O CONCELLO DE BRIÓN ORGANIZA UN CLUBE DE ANIMACIÓN Á LECTURA PARA NENOS DE 3 A 6 ANOS ACOMPAÑADOS DOS SEUS FAMILIARES
Comezará a funcionar en outubro, reunirase os últimos venres de cada mes e a participación é totalmente gratuita
O Concello de Brión ofrece ás familias do municipio, con nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, a posibilidade de formaren parte do “Clube Camaleón”, un clube de animación á lectura que comezará as súas actividades o vindeiro mes de outubro. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura (981 50 99 08) ou na biblioteca municipal (981 50 99 69).
A concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, explica que o Clube Camaleón nace “para que as familias de Brión poidan facer actividades de forma conxunta. En Brión temos moitas actividades para nenos, actividades para adultos... pero poucas para que participaran as familias de xeito conxunto. E creo que non hai mellor iniciativa que pais, nais, avós e avoas poidan iniciar aos seus pequenos no mundo da lectura, coñecendo os libros, participando en xogos...”.
Últimos venres de mes
O “Clube Camaleón” reunirase na biblioteca municipal de Brión todos os últimos venres de cada mes, a partir do mes de outubro. O encontro terá lugar entre as 17:00 e as 18:00 horas, para adaptarse así ás idades dos pequenos. Se ben ésta é a proposta inicial, o Concello de Brión está disposto a ampliar o número de grupos e de días de encontro se o número de participantes así o requerira.
O “Clube Camaleón” é unha actividade que nace tras os éxitos das xornadas “Decora a biblioteca”, celebradas durante o segundo trimestre de 2012 e nas que nenos e nenas de 3 a 6 anos, acompañados tamén polos seus familiares, coñeceron a biblioteca brionesa ao tempo que participaban nuns obradoiros para decorar a sala infantil da propia biblioteca municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario