Kalandraka - roteiro guiado por David Pintor sobre a exposición "Compostela"

A EXPOSICIÓN DAS ILUSTRACIÓNS DE ‘COMPOSTELA’ EN SARGADELOS 
REMATA O SÁBADO 15 CUN ROTEIRO GUIADO POR DAVID PINTOR 
O público poderá comparar as representacións gráficas cos espazos reais da cidade monumental 
O vindeiro sábado 15 de setembro é o último día para visitar, na Galería Sargadelos de Santiago, a exposición de ilustracións de David Pintor para o caderno de viaxe “Compostela”, editado por KALANDRAKA. Con motivo da clausura da mostra, David Pintor será o guía dun roteiro a pé por algúns dos espazos emblemáticos representados nesta obra, na zona monumental da cidade. “Un paseo ilustrado por Compostela con David Pintor” comezará ás 12:00 na Galería Sargadelos, onde o ilustrador comentará os aspectos máis salientables das 15 imaxes que compoñen a exposición para, posteriormente, iniciar un percorrido no que o público poderá comparar os referentes urbanos reais coas representacións gráficas. 

David Pintor comparte neste libro a súa visión máis persoal dunha das cidades históricas máis fermosas, acolledoras e entrañables, xa non só de Galicia ou de España, senón acaso do mundo enteiro; coas súas peculiaridades, contrastes e sorpresas. A exposición aínda se pode visitar de luns a sábado en horario comercial, no número 16 da Rúa Nova de Santiago. 

As imaxes de “Compostela” expóñense nun contexto artístico que recrea, especialmente para esta ocasión, a atmosfera interior do libro, protagonizado por un personaxe -alter ego do ilustrador- que percorre Compostela portando un bolso no que garda a libreta e os rotuladores cos que plasma diversas estampas da cidade, deténdose nos cafés con máis encanto para incentivar un paseo vagaroso que tamén invita a realizar aos lectores desta obra visual. 

Dende os edificios máis antigos aos máis modernos, prazas, rúas, xardíns e recunchos singulares de visita obrigada son retratados dun xeito especial, combinando a propia realidade con elementos imaxinarios e chamativos que David 

Pintor introduce, ofrecendo unha imaxe diferente de Compostela e convidando a coñecela ou a revisitala con outros ollos máis abertos e curiosos. Unha exposición que está dirixida non só aos turistas que acoden a Santiago, senón tamén aos propios habitantes. 

A mostra compleméntase cunha sección na que se expoñen outros libros de KALANDRAKA ilustrados por David Pintor, tanto en solitario como formando tándem artístico-literario co seu compañeiro de Pinto&Chinto, Carlos López: “Contos para nenos que dormen deseguida” (Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil, Asociación Galega de Editores, 2010; The White Ravens, da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, 2011), “Minimalario”, “Tito 
Longueirón”, “Hércules e Crunia” e “Almanaque musical” (2º Premio de Ilustración do Festival Internacional de Literatura Infantil-Xuvenil de Sharjah, Emiratos Árabes, 2012). 
David Pintor (A Coruña, 1975) é humorista gráfico, ilustrador e pintor, e integrante dende 1993 do dúo Pinto&Chinto. 
En 2011 foi finalista dos CJ Picture Book Awards e incluido na lista The White Ravens; seleccionado para expoñer en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Recibiu, entre outros, o premio da Society of News Design, o Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe, e o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol.

Ningún comentario: