Ordes - máis de 1000 nenos comezan o curso no concello

Máis de 1.000 alumnos e alumnas inaugurarán mañá o curso académico 2012-13 no Concello de Ordes
Este ano rexístrase un incremento de máis de 45 alumnos con respecto ó ano pasado. Novamente o Concello asume tarefas de mantemento e consevación co fin de poder iniciar o curso sen problemas
Un total de 1.020 alumnos de educación infantil e primaria iniciarán hoxe un novo curso académico no Concello de Ordes, incrementándose nun total de 46 con respecto o ano pasado. O centro que acollerá un maior número de alumnos neste curso 2012-13 será o CEIP Castelao con 506, seguido do CEIP Campomaior con 362 e do CEIP Mesón do Vento con 104. Pola súa banda as escolas unitarias ubicadas nas parroquias de Santa Cruz de Montaos, Buscás, Beán, Parada e Merelle acollerán un total de 47 nenos e nenas, 9 máis co ano pasado. Por incremento de matriculacións o primeiro lugar ocúpao o colexio Campomaior, con 19 alumnos máis, mentres que os centros Castelao e Mesón do Vento rexistran 16 e 2 respectivamente. 

Obras sufragadas polo Goberno local
“Para nós a formación e educación é unha cuestión prioritaria dentro da nosa labor” afirma a tenente alcalde e concelleira de Educación Silvia Marín, “polo que dentro das nosas posibilidades sempre atendemos ás demandas que nos chegan dende os centros escolares do municipio”. Seguindo esta premisa dende o consistorio acometéronse obras e arranxos durante estas últimas semanas para ter todo listo na inauguración deste novo curso académico. 

Así, no colexio Castelao construiuse unha pérgola para comunicar o inmoble que alberga as aulas co comedor e a biblioteca. A isto hai que sumar tarefas de mantemento e a construcción dun almacén no pabillón para gardar o material empregado nas clases de educación física. No colexio Campomaior realizáronse tarefas de mantemento e conservación de portas e da rede eléctrica, mentres que no Mesón do Vento colaborouse coa ANPA no pintado do inmoble e na automatización do portal, ademais de acometerse a construcción dun patio cuberto. No caso das escolas unitarias tamén se levaron a cabo tarefas de antemento en cada unha delas.

Uns traballos que supoñen un investimento importante para as arcas municipais “e que nós non estamos obrigados a realizar xa que son responsabilidade e competencia da consellería de Educación”, lembra Silvia Marín. Por isto mesmo a edil insta unha vez máis “ó desenvolvemento do pacto local do que tanto fala a FEGAMP, xa que si non están dispostos a axudarnos os concellos non poderemos asumir traballos de conservación, limpeza e conserxería”.
Tal e como ven de publicar o BOP de onte luns, este ano o Concello de Ordes investirá 20.000 euros de cara á axuda na adquisición de material escolar e transporte. No caso dos materiais o importe será de 80 euros mentres que para o transporte as cuantías oscilan entre os 75 e 150 euros. O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 11 de outubro.

Ningún comentario: