A PLATAFORMA DO LIXO ASEGURA QUE O INFORME DA DEPUTACIÓN NON ACHEGA NADA NOVO E INSISTE NA NECESIDADE DE QUE SANTIAGO AMOR RESOLVA O PROCEDEMENTO DUN XEITO XUSTO PARA OS VECIÑOS
Consideran unha tomadura de pelo que o Concello de Ames dea a coñecer un día antes da concentración veciñal un informe que non resposta a ningunha das demandas da Plataforma
A Plataforma do Lixo asegura que o informe da Deputación da Coruña sobre a aplicación retroactiva da taxa de recollida do lixo a unhas 4.000 familias de Ames non achega nada novo, xa que non resposta a ningunha das cuestións presentadas por esta Plataforma. Ao longo das súas oito páxinas, o informe xurídico encargado polo Concello de Ames só nega a imposibilidade de deixar caducar o procedemento, cando dende a Plataforma do Lixo sempre se pediu que se resolva o procedemento dun xeito xusto para os veciños, non que se deixara caducar.
En ningún momento, este informe se pronuncia sobre a legalidade da resolución favorable aos veciños, que no seu momento presentaron 2.300 alegacións no rexistro do Concello de Ames nas que solicitaban o cobro do lixo no rural a partir deste ano, e non retroactivamente. A Plataforma do Lixo insiste en que o mencionado informe non se pronuncia sobre a posibilidade de cobrar so o recibo do lixo deste ano 2012.
Para os integrantes da Plataforma do Lixo, o informe da Deputación non achega nada novo, xa que a imposibilidade de deixar caducar o procedemento non fora posta en dúbida, e non dá resposta á petición realizada ao Goberno presidido por Santiago Amor: que resolva o procedemento dun xeito xusto para os veciños. Por iso, consideran que a decisión do Concello de Ames de facer público este informe xusto un día antes da concentración veciñal convocada para hoxe xoves, ás 19:30 horas, supón unha tomadura de pelo e non é máis que unha tentativa de Santiago Amor de marear e tratar de enganar á opinión pública.
A Plataforma do Lixo constata ademais que as formas seguidas na difusión deste informe, que mesmo foi agachado á opinión pública na páxina web municipal ata a xornada de hoxe, demostran a falta de vontade de solución e negociación por parte de Santiago Amor e o seu equipo de Goberno, coa intención de desanimar e desmobilizar aos veciños.
Por iso, a Plataforma do Lixo mantén a convocatoria da concentración veciñal prevista para as 19:30 horas de hoxe xoves 27 de setembro para amosar o seu rexeitamento ao cobro retroactivo do lixo no rural e a actitude de botar balóns fora seguida polo Goberno de Ames, que segue sen facerse responsable das súas decisións.
A Plataforma do Lixo está composta por: AV. o Corpiño de Oca, AV. A Mercede de Lapido, Pedra do Fuso de Ames, San Xoanciño de Pousada, AV. de Bugallido, AV. O Reguiño de Raíces a Casanova, AV. San Paio de Lens, AV. Paravent de Paramuíño e Ventín (Biduido), AV. de Cobas, AV. Monte do Crego de Trasmonte, AV. Quistilans o Cantiño, AV. Santa Mariña da Ameixenda, AV de Riamontes, AV. Piñeiro, “Lojo Batalla” de Tapia, AV de Agrón, BNG, PSOE e Ames Novo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario