Psoe Ames / Ames Novo - o alcalde usa o informe da Deputación para confundir os veciños

O GRUPO SOCIALISTA E AMES NOVO ACUSAN AO ALCALDE DE AMES DE UTILIZAR O INFORME DA DEPUTACIÓN PARA CONFUNDIR AOS VECIÑOS
A oposición denuncia que o informe solicitado a Deputación non é máis que un acto propagandístico que pretende reforzar a posición do PP sen ningún argumento legal novo
O grupo socialista de Ames e Ames Novo critican o comportamento do actual goberno amiense presidido por Santiago Amor á hora de dar unha resposta institucional á demanda dos veciños do rural. Acusan a Santiago Amor de falta de diálogo coa oposición, pois ata o momento non foi quen de convocar xuntas de voceiros; e tamén de facer públicos os informes e os escritos segundo o interese do goberno local para crear confusión entre os veciños e veciñas de Ames ou para tratar de mellorar a súa deteriorada imaxe pública, debido as sucesivas crises de goberno e a súa falta de cumprimento do programa electoral.

A maioría absoluta do actual goberno local de Ames tradúcese nunha “soberbia absoluta” por parte da Alcaldía e nunha falta de diálogo coa oposición, que xa en varias ocasións vén solicitando o desenvolvemento de Xuntas de Voceiros. As últimas peticións foron o pasado 13 de xuño e 20 de setembro. “O alcalde dá a calada por resposta e négase a falar coa oposición, facendo unha vez máis uso desa actitude autoritaria e pouco democrática”, critican o grupo socialista e Ames Novo, para quen “unha situación coma a do cobro retroactivo do lixo, que afecta a todos os veciños do rural de Ames, ben merece a convocatoria da Xunta de Voceiros”.

Esta falta de diálogo coa oposición tamén se produce cos veciños do rural, aos que practicamente non recibiu durante estes meses de desacordo para buscar posibles vías de solucións: “e cando falou con eles foi para enganalos e manipulalos”, aseguran. Esta situación tamén se pode comprobar nos Plenos, nos que utiliza a maioría absoluta segundo as súas necesidade e nos que actúa de forma arbitraria e ilegal como pasou no de Orzamentos. Neste sentido, a oposición de Ames lembra os desencontros entre o actual goberno popular, que motivaron unha situación de crise “motivada pola incapacidade de diálogo do rexedor local cos seus propios compañeiros de partido e goberno” e alerta sobre “a súa falta de capacidade para corrixir erros”.

Coñecer hoxe a resposta da Deputación da Coruña non é un acto fortuíto, pois este escrito entraba no Concello de Ames o pasado 19 de setembro, mentres que o goberno local fíxoo público onte, 26 de setembro, unha semana despois. Segundo a oposición de Ames, este escrito fíxose público onte por dous motivos. Primeiro porque onte era o último día de prazo que o goberno local tiña para dar resposta a un escrito presentado pola oposición sobre o cobro retroactivo do lixo. O outro motivo é a proximidade do Pleno, no que unha vez máis os veciños e veciñas do rural manifestarán o seu total desacordo co cobro retroactivo. 

Ningún comentario: