Silleda - revisión de parte da Ruta da Prata por técnicos do xacobeo

Técnicos do Xacobeo analizan ‘in situ’ o tramo da Vía da Prata en Silleda para revisar as deficiencias advertidas dende o Concello
Ademais da confusa sinalización en puntos como a entrada da Bandeira, comprobaron a crítica situación en puntos como Transfontao, co estancamento de auga, ou o defiente estado da Ponte da Pedra, en Chapa
Técnicos da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo visitaron en días pasados o municipio de Silleda para coñecer ‘in situ’ o tramo da Vía da Prata, ao seu paso polo municipio, logo das deficiencias advertidas polo Concello, dende a Concellería de Medio Rural, que dirixe Antonio Couso. Acompañados do técnico municipal que realizou o informe sobre o mal estado do Camiño nalgúns puntos, visitaron distintas zonas do territorio municipal.

Ademais de localidades onde a maleza invade a ruta supoñendo un perigo para os usuarios, coma Vilariño (en Lamela), ou Cuíña (Piñeiro), e onde xa se procedeu, debido á urxencia, á limpeza por parte do Concello.

Os técnicos da Administración Autonómica tamén recoñeceron a existencia de deficiencias no tocante á sinalización. Así, ademais de comprobar a escaseza de postes kilométricos indicadores da Ruta a Compostela nalgúns puntos, tamén se achegaron a outras zonas onde a sinalización é moi confusa. Así ocorre á entrada da Bandeira onde as sinais colocadas polo Ministerio de Fomento para os conductores se misturan coas de madeira, para os peregríns, mesmo de xeito contradictorio. Neste punto, segundo explica o técnico municipal, tamén se produce unha situación de inseguridade por mor das sinais, xa que algúns peregríns atravesan a N-525.

Así mesmo, tamén visitaron outros dous puntos conflictivos, neste caso polo mal estado do camiño que da lugar ao enpozamento de auga. Trátase da calza de Transfontao, preto do río da Gouxa, onde se concentra gran cantidade de auga e lama, ademais de contar cun terreo esvaradizo que supón outra ameaza para a integridade física dos usuarios. “Dende o Concello propoñemos que se busquen saídas de auga para evitar que se siga producindo esta situación”, engade o concelleiro Antonio Couso.

Tamén se cre convinte limpar desaugues en zonas como Dornelas, preto de Taboada ou na Carballeira de Trasfontao. 

Outra cuestión preocupante é o mal estado da Ponte da Pedra, en Chapa, que supón un auténtico perigo, polo mal estado dos contrafortes da ponte. Dende o Concello de Silleda xa se ven denunciando dende hai anos a situación desta ponte e da do Demo en Carboeiro, tamén con graves deficiencias. “Dende o Xacobeo amosaron a súa vontade de poder solucionar todas as incidencias o antes posible”, engade Couso que o pasado 26 de xuño remitiu ao Xacobeo un informe con todas as deficiencias detectadas, algunhas delas con reiteradas queixas dos veciños. Ademais, o concelleiro insiste na necesidade de actuar “canto antes” pola inminente chegada do inverno nunha ruta pola que pasan cada ano uns 15.000 peregrinos.

Ningún comentario: