Psoe Ordes - resumo pleno setembro

O CONCELLO DE ORDES ACEPTA UNHA PROPOSTA DOS SOCIALISTAS PARA FACER DÍPTICOS INFORMATIVOS SOBRE A HOSTALERÍA ORDENSE E O CAMIÑO INGLÉS
Xesús Pedreira considera que esta iniciativa “podería ter un efecto positivo na economía de moitos comerciantes de Ordes” 
O Concello de Ordes aceptou a proposta realizada polo concelleiro socialista Xesús Pedreira de cara a elaborar dípticos ou trípticos informativos sobre o Camiño Inglés ao seu paso polo municipio ordense. Unha iniciativa que pretende informar aos peregrinos da riqueza natural e cultural de Ordes, así como da oferta hostaleira e comercial que teñen á súa disposición.

Xesús Pedreira sinala que “o Camiño Inglés pode ser un elemento de dinamización económica para o sector hostaleiro e comercial de Ordes”, polo que solicitou ao Concello que “elabore uns dípticos ou trípticos informativos nos que recolla todos os establecementos hostaleiros e de restauración dispoñibles no Camiño, sobre todo en Poulo e Buscás, así como tamén no Mesón do Vento, na Vila de Ordes e en Santa Cruz de Montaos”. Eses dípticos incluirían un mapa informativo, coas excelencias turísticas, paisaxísticas e culturais de Ordes, así como os propios establecementos hostaleiros e de restauración do municipio, de cara a potenciar a súa utilización por parte dos peregrinos e visitantes.

Centro emprendemento
Por outra banda, o pleno tamén aprobou a moción dos socialistas ordenses para crear un Centro Municipal de Emprendemento (CME), que se situaría na primeira planta da Praza de Abastos ordense e ao que terán acceso todos aqueles emprendedores locais cun proxecto ou idea viable. A previsión dos socialistas é que aló se poidan colocar entre 8 e 10 oficinas, dotadas dos servizos comúns máis necesarios (Internet, teléfono, fax, fotocopiadoras, etc) e cun servizo de asesoramento xurídico, fiscal e laboral por parte dos técnicos do Concello de Ordes.

Pedreira lamentou que a súa proposta, consensuada co do BNG, de que o Concello de Ordes estudiase se era posible aboar a paga extra dos funcionarios, respectando en todo momento a legalidade vixente. Unha petición que non saíu adiante polo voto en contra do PP e a abstención de UXO.

Colexio Castelao
Finalmente, os socialistas incluíron unha emenda na moción nacionalista sobre o colexio Castelao, para instar ao Goberno de España a anular as subas do tipo impositivo de IVE no material escolar. Así mesmo, os socialistas tamén pediron que instaran á Xunta de Galicia a que inclúa nos seus próximos orzamentos unha partida para a creación dun programa de axudas á adquisición de material escolar. Un programa que estaría dirixido ás familias con rendas máis baixas ou cos seus membros no paro.

Ningún comentario: