VARIOS MILLEIROS DE ROMEIROS CELEBRARON EN BRIÓN O GRAN DÍA DE SANTA MINIA
A organización amósase moi satisfeita da afluencia de visitantes, pois superabanse as 20.000 persoas
O bo facer do operativo municipal favoreceu o aparcamento nas áreas máis cercanas á festa, mentre que na Capela non se superaron os 25 minutos de espera
As Festas de Santa Minia, celebradas o 26 e 27 de setembro en Brión, cumpriron coas previsións da organización e superarán os 20.000 romeiros, chegados de todos os puntos de Galicia. Como en anos anteriores, a maior afluencia de visitantes tivo lugar durante esta mañá, cando o santuario brionés recibiu preto das 10.000 visitas dende que abríu as súas portas ás 9 da mañá.
O coordinador das Festas de Santa Minia, Alberto Álvarez, asegura que “durante toda a xornada tivemos un gran número de visitas, sobre todo coincidindo coa misa solemne, polo que calculo que superaremos os 20.000 visitantes ao longo destes dous días de festa”. Unhas boas cifras, sobre todo tendo en conta que a xornada de onte estivo marcada pola choiva ata media tarde, momento no que escampou e permitiu que milleiros de persoas disfrutaran da queima da fachada e dunha gran sesión de fogos de artificio, que foi seguida tamén por veciños das localidades colindantes con Brión.
Ademais, como foi festivo local de Brión, foron moitos os brioneses que desfrutaron da verbena ata ben entrada a madrugada. Unha festa na que disfrutaron da nova iluminación nocturna da carballeira de Santa Minia, que se estreou este ano.
Devotos de Santa Minia
Dende as 9:00 horas, milleiros de devotos chegados en autobuses de toda Galicia acudiron a cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano. A boa organización das visitas ao santuario acabou coas interminables colas de outras edicións. Ao non poder deixarse as velas de ofrenda na capela, o tránsito dos fieis foi moito máis áxil e só se rexistraron esperas de máis de 25 minutos nos momentos de maior afluencia, coincidindo coa celebración das misas (en especial a das 12 e a solemne da 13, que mesmo empezaron con retrasos de ata 20 minutos pola gran cantidade de xente que asistíu). Polo xeral, a espera media na capela foi de 15 minutos.
Por razóns de seguridade, este ano tampouco se permitiu que as velas de ofrenda que traían os romeiros se depositasen na capela. No seu lugar, foron depositadas nun local anexo á finca onde teñen lugar as misas. Dende a parroquia estaba todo organizado para que se puideran prender velas nese lugar e para depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas... dacordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia. Como novidade, este ano dispúxose un servizo de confesión no recinto onde se celebraban as misas.
Festa e polbo
Por outra banda, a carballeira de Santa Minia centralizou a parte máis festiva da celebración. Así, a avenida de Santa Minia estivo ata os topes en canto a postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, e xelados. Nesta edición houbo máis de douscentos postos de venda.
Outros que estiveron sempre cheos foron as sete pulperías ubicadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo, churrasco, carne ao caldeiro e, incluso, paella. Uns pulpeiros que durante un día como o de hoxe poden chegar a vender ata 500 quilos de polbo cada un.
A música da mañá correu a cargo da Charanga “NBA” de Betanzos e da orquestra Trébol, encargada da sesión vermú. Mentres a música tomaba a carballeira de Santa Minia, a avenida de Santa Minia era o escenario escollido pola compañía Femme Fatale para representaren o seu espectáculo “Ronda poética. O Batallón Literario”, na que as personaxes íanlles lendo poemas aos romeiros. Unhas actuacións organizadas polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.


Ningún comentario:
Publicar un comentario