BNG Ordes - o BNG levará a pleno unha proposta para compensar os funcionarios pola supresión da extra

O PLENO DEBATIRÁ A PROPOSTA DO BNG PARA COMPENSAR AOS TRABALLADORES MUNICIPAIS POLA ELIMINACIÓN DA PAGA EXTRA
Gonzalo Castro afirmou que “a redución salarial agravará aínda máis a crise ao reducir o poder de compra dos empregados públicos afectando moi negativamente ao comercio, e, en xeral, ao tecido económico deste concello”.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que o Pleno municipal do mes de setembro debatirá unha proposta dos nacionalistas para compensar aos traballadores municipais pola perda de poder adquisitivo.

A moción do BNG propón que o Pleno acorde manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, así como rexeitar a decisión de impor aos empregados públicos novas perdas de poder adquisitivo, instando ao alcalde a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.

Castro manifestou que a medida dos recortes salariais aos empregados públicos supón “unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo ataque que supoñen a dereitos consolidados das persoas traballadoras, ademais da súa demostrada inutilidade, como xa se ten demostrado”.

O portavoz do BNG de Ordes salientou que “no caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada, porque agravará aínda máis a crise ao reducir o poder de compra dos empregados públicos o que afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico do concello de Ordes”.Gonzalo Castro fixo fincapé en que “o conxunto da Corporación Municipal de Ordes debe rexeitar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais, adoptando un posicionamento unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo dos empregados públicos”.

Ningún comentario: