Brión - o concello destinará máis de douscentos mil euros as parroquias

BRIÓN DESTINARÁ OS 205.000 EUROS DO PLAN DTC 94 
A MANTEMENTO DE ACCESOS ÁS ALDEAS, REBACHEO DE PISTAS E GASTOS DE ALUMEADO PÚBLICO
Unanimidade en todos os puntos da sesión, que estableceu como festivos locais para 2013 a Ascensión (9 de marzo) e Santa Minia (27 de setembro) 
A unanimidade caracterizou a sesión ordinaria do pleno municipal de Brión, que aprobou todos os seus puntos co apoio dos tres grupos municipais. Así, o Concello de Brión acordou destinar os 205.896 euros correspondentes ao Plan DTC 94 ao mantemento dos accesos ás aldeas de Brión, rebacheo de pistas municipais e sufragar os gastos de mantemento do alumeado público. Trátase dun plan financiado pola Deputación da Coruña e dotado cun total de 24 millóns de euros.
Así mesmo, o pleno municipal aprobou a resolución da Alcaldía sobre a participación do Concello de Brión no Plan Provincial de Emprego 2012. O Concello de Brión solicitaralle á Deputación que contrate a tres peóns e un albanel para que se encarguen de traballos de mantemento de infraestruturas viarias e espazos verdes no municipio.

Modificación de crédito
A unanimidade tamén se mantivo na parte máis vencellada á economía. Así, o pleno deu o seu visto bo a un expediente de modificación de crédito por un importe de 38.551 euros que se destinará a financiar varios traballos con cargo a baixas noutras partidas orzamentarias. A obra máis importante, serán os 8.000 euros dedicados a conectar a fosa séptica de Romarís coa rede municipal de saneamento, á que hai que engadir tamén os gastos da adecuación dun espazo para acoller o servizo de recollida de alimentos, así como o pago das liquidacións de obra dos elementos municipais afectados polas obras da variante da AC-300, entre outras.

Ademais, o pleno tamén aprobou a Conta Xeral de 2011, despois de que esta fose aprobada o pasado 7 de agosto pola comisión informativa especial de Contas e fose exposta ao público sen recibir ningunha alegación. A conta, que arroxa un resultado orzamentario axustado de 144.307,01 euros, mentres que o remanente de Tesourería para gastos xerais ascende a 21.198 euros, será remitida en tempo ao Tribunal de Contas.

Finalmente, o pleno acordou fixar como festivos locais para 2013 as festas da Ascensión (9 de maio) e de Santa Minia (27 de setembro). 

Ningún comentario: