O CENTRO CULTURAL DE SIGÜEIRO ACOLLE HOXE SÁBADO UN BAILE DE MAIORES CO DÚO ABC
O campo da festa da parroquia de Senra acollerá o Festival Folclórico Buxos Verdes coa actuación de catro formacións
O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá hoxe sábado, 29 de setembro, o reinicio da temporada dos bailes para maiores, que cada mes organiza o Concello de Oroso. Unha cita que terá lugar a partir das 19.30 horas e que estará amenizada polo dúo ABC. A entrada é totalmente libre e de balde.
Así mesmo, o centro cultural de Sigüeiro tamén acollerá entre as 19:00 e as 20:00 horas a primeira das clases do curso de Bailes de Salón, que imparte o Taller Alecrín. Unha sesión de presentación que será totalmente gratuita e á que poden acudir todos os veciños e veciñas que o desexen para observar o desenvolvemento das clases e decidir se queren matricularse no curso 2012-2013. A entrada é libre e gratuita.
Festival de folclore
Un par de horas antes, o campo da festa da parroquia de Senra acollerá o Festival Folclórico Buxos Verde, que comezará ás 17:30 horas. Un festival que está organizado pola agrupación folclórica Buxos Verdes, en colaboración co Concello de Oroso e a Deputación da Coruña.
Durante preto de dúas horas, no campo da festa de Senra actuarán a agrupación folclórica Lembranzas do Tambre (Sigüeiro-Oroso), a agrupación folclórica Colexiata do Sar (Santiago), o grupo de pandereteiras Silandeira (San Julián de Sales-Vedra) e os propios organizadores, a agrupación folclórica Buxos Verdes (Senra-Oroso).
Ningún comentario:
Publicar un comentario