O alcalde contesta con evasivas á proposta do BNG sobre o IBI dos veciños de Lagartóns
Os informes dos técnicos municipais avalan a iniciativa do BNG sobre os recibos do IBI dos veciños de Lagartóns. O PP vai apostar por esta solución ou non?
A Estrada, 10 de setembro de 2012: O alcalde da Estrada non contestou á proposta do BNG de instar á Deputación de Pontevedra a revogar os recibos do IBI. No canto de contestar o alcalde falou de solidariedade, evitando pronunciarse sobre a iniciativa do BNG.
Neste sentido o portavoz municipal do BNG afirmou que “no pleno do mes de agosto, o alcalde afirmou que estaba pola labor de buscar unha solución aos recibos do IBI dos propietarios con terreos dentro do proxecto da cidade móbel; hai solución, á que propón o BNG, que está avalada por informes municipais, de instar á Deputación de Pontevedra a revogar eses recibos”, explicou o concelleiro do BNG. “Vai apostar por esa solución ou non? Iso é o que queremos saber no BNG e iso é o que queren saber os veciños de Lagartóns”, preguntou o concelleiro nacionalista.
“A pelota está no tellado do alcalde e no tellado do PP", indicou Xosé Magariños, e pediulle ao rexedor municipal "que non maree máis aos veciños de Lagartóns, como fixo cando se reuniron co Sr. López para dar conta do problema que tiñan cos recibos da contribución deses terreos, e que diga claramente se apostará ou non pola solución que lle propón o BNG”, afirmou Xosé Magariños.
“Por outra parte”, engadiu Xosé Magariños, concelleiro do BNG, “o alcalde fala de solidariedade e eu fálolle de xustiza, a mesma xustiza que reclaman centos de veciños, non só de Lagartóns, senón da vila que teñen os seus terreos e as súas propiedades sobrevaloradas, e vostedes, os do PP, eliminaron a bonificación que aprobara o BNG en 2004, que paliaba en parte este problema até que houbera un novo plan xeral, cousa que polo que se ven non vamos a ter, como tampouco vamos a ter Cidade do Móbel”,
“Hai un problema con eses terreos, así o recoñeceu o alcalde no pleno do mes de agosto, que están catalogados como urbanizables ao estar dentro do que será o proxecto da Cidade do Móbel, pero a día de hoxe son rústicos, son toxeiras, é non é xusto que paguen como se foran terreos onde se pode construír" explicou o concelleiro do BNG, insistiu en que "non nos fale de solidariedade, fálenos de como vai resolver este problema de Lagartóns”, explicou o concelleiro do BNG.
“E non se trata de facer unha amnistía fiscal para os veciños de Lagartóns como a que aprobou o PP hai unhas semanas para todos os defraudadores á facenda pública, trátase de pagar o que en xustiza lle correspondente, cousa que non se negan os veciños de Lagaróns”, afirmou o concelleiro do BNG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario