Ames acolleu a reunión preparatoria para a posta en marcha dunha nova edición do Club de Debate
Ábrese un prazo ata o 25 de outubro para que os concellos que así o desexen poidan sumarse a esta iniciativa. Ata o de agora hai 11 concellos adheridos ao Club do Debate.
A final do Club de Debate 2012-2013 desenvolverase no Concello de Santiago a principios do mes de maio.
Este mércores o Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, acolleu unha xuntanza na que participaron os Concellos de Ames, Santiago de Compostela, Carballo, Ferrol, Pontevedra, Rois, Vigo e A Baña, para avaliar o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso pasado e para organizar unha nova edición desta actividade. Trátase dunha Liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria que contará con fases local, comarcal e galega. A través do Club do debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. En representación do Concello de Ames asistiron á xuntanza a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
O Club do Debate é unha idea impulsada dende os servizos de normalización lingüística dos concellos na que participan outros municipios de fóra desta comarca como Betanzos, Ferrol, Carballo, As Pontes, Carral, Pontevedra, A Coruña, Oleiros e Vigo. De feito, esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.
Durante a pasada edición os Concellos de Ames, Rois, Santiago e Teo incorporáronse a este programa mediante a sinatura dun protocolo de colaboración. Este ano incorporaranse os Concellos de Redondela, A Baña e Ourense. O Club do Debate está dirixido aos centros de educación secundaria, bacharelato e ciclos, con alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de ciclos formativos, nunca maiores de 18 anos.
A reunión que se desenvolve esta mañá no Pazo da Peregrina serviu para avaliar o desenvolvemento do Club de Debate durante o curso 2011-2012. Valorouse as bases do concurso, a temática elixida, o calendario da Liga de debate e a final que se celebrou na cidade de Pontevedra. Todos os concellos participantes valoraron de xeito moi positivo o desenvolvemento da edición anterior desta iniciativa.
Club de Debate 2012-2013
Na segunda parte da reunión abordouse a organización do Club de Debate durante o curso 2012-2013. A Liga de debate estará dividida en dúas fases: comarcal e final. As fases comarcais terán que realizarse antes do 8 de abril de 2012. Mentres que a final desta edición desenvolverase no Concello de Santiago a principios do mes de maio. Ademais, todos aqueles concellos que o consideren oportuno poderán facer unha fase local para determinar os equipos de rapaces e rapazas que asistirán á fase comarcal.
Previamente, abrirase un prazo de inscrición para que os centros de ensino dos concellos adheridos a esta iniciativa se poidan inscribir. A través do Club do debate preténdese incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario