Matías R. Da Torre advirte ao PP que está “a continuar co seu clientelismo político” ao posicionarse nos procesos de adxudicación
O concelleiro de Educación sinala que “o PP non ten ningún tipo de rigor ante o que significa un concurso público”, e pide ao seu voceiro, José Luis Espiño, “que non semente confusión, e que fale dos temas con sentido e cando teña algo de idea”
Hoxe martes, ás 20.30 horas, haberá unha reunión cos pais e nais dos cativ@s, a que acudirán o concelleiro e persoal da empresa adxudicataria do servizo de atención fóra do horario lectivo, para explicar o programa e a modificación da ordenanza reguladora
O concelleiro de Educación de Silleda, Matías Rodríguez da Torre, sae ao paso das críticas do PP sobre o proceso de adxudicación do servizo de apertura dos centros escolares fóra do horario lectivo“que veñen a demostrar que os populares silledenses non teñen ningún tipo de rigor ante o que significa un concurso público”.
Sinala que o BNG ten “demostrado que os concursos onde ten responsabilidade son trasparentes e obxectivos” e que o que pide “o señor Espiño é reeditar a historia do PP neste Concello, é dicir: dar a dedo todos os concursos, algo que non vai facer nunca o BNG nin o seu concelleiro”, engade. Así advirte que “primarán sempre os pregos polos que se regula o concurso.
Sobre o servizo, que se adxudicou á empresa Vida Láctea, lembra que houbo unha valoración dun membro do Consello Municipal de Educación “que encontrou que o programa lúdico educativo da empresa adxudicataria é moito máis axeitado para os nenos e nenas, que son os auténticos protagonistas do servizo, que lembremos, é un servizo lúdico e educativo”, sinala.
Para Datorre, “cando o PP se posiciona a favor dunha empresa deste xeito, o único que fai é facer clientelismo e política de favores”, sinala “e ido é ilegal e inconstitucional”.
Tamén lle recomenda ao PP de Silleda “analizar onte ten o enderezo fiscal a outra empresa que se presentou ao proceso” e que levou o servizo en anos anteriores “de forma satisfactoria”, engade.
O concelleiro adianta que a adxudicataria “seguramente vai ter en conta a posibilidade de contar con monitores/as que xa traballaron no servizo”.
Tamén lle pide ao portavoz dos populares “que non sememente confusión que se informe, unha vez máis, e que fale dos temas con sentido e cando teña algo de idea”.Por outra banda, mañá ás 20.30 horas haberá unha reunión cos pais/nais dos escolares, a que asistirá ademais do concelleiro de Educación personal da empresa Vida Láctea. Tamén se falará da modificación da ordenanza que regula o servizo, no tocante ás taxas, e se resolverán todas as dúbidas e cuestións que poidan xurdir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario