CENTOS DE PERSOAS PARTICIPARON NA XXX FESTA DO CABALO DE BRIÓN
O equipo de Macedos (Rois) gañou a embretada de xovencas ao meter no curral aos tres animais en tan só 1 minuto e 31 segundos
Centos de persoas se achegaron esta tarde ata o Monte de Rañalonga (Brión) para disfrutaren da edición número trinta da Festa do Cabalo de Brión. Unha festa que comezou coa tradicional embretada de xovencas, na que unha decena de equipos da comarca de Santiago, formados por tres xinetes, tiñan que conseguir meter no curral ás tres vacas que levaban o lazo da mesma cor.
A pesar de que os equipos tiñan 3 minutos para conseguilo (xa que se no curral entraba outra vaca dunha cor distinta tiñan que baleirar o curral), a gran maioría completou a proba en menos de 2 minutos. Así, os gañadores foron o equipo de Macedos (Urdilde-Rois), que completaron a proba en 1 minuto e 31 segundos. A tan só 5 segundos quedaron os locais do Curro da Graña (Brión) e a 10 segundos os Cabaleiros do Sar (Santiago).
Primeira corrida na Festa do Cabalo
Nestes momentos estase a celebrar a tradicional carreira de burros, con media ducia de participantes. E a iso das 20:30 horas terá lugar a tradicional solta de vaquiñas, na que os mozos e mozas que o desexen poderán esquivar tres vaquiñas da ganadería Raso de Portillo. A falta dunha hora para o inicio da solta, xa había anotados unha ducia de persoas.
O peche da xornada do sábado correrá a cargo do diestro Jesús González Matos, máis coñecido como “Suso de Valladolid”, quen protagonizará unha corrida sen morte, a primeira corrida que ten lugar no marco da Festa do Cabalo de Brión.
O domingo, mirando ao ceo
Para mañá domingo 23 queda o groso das actividades, aínda que dende a organización terán esta noite un ollo no tempo, pois a ameaza de choiva pode marcar o devenir da festa e restar non só público, senón tamén xinetes. O programa iniciarase ás 10:00 horas cunha ruta cabalar de tres horas polo monte Rañalonga, seguindo o leito do río Tambre. Ás 12:00 horas, os asistentes poderán asistir a unha proba de arrastre con tractores.
Ás 14:00 horas, as actividades interromperanse temporalmente para xantar. Para todos os afeccionados que desexen comer en Rañalonga, haberá unha polbeira privada no recinto. Pola tarde, dende as 17:00 horas, terán lugar a “xincana”, o “reprise” de doma e unha nova ceiba de vaquiñas.
A XXX Festa do Cabalo de Brión está organizada pola Asociación Festa do Cabalo de Brión, en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.




Ningún comentario:
Publicar un comentario