Paula Fernández lamenta que o PP aproveite o caso da secretaria para facer política
-“Esta polémica non debe enmarcarse no ámbito político senon no do funcionamento administrativo do Concello” di a alcaldesa
-A alcaldesa pregúntase se o PP vai a seguir coa súa enervada defensa da secretaria logo de ver expedientes como o da subvención para a mellora do parque da Bandeira
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, á vista das declaracións do portavoz do PP criticando ao goberno municipal por facer público o seu desacordo co proceder da secretaria xeral, lamenta que o grupo da oposición queira sacar tallada de algo “tan serio e preocupante para o normal funcionamento do Concello” e queira “facer política en lugar de preocuparse polos expedientes que se retrasan intencionadamente en secretaría”.
A rexedora sinala que “non se está a cuestionar a actitude da secretaria por cuestións partidistas ou políticas, senón polas trabas que supón a súa nula labor de asesoramento”.
“O señor Espiño defende sen coñecemento de causa a esta funcionaria, que a pesar de cobrar incluso máis ca Alcaldesa nos obriga a pagar informes xurídicos externos para moitos dos procedementos de xestión ordinaria para non retrasalos” , engade a rexedora.
Paula Fernández di ademais que “ o PP ten fácil comprobar que neste caso a política debe quedar ao marxe con só pedir referencias aos seus colegas que gobernan no Concello de Ribeira”, anterior destino da secretaria xeral. A alcaldesa insiste en que “non é unha cuestión partidista nin política, senón de parálise administrativa do Concello”.
Trámite de subvencións
Neste senso, a alcaldesa di que o alegato do PP segue “a líña de oposición desnortada que xa todos coñecemos, xa que en lugar de mirar polos intereses de todos os silledenses quere meter o dedo na frida sen enterarse, coma sempre, de cal é a realidade”.
Así, Paula Fernández, invita ao voceiro a interesarse por expedientes fundamentais para os silledenses “debería dicir se lle parece correcto que a Xunta nin analizara o proxecto para cambiar os columpios da Bandeira porque a secretaria non quixo certificar que o espazo que ocupan e público, por exemplo”.
“Se o PP de Silleda considera que cuestións como esta, que impiden a chegada de inversións e a mellora de servizos para os veciños, son as correctas, que a siga defendendo”, engade.
A rexedora, que evita entrar nas descalificacións persoais e acusacións do voceiro popular, cre que o PP debería de apoiar ao goberno neste caso, “porque estamos a falar dun asunto que afecta a todos os veciños e veciñas” Sobre a comparecencia no pleno do xoves que solicita o PP sobre este asunto “é o absurdo dos absurdos, piden que compareza nun pleno que eu mesma convoquei e no que saben que poden preguntarme o que queiran”, remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario