Amosando publicacións coa etiqueta A ESTRADA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A ESTRADA. Amosar todas as publicacións

O BNG de A Estrada esixe explicacións ao alcalde polo desmantelamento do Grupo de Cans de Rescate

A Estrada, 26/08/2016 - O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, amosouse preocupado polo que está a acontecer co Grupo de Cans de Rescate da Estrada. Segundo Magariños, "vendo o que está pasando estes días en Italia, onde os cans de rescate son unha peza clave para salvar vidas humanas no terremoto que afectou a varias localidades do páis, é incomprensíbel que desde o concello non fagan nada para manter o Grupo de Cans de Rescate que era modélico e estaban sobradamente preparados para actuar en casos semellantes".

O BNG da estrada apoia as reclamacións dos veciños sobre melloras nas praías fluviais

A Estrada, 20/08/2016 - O BNG da Estrada apoia as reivindicacións dos veciños e veciñas de Barcala para mellorar e acondicionar a praia fluvial da parroquia, á que asisten non só os que viven no val de Vea, senón tamén ás persoas de concellos de preto da Estrada, xa que é un areal moi coñecido e apreciado.

O BNG de A Estrada quere que a carballeira da Sagrada sexa de titularidade do concello

A Estrada, 26/07/2016 - Veciños e veciñas da parroquia de Codeseda rexistraron no concello un escrito no que solicitan que a masa común da carballeira da Sagrada quede baixo a titularidade do concello da Estrada no proceso de concentración parcelaria que afecta a esta parroquia.

O BNG de A Estrada denuncia o mal estado da ponte colgante de Couso

A Estrada, 24/07/2016 - O goberno municipal da Estrada ten completamente abandonada a ponte colgante de Couso. Un dos principais atractivos turísticos do noso concello, desaparece por completo entre as herbas, a maleza e o lixo que se amorea ao seu redor. 

A Estrada perde auga a tres días de empezar as festas

A Estrada, 22/06/2016 - A Estrada levantouse hoxe, -unha vez máis-, coa traída perdendo auga na Avenida Benito Vigo e centos de veciñas e veciños sen auga corrente nas súas casas, e todo isto ocorre a tres días do inicio das festas patronais.

O BNG da Estrada denuncia que unhas isletas provocan o caos entre os condutores

8/6/2016 - As novas isletas da N-640 para incorporarse á Avenida Benito Vigo desde a nova rúa aberta na Baiuca crean o caos e o desconcerto entre os veciños e veciñas da Estrada.

O BNG califica a Política lingüística na Estrada de "na casa do ferreiro, coitelo de pau"

6/6/2016 -  Desde que o titular da praza de normalizador lingüístico do concello, Valentín García, foi nomeado polo goberno do PP Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, A Estrada carece de normalizador da nosa lingua. A pesar de que o concello iniciou o ano pasado os trámites para cubrir temporalmente esa praza, a día de hoxe o concello sigue sen esta figura tan importante para a normalización do idioma.

Irmandades da Fala: 100 anos de nacionalismo galego na Estrada

O diccionario creado polas
Irmandades da Faa
4/6/2016 - O BNG da Estrada conmemorou onte venres na Praza do Mercado, ás 21 horas, os 100 anos das Irmandades da Fala, recordando aos estradenses que formaron parte da primeira organización nacionalista galega. 

O BNG de A Estrada insta ao alcalde a acometer a limpeza das praias fluviais da Estrada

 2/6/2016 -  O BNG da Estrada insta ao alcalde a preparar as praias fluviais para a época estival que xa está ao caer. En concreto, o BNG solicita ao grupo de goberno do PP a actuar con urxencia na área recreativa do Liñares, na praia fluvial de Barcala e na de Couso.

O BNG de A Estrada denuncia que a Feira da Sidra é un esperpento

 30/5/2016 - non entendemos nin compartimos que a Feira da Sidra, apoiada polo concello da Estrada, acabe sendo un foro de exhibición musical de flamenco, cando no noso concello temos unha abondosa canteira de gaiteiros e gaiteiras de música tradicional, así como outros estilos musicais que cantan na nosa lingua.

O BNG de A Estrada critica que se priorize o ximnasio da Xunta por diante do municipal

O PP dá 100.000 € para o ximnasio da piscina climatizada da Xunta mentres languidece o do concello. Xosé Magariños: “ o lóxico sería investir eses cartos en mellorar e coidar o ximnasio municipal que xa temos e non en poñer bonito un espazo da Xunta que acabará xestionado por empresas privadas”

O BNG de A Estrada pide explicacións sobre a variante

O novo contratempo demostra o nulo interese que ten a administración central en executar esta obra importante para A Estrada

O BNG de A Estrada en contra da fusión Cerdedo-Cotobade

No día de onte reuníronse membros do BNG das comarcas de Pontevedra e da Estrada co fin de manter unha xuntanza de traballo na que avaliar o proceso fusión de Cerdedo-Cotobade aberto polos dous alcaldes do Partido Popular.

Este venres 15 arranca na Estrada o Proceso Adiante para refundar o BNG

O BNG organiza na Estrada tres encontros abertos no marco do Proceso Adiante para reactivar, reactualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista, segundo o aprobado na XV asemblea nacional que celebrou esta organización o pasado mes de febreiro.

Este proceso de debate, cuxa primeira fase se desenvolverá durante este mes de abril, o BNG da Estrada escoitará a militantes e simpatizantes, que comparten a necesidade de que exista na Galiza unha expresión política propia nacionalista. Ademais será unha oportunidade para demostrar -unha vez máis- que o BNG non ten parangón en termos de pluralidade de ideas, debate interno, asemblearismo e funcionamento democrático.

Así, o BNG da Estrada organizará tres encontros abertos previstos para o este venres 15 (21h), sábado 23 (18h) e venres (21h), nos que se fará primeiramente unha “radiografía da Galiza de hoxe”, no seguinte debaterase sobre “a estratexia política do nacionalismo galego” e no último encontro versará sobre “participación política e modelo organizativo”.

O Proceso Adiante caracterizarse por ser un proceso participativo e aberto, cuxas decisións se tomarán por consenso. Serán tamén un proceso que se iniciará nas bases, e serán estas as que decidan finalmente que é o que quere ser o BNG dos vindeiros anos.

O BNG de A Estrada insta ao goberno do PP a repoñer o cruceiro de Ouzamerxe

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, informou aos medios de comunicación local de que “o BNG insta ao goberno municipal a repoñer no seu estado orixinal o cruceiro de Ouzamerxe, na parroquia de Lagartóns”. “O cruceiro”, engadiu Magariños, “leva dous anos “custiodiado” nunha casa particular, segundo nos explicou o alcalde en resposta ás nosas preguntas nos plenos”.

“No BNG cremos que unha casa particular, por moi boa intención que teñan as persoas que o custodian, non é o lugar acaido para un elemento do noso patrimonio”, afirmou Magariños. “O concello é o que ten que custiodar e coidar do bo estado do cruceiro ou de calquera outro elemento patrimonial.

O concelleiro nacionalista indicou que “dado que pasa o tempo e o cruceiro de Ouzamerxe segue sen a cruz e somerxido nas silvas é o non se están a dar os pasos necesarios para solucionar os problemas que presenta, incumprindo polo tanto o deber que teñen as administracións públicas de protexer e promocionar o patrimonio cultural, presentamos unha moción para poñer as cousas no seu sitio, contando co visto e prace de Patrimonio.

A Estrada abre as inscricións ao XX Premio de Poesía Avelina Valladares

Poderán concorrer ao Premio todos/as os/as autores/as de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.

O Excmo. Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares, comprometidos e sensibilizados co proceso de creación cultural desexan contribuír á difusión da lírica galega, e ao tempo servir como estímulo para que novos/as autores/as percorran o complexo e en ocasións pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.

Preténdese valorar o traballo do poeta, do médium das artes, do alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro.

Do mesmo xeito, perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.

Por último, e non menos importante, colaborar coa divulgación da obra da poetisa estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.