BENESTAR CONVOCA UNHA REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O VOLUNTARIADO SOCIAL DE TEO
No pleno do mes de xullo aprobouse un regulamento de acción voluntaria que permite planificar programas de voluntariado de cara a este novo curso
O Departamento de Benestar do Concello de Teo convoca unha reunión informativa para falar do proxecto do Voluntariado social no municipio. A xuntanza, aberta a calquera persoa interesada en coñecer algo máis do tema, será o 18 de outubro ás 20:30 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial, na Ramallosa.
No pleno do mes de xullo aprobábase un regulamento de acción voluntaria. Este é o marco normativo que permite “planificar programas de acción voluntaria de cara ó novo curso” explica o concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias. O edil destaca “a importancia da participación cidadá en actividades que melloran o benestar social do conxunto da poboación”.
Deste xeito, na reunión que se celebrará en outubro informarase de cales son as accións de voluntariado previstas. “Nestes momentos xa existe un voluntariado de facto que está funcionando no roupeiro municipal pero queremos pór en marcha a acción voluntaria noutras áreas como pode ser o acompañamento de persoas ou a colaboración co programa de educación familiar municipal” explica Iglesias.
Dende o Departamento de Benestar destácase que “o voluntariado complementa o traballo técnico e permite aumentar a efectividade do mesmo”. Así o programa de acompañamento de persoas será un complemento á actividade profesional e técnica realizada a través do Servizo de Axuda no Fogar.
Ademais dos programas que xa se están planificando na reunión do 18 de outubro poderanse recoller outras ideas de actividades, sempre que se poidan encadrar no marco do regulamento de acción voluntaria.
O concelleiro remata explicando que “esta entrega de tempo altruísta é en beneficio da sociedade pero os programas en ningún caso virán a substituír ningunha actividade profesional e remunerada xa que ese non é a idea da acción voluntaria”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario