psicoeducativa que inclúa aspectos como a valoración, intervención, seguimento, prevención e avaliación; coñecer e valorar as profesións e ocupacións laborais non clasificadas segundo os estereotipos de xénero; aumentar a autonomía dos usuarios e usuarias con respecto ás súas familias e noutro tipo de relacións; aumentar o desempeño cognitivo nas tarefas de atención, memoria e linguaxe; desenvolver pautas de busca e formación laboral, e por último aumentar a cantidade e calidade dos talleres rehabilitadores impartidos dende os centros.