Teo / Chevere - semana adicada o Jazz

JAZZ EN TEO
Dentro das actividades que o grupo Chévere promove no concello de Teo como compañía residente, a partir de setembro artellaremos unha parte da programación baixo o formato de monográficos, paquetes concentrados de actividades dedicadas a unha determinada disciplina artística. Cada monográfico inclúe accións de divulgación en colaboración con entidades culturais do concello, espazos de encontro profesional, un diálogo aberto entre artistas, mediadores e público e unha mostra de traballos.
Este primeiro monográfico está dedicado ao jazz que se está facendo en Galicia. A idea é convidar ao público, a músicos, afeccionados e veciños a que veñan pasar en Teo un día intenso arredor do jazz, con concertos, proxeccións, jams e faladoiros. Un día de encontro, diálogo e música ao vivo que será o domingo 30 de setembro. Na semana anterior faranse ademais unha serie de actividades para a difusión e divulgación da música de jazz en varios espazos do concello de Teo. Este é o programa:

24 LUNS | IES CACHEIRAS
Encontro ao vivo con músicos de jazz 

E-RESET
Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Pablo Castaño (saxo alto), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería)

O grupo Chévere e o IES de Cacheiras manterán unha colaboración estable ao longo do curso académico, que se materializará nunha serie de actividades entre as que se inclúe esta visita ao centro dun grupo de músicos de jazz para realizar un encontro e concerto comentado aberto a todo o alumnado e profesorado. O obxectivo é tender pontes entre os profesionais das artes vivas galegas e os rapaces e rapazas do instituto.

26 MÉRCORES | 23,00H. | A SENRA CAFÉ (PONTEVEA)
Jam Session: Xacobe Martínez Antelo Standard Quartet 

O grupo Chévere concibe as actividades da súa residencia artística en Teo como un traballo en rede, no que participan persoas, asociacións, espazos e empresas locais. Entre estas, ocupan un lugar importante aqueles locais de hostalería que actúan como puntos de encontro da veciñanza e que teñen demostrado un interese pola cultura ao vivo. Deste xeito, imos realizar en colaboración coa Senra Café de Pontevea este concerto de jazz.

29 SÁBADO ÁS 13,00H. SOCIEDADE RECREATIVA DE CALO
SUMRRA
Encontro ao vivo con músicos de jazz

Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Pablo Castaño (saxo alto), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería).

Outro dos obxectivos do proxecto de residencia de Chévere en Teo é achegar as linguaxes artísticas contemporáneas á veciñanza a través do tecido cultual de base constituído por un grupo moi dinámico de asociacións culturais e recreativas. Neste caso, escolleuse a SR de Calo pola relevancia das súas actividades de formación e difusión da música. A idea é provocar un diálogo musical entre artistas profesionais que teñen unha presencia significativa no panorama jazzístico galego e as persoas que forman parte da escola e das bandas de música da SR de Calo.

30 DOMINGO | A RAMALLOSA
12,30h. Factor -E- Reset (noneto dirixido por Marcos Pin): concerto guiado e comentado para todas as idades. 

Auditorio da Ramallosa, prezo en taquilla: 5€

Con Marcos Pin (guitarra), Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Max Gómez (batería), Javier Pereiro GDJazz (trompeta), Pablo Castaño (saxo alto), Luis Miranda (trombón), Toño Otero (saxo tenor), Xosé Lois Miguélez Pelís (saxo tenor), Ton Risco (vibráfono).Marcos Pin (Lugo, 1974) é un deses nomes recorrentes á hora de falar da nova escena jazzística de Galicia. O seu proxecto Factor –E– Reset xorde hai apenas tres anos para dar vida ao repertorio orixinal para orquestra de jazz composto polo él, unha obra con vocación sinfónica e composta por temas orixinais. Con alguns puntos en común coas big bands —ainda que non concebida como unha xuntanza de seccións senón máis ben de solistas— a idea de Pin divídese basicamente en dous tipos de estruturas: aquelas descritivas e orquestais, algunhas de notable lírica, e outras concebidas como terreo para os solistas en formato de trío ou cuarteto. 

14,00h. XANTAR na Santa Sede (aforo limitado). Prezo: 10€

TONRISCO
16,00h. FALADOIRO E CAFÉ na Santa Sede. 
Con Juan Torreiro (xornalista e blogueiro especializado en jazz), Pilocha (cantante e condutora do programa de jazz da Radio Galega "Estrano Froito") e Luis Vila Pillado (melómano empedernido). Recuperamos o formato tertulia para situar a escena jazz en Galicia e falar de música entre todos e todas .

18,00h. STRAIGHT, NO CHASER (Clint Eastwood, 1988). 
Auditorio da Ramallosa. Entrada de balde.

Proxección da película documental sobre o pianista e compositor de jazz Thelonious Monk (1917-1982), fundador do bebop, influenciado polo hard bop e o jazz modal e coñecido en todo o mundo polo seu estilo de improvisación e por ter composto algúns clásicos do repertorio jazzístico: "Round About Midnight", "Straight No Chaser", "52nd Street Theme" e "Blue Monk".

20,00h. CONCERTOS EXPRÉS
Auditorio da Ramallosa. Prezo en taquilla: 10€

Tres concertos de media hora encadeados, que rematarán nunha jam session na que se mesturarán todas as-e-os músicos asistentes.

Xacobe Martínez Antelo Quinteto 
Marcelino Galán, guitarra. Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo. Max Gómez, batería. Pablo Castaño, saxo alto. Toño Otero, saxo tenor.

Xacobe Martínez Antelo contou para formar o seu quinteto con catro músicos de referencia no jazz galego actual, e imprescindibles para entender o propio desenvolvemento deste contrabaixista como músico. No seu repertorio, integrado por composicións orixinais de Xacobe, abórdase a visión máis persoal e íntima dun músico autodidacta, curtido en mil batallas musicais, e que é neste proxecto onde declara a súa paixón polo jazz, o jazz dos anos 50 e 60, o jazz de Coltrane, de Mingus, de Monk… A acollida da crítica e público foi sorprendente, e consituiu o punto de partida dunha carreira en solitario centrada no jazz.


Ton Risco Quinteto 
Marcos Pin, guitarra. Juan Cañada, contrabaixo. Max Gómez, batería. Javier Pereiro GDJazz, trompeta. Ton Risco, vibráfono.

Esta formación nace no 2010 como idea deste vibrafonista ourensán, actualmente profesor no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Formado case integramente por músicos da escena do jazz de Galicia que xa se coñecían doutros proxectos anteriores, a intención é crear un son propio e apostar por unha proposta fresca, cunha instrumentación inusual e un repertorio conformado na súa maior parte por temas orixinais, que aposta pola música de improvisación e actual e por un innegable gusto pola tradición jazzística.

Sumrrá 
Manuel Gutiérrez, piano. Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo. LAR Legido, batería.

Recoñecido pola prensa especializada como o trío máis innovador da escena jazzística do estado, Sumrrá une ideas e virtuosismo nunha celebración da música verdadeira, orixinal e libre. Unha proposta sinxela e honesta, chea de talento, de entusiasmo, de sinceridade e de grandes complicidades. Jazz de vangarda ao que non lle faltan nin a dose xusta de técnica, nin o lirismo, nin o swing. O seu impresionante directo é o resultado dun traballo esixente e comprometido dun trío de fondas convicións artísticas. Unha proposta que parte do jazz europeo e vangardista e que toma elementos doutros xéneros como o pop, o rock ou o folque, para poñelos ao servizo da improvisación e do xogo

Jam Session aberta a calquera músico asistente.
Durante todo o día haberá unha mostra de discos e libros de jazz á venda no auditorio.

AVISO IMPORTANTE: 
Venda de entradas adiantadas en A Senra (Pontevea), A Santa Sede (Ramallosa), A Capilla (Calo), IES Cacheiras, Bar Raña (Osebe) e por internet en http://redenasa.tv O prezo da entradas adiantada é de 10€

A entrada adiantada dá dereito a acceder a todas as actividades do día e ter un 20% de desconto en todos os libros e discos que se poñan á venda.

Se mercas a entrada adiantada tamén podes reservar a túa praza para o xantar na Santa Sede (ao lado do auditorio da Ramallosa) a un prezo de 10€. O aforo para o xantar é reducido, e só se poderán atender as primeiras 25 reservas. Se queres reservar, envíanos un correo electrónico a: info@grupochevere.eu, indicando no asunto "xantar jazz" e recibirás a confirmación de volta.
Organiza: Chévere, co apoio do Concello de Teo. Colaboran: A Senra Café, A Santa Sede, Sociedade Recreativa de Calo, IES Cahcheiras, Agadic.

Ningún comentario: