PSOE Ordes - solicitude de creación de un centro municipal para emprendedores

O PSOE DE ORDES PEDIRALLE AO CONCELLO A CREACIÓN DUN CENTRO MUNICIPAL DE EMPRENDEMENTO NA PRIMEIRA PLANTA DA PRAZA DE ABASTOS 
Xesús Pedreira explica que a este centro “terían dereito de acudir todos os emprendedores locais cun proxecto ou idea viable” 
Os socialistas pedirán que o Concello realice as obras precisas na praza de abastos para que se poidan situar entre 8 e 10 oficinas dotadas de Internet, teléfono, fax, servizo de fotocopiadoras... 

 Os socialistas de Ordes proporán no pleno municipal do vindeiro xoves 27 de setembro a creación dun Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense, que na actualidade se encontra ociosa. “A este centro terían o dereito de acudir todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable”, explica o voceiro municipal, Xesús Pedreira. Unha viabilidade que sería valorada previamente por persoal cualificado e de acordo cuns baremos establecidos nun regulamento.

Por iso, os socialistas instarán ao Goberno municipal a desenvolver todas as obras que sexan pertinentes para que se poidan situar alí entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns máis necesarios (Internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xuridico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

Apoio á mocidade
Xesús Pedreira considera que, con esta medida, “reduciríanse moitos dos gastos precisos para poñer en marcha unha pequena empresa ou un pequeno negocio, o que permitiría que os veciños de Ordes con ideas e proxectos realmente bilantes poidan levalos a cabo”. Neste sentido, o socialista lembra que a taxa de paro sitúase actualmente por riba do 24%, cifra que se achega ao 50% cando se fala da mocidade.

Un colectivo que, segundo Xesús Pedreira, sufríu “unha caída das subvencións e das bonificacións, así como un endurecemento desproporcionado dos requisitos para poder optar a unha axuda, dende que o PP accedeu ao Goberno de Galicia e despois ao de España”. Segundo o voceiro socialista, “o Goberno de Feijoo, e despois o do Sr. Rajoy, xeraron unha enorme preocupación social neste e outros campos, polo que a posibilidade de desenvolver bos proxectos e boas ideas vai estar ligado exclusivamente ao poder adquisitivo de cada cal e non realmente á calidade das ideas ou dos proxectos”.

Ningún comentario: